We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Partido Popular
Dimite o xefe de Cultura do PP de Rueda sinalando a “incompetencia” do seu conselleiro en política lingüística
Daniel Chapela, quen até agora era coordinador da Comisión de Cultura do PPdeG, fixo pública este martes a súa decisión de dimitir e abandonar o partido do presidente galego, Alfonso Rueda. Na súa declaración, cargou contra o equipo liderado polo conselleiro de Cultura, José López Campos, ao que acusou de “claramente incompetente”, especialmente no relacionado coa xestión da política lingüística e as conversacións para lograr un acordo sobre o idioma galego, segundo un comunicado que adiantou Europa Press.
Chapela, ademais, ocupa desde o ano pasado un posto como concelleiro no Concello de Bueu, Pontevedra, polo Partido Popular. Con todo, asegurou que manterá a súa acta e continuará na corporación municipal como edil independente, tras ter atravesado meses de desacordos coa portavoz local do grupo, Elena Estévez. No comunicado referido, Chapela, quen se define como “conservador” e “defensor do galeguismo”, manifestou o seu descontento cos “numerosos cambios” que se produciron na Consellería de Cultura.
Galego
Dereitos lingüísticos Miles de persoas desbordan a praza da Quintana para mudar o rumbo da lingua galega
A orixe da súa crítica remóntase á reestruturación realizada tras a reelección do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pasado abril. Nese momento, a carteira de Cultura, que até entón estaba integrada con Educación baixo a dirección de Román Rodríguez, pasou a ser liderada por José López Campos, quen asumiu ademais as áreas de Lingua e Xuventude. Segundo Chapela, este cambio supuxo a chegada dun equipo con escasas capacidades para dirixir temas clave como a política lingüística, que considera fundamental para Galiza.
Nas súas declaracións, tamén sinalou recentes comentarios de López Campos sobre o pacto polo galego, cualificándoos como unha proba máis da falta de visión necesaria para garantir un futuro sólido para a lingua, nun contexto no que considera esencial proxectar mensaxes de esperanza e evitar escusas.