We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Urbanismo
Un pobo contra o asfalto: Bembrive e Mos rebélanse contra unha autovía que arrasará o seu pulmón verde

A maior parte das grandes batallas sociais que se viñeron dando en Galiza na última década están atravesadas dunha forma ou outra polo movemento ecoloxista. Máis aló da implantación de industrias de produción de celulosa, máis aló da reapertura de proxectos mineiros, máis aló da proliferación descontrolada de polígonos eólicos sen consenso veciñal. Hai outras loitas veciñais menos mediáticas nas que os colectivos afectados son máis heteroxéneos. É o que esta pasando en Bembrive, unha parroquia, pero tamén unha entidade local menor de Vigo.
Urbanismo
Xentrificación Movemento veciñal e urbanismo salvaxe na cidade máis grande de Galicia
Alí, o plan do Ministerio de Transportes de Óscar Puente, azuzado polo Concello do ubicuo Abel Caballero, pretende construír algo máis de dez novos quilómetros da autovía das Rías Baixas, abreviada como A-52 nos centos de carteis que proliferan en cada vez máis fachadas. Dez quilómetros de asfalto, túneles e, se chega materializarse, horas e horas de tráfico pesado ameazan con partir en dous o barrio e danar para sempre un dos pulmóns da área urbana máis poboada de Galiza.

Aínda que é certo que o ministerio de Puente (PSOE) leva como segundo apelido Movilidad Sostenible, desde Bembrive en pé, a asociación veciñal que cataliza o malestar de todas as veciñas e veciños da zona, xa o ven como unha broma de mal gusto: “En lugar de apostar por un modelo de desenvolvemento sustentable que contemple solucións de transporte menos invasivas e máis respectuosas co medio ambiente, o proxecto propón a ampliación dunha autoestrada que xa causou estragos na zona”, denuncia Roberto Estévez, presidente e portavoz da plataforma.
O gran argumento utilizado e repetido até a saciedade polo PSOE tanto en Madrid como en Vigo —e que ningún outro partido compra— é a alta sinistralidade do actual tramo que une Vigo con Mos e O Porriño, a saída sur da cidade. Ese é un feito innegable que ninguén discute. Agora ben, nin os veciños de Bembrive nin os de Mos, o outro municipio afectado, están de acordo en que solución pase por máis asfalto: “Falan do actual trazado da autovía coma se chegase do ceo, coma se non fose unha idea do ministerio de entón (...) Por que temos que volver tragar os veciños con eses erros?”, comenta unha veciña afecta que, como tantas outras neste e outros conflitos na cidade, prefire non publicar o seu nome: “Non sería a primeira á que presionan extraoficialmente”.
O argumentario publicado polo Concello de Vigo nos seus medios afíns —case todos os que cobren información local— sen apenas espazo para a contestación é pobre e, acotío, provocador. Nos últimos meses, malia que o proxecto está en plena fase de exposición, o alcalde do Nadal deu por feito que o proxecto farase “si ou si” e baseou a súa confrontación cos veciños en dous eixos fundamentais: a ridiculización das protestas e as supostas filiacións políticas dos afectados.
A ridiculización é a tónica habitual da argumentación desde esta corporación desde a súa primeira maioría absoluta e, en verdade, pouco variou: “Non nos van a levar á época dos carros de bois” ou “queren que volvamos ás pallozas” son frases coas que o partido que José Ramón Gómez Besteiro dirixe en Galiza vén respondendo a case calquera oposición á política do cemento e o urbanismo salvaxe.
Dá igual que sexa un viario de tráfico pesado que vaia a atravesar unha parroquia para abastecer a unha multinacional; a construción dun centro comercial coa escusa da renovación dunha estación de tren cun ascensor untuoso; ou a xentrificación do centro da cidade por unha estratexia de favorecemento do turismo de masas.
A resposta sempre é a mesma e adoita vir acompañada da acusación sen probas de que a maior parte das persoas afectadas están movidos por intereses dos partidos da oposición, mesmo cando son antagónicos como o Partido Popular e o BNG. “Se alguén cre que por protestar van parar a autovía (...) está equivocado”, sentenciaba Caballero fai unhas poucas semanas.

Segundo a fonte á que se acuda, o número de vivendas e terreos afectados varía. Polo de agora, só hai un mapa co trazado da autovía superposto. De aí, entre expropiacións e afeccións directas, poderían deducirse máis de medio centenar de familias directamente afectadas, pero o abano debe ampliarse bastante máis pola modificación das condicións de vida das persoas que non serían expropiadas e terían que ver agromar unha estrada onde agora hai campo.
“Os residentes de Bembrive e arredores verán a súa calidade de vida gravemente alterada”, sostén o portavoz de Bembrive en pé, que segue: “O aumento de ruídos, contaminación atmosférica e desaparición de espazos naturais ou o illamento de núcleos urbanos son só algunhas das consecuencias que nos preocupan profundamente”.

Este proxecto, denuncian, “prioriza un modelo de desenvolvemento que non atende ás necesidades reais das comunidades locais, agravando as desigualdades entre os territorios afectados”. As persoas residentes nas zonas impactadas “veranse prexudicadas polo aumento do tráfico, a redución da calidade de vida e a perda de espazos naturais, sen que se propoñan solucións reais para mellorar a accesibilidade ou conectividade de forma sustentable”. A ampliación da autoestrada representa “unha decisión imposta, sen considerar adecuadamente as demandas e prioridades da cidadanía”.
De feito, tanto Bembrive en pé como DefendeMos esixen a paralización inmediata do proxecto de ampliación da A-52 co fin de “evitar o impacto irreversible sobre o medio ambiente e a calidade de vida dos cidadáns”, a creación dun foro de diálogo aberto no que os veciños, expertos en urbanismo, ecoloxía e mobilidade e as autoridades competentes poidan debater sobre alternativas viables e sustentables para a rexión, sen recorrer á construción dunha nova autovía e a promoción de infraestruturas e solucións de transporte alternativas que respecten a contorna natural, favorezan a sustentabilidade e melloren a conectividade sen necesidade de destruír máis espazos naturais.
Por outra banda, o Parlamento de Galiza, coa mirada de lado do PSOE de Besteiro aos problemas da comarca, instou ao Goberno español a que libere o tramo da autoestrada da Atlántico AP-9, que comparte dirección, para poder liquidar rapidamente a problemática exposta polo propio Goberno. De feito, mentres que o tramo da A-52 que se quere reconstruír ten picos de até 70.000 vehículos ao día, o seu homólogo de pago apenas chega, no mellor dos casos, a 5.000 vehículos diarios.

Aínda que recoñecen a dificultade de medir con exactitude a cantidade, cifra en máis de 25.000 as alegacións presentadas ao proxecto do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible: “A nosa protesta é pacífica e respectuosa. Queremos expresar o noso desacordo co proxecto de maneira ordenada e cívica, buscando a reflexión das autoridades e da cidadanía sobre o futuro das nosas cidades e o modelo de desenvolvemento que queremos para o século XXI”, rematan desde Bembrive.