We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Son as 18:32.
É o momento.
Aínda que puido ser calquera outro. Pero agora estou decidido.
Teño que emprender esta viaxe, aínda que sexa perigosa. Levamos xa demasiado tempo baixo o xugo da COLMI.
A xente non se deu conta, pensa que todo sigue igual, que volvemos á normalidade que había antes da pandemia. Pero o certo é que a COLMI aproveitou aquel momento no que as tecnoloxías foron máis importantes para estender a súa mensaxe polas redes sociais, con todos os seus bulos e manipulacións. Conseguiron un cambio cultural coas súas mentiras e bombardeo mediático, por iso a xente non notou o feito de que están tamén facendo presión ós gobernos de todo o mundo.
Por iso hoxe deixo a seguridade do meu fogar, para saír e unirme á resistencia. Non son o único que pensa que isto non pode seguir así… sempre o soupen, ten que haber máis xente que non caera na mentira fomentada polo “buenismo”.
A COLMI (Confederación Oligárquica de Lobbis Malignos Imaxinarios), que o cambiou todo dun tempo a esta parte, está conformada por numerosos grupos: o lobbi trans, o lobbi gay, o lobbi feminista, o lobbi humorístico, o lobbi artístico, o lobbi some…. Pero está claro que o que leva o cotarro, quen corta o bacallau aquí e move os fíos dos nosos gobernos… é o lobbi animalista. Tanto é así que seguro que me lincharían publicamente por utilizar a expresión “cortar o bacallau”, por ser especista e normalizar a violencia contra tan noble peixe. Comezaron por priorizar a ocupación do espazo público por parte das mascotas antes que das crianzas humanas, e pouco a pouco a cousa foise das mans, ata o punto que agora hai que cederlle o paso ás pombas antes de entrar nun establecemento, e está penado de morte pisar caracois pola rúa. Os hoteis de insectos, por exemplo, están subvencionados polo Estado, á costa de impostos como a cota de autónomos, que subiu un 200%.
Escribo isto ca esperanza de que, se me pasa algo, a miña familia e amigos poidades entendelo en algún momento. Vou na busca doutras mentes lúcidas ás que unirme en resistencia: teño entendido que nun agochado val, un grupo de toureiros seguen a facer corridas, para evitar que os touros se extingan. Ata tal hipocrisía chegou a COLMI que nunca recoñeceu a necesidade desta actividade. Volveremos máis fortes, e se non, polo menos perderemos loitando por aquelo no que cremos, loitando polos bos valores da humanidade contra o ataque dos modernos grupos de presión.
*Este relato envióunolo David. Podes enviar o teu a osalto.galiza@gmail.com ou ao noso Facebook.