We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Cultura de la Transición
Pepe Carvalho regresou a Láncara
O vixésimo aniversario da morte de Manuel Vázquez Montalbán fíxome pensar no pouco que reivindicamos en Galicia a Pepe Carvalho. Resulta que un dos detectives máis emblemáticos da novela negrocriminal europea —inspiración de Márkaris ou Camilleri— era un barcelonés orixinario de Souto, aldea do concello de Láncara. E teño a sensación de que non acabamos de abrazalo demasiado, prescindindo dunha figura que ben poderiamos traer ao noso rego cultural alén de despachar o asunto cunha simple alusión á procedencia xeográfica. Supoño que nese desleixamento hai algo de preguiza intelectual compartida, pero tamén unha nova demostración de que a intelixencia autonómica prefire conducir a máquina da galeguidade exterior por vieiros máis inofensivos: os sentimentais. E Carvalho, afastado desas coordenadas, segue a falar de política e desencanto. Tatuaje, La soledad del manager ou Los mares del Sur son palabras maiores. Contaban unha Transición que non se parecía ao relato dos cronistas palacianos: a conversión das elites franquistas —dun día para outro— en comenenciudos demócratas.
Tampouco houbo intentos de apropiación dende as órbitas culturais do galeguismo e da esquerda nacionalista. Á fin e ao cabo, Pepe Carvalho pertence á literatura española e opera nun xénero popular que, agás excepcións, nunca gozou de moito predicamento entre os intelectuais máis reconcentrados. A min gústame imaxinalo nun trama de noso, cando dos Pactos da Moncloa, onde os líderes da UPG non lle perdoan a súa militancia no PCE e os piñeiristas lle gardan rancor por abandonar a CIA. Teño para min que a Montalbán lle faría graza fantasiar con esa coalición de forzas opostas no ideolóxico que se unen contra as heterodoxias dun detective. As mans que escribiron Asesinato en el Comité Central —unha marabilla de política-ficción— estarían dispostas a apoiarme nese argumento. Non en van falamos dunha novela onde cae asasinado o secretario xeral do PCE cando se vai a luz: un misterio de cuarto pechado con comunistas.
A viaxe de Carvalho de Láncara a Vallvidrera podería interpretarse coma o inicio dese periplo que non chegaría a completar
O escritor reflexionaba sobre a metáfora da fuxida —“máis necesaria en tempos de incertidume e asfixia dos sentidos polas leis da necesidade e a supervivencia”— a través da proposta de T.S. Eliot: “Ler ata ben entrada a noite e en invierno viaxar cara ao sur”. O sur como lugar de plenitude existencial. Aínda que colleu rumbo ao leste, a viaxe de Carvalho de Láncara a Vallvidrera podería interpretarse coma o inicio dese periplo que non chegaría a completar. Cos anos estragáronlle os territorios da infancia, de aí que algunhas das súas últimas novelas xa non se desenvolvan en Barcelona. A cidade turística comezaba a perder o norte e Carvalho perdía definitivamente o seu sur, apenas acompañado dunha “ambigua sensación de territorialidade ingrata” que Montalbán advertira en 1947, cando viaxou por primeira vez a Galicia para coñecer os avós de Souto, cun pai que procuraba o reeencontro coa familia despois de sufrir represión e cárcere. Anos despois, o fillo escribiría en Pero el viajero que huye: “Más allá del silencio / entre barcos varados / en los mares de mármol / donde buscan su rumbo las aves sin suerte”. Así quedou Pepe Carvalho, volvendo a un sur chamado Láncara.