Política
O goberno neoliberal da vida: un crime perfecto?

O último libro de Borxa Colmenero sintetiza gran parte do pensamento crítico sobre o termo 'neoliberalismo' e opta por unha lectura alternativa á empregada habitualmente: máis que unha ideoloxía mercantilista, é un goberno económico da vida.
O governo neoliberal da vida
Contracapa do libro de Borxa Colemenero, 'O governo neoliberal da vida'.

Ás veces para referirse a unha doutrina económica ou a unha etapa histórica, outras para designar de forma ampla a realidade social e económica na que vivimos, a palabra 'neoliberalismo' xa forma parte da linguaxe política do noso tempo. Pero, de que falamos cando falamos de neoliberalismo?

O último libro de Borxa Colmenero O governo neoliberal da vida (Axóuxere Editora, 2023) pode ser entendido como un intento de resposta a esta pregunta. A obra sintetiza gran parte do pensamento crítico sobre o termo e opta por unha lectura alternativa á empregada habitualmente: o neoliberalismo, máis que unha ideoloxía mercantilista ou unha doutrina económica, é un goberno económico da vida.

O neoliberalismo: a orixe

Desde os anos vinte do século pasado, ‘neoliberalismo’ empregouse para referirse a unha serie de escolas de pensamento socioeconómico, como a Escola neoclásica anglo-americana, a austríaca ou a de Friburgo. Aínda que plurais, mesmo discordantes nalgúns puntos, todas e cada unha destas escolas mantiñan en común a súa oposición á planificación socialista e democrática das economías.

Esta foi a ideoloxía económica que amparou o programa dos gobernos conservadores nos anos 80. A partir de entón, o termo neoliberalismo serviu para designar tamén un programa político e unha etapa histórica caracterizados por un marcado antisocialismo e pola deificación do mercado libre, reflectidos respectivamente nos ataques frontais ás organizacións da clase obreira e na proliferación de deslocalizacións e procesos de reconversión industrial. Esta fase histórica, que William Davies denominou como “neoliberalismo combativo” (1979-1989), debe comprenderse no contexto da confrontación contra o modelo socialista. Dous fitos marcan o seu inicio: a colaboración dos Chicago Boys con Pinochet tras o golpe de Estado a Salvador Allende en 1976 e o ascenso dos gobernos conservadores de Reagan e Thatcher nos oitenta.

O neoliberalismo non só produciu un conxunto de políticas públicas regresivas, senón que viu acompañado por estratexias de combate cultural e pola conformación dun discurso que aspiraba a formar unha serie de consensos sociais, unha nova cultura. Estaba a configurarse unha profunda transformación cultural e moral e, ao pouco tempo, xa non era a doutrina económica dos conservadores, senón o paradigma compartido por toda a sociedade.

Mentres que programas como Dallas transmitían a idea de que o éxito material e o acceso a bens de luxo eran sinónimos de liberdade e realización persoal, a industria cultural maioritaria demonizaba o “socialismo gris” representando a vida nos países socialistas como aburridas e mortificantes, en contraste coa vitalidade e a abundancia de recursos nas sociedades de consumo occidentais. Era a época de películas como Red Dawn, na que se glorifica a resistencia da mocidade estadounidense perante unha invasión ficticia da URSS, e da declaración, atribuída a Thatcher, de: “Se a partir dos trinta non usas coche, es un fracasado”. O neoliberalismo artellaba o anticomunismo e o ataque frontal contra o xardineiro estatal coa reivindicación da liberdade individual proporcionada polo mercado. Iso de que “non existe tal cousa como a sociedade, existen homes e mulleres individuais, e existen familias” xa non era unha opinión de Thatcher, senón o sentido común co que cada vez se rexían máis persoas.

O obxectivo foi conquistar as almas

Thatcher, planificadora consciente desta transformación cultural, dicía que “a economía é o medio, o obxectivo é cambiar os corazóns e as almas”. Nunha entrevista de 2002, preguntáronlle cal fora o seu maior éxito político. Respondeu sen dubidar: “Tony Blair e o novo laborismo”. Por fin o seu repetitivo slogan convertérase nunha realidade: “There is no alternative”.

Este novo neoliberalismo entendido como un consenso social profundo é o que Davies denomina como “fase normativa” (1989-2008). Dous fenómenos axudan a situar esta evolución, este cambio das almas: as transformacións acontecidas no seo dos Estados a as acontecidas nas relacións laborais.

En canto ás primeiras, refírense á adopción de mecanismos de mercado como criterios válidos para a toma de decisións políticas e a xestión de recursos públicos. Na fase neoliberal imprégnase aos estados co espírito empresarial: flexibilización de normas e procedementos, xestión por resultados, rendemento de contas, constitución de corpos de técnicos nos que recaen decisións políticas. Baixo a idea de que, unha vez máis, “non hai alternativa”, naturalízanse os valores do mercado como valores neutros e de “sentido común”. As lóxicas do mercado son as lóxicas naturais e, polo tanto, as produtoras de liberdade, mentres que as outras opcións ou alternativas son demonizadas como intervencionistas e hiperburocratizadas, polo tanto, autoritarias e castradoras.

O compoñente antiburocrático é unha das claves do éxito do discurso neoliberal. Colmenero sinala o paradóxico deste compoñente, pois o neoliberalismo non supón unha auténtica desregulación, senón que promove unha forma de vida no que os suxeitos se converten en burócratas de si: alugar unha vivenda, contratar un seguro de saúde, abrir unha conta bancaria, contratar telefonía ou internet son procesos que acontecen no ámbito do mercado, máis non deixan de supoñer ríxidos procedementos burocráticos impostos por entidades impersoais e pouco transparentes. Temos un exemplo dramático nos Estados Unidos, onde a privatización radical da sanidade defendida polos neoliberais produciu un ecosistema de empresas aseguradoras que converteron o acceso á cobertura sanitaria nun labirinto burocrático deliberadamente kafkiano, cuxos principios reitores —“Delay, Denay, Defend”— remataron fai apenas unhas semanas gravados nas tres balas que asasinaron ao CEO de United Healthcare.

En canto ao segundo fenómeno que nos axuda a situar esta “conquista das almas” da que falaba Thatcher, trataríase da fonda transformación do traballo acontecida nas últimas décadas. Colmenero apunta á desaparición do emprego fordista en prol dun tipo de relación laboral desprotexida, precaria e temporal na que xa non cabe trazar unha fronteira divisoria clara entre asalariados e desempregados, en tanto que ambos flutúan precariamente entre o emprego e o desemprego.

Pero o sumum do neoliberalismo non estaría só na transformación do traballo, senón no seu alargamento ad infinitum: as lóxicas do traballo e a produtividade impregnan todas as dimensións da vida. Para o Homo oeconomicus neoliberal as relacións sociais son oportunidades para o networking, a sua vida emocional pode ser constantemente “traballada” para alcanzar a súa “mellor versión”, as súas constantes vitais e actividades físicas son monitorizadas mediante sistemas de selftracking que xeran estadísticas de produtividade personalizadas, o seu ocio é susceptible de ser “mellor aproveitado”, e os seus talentos de ser transformados, ben en ingresos económicos ou ben en contidos para a súa marca persoal.

En definitiva, calquera porción de tempo é susceptible de ser investida en xerar unha produtividade, xa sexa económica, social ou erótica, xerando un eterno fío de actividades que son económicas pola súa lóxica interna. Comenta ao respecto Colmenero: “A responsabilidade reside por enteiro no propio suxeito, un individuo precario e imperfecto que debe ir completándose, construíndose a si mesmo, configurando a súa identidade, a súa seguridade e o seu modo de vida. O acceso ás condicións de vida dignas forman parte da súa responsabilidade”.

Aparece entón a culpa por actividades percibidas como non produtivas, como descansar —non facer nada—, ou por situacións percibidas como un fracaso persoal: o paro, as malas condicións de traballo ou o malestar psicolóxico. Como ten sinalado Byung Chul-Han, no réxime de autoexplotación neoliberal, as persoas tórnanse vítima e vitimario simultaneamente, transformando a súa indignación co sistema nunha fonda depresión consigo mesmas.

Nesta serie de mudanzas neoliberais do corpo social e político, as persoas normalizan unha ‘ética do risco’ na que a vida aparece como un xogo co imponderable, un xogo no que a resiliencia e procura de oportunidades encobren un panorama de incerteza e inseguridade. O neoliberalismo alíase así co “racismo do estado” do que falaba Foucault, coa defensa da raza produtiva e a aposta polo control das vidas que sobran nese esquema de cálculo e rendemento.

É como se o neoliberalismo levase até as últimas consecuencias as reflexións de Benjamin sobre como o capitalismo instala un culto (sans rêve et san merci) permanente e culpabilizador, pero cunha gran diferencia con respecto ás relixións tradicionais: neste culto non hai posibilidade de expiarse, nin ningún “día da semana” que non se caracterice pola tensión extrema do adorador. As formas de vida neoliberais, marcadas pola súa constante disposición a producir, inclusive cando non se “traballa”, reflicten a nosa tensión extrema de adoradores: cada vez proliferan máis cadros de depresión, ansiedade ou síndromes de Burnout; pero cada vez máis persoas demandan outro reparto social do tempo e cuestionan que o traballo asalariado sexa o elemento central das súas vidas —véxase a Gran Renuncia—.

O camiño cara o futuro do neoliberalismo

A crise de 2008 puxo en tea de xuízo a superioridade da razón económica neoliberal. Esta crise de lexitimidade viuse agravada por unha xestión fortemente moralizada, baseada na interiorización da responsabilidade no corpo social polos excesos cometidos no boom económico, nunha estratexia de responsabilización individual, especialmente gravosa no caso dos grupos sociais más desfavorecidos e tamén máis castigados pola crise, que “viviron por riba das súas posibilidades”. Cárgase ás vidas pauperizadas cunha débeda que deben pagar en forma de recortes, reducións de salarios e servizos públicos. É o que Davies bautiza como “neoliberalismo punitivo” (2008-actualidade), que mantendo as características do neoliberalismo normativo, tórnase nun modelo de gobernanza máis autoritario.

Pero dicía Foucault que “se o poder non tivese outra función senón reprimir, se el non operase mais que seguindo a forma de censura, de exclusión, dos obstáculos, da represión á maneira dun gran superego, se el non se exercese mais que dunha forma negativa, sería moi fráxil. Se el é forte, é debido a que produce efectos positivos ao nivel do desexo —isto comeza a saberse— e tamén ao nivel do saber. O poder, lonxe de impedir o saber e o desexo, prodúceos”. Foucault transmite a idea de que para que o poder sexa realmente efectivo, precisa de producir unha racionalidade, un novo sentido común que o subalterno aplique “voluntariamente”, precisa conectar co desexo do subalterno, mostrarse como apetecible. Entón, por que triunfou o neoliberalismo como forma de poder e como cultura? Cal é esa promesa neoliberal que pode ser desexábel para o individuo?

Esta utopía neoliberal poderíase sintetizar con tres elementos dos que fala Colmenero no seu libro: a post-política, a dispoñibilidade total da vida e a inmunidade.

O primeiro elemento, a post-política, xera unha vida “pública” sen antagonismos, isto é: un debate público onde se disolve o conflito entre adversarios políticos, onde se produce unha simbiose entre a xestión privada e a xestión pública. Trátase da promesa de abordar os conflitos e antagonismos sociais como se de asuntos técnicos se tratasen, sempre susceptibles de ser resoltos dende un suposto “sentido común” ou “científico” —coincidente cos criterios do mercado— por parte dun equipo de tecnócratas.

O segundo elemento, é o da vida dispoñíbel, sen impedimentos nin obstáculos, sempre pronta para producir. Vidas definidas pola posesión de certas habilidades e competencias que se poñen ao servizo do mercado en forma de “perfís profesionais”, para a súa utilización puntual e fragmentada. Definidas tamén pola posesión de produtos, experiencias e trazos persoais que se poñen ao servizo do mercado en forma de perfís en redes sociais, para a súa utilización puntual e fragmentada —recordemos as apps de citas como Tinder ou Grindr como un paroxismo realizado desta idea—. Os individuos procuran a mellora e o crecemento constante destes perfís, converténdose en suxeitos reflexivos que están constantemente pensando en tódolos aspectos da súa vida co fin de melloralos mediante as súas decisións persoais. O suxeito neoliberal está na procura constante da mellor versión de si mesmo.

O terceiro elemento, a inmunidade, foi desenvolvido polos autores da Italian Theory, e concretamente polas teses de Roberto Espósito. Este autor sinala como no neoliberalismo se sucede un proceso de quebra do munus comunitario, isto é, da responsabilidade colectiva que vinculaba a uns e outros individuos nos elos da unión e a solidariedade. A promesa neoliberal sería a promesa dunha vida individual sen pesados compromisos coa comunidade, liberada da responsabilidade para co colectivo, sen ningún tipo de débeda co grupo, que permite a decisión sobre o destino dun mesmo. Nesta promesa os individuos deben “vivir próximos”, pero sen estar en contacto directo. Unha inmunidade que promete unha vida na que o outro, en tanto que impredicible, queda fóra dos cálculos que un mesmo decide para si, evitando interrupcións e danos.

Así, o neoliberalismo promete unha vida que se realiza a si mesma, independente, libre, sen conflito, abundante e desexable para o individuo. Pero nas mesmas promesas do neoliberalismo atópanse os elementos da súa subversión.

A utopía neoliberal non é posible porque ten ás vidas como materia prima, pero tamén unha profunda cegueira coas mesmas. Pódense asimilar aos principios do mercado todas as propostas ideolóxicas, pero non se pode substraer aos individuos dos antagonismos máis fundamentais, ao igual que non se os pode susbtraer ás súas diferenzas. Tampouco é posible fragmentar o noso ser e separalo do tempo, para poñelo á dispoñibilidade do mercado por partes. Mentres o noso corpo non sexa robótico ou divisible, non podemos separalo dos avatares máis inevitables da vida —a enfermidade, o envellecemento, o cambio, a tristeza, o amor—. Tampouco é sostible unha vida perpetuamente erixida sobre a responsabilidade individual, na que non se contacte cos outros: por máis que se infeccione o corpo social para inmunizalo, mediante todo tipo de desastres económicos, sociais, laborais, medioambientais; ou por máis que se medicalice o corpo social bloqueando a súa sensibilidade, non se pode fuxir dos anhelos de comunidade da nosa época, e da procura por parte de moitos por redefinir unha base ética entre uns e outros.

Os nosos desexos sempre procuran un lugar, as veces no pasado, no que foi, e outras no futuro, no que está por vir. E dado que estamos constituídos pola falta, e que por moito que procuremos un lugar nunca estamos completos, o neoliberalismo nunca poderá producir o seu crime perfecto. Sempre deixará o rastro que desvele a súa impotencia.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Xunta de Galicia
Sanidade A Xunta de Feijóo, condenada por negar as visitas a unha muller falecida de cancro por ter covid-19
A xuíza di que a situación requiriu medidas de prevención “flexibilizadoras”. Faleceu a principios de 2022 no Hospital Álvaro Cunqueiro durante os últimos meses de administración do xefe do PP con Julio García Comesaña como conselleiro.
O Teleclube
O teleclube 'O Teleclube' viaxa á preciosa aldea de 'Vermiglio' a finais da Segunda Guerra Mundial
A película de Maura Delpero, seleccionada para representar a Italia nos Oscar, retrata a vida dunha familia de Vermiglio, unha aldea nevada nos Alpes italianos.
Historia
Descifrando a historia Así foi a rebelión antifiscal galega de 1790 contra a burocracia española
A monarquía española quixo implantar a Contribución Única, algo que provocou fortes protestas. A máis coñecida foi o motín da Ulloa, chamado así porque se produciu nas zonas desta comarca. Foi a maior revolta antifiscal do Antigo Réxime en Galiza.
Madrid
La burbuja del alquiler Sumar, Podemos y sindicatos de inquilinos presionan para convertir en indefinidos los contratos de alquiler
Sumar lanza una propuesta legislativa para transformar en indefinidos los contratos de alquiler, una de las principales demandas de la manifestación por la vivienda del 5 de abril. Una moción de Podemos, rechazada en el Congreso, pedía lo mismo.
Líbano
Ocupación israelí Israel incumple el acuerdo de paz y mantiene tropas en el sur de Líbano para “vigilar” a Hezbollah
El Ejército sostiene la ocupación de cinco colinas a lo largo de la frontera tras evacuar sus soldados de decenas de municipios. Miles de civiles regresan a sus casas para descubrir que lo han perdido todo.
Galicia
Galicia La Xunta de Feijóo, condenada por negar visitas a una mujer que murió de cáncer por tener covid-19
La jueza dice que la situación exigía “flexibilizar” las medidas de prevención. Falleció a inicios de 2022 en el Hospital Álvaro Cunqueiro durante los últimos meses de la administración del jefe del PP con Julio García Comesaña de conselleiro.
Egipto
Egipto Ashraf Omar continúa en prisión provisional por dibujar
Ashraf Omar, caricaturista político del medio digital AlManassa, sigue en prisión preventiva indefinida tras ser arrestado violentamente en su domicilio el 22 de julio de 2024.

Últimas

El Salto Radio
El Salto Radio Humedales necesarios
Damos un paseo radiofónico por algunos de los humedales de Andalucía, espacios fronterizos entre el mar y la tierra, tan necesarios para nuestra supervivencia. Lo hacemos con Juan Martín Bermúdez, de SALARTE y algunos oyentes.
Más noticias
Fascismo
Memoria antifascista Allí donde hay humo, hay fuego
A unos días de las elecciones alemanas, donde la ultraderecha acude fortalecida, un repaso sobre el proceso de desnazificación posterior a la Segunda Guerra Mundial y sus medias verdades.

Recomendadas

Feminismos
Ana Bueriberi “El activismo tiene que ser colectivo: para contribuir al cambio es imprescindible despersonalizar la causa”
La periodista madrileña Ana Bueriberi reconoce que no sintió la discriminación hasta que llegó a la Universidad. Hoy, desde el proyecto Afrocolectiva reivindica una comunicación antirracista, afrofeminista y panafricanista.
Inteligencia artificial
Militarismo La máquina de los asesinatos en masa: Silicon Valley abraza la guerra
Las fantasías distópicas sobre los futuros usos de las máquinas en la guerra están más extendidas que el relato de lo que ya está pasando en los campos de batalla.
América Latina
Extrema derecha Los soldados de Donald Trump en América Latina
Mientras algunos presidentes latinoamericanos, con mayor o menor ímpetu, intentan ponerle freno, otros tantos se arrodillan y le rinden pleitesía sin recibir nada a cambio. ¿Quiénes son los súbditos latinoamericanos de Trump?