We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Trata
A xuíza dálle un repaso á Fiscalía por exculpar a tres policías na investigación por trata nos clubs Queens e La Colina
Conclúe a instrución relativa ós clubs Queens e La Colina. A maxistrada atribúe a infracción dunha ducia de tipos penais ós encargados dos prostíbulos e procesa en contra do criterio da Fiscalía a tres axentes por asociación ilícita, tráfico de munición e colaboración. Ademais, ofrece á Xunta a posibilidade de formular unha acusación popular que supliría a desprotección ás vítimas por parte do Ministerio Fiscal
O 10 de maio de 2001 Javier Reguera e Manuel Santiso, investigados no caso Pokémon, adquiren a propiedade en Lugo sobre uns terreos e edificacións que anteriormente pertenceran a un empresario queixeiro moi por debaixo do seu prezo real, segundo declararía, debido ás presións recibidas, entre elas un aluvión de multas impostas pola Policía Local. Javier Reguera era funcionario municipal do Concello de Lugo, prestando servizo nas dependencias da Policía Local, e encargado da empresa xestora da grúa e a ORA (sistema de aparcamento regulado). Manuel Santiso administraba a empresa Construcciones SANLE. Os dous compartirían a titularidade sobre esta propiedade con Sagrario Vázquez, parella de Javier Reguera e auxiliar administrativa no departamento de sancións da Policía Local.
O 30 de xullo constitúese a sociedade Inmobiliaria Rivamar Lugo SL compartida por Juan Carlos Pumares, o construtor Javier Río Vidal e o inspector da Policía Local José Ramón Vázquez Río. O seu obxecto social era o servizo e intermediación nas actividades inmobiliarias, a pesar de que a única actividade que realiza no ámbito inmobiliario é o arrendamento desta propiedade a Javier Reguera, Sagrario Vázquez e Manuel Santiso. En outubro Vázquez Río comunica a Javier Río Vidal a intención de abrir un club. Javier Río Vidal encargaríase entre xaneiro e setembro de 2002 das obras de acondicionamento do local, que comezaría a súa actividade aquel mesmo mes de setembro, malia non contar con licencia para facelo.
Trátase do club Queens, epicentro do caso Carioca, alugado a Rivamar Lugo por José Manuel García Adán, proxeneta que tamén explotaría o club La Colina, situado en Outeiro de Rei. Así consta no auto asinado por Pilar de Lara que conclúe a instrución da peza relativa a estes dous prostíbulos incluída no caso Carioca.
Trata
A xuíza do Carioca deixa a pelota no tellado da Xunta
PROSTITUCIÓN COACTIVA
Nos locais explotados por García Adán, “as mulleres traballaban nun clima absoluto de presión, sometemento, medo, intimidación e terror” 12 horas diarias por semana e ata 14 nas fins de semana, cun único día de descanso (luns, martes ou mércores). Moitas delas foran insultadas, humilladas e mesmo agredidas con brutalidade por García Adán, outras ameazadas, e tíñanlle “auténtico pavor”, xa que exhibía unha pistola (sen licencia para tenencia de armas) que chegou a poñerlles na cabeza a varias delas advertíndoas do que lles podía pasar, por exemplo, se pretendían abandonar o club. Arrastrándoas dos pelos, a patadas, a puñazos... Así describen o trato recibido polo proxeneta varias das mulleres explotadas sexualmente por el. Algunhas delas tamén declararon ser agredidas pola súa man dereita José Manuel Pulleiro Núñez e por José Unay Gómez Vila, recepcionista de La Colina encargado do cobro ás prostitutas. Algunha foi forzada a abortar sen anestesia, algo que se xulga noutra peza separada. Para soportar estas condicións extremas de vida algunhas accedían a consumir a cocaína que o propio García Adán lles subministraba, algo que a el lle permitía enganchalas e garantir a súa permanencia.
Arrastrándoas dos pelos, a patadas, a puñazos... Así describen o trato recibido polo proxeneta varias das mulleres explotadas sexualmente por el.
García Adán manifestaba gañar uns 6.000 € semanais. Retíñalle 43 € diarios a cada unha das numerosas prostitutas que traballaban para el, e calquera falta ou retraso era susceptible de comportar multas abusivas, mesmo por enfermidade ou menstruación. Algunhas das mulleres eran captadas para servir tamén como camareiras sen contrato nin alta na Seguridade Social nas “festas brancas” (cocaína e prostitución) organizadas por membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e empresarios de gran poder adquisitivo, moitos dos cales frecuentaban o local. Algúns empresarios chegaron a gastar máis de 4.000 € nunha soa noite.
Sempre segundo o auto, as mulleres “estaban claramente limitadas na súa capacidade para deixar de acudir ós locais”, ademais de polas condicións de traballo impostas, “pola pobreza” e “pola situación de necesidade na que se atopaban” ó teren tamén familiares a cargo, “condicións e circunstancias que eran perfectamente coñecidas” e empregadas polos proxenetas.
Todo isto foi posible tamén coa conivencia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, sendo usuarios habituais do local numerosos membros, ós que as prostitutas vían relacionarse con García Adán, que patrocinaba o club de fútbol da Policía Nacional. Unha delas, de feito, tratou de denunciar a situación en Comisaría e os axentes, segundo declarou, negáronse a recollerlle a denuncia. Nalgunha ocasión os funcionarios policiais presentábanse no club nos vehículos oficiais e uniformados co obxecto de intimidar as prostitutas.
As mulleres eran captadas maioritariamente en Brasil. A organización dirixida por García Adán organizaba a viaxe, facilitaba o billete de voo e unha cantidade de diñeiro en efectivo que debían amosar no control de entrada para pasar como turistas. Deste xeito contraían unha débeda que debían devolver prostituíndose nos clubs Queens (onde foron identificadas 20 mulleres con débeda) e La Colina (22 mulleres identificadas). Nalgúns casos estas mulleres podían reducir esta débeda se facían elas de captadoras. Identificáronse 8 mulleres prostituídas para pagar a débeda contraída por familiares (maioritariamente irmás) ou amigas.
PROSTITUCIÓN DE MENORES
Tamén se localizou unha menor de idade exercendo a prostitución no club Liverpool –algo que foi investigado na peza separada correspondente a ese club– que anteriormente fora identificada no club Queens, onde exercía a nai dela. Na peza correspondente ó Liverpool xulgábase por prostitución de menores ó dono do local e a varios axentes da Garda Civil, entre eles Armando Lorenzo Torre, a quen se lle atribúen na peza principal do caso Carioca máis de 70 delitos como presunto cerebro da trama.
Resulta “inexplicable” que os funcionarios policiais dedicados ó control documental de cidadáns estranxeiros non advertisen a idade da prostituta.
O pasaporte da entón menor de idade foi falsificado a bolígrafo azul sobre a tinta negra do documento oficial, cambiando así o ano da súa data de nacemento, 1991, por 1990. Para Pilar de Lara resulta “inexplicable” que os funcionarios policiais dedicados ó control documental de cidadáns estranxeiros non advertisen a idade da prostituta cando precisamente a identificación efectuada tiña o obxectivo de comprobala, e nas súas bases de datos, que foron consultadas por diversos funcionarios policiais en varias ocasións, figuraba a data real. Porén, no atestado fixeron constar a de 1990. Tras mirar o seu pasaporte, en palabras da menor, quedaron “estrañados” e dixéronlle “que non pasaba nada”, deixándoa en liberdade.
Na peza relativa ó Liverpool a Fiscalía concluíu que, se “os propios funcionarios de policía” non se decataron de alteración algunha, “non se pode esixir ó imputado unha dilixencia e celo maior na comprobación dos datos de nacemento”, solicitando así o arquivo tanto para os axentes como para o dono do Liverpool.
Pilar de Lara, manifestamente contraria ó criterio da Fiscalía, tivo que arquivar o caso na peza do Liverpool. Porén, na peza do Queens e La Colina a quen se xulga é a García Adán e o encargado dos clubs José Manuel Pulleiro, sobre quen a maxistrada incide en que das conversas telefónicas intervidas se extrae que ambos teñen coñecemento da minoría de idade, e anticípase ás conclusións da Fiscalía: “que os axentes policiais non realizasen referencia algunha á minoría de idade” non significa que García Adán e José Manuel Pulleiro a descoñecesen, senón que os axentes puideron cometer unha falsidade documental. Abonda, segundo o auto, escoitar as fluídas conversas telefónicas, intervidas na semana da identificación, de García Adán co seu encargado José Manuel Pulleiro, co cabo da Garda Civil Armando Lorenzo e co propio xefe de servizo de estranxeiría da comisaría do Corpo Nacional de Policía de Lugo, Evaristo Rodríguez.
CONCLUSIÓNS DA FISCALÍA INCOMPRENSIBLES E INADMISIBLES
A xuíza dedica unha terceira parte do auto, de máis de 100 páxinas, a contradicir as sorprendentes conclusións da Fiscalía, que en decembro de 2018 solicitou, nun escrito ó que O Salto tamén tivo acceso, que a peza do Queens e La Colina continuase exclusivamente contra 3 persoas das 21 imputadas. Exculpou a todos os axentes policiais implicados e limitou a investigación ó proxeneta García Adán, ó encargado dos locais José Manuel Pulleiro e á súa ex parella, que actuaría como captadora, pero que conta á súa vez coa condición de vítima de trata e a criterio de De Lara “podería ter actuado baixo a presión de José Manuel Pulleiro”, por quen hai indicios de que sería maltratada, e que ademais “aportou datos moi relevantes para a investigación” prestando unha “colaboración esencial coa Administración de Xustiza”.
Francisco Javier Fernández Becerra, xenro dun camareiro do Queens, exercía como axente policial destinado no Aeroporto de Madrid-Barajas. Investígase se colaborou coa organización permitindo o acceso e tránsito das mulleres que serían explotadas sexualmente por García Adán, así como a falsificación de pasaportes para facer constar que as mulleres saíron e volveron a España prolongando así sucesivamente a súa estancia como turistas por períodos de tres meses. Para a Fiscalía, a súa participación non queda acreditada ó non existir rexistro oficial das cabinas nas que desempeñou o seu traballo.
A Fiscalía obviou unha proba “relevantísima”: no armario de Becerra atopouse unha nota cos nomes de tres mulleres que contraeron débeda con García Adán e o voo correspondente.
Segundo o auto, constan 2 envíos a nome de García Adán, con quen tamén se vería frecuentemente en Madrid, en ocasións para entregarlle pasaportes en man, segundo varios testemuños (entre eles o de ex parellas do propio García Adán que identifican fotograficamente o funcionario), ademais de reunirse con José Manuel Pulleiro en Lugo. Mantiñan un contacto fluído, chegando a intervirse máis de 60 conversas telefónicas, nas que se referían ó axente como “Paco”. “Numerosísimas” testemuñas avalan que o seu posto era a cabina 16 do Aeroporto de Barajas, pola que García Adán e José Manuel Pulleiro indicaban ás mulleres que debían pasar, e varias delas descríbeno fisicamente e identifícano fotograficamente. Algunhas vírono en varias ocasións no Queens con José Manuel Pulleiro. Pero “por se fose pouco”, a Fiscalía obviou unha proba “relevantísima”: no armario de Becerra atopouse unha nota cos nomes de tres mulleres que contraeron débeda con García Adán e o voo correspondente. Tendo en conta todos estes datos a instrutora entende que “cando menos, existen indicios serios, racionais e máis que dabondo como para que sexa no acto do xuízo oral onde poida resolverse sobre a súa responsabilidade”.
Ó axente da Policía Local Manuel Álvarez Castro Pilar de Lara atribúelle delitos de tráfico de munición e suborno, tamén en contra do criterio da Fiscalía. A García Adán fóronlle incautadas varias armas, algunhas modificadas, e unha gran cantidade de cartuchos de diferentes marcas e calibres. Varias testemuñas identifican a Manolo, “o coletas”, como o axente que lle proporcionaba a munición e unha das ex parellas de García Adán, que o identifica fotograficamente, declarou que o viu levándolle balas “pequenas e grandes”. Este axente era cliente habitual do Queens e non pagaba nunca as consumicións.
Non só tería coñecemento dos delitos infrinxidos por García Adán, senón que colaboraría na súa comisión.
Especial atención da maxistrada recibe a figura de Vázquez Río, fronte ás conclusións da Fiscalía “que nin se comparten nin se comprenden”, segundo a cal o sarxento da Policía Local descoñecería que se estaba levando a cabo a prostitución coactiva e tráfico clandestino de persoas, en contra das probas practicadas, e que desliga a vida privada da profesional. Vázquez Río era un cliente habitual do Queens, onde non pagaba consumicións (algo que segundo a Fiscalía non se debería á súa condición de policía, senón a un trato de cortesía), e tamén accedeu a servizos sexuais de balde ou máis tempo do estipulado e tería forzado ás prostitutas a actos e prácticas sexuais contra a súa vontade baixo ameazas. Non só tería coñecemento dos delitos infrinxidos por García Adán, senón que colaboraría na súa comisión.
Segundo numerosas testemuñas o grao de implicación do sarxento da Policía Local sería tal que compartía a xestión do local con García Adán. Entraba ó local pola porta de acceso das mulleres (non dos clientes), e accedía a todas as dependencias do club, estivera ou non García Adán, sacaba as mulleres do club e metíaas sen pedir permiso e viuse en bastantes ocasións na oficina con García Adán. De feito, algunha muller declarou que con quen falou para traballar no Queens foi con Vázquez Río, e non con García Adán.
Para a xuíza, “tampouco pode admitirse” que non soubese da actividade de prostitución coactiva e tráfico clandestino porque todo apunta a que participou do negocio, pasaba o día e as horas no interior do club e controlaba a súa actividade e rendemento económico e mesmo acudiu el mesmo ó aeroporto de Santiago a recoller mulleres de Brasil que viñan con débedas.
Vázquez Río encargouse das cuestións relativas ás licencias do local, do subministro da enerxía eléctrica, e de contratar a pintura da fachada do club, da instalación das rexas, persianas e ventás, do revestimento exterior, dos rótulos, etc. Ademais, a sociedade Rivamar Lugo, cuxa única actividade fora interceder entre García Adán e os propietarios da parcela e as edificacións, non obtivo ningún beneficio económico, é dicir, actuou como unha sociedade instrumental. Ademais, segundo os seus socios de Rivamar, as súas sinaturas foron falsificadas e descoñecían a actividade de arrendamento e subarrendamento do club e cando deixou de ser Rivamar a arrendataria da propiedade, seguiu encargándose Vázquez Río persoalmente de interceder entre García Adán e Javier Reguera.
O sarxento da Policía Local fora visto axudando ó proxeneta a ocultar probas tras apuñalar a unha persoa ata deixala co pulmón á vista.
E é que a amizade entre García Adán e Vázquez Río se remonta a anos antes de abrirse o club, cando García Adán se encargaba doutros prostíbulos. O sarxento da Policía Local fora visto axudando ó proxeneta a ocultar probas tras apuñalar a unha persoa ata deixala co pulmón á vista, algo que corroboraron axentes policiais compañeiros de Vázquez Río, que o viron pasándolle a man polo ombreiro a García Adán para tranquilizalo.
Deste xeito, Pilar de Lara atribúe a García Adán e José Manuel Pulleiro delitos de prostitución coactiva (xunto con Unay Gómez), contra os dereitos dos traballadores e cidadáns estranxeiros, tráfico clandestino de persoas con fins de explotación sexual (xunto coa ex parella de Pulleiro), prostitución de menores, ameazas e asociación ilícita. Tamén constituirían asociación ilícita Unay Gómez, a ex parella de Pulleiro e Francisco Fernández Becerra. A García Adán atribúelle ademais os delitos de falsidade documental, tenencia ilícita de armas, depósito de munición, tráfico de drogas e suborno, a Manuel Álvarez Castro o tráfico de munición e o suborno continuado, e a Vázquez Río a omisión do deber de perseguir delitos e os delitos continuados de suborno e de colaboración co delito de prostitución coactiva.
A XUNTA PODE PRESENTARSE COMO ACUSACIÓN
Como xa fixo na peza principal do caso Carioca, a maxistrada ofrécelle á Xunta de Galicia a posibilidade de presentarse como acusación popular. De facelo, podería asegurar a xustiza ás vítimas de trata que ven como a liña seguida pola Fiscalía é a de solicitar o arquivo da meirande parte da macrocausa, tanto nesta coma noutras pezas, arquivo que a xuíza está forzada a conceder de non formularse ningunha outra acusación. Á vista do escrito presentado polo Ministerio Fiscal, parece improbable que, se del depende, o resultado para os axentes policiais non sexa outro que a impunidade.
Trata
Un cabo da Garda Civil de Lugo forzaría varias prostitutas a atender de balde o alcalde de Siguero
Relacionadas
Galicia
Corrupción en Galicia El caso Carioca a través de una migrante explotada sexualmente: indemnización mínima y complot policial
Caso Carioca
Caso Carioca O caso Carioca a través dunha migrante explotada sexualmente: indemnización mínima e complot policial
Caso Carioca
Caso Carioca Una violación y cinco abusos a prostitutas de un guardia civil se rebajan a cuatro años de cárcel
"Detenido el expresidente de la vieja rama agraria del PP gallego en una operación internacional contra la trata de mujeres "
"El sindicato agrario Xóvenes Agricultores, antigua potente rama agraria del PP gallego, quedó definitivamente disuelto por un juzgado de Lugo a mediados de 2016. Lo hacía ahogado entre deudas con el personal, con la banca, con Hacienda y con la Seguridad Social y con su presidente, el empresario Juan Pérez Miramontes"