Drogas
Vite, o barrio ‘maldito’ de Compostela

Nos anos 80, este polígono de Santiago foi un dos puntos negros da epidemia de heroína en Galiza. Ante o abandono do Concello, tivo que ser a veciñanza quen sumara forzas para deixar atrás esa situación de marxinalidade. Máis de 30 anos despois, seguen saíndo á luz novas sombras da historia: “O trapicheo en Vite era consintido para que a heroína non chegara ao resto da cidade”, destaca Alfredo Santomil.
19 feb 2021 10:00

O barrio compostelán de Vite foi, durante case unha década, o núcleo de distribución de heroína na capital galega e un dos ‘supermercados da droga’ máis grandes de toda a comunidade. A súa historia negra comeza nos anos 80, cando a epidemia de jaco que anegaba Madrid e Barcelona alcanza finalmente Galiza. A heroína instalouse case inmediatamente nas cidades aproveitando as fendas dos lugares máis desfavorecidos. En Ferrol, esas fendas estaban en Caranza; na Coruña, en Penamoa; e, en Santiago, no barrio de Vite.

Construído como un polígono de promoción oficial ás aforas da cidade, Vite recollía todas as problemáticas que abren a porta á drogadicción no peor momento da heroína. Neste barrio traballador as dificultades económicas das familias mesturábanse co abandono escolar, e nas rúas sen iluminación latexaba o abandono dun Concello que nunca tivo solucións para os veciños. Finalmente, tivo que ser a propia veciñanza quen sumara forzas con traballadores sociais para deixar atrás esa situación de marxinalidade. “En Vite primeiro fixéronse os edificios, e, 15 anos despois, o barrio”.

A máxima é obra de Rosa Álvarez e Xosé Iglesias ‘Luki’. Xunto con Alfredo Santomil, foron algunhas das cabezas visibles dun movemento veciñal que, entrados os anos 90, conseguiu facer de Vite un barrio limpo e orgulloso. Os tres compañeiros xúntanse nunha tarde de poalla de finais de 2020 para rememorar esa loita contracorrente, da que non todos os recordos son bos. “Houbo unha campaña para criminalizar Vite porque, se só se falaba do barrio, o resto da cidade estaba tranquila”, asegura Santomil.

Caldo de cultivo

Sorprende saber que o de Vite foi o primeiro polígono de vivenda pública deseñado en todo o Estado. A finais dos 50, as autoridades franquistas deciden intervir sobre o desenvolvemento urbanístico do norte da Santiago cun gran plan parcial que conxuga edificios residenciais con amplas zonas verdes. Os problemas de polígono comezan coa dilación da construción, que non arrincou até 1975. Nesa paréntese, a Administración recorta en repetidas ocasións os espazos abertos do proxecto para dedicalos a outras obras. Deste xeito, cando o plan é finalmente executado, o barrio queda reducido a pouco máis que as súas vivendas.

A finais dos anos 70 comezan a chegar os primeiros inquilinos, seleccionados cun modelo de puntos que primaba as persoas en situación máis vulnerable. En total, o polígono de Vite deu cabida a máis de 2.000 familias cun só denominador común: as súas dificultades económicas. O barrio nacía así como unha sorte de gueto ao que non tardarían en chegar problemas.

O primeiro e máis visible foi unha elevada taxa de abandono escolar, que logo se traduciría nun galopante desemprego xuvenil. A falta de espazos públicos acabaría por afundir esa xeración que rapaces que pasaba “todo o puto día na rúa”, en palabras de Luki. Sen traballo, sen apoios, nin máis escenario que as prazas de formigón, as portas á heroína estaban abertas.

O barracón da sacarina

Á súa chegada a Santiago, a droga pasa por distintos puntos da cidade antes de asentar en Vite o groso da súa estrutura. A mediados dos 80, o barrio aloxaba o principal núcleo de distribución da capital: unha barraca do antigo Burgo das Nacións coñecida polos veciños como O barracón da Sacarina, polo alcume da matriarca que dirixía o negocio.

A barraca semiruinosa era frecuentada por toxicómanos do conxunto da cidade, entre os que se contaban inquilinos do propio barrio, algúns deles auténticos veciños do súper da droga. Alfredo Santomil recoñece que esta situación chegou a xerar tensión nos bloques de Vite. “Todo o mundo sabía que familias vendían”, explica, “e a algúns pais que tiñan os rapaces enganchados non lles facía moita graza ver alí o tenderete”.

“Lembro esa vez que veu ao barrio unha unidade da policía local cun Citroën BX noviño. Metéronse nun edificio para controlar e, cando saíron, ao coche faltábanlle as rodas e a emisora. Os tipos tiveron que volver a pé á comisaría... Nos tempos máis duros pasaban cousas de película en Vite”, explica Xosé Iglesias ‘Luki’

A permisividade da policía cos provedores permitiu que a heroína seguise avanzando entre as xeracións máis novas do polígono. A finais dos 80, a situación era insostible. “Algúns rapaces comezaban a consumir con 14 anos”, recorda Rosa, que garda na memoria ducias de nomes e caras desa xeración malograda. “Había nenos que contaban na escola que non podían durmir porque nas súas casas estiveran traficando toda a noite”, relata.

Atacar a raíz

É difícil precisar cando chegan as primeiras doses ao barrio. A prensa da época acredita que, por 1985, na cidade era xa vox populi que en Vite había un problema de drogas. A Administración, con todo, non move ficha até dous anos máis tarde, cando o nivel de trapicheo é tal que os roubos e atracos aparellados ao consumo comezan a alcanzar o centro da cidade.

No ano 87 teñen lugar dous fitos claves para a historia de Vite. Despois de fortes presións sobre o Concello, a veciñanza consegue que o barracón da Sacarina sexa derrubado. Pouco dura o alivio: o tráfico, lonxe de remitir, trasládase aos propios bloques residencias da man do mesmo clan. Así, foi quedando claro que a problemática da droga en Vite precisaba algo máis que presenza policial.

Nese contexto, a Xunta lanza un proxecto que supoñería o primeiro paso cara á melloría do barrio: o Plan Comunitario. A idea do Plan era deixar a un lado a persecución do menudeo para centrarse nas problemáticas que, nun primeiro momento, deran pé á droga. Pretendía, noutras palabras, resolver esa marxinalidade que o Concello non quixera ver.

Explosión de asociacións

Rosa Álvarez chegou a Vite no 88 como parte do exiguo grupo de traballadores mobilizados pola Xunta. “Pensamos que para facerlle fronte a un problema así a resposta tiña que saír do propio barrio”, explica. En poucos anos, Vite pasou de ser un polígono atomizado a sufrir unha auténtica explosión de movementos comunitarios; tantos que, a finais dos 80, foi preciso crear unha Coordinadora de Barrio para poñerse de acordo nas actividades a desenvolver.

O papel da Coordinadora foi fundamental para que, a partir de 1992, a presión da heroína comezase a descender. Malia contar cun financiamento paupérrimo, veciños e traballadores conseguiron erguer un movemento asociativo que achegou o apoio necesario para deixar atrás a lacra. A principios dos 90, en Vite podíase acceder a ducias de actividades e talleres, que abranguían dende cursos formativos para persoas descolgadas da educación pública —adultos inclusive— a alternativas de lecer; á parte das célebres campañas de Non inVite ás drogas.

A vergoña

Aínda que a resposta dos veciños foi contundente, a heroína permaneceu en Vite o tempo suficiente como para deixar un estigma que perduraría durante anos. A vergoña de ser o barrio da droga caeu coma unha pedra sobre un polígono sen idiosincrasia nin pasado; construído con escuadro e cartabón e carente de cultura propia. “A xente, cando lle preguntaban de onde era, respondía co lugar do que viñera: Conxo, San Caetano... pero ninguén era de Vite”, resume Alfredo.

30 anos despois, na Coordinadora perdura a certeza de que este mal nome foi froito dunha campaña intencionada. “Potenciouse unha imaxe de Vite como cidade sen lei porque así parecía que no resto de Santiago non había problemas”, explica Santomil. Esta idea, replicada pola prensa local, remataría por instalarse no imaxinario colectivo desa Compostela dos anos 90, na que a xente cría que os taxistas se negaban a entrar en Vite cando llo pedía un cliente.

Alfredo e Luki restan credibilidade á anécdota dos taxis. Veciños de Vite dende hai décadas, non lles treme a voz ao asegurar que o forte impacto das drogas no barrio tamén obedeceu a unha estratexia premeditada. “En certo modo, o trapicheo era consentido porque así se conseguía que o problema non saíra de Vite”, destaca Santomil. Segundo os da Coordinadora, tratábase de concentrar a lacra, pero tamén de ocultala. “Para iso, Xerardo Estévez construíu o parque da Xoán XXIII”, sostén o da asociación de veciños. “Se te fixas, as árbores están plantadas coa idea de que se vexa o Monte Pedroso, pero o barrio quede tapado”, explica.

O boicot do Concello

Sexa real ou non a teoría de Alfredo, o certo é que Vite é case imperceptible dende o miradoiro máis concorrido da cidade, situado no Parque da Alameda —o barrio queda, de feito, convenientemente ocultado por unha néboa de pólas e follas—. Dende a Coordinadora gardan un recordo amargo da administración local deses anos, que máis que axudar na loita contribuíu a poñer atrancos.

A mobilización social de Vite nace nun contexto de abandono por parte do Concello. A comezos dos 80, boa parte do polígono carecía de luz eléctrica, e mesmo había vivendas sen auga corrente. Cando a presión veciñal fixo imposible o silencio do Consistorio, estes pasaron da indiferenza a tentar boicotear os proxectos da Coordinadora para “apuntarse eles o tanto”, en palabras de Santomil.

Os problemas comezaron coa figura dos ‘comisarios políticos’, enviados do Concello que dicían supervisar as actividades da Coordinadora. Os veciños de Vite logo se deron conta de que, en realidade, a administración de Xerardo Estévez estaba “espiando” os seus plans. “Cando demandabamos algunha dotación, o Concello dicía que era imposible e meses despois presentaban o mesmo proxecto como se fose unha iniciativa propia”, lembra Alfredo.

O descaro da Administración era tal que a Coordinadora chegou a aproveitar esta rutina de plaxio en beneficio do barrio. “Unha vez pensamos en facer un taller de fotografía pero vimos que non había cartos, así que puxemos un cartel anunciándoo”, recorda Alfredo cunha risa. “Foi matemático: o seguinte curso que anunciou o Concello era de fotografía”.

Vite nazón

Alfredo relata os roces co Concello ás portas do centro sociocultural de Vite, situado na rúa Carlos Maside. A poucos metros de nós, a vía desemboca na avenida Castelao, auténtica espiña dorsal do barrio. Nos 80, esta enorme estrada tiña o dubidoso privilexio de comunicar a sede da Xunta de Galicia, no seu extremo leste, co maior centro da distribución da droga en moitos quilómetros á redonda.

Hoxe a penas queda pegada da heroína en Vite. Na parcela onde se erixía o Barracón da Sacarina hai unha igrexa, e os edificios do barrio, malia seguir sendo humildes, móstranse limpos e dignos. O mesmo acontece cos seus inquilinos. A vergoña inicial que aniñaba nestes bloques deixou paso a un orgullo que, en certo modo, sabe a unha rebelión contra o pasado, contra as circunstancias. O ‘nacionalismo vitense’, medio en serio medio en broma, agroma na conciencia de moitos veciños; mesmo dos que viven xa lonxe do que un día foi o barrio maldito de Compostela. “Poden levar dez anos fóra, que seguen dicindo que son de aquí”, conta Alfredo, ás portas do centro, cun sorriso. Por detrás del pasa un taxi.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Drogas
Geopolítica de las drogas Fentanilo: la droga que destruye Estados Unidos y golpea las puertas de América Latina
Más de 100.000 personas murieron en EE UU por sobredosis de fentanilo en 2023. Esta droga sintética amenaza con revolucionar el mercado mundial de los estupefacientes y provocar una “epidemia” en toda América Latina.
O Teleclube
O teleclube A desaparición de Paula é a protagonista do décimo terceiro episodio de 'O Teleclube'
Sonia Méndez estréase nas longametraxes de ficción con 'As Neves' un filme no que seguimos a un grupo de adolescentes e o por que dunha perda.
PSOE
Caso Koldo García Asesinato por “ajuste de cuentas”: así era el club donde trabajó el asesor de José Luis Ábalos
Koldo García, detenido por una trama de compra-venta de mascarillas que facturó 52 millones, fue guardaespaldas de altos cargos del PSE y trabajó en Rosalex, club de alterne sobre el que pusieron su lupa el Defensor del Pueblo y la Fiscalía navarra.
Sanidad
Sanidad Óscar López desoye a Mónica García y concede más dinero a las aseguradoras de Muface
El Consejo de Gobierno aprueba una nueva licitación que incluye un aumento de las primas para las aseguradoras privadas del 33,5%, empujados por las protestas de sindicatos como CC OO y UGT, y en contra de la propuesta del Ministerio de Sanidad.
Derecho a la vivienda
Derecho a la vivienda Junts permite que la proposición de ley que pretende regular el alquiler de temporada entre en el Congreso
El partido de Carles Puigdemont cambia de opinión y permite que la ley propuesta por los sindicatos de inquilinos y presentada por los socios de izquierda del ejecutivo comience su trámite parlamentario.
Crisis climática
Crisis climática El Constitucional admite a trámite la demanda que reactiva el Juicio por el Clima
El Tribunal acepta el recurso de Ecologistas en Acción, Greenpeace, Oxfam Intermón, Fridays For Future y la Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo por el que se demanda al Estado español por inacción climática.
Sanidad
Sanidad Denuncian que Defensa cede a Quirón el antiguo Hospital del Generalísimo Franco por una cantidad “irrisoria”
La Fundación Jiménez Díaz pagará ocho euros por metro cuadrado por la cesión de un edificio público, mientras la media del precio del alquiler en Madrid es de 20 euros por metro cuadrado.
Siria
Jiyan Malla “Los kurdos tienen que formar una parte importante de la transición en Siria”
Integrante del Departamento de Relaciones Exteriores de la Región de la Administración Autónoma Democrática, Jiyan Malla analiza la situación de Rojava tras el derrocamiento del régimen sirio, y el rol de Turquía e Israel en este nuevo escenario.
Que no te cuenten películas
Comunidad El Salto Suscríbete a El Salto y llévate seis meses de regalo a Filmin
Estas navidades, haz posible que El Salto llegue más lejos con sus contenidos críticos y llévate de regalo medio año de Filmin. Y si ya tienes Filmin, suscríbete a El Salto y regala el acceso a esta plataforma a quien quieras.
Alquiler
Huelga de alquileres Cuando Barcelona se levantó contra la patronal inmobiliaria y declaró la huelga de alquileres
Recién entrada la República española, 100.000 familias dejaron de pagar durante cuatro meses los precios abusivos que ya entonces se reclamaban por las viviendas.

Últimas

Que no te cuenten películas
Que no te cuenten películas En estas fiestas, que todo quede en casa: regala libros de la Tienda de El Salto
Aprovecha los regalos de estas fiestas para respaldar proyectos alternativos. En El Salto te lo ponemos muy fácil: desde hoy y hasta el cinco de enero, si eres socia tienes un 5% de descuento en todos los libros y te los enviamos gratis.
Trabajo sexual
PROPUESTA No, el SEPE no te va a obligar a ser prostituta: la propuesta de despenalización del trabajo sexual al detalle
El sindicato de trabajadoras sexuales OTRAS está iniciando una ronda de consultas con los partidos políticos para pedir que apoyen la propuesta de ley despenalizadora que presentaron en verano, pero ¿qué implicaría esta norma?
Más noticias
Universidad pública
Universidades La universidad pública madrileña sale a la calle para defender su futuro
Estudiantes, profesores y sindicatos hacen un llamamiento para acudir el día 19 a la Asamblea de Madrid para denunciar la “asfixia económica” que sufren los centros privados con un presupuesto insuficiente.
En saco roto (textos de ficción)
En saco roto Viajante
Solo en el último catálogo surgía la esperada sorpresa, el objeto de edición limitada que ofrecía a personas de confianza, a quienes le unía un nexo, decía, más allá del mero vínculo comercial.

Recomendadas

Ley de Seguridad Ciudadana
Congreso de los diputados Reforma de la Ley Mordaza: ¿esta vez sí se puede?
Una de las mayores deudas de toda la izquierda del Estado español parece que está a punto de saldarse.