We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Arte urbano
A pegada do Desordes Creativas
Dez anos de muralismo de gran formato en Galiza están facendo mudar a opinión da sociedade sobre a intervención urbana en vilas e cidades. O modelo que exporta Ordes callou en Carballo, Compostela, Cambre... e medrando

Unha Brincadeira
Todo comezou en Ordes, unha vila coruñesa de doce mil habitantes na marxe da estrada nacional 550, cunha escena artística e musical marcada indiscutiblemente pola pegada das bandas de punk rock Kastomä e Zënzar. As crews de grafiteiros Cousas Novas e Vandals comezan a pintar e as primeiras bandas de rap en galego, 5Talegos e Ghamberros, a contestar as políticas do goberno autonómico e local. Estas formacións uníronse en 2003 para formar o colectivo Dios Ke Te Crew, que xuntou todas as disciplinas –rap, graffiti e breakdance– coas súas propias bases e mesturas. Poucos anos despois convértese nun referente da escena do hip-hop no conxunto do estado. Neste contexto comeza o festival de música Brincadeira de Ordes no ano 2007, e un ano despois Mou e Sokram, de Mutante Creativo, incorporan o Desordes Creativas como actividade paralela. Nove Noel, artista de Rianxo afincado en Compostela e Xoana Almar, muralista invitada nesta edición, falan co Salto Galiza co gallo dos dez anos do Desordes sobre o hype do muralismo e o modelo de festival que consolidou e exporta Mutante Creativo. “Cando comezou o Desordes era unha xuntanza na rúa, non tiña o formato de agora” lembra Noel. “Coincidía co festival de música que organizaban uns amigos deles e viña moitísima xente pintar, era un caos, non se pagaba nada a ninguén, nin desprazamentos, nada. Era unha xuntanza de xente pintando en muros baixos, de bloque, os que podían conseguir. Como un complemento do festi, aínda que sempre remarcaron que o Desordes era paralelo ao Brincadeira. A xente ía a pasalo ben, pero Mou e Sokram xa o tiñan bastante claro”.

Gratis non vas a calquera sitio
Ata hai dous anos toda a xente que participara no Desordes non vira un peso. Sokram lembra que “a partir de 2012 comezamos a reducir cada vez máis a participación ata chegar a 6 muralistas, que é no que estamos agora. Démonos conta de que non eramos quen de xestionar e tratar ben a tanta xente”. Mou complementa “antes ás veces non tiñamos recursos para dar loxística a todas as persoas, andamios, etc. Decidimos recortar a participación para que tiveran boa cobertura loxística e gañaran en calidade de execución”. Xoana e Miguel [Nömada] pintaron no Desordes 2013, e na edición deste ano a convidada foi ela. “Aquel ano foi sen cobrar” reflexiona Xoana “pero ao Desordes vas polo trato. En xeral imos por todo o traballo que levan detrás e concordamos co proxecto... porque sen cobrar non vas así porque si a todo”. Sobre este punto, Mou destaca que “sempre recibimos a implicación e apoio de todos os artistas co festival, nomeadamente Noel e Liqen xeraron sinerxias que favoreceron unha deriva positiva do Desordes”. En dez anos teñen pasado polo Desordes Creativas artistas de Galiza, do conxunto do estado e internacionais como Doa, Iria Fafián (Nada), Liqen, Nana, NO3L, Pelucas, Peri, Sekone, Tayone, Xoana Almar, Xpen, Aryz, Cinta Vidal, Nömada, Saturno, Zosen, Animalitoland, Axel Void, Bastardilla, Blu, Ericailcane, Sr. X (e moita xente máis) e ata a edición de 2016 sen ter visto un peso polo seu traballo, incluídos os propios Mutante Creativo pola xestión do festival. Sokram explica como mellorou a situación hai dous anos “a base de dar a turra. Despois de oito edicións a administración implicouse un pouco máis con este proxecto”.

O modelo ‘Desordes’
Como muralista, Xoana ten unha opinión sobre o formato do festival: “Concordo cos principios que manteñen Mou e Sokram. Convidan artistas pola súa traxectoria, sempre hai participación galega, liberdade artística e obradoiros para a xente de Ordes. É unha implicación no territorio e crean un interese polo muralismo e a pintura”. A liberdade creativa a marca da casa que Mutante mantén como unha constante no Desordes e noutros festivais amigos, como o Rexenera Fest de Carballo. “Nós o único que pedimos aos veciños é que dean liberdade creativa. Hai xente que non está de acordo, pero é un festival de arte urbana, nós entendemos que ten que ser libre. Quen pinta non vai facer un presuposto dun traballo por encarga. Conseguir esta liberdade artística nos muros non é o máis difícil, pero para nós é unha máxima”, di Sokram. “O único que talvez facemos é falar coa veciñanza e ás veces poden escoller a quen prefiren. Pero ‘eu quero que me pinten aquí unha palmera’ condiciona a obra do artista, e por aí non pasamos”. O modelo Desordes é o formato de festival de muralismo que Mutante Creativo leva dez anos desenvolvendo e mellorando. O Concello de Carballo comprendeu a responsabilidade municipal na implicación da sociedade no espazo público, e o valor estratéxico en termos de turismo e promoción económica de vestir a súa vila coa obra “do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana”, segundo explican na súa propia web.

En Compostela é moi difícil intervir
Para explicar como foi adiante o proxecto ‘Compostela Contemporánea’ rebobinamos tres ou catro anos. “Todo comezou cunha chamada de Noel para pintar o primeiro mural que fixemos en Compostela” lembra Sokram “aínda co PP gobernando no Concello. Despois de batallar e pasar corenta filtros de burocracia, presupostos, etc. conseguimos pintar nun muro privado en Pontepedriña co apoio da veciñanza. Xusto estabamos pintando cando foron as eleccións de 2015 [que gañou Compostela Aberta]. O mural gustou e propuxemos o que realmente queriamos facer: un formato de festival con máis continuidade, porque en Santiago non hai nada. Despois de pintar aquel mural de Pontepedriña comezamos a reunirnos. Falamos coa UMAD [a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes do Concello de Santiago] que tamén estaba facendo cousas de cultura urbana en Santiago. Presentamos un proxecto e máis reunións. Por fin o ano pasado foi a primeira edición na que se pintaron 4 murais e agora en setembro vai ser a segunda”. Como resumo en palabras de Mou, “en Compostela é moi difícil pintar. O que diferencia o Compostela Contemporánea doutros festivais nos que traballamos é que é moito máis complicado intervir alí, en parte lóxicamente polo valor arquitectónico e patrimonial do casco histórico, mais os filtros burocráticos tamén dificultan traballar na periferia. Pero esencialmente é o mesmo, arte urbana con xente de todo o globo. Nós levamos o formato do Desordes alí onde o queiran.”

Mulleres que pintan

Varias actividades teñen lugar en Ordes ao tempo que se pintan os murais. Javier Abarca (Madrid) impartiu un seminario “comprimido” de introdución ao graffiti ao que asistiron unhas trinta persoas. Un éxito segundo a organización, tendo en conta o contexto de Ordes. Tamén houbo un obradoiro de realismo impartido por Sekone (Vilagarcía) que durou dous días e que recibiron oito rapazas e un rapaz. Xoana reflexiona sobre este dato: “pode parecer que se repite a historia: un home da un obradoiro e asisten mulleres, e cos anos non pasan as mulleres a dar os obradoiros”, e fai unha valoración da participación feminina no festival: “é certo que ao longo dos anos participamos moitas menos no Desordes, pero por exemplo no Rexenera 2017 chamaron máis mulleres que homes. Hai moitísimas muralistas pero a realidade é que somos menos, algo que está cambiando. En Ordes xa se ve unha canteira crecente de mulleres que van pintar.”
O mundo do graffiti está moi masculinizado. A cidade non é igual para un home que para unha muller.
Como se achega unha persoa ao espazo urbano? Semella que hai distintas procedencias, podes vir da ilustración ou da pintura, aínda que para Noel, a maioritaria procedencia grafiteira explica por que hai menos mulleres que homes pintando na rúa: “Entrei en contacto co mundo dos murais a través do graffiti. Eramos case todo homes saíndo de noite a firmar”. “É verdade”, lembra Xoana, “o mundo do graffiti está moi masculinizado, coñezo moitas menos mulleres, aínda que as hai. Saes pola noite a sitios moi escuros, ás veces abandonados. Eu ía pero nunca saín soa. A cidade non é igual para un home que para unha muller, ese é un condicionante no mundo do graffiti”.
Bastardilla e Xoana Almar comentan a súa obra

“Aproveitei a oportunidade de pintar en Ordes para desenvolver unha das miñas inquedanzas, o feminicidio”.
Esta artista colombiana moi recoñecida no circuíto da arte urbana e o muralismo elixiu desenvolver a súa actividade no anonimato, pero falou co Salto Galiza da obra que deixa en Ordes. “Desbotei pintar algo dixerible ou para todas as idades e tratei o asunto como unha tea de araña invisible que conecta moitas problemáticas. O feminicidio non sinala unicamente a violencia contra as mulleres, tamén apunta os homes e sociedades distraídas que asumen roles ríxidos, castrantes, con futuro programado. Con esa imaxe pregunto que relación teñen o capitalismo, o colonialismo e o poder cos asasinatos selectivos de mulleres, e tamén quero destacar esas redes invisibles pero resistentes de mulleres que no campo ou na investigación enfrontan esa confusión e debilitan os poderes co esforzo do cambio, do estudo e da solidariedade”.
A artista Xoana Almar é ilustradora, antropóloga e economista. En 2013 creou, xunto con Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa de traballo asociado Cestola na Cachola que xunta deseño, pintura, ilustración e muralismo coa economía social (economía ao servizo das persoas, non do capital). Adoita representar mulleres traballando xuntas ou carrexando vasixas ou cestas con froitos na cabeza. Tamén desenvolve unha liña de traballo en conxunto co artista Miguel Peralta (Nömada), con quen xa pintara un mural en conxunto na edición de 2013 do Desordes Creativas.
“Nesta edición agobieime porque pensaba que era unha parede e resultaron ser tres. Erro meu, porque Mou enviárame todo. Veu Miguel axudarme porque era unha parede de cemento que precisaba unha base e dúas capas de pintura”. Salienta a capacidade de adaptación e a porosidade das persoas que se adican ao muralismo de gran formato e en xeral ás intervencións no espazo público, sexan cidades ou vilas. “Cando vexo que son tres paredes non podía dicir que non! Quedaba moito máis bonita e tiven que inventar de novo a idea”.