We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Opinión
Saúde, abrazos e Marvin Gaye
Chegou Biden ao poder o mesmo día en que se cumprían cincuenta anos da publicación do single What's Going On de Marvin Gaye. “Nai, nai. Hai demasiadas coma ti chorando. Irmán, irmán, demasiada xente coma ti morrendo. Sabedes que temos que atopar o camiño para traer aquí o amor”. Que súplica tan luminosa. Pura elevación. Unha escaleira a todas as alturas posibles. Escoitas esa canción, escrita a raíz dun episodio de violencia policial en Berkeley contra a guerra de Vietnam, en 1969, e experimentas de inmediato unha conexión mística coa liberdade que empequenece todo o que non sexa vivir e deixar ser ao outro. A explosión do sentimento serve para axitar a orde nestes tempos tan cínicos. Vin unha doutora por televisión coa voz rota, outra máis, contendo o pranto mentres describía o estrés que padecen nos hospitais. A un enfermeiro falando en primeira persoa do desgaste da nosa saúde mental tras case un ano de pandemia. Hai demasiada xente coma nós morrendo. Medio século más tarde, Marvin Gaye segue tendo razón.
Coronavirus
Casas que non existen
Vin tamén a Díaz Ayuso nun informativo dicindo que quedará garantido o uso vehicular do castelán nos colexios madrileños, quizais temendo a extensión polos barrios da cidade, coma un gas tóxico, desa ameaza contra a convivencia que chaman “linguas periféricas”. É o resultado dun pensamento identitario a monte que non se recoñece a si mesmo como tal, e que lembra de xeito pertinente a investigadora Helena Domínguez nas primeiras páxinas de A construción mediática do conflito. O caso de Resistencia Galega (Axóuxere). O nacionalismo que emana de arriba cara a abaixo preséntase coma un exercicio de tenro patriotismo. O que flúe en dirección contraria, no mellor dos casos, coma contaminación atmosférica. “Non me castiguedes con brutalidade. Faládeme e así poderedes ver que está pasando”, cantaba tamén Marvin Gaye. O ensaio aborda os mecanismos que serven para fabricar imaxinarios violentos á carta. En decembro quedaron absoltos os integrantes de Causa Galiza e Ceivar aos que acusaran de enaltecer o terrorismo. Moito se falou deles sen ver o que en realidade estaba pasando. E hoxe segue escribíndose pouco da brutalidade dalgúns castigos.
Vin unha doutora por televisión coa voz rota, outra máis, contendo o pranto mentres describía o estrés que padecen nos hospitais
O cine mudo esixía unha certa sobreactuación dos actores que vista con ollos contemporáneos resulta un pouco extravagante, con tanto braceo enérxico, pero a ausencia de son demandaba esa expresividade total do corpo para poder actuar sen as posibilidades da voz. Así anda a xente nos últimos meses. Axitada como actores mudos, sen que se lle escoite, coa voz perdida entre o ruído dos que só bracean en beneficio propio. Con ese mesmo desasosego que comparten nos hospitais e coa indignación que provocan os inventores de mundos imaxinarios que lle aplican un verniz interesado a todo o que tocan. Por enriba das nosas cabezas sobrevoa unha nube que está poñendo a proba difíciles equilibrios, pero estes días escoitamos as palabras máis alentadoras de toda a pandemia. “A ver si con esto nos abrazamos ya y nos vamos de copeo”. Que súplica tan luminosa, tamén, a dese señor navarro tras recibir a segunda dose da vacina. Copas e abrazos. Saúde e xustiza. Catro palabras coas que Marvin Gaye faría outra canción para a historia.