Teatro
A revolución do teatro feminista d’A Panadaría: “É importante crear utopías. O colapso é fácil de imaxinar”

A compañía galega que explotou hai seis anos coa súa omnipresente 'Elisa e Marcela', ateiga salas por todo o Estado coa súa nova obra: 'As que limpan', unha peza que fai súas as reivindicacións das camareiras de piso.
A Panadaría
Un anaco da obra As que limpan | Leticia T. Blanco

Coa estrea de Elisa e Marcela, hai seis anos, cambiaron o teatro galego para sempre. Nunca antes dúas mulleres lesbianas foran protagonistas dunha obra, pero A Panadaría conseguiu mover aqueles marcos. Detrás dese teatro artesán están Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro que, con irreverencia e posicionamento ateigan salas por todo o Estado español. A súa última obra, As que limpan, vén de gañar catro Premios María Casares e converteuse, pola forza, nunha necesaria homenaxe reivinidicativa ás camareiras de piso.

Teño moi fresca a obra As que limpan, así que comezo por aí. Vin a heteroxeneidade do público na Sala Ártika e vino en toda a xente que quedou fóra para vervos no auditorio municipal Vigo. Como é posible facer teatro militante, irreverente e que sexa tan transversal?
Noelia Castro: Supoño que é cousa da comedia. Fai que a xente estea máis disposta a escoitar cando as historias se enfocan dende o humor.
Ailén Kendelman: Creo que tamén é o feito de abordar temáticas que teñen que ver coa actualidade. Que lle tocan a moitas persoas porque son cousas que nos están acontecendo na vida. Iso axuda a que a xente se identifique e que tamén ría e chore con nós.

Dígovolo porque as vosas pezas son posicionadas e nada equidistantes e, con todo, prográmanvos concellos de distintas cores e enchedes salas por todo o Estado.
Areta Bolado: Aínda non teño claro como conseguimos acadar esa conexión coa xente e chegar a tanto público. Sígome sorprendendo cada día. Creo que pode ser unha das bazas de que nos programen tantos concellos que non son afíns politicamente a nós. Entendo que tódolos gobernos gustan de que un acto cultural atraia xente, sexan da cor que sexan.

Hai unha cousa que creo que está moi presente na obra e é o proceso de investigación previo. Como foi todo isto e como foi modificando a primeira idea que tiñades?
B: Por unha banda, estivo toda a investigación sobre as camareiras de piso, o traballo doméstico e a  lectura de obras e estatísticas sociolóxicas. Tamén sobre economía feminista. Entrevistamos a mulleres que se dedicaban á limpeza, camareiras de piso de distintos lugares do Estado. Houbo outra liña de investigación sobre corrupción institucional e certos empresarios do turismo cun expresidente.

Amancio López Seijas e Mariano Rajoy, imaxino.
B: Sí (sorrí)

Ese proceso de investigación previo á creación das obras é algo habitual n’A Panadaría?
K: Dende logo. Cando fas un espectáculo de teatro que parte de cero e no que non está escrito o texto nin están feitas as escenas, precisas un marco teórico no que moverte. Fomos moi rigorosas na documentación para saber de que iamos falar. Se imos tocar unha temática que non é afín a nós, temos que nos informar de cales son as problemáticas da profesión e tamén toda a cuestión política e empresarial que as rodea. Ou incluso da relación co ecoloxismo que pensabamos que podía ter influencia. Con Elisa e Marcela tamén nos pasou. Era unha historia real, pero tiñamos que coñecer o contexto da época. Sempre lle dedicamos un período moi grande de investigación ás nosas pezas.
C: Cando ves o espectáculo hai moito xogo, moita comedia e parece desenenfadado, pero a realidade é que fomos moi rigorosas e temos moi claro o que queremos contar. Que temática, de que xeito... que queden claras as reivindicacións das camareiras de piso.

a panadaria 4
Un anaco da obra As que limpan | Leticia T. Blanco

Nótase ese traballo e esa complexidade previa, en cambio, usades moi poucos obxectos en escena sen que iso vos impida xerar un universo enorme.
B: Iso forma parte da nosa linguaxe. Este é o noso cuarto espectáculo e todos foron con moi poucos elementos materiais en escena, pero empregamos moito o noso corpo, as nosas voces e a imaxinación do público. Este espectáculo é o que máis escenografía ten (rin). Xogamos moito coa complicidade do público. Cando nos facemos adultas, parece que nos esquecemos da forza desa imaxinación.

Usades a ficción, pero a peza cataliza moitas historias reais con grandes doses de humor, pero cun fondo de moita crudeza. Está Fraga, Sánchez, Rajoy, López Seijas, Aznar... E unha chea de mulleres que sofren esta violencia estrutural. Por que esta escolla narrativa?
K: Mulleres que non teñen nome, non? Porque de todas esas mulleres había nomes propios, pero das mulleres que limpan, moitas veces, nin nomes propios teñen.
B: En case tódolos personaxes hai unha condensación de diferentes personalidades. No presidente que mencionaches pois hai un conglomerado de persoas. Hai momentos claros inspirados en Fraga como o baño en Palomares ou a escena coa cámara de televisión. Rajoy tamén nos deu moito coa súa oratoria (rin). E no caso das mulleres, os seus nomes son de persoas que foron moi importantes para nós no proceso de documentación e si que condensan moitas máis historias. Foi unha homenaxe que si que lles quixemos facer.

Ten razón no que di Ailén. Facendo memoria para a entrevista si que me lembro dos nomes dos homes referenciados, pero non dos das mulleres protagonistas. Supoño que é sintomático. Foi premeditado fuxir do documental cara a ficción?
K: Si, foi algo que falamos. Queriamos facer unha ficción, non un documental.
C: Creo que é a estética, porque nós nos documentamos e o que contamos é real, pero logo si que fuximos do canon do documental. Sobre todo porque nos permitía crear a utopía. Darlle a volta á tortilla e que ao final fosen elas as que acaban manexando o hotel.
B: Xusto iso. Así podían propoñer outro modelo de liderado e de xestión.
K: Na realidade, iso é máis difícil de conseguir. A ficción permítenos imaxinar mundos que aínda non conseguimos acadar. Aínda que haxa utopías que se estean conseguindo agora.

É que o final da obra é transformador. Inspira moito que acabe con emancipación e non con sometemento.
K: Claro. Iso xa o coñecemos. O final negativo xa a vemos a diario cando se externalizan os servizos das camareiras de piso dos hoteis. Vémolo cando as despiden. Vémolo constantemente. Ves as noticias e todo é distopía. Por iso para nós era importante que fose unha utopía.
B: É que somos moi capaces de imaxinar un futuro de colapso no económico e no ecolóxico, pero non imaxinamos outras saídas posibles. Se nós dende a cultura non xeramos un imaxinario novo, non imos ser quen de facelo real. Para iso axudounos moito un libro que se chama Utopía no es una isla, de Layla Martínez.
C: Fala de utopías que están existindo e que moitas veces precisamos de guía para chegar ata alí. De feito, no final da obra preguntamos á xente se todo iso que viron parece imposible. E moitas veces nos contestan que non lles parece imposible!

A panadaria 1
Un anaco da obra As que limpan | Leticia T. Blanco

Á saída dunha das vosas actuacións, a persoa que vos asesorou un movemento, a bailarina Clara Ferrão, díxome: “Estas tías fanme rir e chorar na mesma escena”. Esta sensación tamén forma parte deste tipo de obras que teñen vontade de cambio?
K: Si, é algo que buscabamos. Neste espectáculo queriamos facer un humor máis crítico e cru. Na escena da medicación é moi guai porque o público estanos a acompañar nesa catarse de risa, pero ao final hai moita dor. Cando rimos, moitas veces facémolo por cousas que nos están a doer.
C: Unha persoa do público contábanos o outro día que ría, pero que tiña conflito con ese riso. É moi interesante que se xere ese conflito compartido.

Dá a sensación de que A Panadaría é unha compañía de teatro asemblearia. Todas facedes todo. Ou iso parece. Como son eses procesos de creación colectiva?
C: Son longos (rin). Como todas facemos todo, hai que poñerse de acordo moito. E iso é moi rico. Nós traballamos moito con vídeo porque improvisamos as tres e así podemos rescatar as cousas que nos gustaron. Ao principio, isto fai que sexa máis longo, pero logo todas opinamos sobre iso e dámoslle voltas. E o interesante son precisamente os desacordos porque chegas a mellores conclusións.
B: Creo que esa figura tan presente no teatro de deus dramaturgo ou deus director que ten a súa obra maestra na cabeza e dirixe a tódalas persoas como monicreques para el, pois non encaixa con nós. Este xeito que temos, leva consigo moitos matices e fai que sexa moi rico. No proceso, todas temos que ceder e atopamos moitas cousas boas nese camiño.
K:
 E non só as tres. Temos un equipo artístico e creativo que tamén deu a súa opinión a través dos pases que lles iamos facendo en privado con todo o que tiñamos.

A panadaria 2
Un anaco da obra As que limpan | Pilar Abades

A atmosfera que creades ten unha estética moi propia e iso ten un valor incrible. E nesa marca de autoras, o espazo sonoro é algo fundamental. Non hai nada gravado. As cancións, os efectos de son, as voces. Algo bastante peculiar na escena galega.
K: Igual que facemos creación no texto, tamén o facemos na música. Son creacións feitas para cada espectáculo concretamente. Entón facémolas para transmitir diferentes mensaxes que nos interesan. No caso de As que limpan é moi interesante o uso dos obxectos. Os caldeiros e as vasoiras poden ser transformadas en tambores.
B: É moi característico da nosa linguaxe. Chamámonos A Panadaría porque facemos un teatro artesán e o espazo sonoro forma parte diso. Moitas compañías empregan son gravado e nós deste xeito potenciamos a teatralidade.

Non quero falar dos premios que vos deron porque xa están aí e falan por si mesmos. Gustaríame preguntarvos cal foi o feedback que vos deron as mulleres que limpan e que puideron ver a obra?
C: Sabemos que están moi agradecidas de que se conte a súa historia. Non son narrativas que estean moito nos teatros. Moitas veces se falan de cousas que se supoñen máis transcendentais como guerras...
B: Napoleón! (Rin)
V: Tamén están moi satisfeitas con que as súas reivindicacións queden claras.
B: Sempre que viñeron foi catártico. Á estrea en castelán en Valencia viñeron asociacións de traballadoras que eran migradas tamén, outra asociación das kellys... O momento da manifestación na obra foi tremendo con elas berrando. Creo que para elas é un recoñecemento verse enriba do palco.

Con Elisa e Marcela tamén pasou?
B: No festival Agrocuir, achegóusenos un home homosexual de noventa anos chorando por todo o que pasou na historia do país no que viviu. Creo que xa era hora de que en Galicia houbera un espectáculo no que as protagonistas foran lesbianas. Non acontecera ata ese momento. Si que había historias secundarias, pero nunca unha na que houbera dúas protagonistas mulleres que se querían.

Despedídesvos este ano con esta obra. Toca cambio de ciclo?
B:
 Si, foron uns 240 espectáculos e 12 ou 13 premios.
K: Fixemos xa seis anos con ela.
B: Foi unha explosión para nós, non esperabamos tanto recoñecemento. Foi un despegue para a compañía. Empezamos a xirar fóra de Galicia. Pero si, toca cambio de ciclo. Facer con todo o cariño unha despedida e desfrutala. Pasaron tantos anos que sentimos que xa a fariamos doutro xeito. A min sorpréndeme que esta obra é máis polémica agora mesmo do que podía ser hai seis anos. Cando a fixemos parecíanos impensable que un rapaz con pluma fora asasinado na Coruña saíndo de noite ao berro de maricón. Agora é unha realidade. Como a muller trans que camiñaba pola muralla de Lugo e a tiraron para abaixo pola súa identidade. Agora, as nosas vidas están en perigo e é algo que non sentiamos hai seis anos.

A auxe deste neofascismo e a súa violencia.
B: Xa o temos contado, pero nós facemos pases tamén para escolares en institutos porque nos parece moi importante ese contacto coa rapazada e recuperar a memoria destas mulleres [Elisa e Marcela]. O inicio sempre foi moi ben e, nas últimas funcións, nos momentos dos bicos, xa había algún alumno que berraba ‘viva España’.

España como oposición ás identidades queer...
B: Claro. Que é España?

A panadaria 3
Un anaco da obra As que limpan | Leticia T. Blanco

Xa por último e por ver se cola. Que vai ser o próximo d'A Panadaría? Que se está a cocer neses fornos?
K: Agora mesmo, moitos bolos (rin).
B: Claro, temos moita xira por diante.
K: Coa xira por todo o Estado, non dá para moito. As viaxes, facer os espectáculos... E a parte de oficina, que ninguén pensa que o facemos, pero así é! Temos ideas de temáticas que nos interesan, pero aínda non está a cousa preparada. Dentro dun tempo.

Archivado en: Feminismos Culturas Teatro
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Periodismo
Maruja Torres “En la izquierda tenemos afición por automutilarnos”
A sus 81 años, Maruja Torres sigue siendo referencia indiscutible en el periodismo por su mirada aguda e independiente. Autora de varios libros, se declara políticamente “socialdemócrata radical” y es muy activa en redes sociales.
A Catapulta
A Catapulta Á dignidade polo camiño da excelencia
Yolanda Castaño visita A Catapulta para conversar sobre a súa profesión: a poesía
Madrid
Acusaciones de violencia sexual Monedero, bajo investigación de la Universidad Complutense por la denuncia de acoso sexual de una alumna
La confidencialidad del expediente no permite saber cuándo se presentó la denuncia ante la Unidad de Igualdad o cuánto se demorará la resolución. La Complutense afirma que la Inspección de Servicios está tramitando la acusación.
Justicia
Justicia Rubiales, condenado por agresión sexual y absuelto del delito de coacciones
18 meses de multa con cuota de 20 euros al día por un delito de agresión sexual. Es la condena al expresidente de la RFEF Luis Rubiales por los hechos ocurrido en la ceremonia de entrega e medallas del pasado mundial celebrado en agosto en Sidney.
Inteligencia artificial
Militarismo La máquina de los asesinatos en masa: Silicon Valley abraza la guerra
Las fantasías distópicas sobre los futuros usos de las máquinas en la guerra están más extendidas que el relato de lo que ya está pasando en los campos de batalla.

Últimas

València
València Suspendida “sin explicación jurídica” la primera declaración por desaparición forzosa del franquismo
La abogada remarca que no hay motivo jurídico por el que suspender la declaración que Carolina Martínez iba a realizar sobre la desaparición forzada y asesinato de su abuelo en 1939.
Airbnb
Pisos turísticos Consumo abre expedientes sancionadores a gestoras de pisos turísticos
El ministerio de Pablo Bustinduy incoa expedientes sancionadores a empresas que administran muchos pisos por prácticas comerciales desleales.

Recomendadas

América Latina
Extrema derecha Los soldados de Donald Trump en América Latina
Mientras algunos presidentes latinoamericanos, con mayor o menor ímpetu, intentan ponerle freno, otros tantos se arrodillan y le rinden pleitesía sin recibir nada a cambio. ¿Quiénes son los súbditos latinoamericanos de Trump?
Crónica
Crónica Locura y papeletas. Berlín, una semana antes de las elecciones federales
Un paseo nocturno por la capital alemana nos permite acercarnos al ambiente que late una semana antes de que la ultraderecha consiga sus mejores resultados desde el hundimiento del nazismo.
Dana
València El 98% de los más de 120.000 coches afectados por la dana tendrán que ser desguazados
La reconstrucción de infraestructuras afectadas abre una ventana de oportunidad para repensar el modelo de movilidad metropolitana de València.