We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Violencia machista
Feminismos contra a ciberviolencia de xénero
“É unha extensión do que pasa na vida real, pero pode ser máis agobiante. Hai moitas cousas que neste momento teño practicamente normalizadas e non son normais en absoluto”. Quen fala é Sara Riveiro, unha creadora de contidos na rede e a voz detrás do podcast Personal y político. Esta graduada en xornalismo e comunicación audiovisual leva sendo unha figura pública nas redes sociais máis dunha década. “Calculei o outro día que levo máis de media vida en Twitter, para ben e para mal”, di entre risas. Pero o tema do que fala non a divirte.
Ela, como tantas outras mulleres que son figuras públicas en Internet, sufriu nas súas carnes a violencia que subxace no ciberespazo. “Internet é o sitio perfecto para atopar outra xente, validar vivencias e xerar rede. Pero, tamén é un lugar súper violento, tanto como o mundo real ou incluso un pouco máis, porque parece que non hai consecuencias desta violencia. En concreto as mulleres sufrimos moito acoso. Na miña experiencia, canto máis nova es, peor é a violencia".
Sara Riveiro é unha das miles de mulleres e nenas que cada ano son vítimas do que se coñece como violencia de xénero dixital ou ciberviolencia de xénero, un concepto que leva moi pouco tempo definido como tal aínda que a súa incidencia, segundo as expertas, é cada vez máis visible. Nos últimos anos, mesmo apareceron ataques coordinados para “impedir que as mulleres falen e se expresen”, como aconteceu coa activista Pamela Palenciano ou coa propia Riveiro. “Estase a dar como unha especie de reacción misóxina en rede para intentar que teñamos medo e non falemos porque Internet fixo que historicamente o feminismo avanzara. Saben que é unha ferramenta poderosa”, asegura Riveiro.
A violencia dixital de xénero: a importancia dunha definición
Internet leva sendo parte das nosas vidas desde hai anos, “pero non foi ata o 2018 que o concepto ciberviolencia de xénero entrou a formar parte do ámbito institucional”. Eva Cruells é membro da asociación catalana Alia e leva anos colaborando con FemBloc, “unha iniciativa feminista para a prevención, detección, atención e reparación das violencias machistas dixitais”. “A nivel internacional é a relatora das Nacións Unidas quen fixo un informe sobre as violencias machistas dixitais de xénero e é aí onde hai unha primeira definición. Nela dise que son esas violencias estruturais de xénero que están facilitadas ou amplificadas polas tecnoloxías da relación, información e comunicación. Nós, a maiores, incorporamos os impactos que ten: físicos, psicolóxicos, de oportunidades laborais, económicas, de dano á reputación e da capacidade de mermar a liberdade de expresión das mulleres”, explica Cruells. “Isto marca un pouco un antes e un despois porque empeza a entrar tamén na axenda política e pública dalgunhas institucións como a Comisión Europea ou o Consello de Europa”.
As ciberviolencias de xénero son esas violencias estruturais de xénero que están facilitadas ou amplificadas polas tecnoloxías da relación, información e comunicación
Cruells explica que foi a raíz desta definición “que se trasladou despois á reforma da lei catalana 5/2008, onde por primeira vez entra a conceptualización das violencias machistas dixitais como forma e ámbito de violencia machista”. “No Estado español existe a lei orgánica de 2004, pero está moi centrada nas violencias de xénero no ámbito da parella e ex-parella, porque todo o que se aplica ao dixital enténdese como unha extensión do analóxico”, continúa Cruells. En 2022, aprobouse a lei de liberdade sexual que si propón no seu preámbulo “dar resposta especialmente ás violencias sexuais cometidas no ámbito dixital”, con tres tipos de violencia neste sentido: a difusión de actos de violencia sexual a través de medios tecnolóxicos, a pornografía non consentida e a extorsión sexual. Pero Cruells engade que “hai outras formas de violencia dixital que agora mesmo non están tipificadas dentro do marco legal amplo. Se alguén te ameaza por un DM de Twitter ou Instagram, isto está tipificado como ameaza, non como violencia de xénero”.
Para esta colaboradora de FemBloc, “estamos nun momento de pouca definición e moita interpretación”. “Ademais a policía, as xuízas, as avogadas... moitas persoas non coñecen o mundo dixital”, explica Cruells. “O outro día falabamos cunha rapaza que dicía que a xuíza que lle tocou non sabía o que era un perfil de Twitter!”.
Galiza incluíu unha reforma á lei 11/2007 para engadir a violencia dixital de xénero, pero aquí “tamén queda moito por facer”. Neste eido existe a coñecida como Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo da Universidade de Vigo. Águeda Gómez é a directora académica desta Cátedra “que busca que a desigualdade de xénero non se reproduza no ámbito dixital”. “Estivemos a semana pasada con FemBloc debatendo sobre este tema porque elas levan máis tempo ca nós”, comenta Águeda. “Foi moi enriquecedor, a verdade”. Desde a Cátedra de Feminismos, conta Águeda, “empezaron a aparecer grupos de investigación como o de Soledad Torres sobre o machismo dos chatbot, o de Rebeca Díaz, sobre como identificar os espazos dixitais da manoesfera; ou o de Xabier Martínez, que fixo un estudo sobre as agresións dixitais a xornalistas”. “Comezamos a construción dunha epistemoloxía feminista do ámbito dixital, que era un obxecto de estudo un pouco inédito nese momento. E, ao mesmo tempo, empezamos a organizar Workshops, seminarios, onde invitamos ás expertas en redes sociais para que deran outra perspectiva fóra da academia”.
O outro día falabamos cunha rapaza que dicía que a xuíza que lle tocou non sabía o que era un perfil de Twitter!
Por outra banda, desde o ano 2020, a Cátedra leva facendo un Observatorio de Machismo Dixital ao que chaman Stop Machitroles. “Abrimos un buzón dixital para recibir denuncias e ao final ocorréusenos facer unha análise da prensa, como a de feminicidio.net e outros observatorios. E, con esa análise, fixemos unha tipoloxía de violencias machistas dixitais”, conta Gómez. Esta tipoloxía, segundo o Observatorio, estaría conformada por tres tipos de ciberviolencia de xénero: por razón de sexo e xénero —como o ciberacoso, a violencia estética, o grooming, a sextorsión...—; a violencia dixital sobre mulleres con presenza pública; e o que se coñece como manoesfera ou violencia machista dixital organizada, os espazos virtuais que dan cabida a discursos misóxinos e antifeministas.
O ciberespazo actual: un lugar masculino hexemónico, branco, heterosexual e capitalista
Cando o Observatorio Stop Machitroles sacou o seu primeiro informe en rolda de prensa, “aos cinco minutos tivemos un ataque de Forocoches”, conta Águeda Gómez. “O seu argumento era, por un lado, que eramos un chiringuito feminista e, polo outro, que eramos unhas ‘charos infollables'. Eu defendo que a universidade é feminista na súa maior parte, pero quedounos claro que tiñamos xente en contra dentro. Porque foi tan rápido...”.
Forocoches ou 4chan son algunhas das páxinas web onde o “antifeminismo, a misoxinia e a violencia contra as mulleres campa ás súas anchas e onde se pretende educar ás novas xeracións”. “A maioría social non é así, o que pasa é que estes ‘grupúsculos’ se crecen. Fan moito ruído e queren disciplinar a presenza das mulleres no ámbito dixital e conseguir que sexa un espazo hostil”, continúa Gómez. Sara Riveiro coincide. “É un tipo de violencia moi concreta e moi difícil de ver se a vítima non fala do tema. Pero cando estás moi metida nas redes sociais é como se te estiveran berrando na túa habitación, na túa cabeza. Sobre todo cando es vítima de ataques coordinados porque alguén compartiu un tweet teu en 4chan ou reddit e de pronto recibes 300 mensaxes de odio. E fan así porque queren que abandonemos os espazos, porque lles molestan as nosas reivindicacións. Porque odian ás mulleres, tal e como odian ao colectivo LGTBI, etc., e non van parar ata converter en hostil o lugar que ti usas para xerar rede e axudar a outras persoas”.
Sara Riveiro, como acontece co resto das mulleres entrevistadas, opina tamén que este é un “intento do patriarcado por recuperar os espazos que antes tiñan, pero que nunca deberían ser seus en primeiro lugar”. “O que acontece é que os homes non necesitaban Internet nese aspecto, xa tiñan a vida real. As mensaxes incriblemente misóxinas que se escoitan a día de hoxe, antes escoitábanse en todos lados”, reflexiona Sara. “Antes saían nos telexornais, polo que non necesitaban atopar unha especie de refuxio para lanzar esas mensaxes que hoxe, polo menos no mainstream, xa non son válidas. Entón, tal e como as mulleres estamos usando este medio para loitar desde abaixo cara a arriba, eles, por reacción, estanse coordinando para facer o contrario. Usan Internet para dicir esas cousas que xa non se aceptan en recunchos como reddit, 4chan, forocoches...”.
A maioría social non é así, o que pasa é que estes ‘grupúsculos’ se crecen. Fan moito ruído e queren disciplinar a presenza das mulleres no ámbito dixital e conseguir que sexa un espazo hostil
Pero, por que é tan difícil denunciar e por que estes discursos misóxinos non fan saltar as alarmas de Internet? "A chave é que o Internet actual se basea na ganancia económica. O tecnocapitalismo alíase co patriarcado e é a combinación perfecta para que haxa unha explosión de violencias machistas dixitais en Internet”, conta Eva Cruells. “As tecnoloxías son deseñadas para poder extraer o máximo de información de nós, das nosas vidas, os nosos datos; e para manternos o máximo de tempo dentro das súas aplicacións. Na pantalla”.
E como conseguen isto? Laura M. Castro é enxeñeira informática, doutora en informática, profesora na Universidade d’A Coruña e experta en software libre. “Primeiro temos que pensa, quen deseña eses produtos? Porque son produtos, non o podemos esquecer. É o típico de, se ti non pagas nada, o produto es ti”, recalca Castro. “E o que lles interesa co seu produto, —por como funcionan as redes sociais e polo tema da publicidade e de onde sacan os seus ingresos— é que pasemos canto máis tempo, mellor. Que nos enganchemos”, explica. “Isto leva a que estes produtos non estean deseñados para favorecer unha comunicación fluída ou positiva, senón que están deseñados para apelar ás emocións máis viscerais e menos racionais e de aí que a recompensa do algoritmo, os contidos que máis se divulgan e se repiten, son os que van facer que a xente reaccione e normalmente de xeito negativo”.
“Este é tamén o motivo polo que persoas terribles que para nós sería lóxico que lles quitaran a conta pola súa forma de exercer violencia ao usar as redes, siga activa. Porque dan moitos cartos”, engade Sara Riveiro. “Por iso tardaron tanto en botar a Donald Trump cando estaba basicamente enaltecendo o terrorismo. Porque lles viña moi ben. En Twitter o que fai a xente para conseguir máis ingresos, máis atención e visitas, é poñer cousas que enfaden aos usuarios. O que chaman ragefarming (buscar ira).
Estes produtos non están deseñados para favorecer unha comunicación fluída ou positiva, senón que están deseñados para apelar ás emocións máis viscerais e menos racionais
Ao tempo que as mensaxes de odio se viralizan con máis facilidade, Riveiro explica que é moi difícil “tumbarlle a conta a esas mesmas persoas que xeran odio en primeiro lugar”. “É algo automatizado e feito por algoritmos que non teñen ningún tipo de sentido. Se eu lle comento a unha amiga que subiu unha foto tonta na que saio, “madre mía, como subes iso? Haha. Mátote.”, a min pódenme quitar a conta porque se entende como unha ameaza. Pero, se eu estou recibindo ameazas explícitas por parte de homes terribles, se usan palabras lixeiramente eufemísticas ou poñen un asterisco no medio dunha palabra, esas persoas poden seguir tendo a conta. Porque non teñen un sistema deseñado para evitar a violencia, teñen un sistema deseñado para evitar denuncias”.
“Exacto. Hai unha desprotección moi grande porque as violencias se dan no marco de grandes transnacionais e, calquera problema que teñas, telo que denunciar por un mecanismo de reporte que seguramente mirará unha persoa que traballa en condicións moi precarias e ten que atender outras 50 mil denuncias. E iso cando, directamente, non é un bot”, engade Eva Cruells.
Que facer para que as mulleres recuperen o seu espazo dixital?
“As rrss que temos hoxe están deseñadas por un conxunto de persoas nada diverso —as grandes tecnolóxicas non se caracterizan pola súa diversidade—. Por iso, creo que a unha das chaves é convencer a máis mulleres de que estuden informática para formar parte do proceso creativo —nos últimos anos houbo unha baixada no número de alumnas eu creo que, en parte, polo estereotipo que existe sobre esta profesión—“, opina Laura Castro. “Non pode ser só un traballo de homes brancos de entre 25 e 35 anos. Como sociedade, e como mulleres, temos que berrar: eu tamén quero decidir. E non necesariamente ten que ser programando, porque a informática non é só programar. O feito de que a tecnoloxía se volvese ubicua significa que hoxe unha persoa informática ten que falar con todo tipo de xente”.
Para Eva Cruells, as solucións pasan “por varias frontes”. “Por unha banda, hai que regular ás empresas e obrigalas a ter prácticas lexítimas e a protexer certos dereitos no marco das súas plataformas. Non pode ser que poidan vulneralos ao bruto só porque sexan empresas”, engade. “Pero a realidade vai máis rápido que a capacidade normativa, por moita vontade política que haxa, que tampouco é que haxa moita”, reflexiona pola súa banda Águeda Gómez. “Por exemplo, agora están no Parlamento Europeo intentando deseñar unha lei que regule a forma de operar das grandes tecnolóxicas, e van deixar moderar os contidos ás propias empresas. Iso non ten sentido. Pero claro, teñen tanta presión dos lobbies que é moi difícil meter man. A esperanza sería que estiveran á altura e pasaran a defensa dos dereitos humanos ao ámbito dixital”. “Eu véxoo complicado porque ás empresas, cando si van a xuízo, lles custa menos pagar a multa que todo o negocio que xeran con estas prácticas”, engade Cruells.
“Hai que ter un debate sobre que modelo tecnolóxico queremos e pensar se estas transnacionais teñen que ocupar todo o espazo da rede. As institucións públicas usando Google? Por que?, “cuestiónase Cruells. “Hai que empezar a xerar conciencia de que quizais un goberno non ten que usar Microsoft como sistema operativo principal, porque así é como entran as grandes tecnolóxicas en todos os espazos da nosa vida. Quizais habería que desenvolver outras tecnoloxías que poñan o dereito á privacidade ao fronte. Que sexan máis éticas”.
Sobre isto, existe o debate de se o feminismo debería quedarse nas grandes plataformas, como Twitter ou Instagram, ou mudarse cara aquelas aplicacións de software libre, como Mastodon ou Bluesky. Laura Castro deixou Twitter en marzo de 2022 tras a compra por parte de Elon Musk. “Déronse uns cambios neste momento que superaron, para min, o beneficio de ter ese altofalante”, comenta Castro. “Pero toda a sociedade está en Twitter. É certo que se o discurso feminista marcha de aí, desaparece en parte, porque non hai unha alternativa a toda a reacción dos trolls. Aínda así, eu preferín marchar”.
Hai que ter un debate sobre que modelo tecnolóxico queremos e pensar se estas transnacionais teñen que ocupar todo o espazo da rede. As institucións públicas usando Google? Por que?
Sara Riveiro é das que quedaron na plataforma coñecida agora como X. “Para min é moi complicado. Eu penso en iniciativas descentralizadas que hai agora mesmo, como Mastodon, que son máis parecidas ao Internet dos comezos que non estaba obsesionado con monetizalo todo, e teñen moi pouca xente”, di a xornalista. Riveiro entende e defende “á xente que marchou, como Nerea Pérez de las Heras”. Pero, como activista non lle ve sentido “a renegar por completo das redes sociais maioritarias”. “Quedas ti soa repicando para o coro. Eu o que si fixen, como moita xente que coñezo, foi modificar moito as miñas rrss para que ese tipo de mensaxes xa non me cheguen. Neste momento a miña perspectiva é intentar estar o máis cómoda posible, pero non vou marchar porque a unha xente lle incomode a miña mensaxe”. ”Deberiamos darlle un oco ás redes alternativas de software libre”. Twitter tampouco se fixo famoso da noite á mañá”, engade Laura Castro. “Estas redes, ademais, eliminaron eses aspectos de funcionamento que fan que sexan máis tóxicas, como as mensaxes privadas”.
Águeda Gómez remata facendo un alegato á risa como arma contra o machismo. “Penso que unha das chaves é o humor como forma de desactivar o seu cabreo. E aí precisamos ás artistas e creadoras de contido. De feito, este ano tivemos un maratón de creación dixital feminista no que tamén xurdiron moitos memes, gifs, etc. súper ocorrentes e cheos de humor e que imos pór na web da Cátedra a disposición de quen os queira usar. Por se un día te ataca a ti un machitrol, pois que lle poidas contestar cunhas risas”.