We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Laboral
“O primeiro paso é criar os pequenos sen machismo”
Nélida Pisco, condutora de autobús, dá a luz a súa primeira pequena no 2009, e a nena precisa lactación natural. Logo de solicitar as vacacións anuais e a redución de xornada, a empresa négase a cumprir coa legalidade, e dille que marche e volva cando teña a filla criada. Mans á cabeza e seguimos.
Non dan os caracteres para poñernos en antecedentes. Imos tentar a ver: Nélida Pisco, condutora de autobús —ten tamén o carné de camión e de tráiler, xa que se apaixonou coa condución hai anos, cando traballaba como administrativa—, dá a luz a súa primeira pequena no 2009, e a nena precisa lactación natural. Logo de solicitar as vacacións anuais e a redución de xornada, a empresa négase a cumprir coa legalidade, e dille que marche e volva cando teña a filla criada. Mans á cabeza e seguimos.
A xustiza dálle a razón a Pisco, pero a compañía non lle dá traballo. Ten que pasar a súa xornada laboral no coche, nas instalacións da empresa. Aínda non dixemos o nome. Vai: Autobuses de Calo (Hedegasa S.L.), compañía que, por outro lado, dá servizo a varias administracións.
A primeira sentenza das que virán, obriga a empresa a concretar a xornada e funcións de Nélida Pisco, pero no 2010 despídena. A xustiza declara nulo o despedimento e condena a empresa a pagarlle unha indemnización. Admítena de volta, pero as condicións laborais son penosas, como sinalan as sucesivas sentenzas que acumula neste tempo.
O seguinte que pasa é que a Inspección de Traballo denuncia unha situación de “mobbing, psicoterrorismo ou acoso laboral” en 2012, e sanciona a compañía por infracción moi grave. Teñen que indemnizar a Nélida de novo pero, durante o proceso, tentan falar con ela para que abandone, e ofrecen cartos. Así o sinala a Confederación Intersindical Galega (CIG).
E a finais de 2016, este caso de acoso laboral dá un novo xiro: a Dirección Xeral de Tráfico comunícalle a Nélida Pisco a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir en resposta a unha solicitude de Autobuses de Calo, que advertía que a traballadora supuña “un risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”. Apenas unha semana despois, a empresa suspéndelle o contrato.
E agora, con toda esta bagaxe e estes anos de pelexa, temos a Nélida Pisco, condutora profesional —que acaba mesmo de obter a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas—, sen emprego, sen soldo e sen prestacións, e do outro lado do teléfono. Queremos preguntarlle polo aguante, polos apoios, por como se sinte… Pero sen pinga de obxectividade, ímonos poñer do seu lado. Isto vai de nós mesmas, de como vivimos e do que nos pasa. Dos xefes cabróns, das xefas cabronas, da miseria da vida, do machismo, pero tamén dos afectos, da nosa xente, dos nenos e das nenas, das ganas, de conducir, dos abrazos…
O primeiro é saber como te sentes.
Pois a estas alturas estou enfadada. Moi enfadada. Porque son apta para conducir e para defender o meu traballo como sempre o defendín, de maneira profesional.
Levas oito anos nesta historia. Como se constrúen os espazos de protección que son necesarios para seguir, alén dos apoios sindicais?
Non tiven momentos de descanso, pero teño unha familia —un pai, unha nai e un home—, moi fortes, que foron e son o meu apoio. E logo están as miñas fillas. Por elas é todo isto. Elas son mulleres, e quero que vivan nun mundo mellor e que non teñan que pasar por cousas coma esta. E polo meu lado fago traballo propio, interno. Cando saio traballar, deixo a casa detrás, e poño todos os sentidos no que estou facendo. E, no momento de saír do traballo, pecho a porta do bus e alí queda todo. Fóra do autobús o tempo é para min, as miñas fillas...
Dis que non gustas moito das entrevistas, pero colles forza tamén para atender os medios. Estanche axudando a visibilizar a situación? Son honestos ou ves que procuran máis dar esa imaxe dramática de “nai coraxe”?
En xeral non teño queixa dos medios, porque foron respectuosos en todo o momento, sacando algún termo mal exposto. Pero é certo que non me sinto cómoda de todo contestando ás entrevistas: non é un tema agradable de contar, aínda que por desgraza sexa unha situación real, mais son consciente de que o feito de que saia á luz axuda a visibilizala. En canto á expresión de “nai coraxe”, non me sinto identificada. Só son unha traballadora que reclama os seus dereitos, unha persoa que quere compatibilizar o traballo coa familia.
Alén do plano legal e sindical, que outras cousas podemos facer para que estes casos de acoso laboral por ser muller terminen?
A educación paréceme fundamental, non tanto das fillas, que tamén, senón dos fillos. É un camiño longo, pero o primeiro paso é criar os pequenos en contornas de igualdade, sen xerarquías, sen machismo.
Dis que es forte polas túas fillas, e que lles vas contar todo cando medren. Como vas facer?
Non sei como llelo vou dicir… Non sei como han preguntar, nin cando ha saír o tema, pero o que é seguro é que llelo vou contar todo. Teño toda a documentación gardada e cando medren, tentarei transmitirlles esta loita, dicirlles que foi por elas, por moitas coma elas, para que non vaiamos cara atrás, para que sigamos pelexando polo gañado.