We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
A Catapulta
Á dignidade polo camiño da excelencia
Neste 2025 cúmprense 30 anos da publicación do primeiro poemario de Yolanda Castaño, Elevar as pálpebras (1995, Espiral Maior). Desde entón, o traballo constante e diario da poeta por dignificar e profesionalizar o seu oficio non se limitou só á área que abarca a súa propia obra. Máis o contrario, dispuxo de xenerosidade abonda para sacar adiante un ciclo como o Poetas Di(n)versos, no que conflúen na Coruña mensualmente voces poéticas galegas e de todo o mundo, ou a Residencia Literaria 1863, unha aposta persoal da autora por ofrecer o espazo e a condicións para a creación a outras autoras e autores. E isto só son dous enormes exemplos do seu traballo.
A Catapulta, o programa que dirixe e conduce Samuel L. París, recibiu a poeta no seu último episodio. Nel tivo ocasión de expresar a súa visión sobre a súa profesión, sobre a que reflexiona na obra Economía e poesía: Rimas internas e na que afondará no poemario que verá a luz no mes de marzo, A falsa autónoma. Iso si, tamén houbo oco para as anécdotas, como as vividas compartindo coche nos seus desprazamentos a eventos literarios.
Como sempre, cada episodio pode escoitarse tamén en formato podcast en Spotify e Ivoox.
O programa voltará no mes de marzo con novas conversas ao redor da poesía.