We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Análisis
A Galiza urbana: como mobilizar o voto nas cidades será a chave do cambio nas eleccións galegas
Nunha entrevista recente, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz afirmaba que “se Galicia vota igual que nas xerais de xullo, haberá cambio na Xunta”. Nas últimas xerais, as esquerdas acadaron un 50,2% dos votos en Galiza, e en 2019 rondaron o 54% dos sufraxios. A afirmación da líder de Sumar diríxese a evitar o sucedido no último ciclo, onde os éxitos nas xerais viñeron acompañados pola derrota nas autonómicas de 2020. Polo tanto, se atendemos aos últimos resultados, a afirmación é acertada: se votamos como nas xerais, a esquerda gaña. Será suficiente con chamar a votar ao pobo progresista? Por que as esquerdas perden tantos apoios entre unhas eleccións e outras?
A Galiza urbana: progresista nas xerais, desmobilizada nas autonómicas
Os fracasos das esquerdas nas autonómicas de 2012, 2016 e 2020 relaciónanse co aumento da abstención, especialmente na Galiza urbana e semiurbana, é dicir, nos concellos que se concentran nas provincias da Coruña e Pontevedra, especialmente na franxa atlántica —onde vive o 75% da poboación galega—, pero tamén na Mariña e nalgunhas zonas de Lugo e Ourense. Un dato da conta do peso demográfico das urbes: só nas sete grandes cidades galegas reside preto do 40% da poboación, e iso sen contar coas súas areas metropolitanas.
Cos datos das tres últimas eleccións galegas podemos observar que os 86 concellos da Galiza urbana e semiurbana teñen maiores niveis de abstención en comparación cos 229 concellos restantes
Se atendemos aos datos das tres últimas eleccións galegas podemos observar que os 86 concellos da Galiza urbana e semiurbana teñen maiores niveis de abstención (35,55%, 36% e 40,36%) en comparación cos 229 concellos restantes (32,67%, 33,13% e 37,03%), que podemos clasificar como semirurais, rurais ou moi rurais. Se illamos os concellos semirurais, moitos deles máis próximos á realidade dun concello urbano que dun rural —pensemos en Noia ou Muros (A Coruña)—, as diferencias de participación amplíanse até máis de seis puntos. Nos concellos urbanos, a diferencia de participación entre as xerais de 2023 e as autonómicas de 2020 é de máis de catorce puntos.
Paralelamente, os resultados amosan que nestes territorios é onde máis se reducen os apoios dos progresistas, perdéndose máis da metade dos concellos urbanos, incluídas tres das sete grandes cidades galegas. Esta abstención urbana, a súa vez, agudízase entre as clases populares, tal e como debulla a última investigación de Carretando con datos das sete grandes cidades galegas.
A derrota dos progresistas atende a tres claves: redúcese a participación xeral nas autonómicas, prodúcese unha maior abstención urbana e os sectores máis empobrecidos son os que máis se absteñen
En resumo, a derrota dos progresistas atende a esta tripla condición: primeiro, redúcese a participación xeral nas eleccións autonómicas; segundo, prodúcese unha maior abstención urbana; e terceiro, dentro das grandes vilas e cidades, son os sectores máis empobrecidos os que máis se absteñen. A Galiza urbana é o bastión do bloque progresista, e sen a mobilización destes votantes non haberá cambio na Xunta.
Análisis
Análise Que di (e que non) o barómetro do CIS sobre Galiza?
Que está pasando na Galiza urbana?
O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) axúdanos a debuxar un panorama da sensibilidade actual na Galiza urbana. Os habitantes das urbes son os que mostran máis preocupación polos problemas comúns a todos os galegos e galegas: o paro, a sanidade e a crise económica preocupan máis na cidade, así como as infraestruturas ou a falta de inversións en sectores punteiros. Porén, chama a atención que preto da metade declaran a súa falta de interese nas eleccións autonómicas.
Cando se lles pregunta pola súa percepción sobre a situación política e económica da Galiza actual respecto á de hai catro anos, o groso dos urbanitas din sentir que todo segue igual. E asumen que así seguirá despois do 18F: en comparación co resto de Galiza, o desexo de cambio é maior, pero a expectativa do mesmo é menor. Á pregunta sobre quen cre que gañará as eleccións, un 79,2% declarou que seguro que o PP. Ao ser preguntados por quen lle gustaría que as gañase, só un 37,8 % optou polo PP. É máis, se observamos só os datos de Vigo, A Coruña e Ourense —únicas tres urbes con máis de 100.000 habitantes— a crenza na vitoria do PP sube até o 82%, mentres que o desexo de que gañe baixa até o 29,2%.
O pesimismo desta cidadanía urbana parece vaticinar unha ausencia total de sorpresas neste 18F. A “illa de estabilidade” anunciada por Rueda precisa deste mar de pesimismo: non hai sentimento máis desmobilizador que a impotencia. As xentes da cidade valoran peor a xestión do PP e senten as súas ideas máis representadas polas formacións de esquerdas (55,2%).
A urbe é a que menos desexa que haxa un goberno do PP pero a que máis cre que o haberá; a que máis se preocupa polos problemas do país pero a que menos atende ás eleccións; a que máis considera que a situación política e económica segue igual, pero a que peor valora a xestión do PP. A Galiza urbana é unha marea de contradicións, pero tamén o motor do bloque progresista. Por que se desmobiliza nas autonómicas?
Unha explicación: a Galiza reducida
Na súa Galicia reducida, o analista Rodri Suárez propón que a desvinculación das masas urbanas coa política autonómica relaciónase coa extensión dunha idea de Galiza que a reduce a un territorio rural, atrasado e que xira arredor de Santiago. Nesta idea de Galiza non está representada a súa realidade urbana, os seus sectores modernizadores nin o resto do territorio que non é Santiago. Este “marco conservador e centralista” atravesaría a todo galego e galega, de dereitas ou esquerdas —de Fraga a Bautista Álvarez—, e beneficia ao PPdeG porque non interpela á poboación urbana, é dicir, á poboación máis de esquerdas.
Esta idea parte dunha fantasía que, en palabras de Antón Baamonde, “ve no campo a expresión xenuína do ser galego”, e produce en nós unha percepción de Galiza como unha rémora do pasado: como algo a conservar, propio doutro tempo. Estas percepcións resúmense en imaxes que reclaman a nostalxia por un mundo perdido: o do rural, a Arcadia campesiña e os lazos comunitarios. O autor da innumerables exemplos destas imaxes: como o discurso parlamentario de Emilio Pérez Touriño en xullo de 2005, onde dixo que “o mundo rural é e será sempre parte da alma máis entrañable desta terra”; ou a reflexión de Castelao no Sempre en Galiza, na que dicía que a “santísima trindade galega” era “Árbore, vaca, peixe”.
É esta idea ruralizada de Galiza a que se activa cando falamos dunhas eleccións autonómicas. Unha Galiza rural que os sectores sociais urbanos senten como propia, que mesmo aman, pero que está moi afastada da súa realidade cotiá. Nas autonómicas, a “lóxica defensa do territorio galego” convértese nunha sentimentalidade conservadora respecto desta Galiza rural e entrañable.
É difícil que unha traballadora precarizada de Ponteareas, ou un mozo na procura de vivenda na Coruña, poidan sentirse interpelados por unha diagnose que sobreentende a condición parasitaria das cidades sobre o rural
Esta visión pode explicar a derrota das dereitas nas autonómicas de 2005, a cal se produciu despois dunha catástrofe para a natureza como a provocada polo Prestige, dun “golpe á Terra”. As esquerdas puideron capitalizar a crise do PPdeG que, en tanto cómplice na devastación da terra, perdeu a capacidade de representar esa sentimentalidade conservadora. A crise dos pellets, dunha dimensión distinta, activou esta sentimentalidade de defensa da terra e colouse nos temas que máis preocuparon á cidadanía no inicio de campaña.
Outra dimensión deste marco conservador é a idea de Galiza como un pobo atrasado, ignorado, caciquil, tradicional, pobre. De novo, son ideas que atravesan tanto a esquerda como á dereita. Para o caso das esquerdas o autor rescata a hipótese colonial sobre Galiza, condensada nas dúas obras máis populares: O atraso económico da Galiza, de Xosé Manuel Beiras, e a Problemática nacional e colonialismo, de Ramón López Suevos e Francisco Rodríguez. A idea principal da hipótese é considerar que as relacións sociais e económicas na Galiza están supeditadas ao interese de España —ao estilo dunha colonia interior segundo Beiras—, o cal produce non só un subdesenvolvemento das forzas produtivas do país, senón o desleixo e a subalternidade do pobo galego.
Ambos libros, publicados nos setenta, son interpretados por moitos sectores do soberanismo galego como o retrato máis acertado da nación, tamén na actualidade. Estas teorías parten dunha relación de dominación e espolio entre España e Galiza, entre a cidade e o campo. Estas explicacións corren o risco de non ser operativas politicamente, é dicir, de non servir para explicar os problemas reais que preocupan á sociedade galega. É difícil que unha traballadora precarizada de Ponteareas, ou un mozo na procura de vivenda na Coruña, poidan sentirse interpelados por unha diagnose que sobreentende a condición parasitaria das cidades sobre o rural, ou que perciba determinadas identificacións culturais, tales como falar en castelán, como elementos alienantes que os afastan dos seus intereses obxectivos. Esta noción de “atrasismo” e “aldraxe” manexada pola esquerda soberanista sería outra expresión do reducionismo da Galiza realmente existente.
Outro aspecto deste marco é o centralismo compostelán. Tomar a parte polo todo: o compostelanismo como sinónimo de galeguidade. O libro de Suárez narra a disputa pola capitalidade e explica a centralización dos recursos na capital como parte fundamental na construción da autonomía. Tamén trae a colación numerosos exemplos deste centralismo no eido dos imaxinarios, como unha das primeiras declaracións de Feijóo como presidente en 2009, onde dicía que “Galicia terá dúas iconas, a catedral de Santiago e o Gaiás”; ou as recorrentes convocatorias nacionais da esquerda na capital, por non falar da concentración dos actos do Dia da Patria na cidade —coincidente en datas co día de Santiago—.
Outras dúas historias ilustran o desfase entre a Galicia reducida e a Galiza realmente existente: a primeira é a polémica representación feita pola IA das mulleres de cada comunidade autonómica española, que para o caso galego aparecían representadas como mulleres maiores cun xesto amargado. Outra é unha anécdota de Manuel Gago, que comenta que perante a pregunta de “que é Galicia?” realizada nun concurso infantil, os nenos aludían á “avoa da aldea, as vacas, a empanada, a festa do patrón, os campos, unha carballeira, un miradoiro, a muiñeira”.
En ambas historias aparecen percepcións sobre o que é Galiza afastadas da experiencia cotiá. A Galiza urbana aparece como un espazo invisíbel, falto de desexo e carente de imaxinación política, non hai un recoñecemento nin das ausencias nin das potencialidades da mesma. Esa idea de Galiza non interpela aos sectores da sociedade que poden liderar unha modernidade posneoliberal, centrada na dotación de infraestruturas e transportes públicos, a transición ecolóxica, na redución do tempo do traballo ou no robustecemento dun sistema público de coidados.
Esta Galiza urbana e modernizante existe, pero parte da mesma queda na casa nas autonómicas, pois non se percibe a si mesma como parte do relato da autonomía. Nestas condicións, é sinxelo para o PPdeG postularse como “o partido que máis se parece a Galiza”.
Construír un relato de Galiza novo, unha sentimentalidade galega progresista, é necesario para atraer ás masas populares urbanas cara a política autonómica. Tratase, máis que dunha tradución automática dos intereses en votos, ou da chamada a activar o voto progresista, dunha política do desexo: de construír unha idea de Galiza centrada no seu potencial de modernidade, no que pode chegar a ser. Só así pode competir a esquerda galega cos marcos conservadores do PPdeG (“A Galicia que somos”, “A Galicia que funciona”).
A desmobilización dos progresistas das urbes xa é un feito que está a ser interpretado polas esquerdas. Atopamos esta intelixencia estratéxica no liderado de Ana Pontón e nos xiros comunicativos do BNG, co abandono dos discursos máis esencialistas en torno a identidade galega, como por exemplo respecto ao idioma. Tamén en Sumar, con medidas especialmente dirixidas as mulleres e á poboación urbana e moza, como por exemplo a proposta dun metro lixeiro nas áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña.
De momento, a estratexia parece estar dando resultado. No Preelectoral do CIS, máis dun dun 80% dos habitantes da Galiza urbana din que irán a votar con toda seguridade, case dez puntos máis que nas anteriores eleccións autonómicas. Veremos se o vindeiro 18F as esquerdas evitan os sucesos de 2020, onde perderon un 20% dos apoios recibidos nas xerais de 2019 e as cidades foron responsables do 44% dos votos perdidos.
Relacionadas
Opinión
Lanaren Ekonomia Euskal Herriko industria-politikak norabide aldaketa behar du
Opinión
DANA en Valencia El barro de la DANA y el fango de la partidocracia
Dana
València Mazón se atrinchera detrás de un militar y cierra su crisis de gobierno
Moi boa reflexión! Grazas.
A única cousa que engadiría, cando se fala da conservación da Galiza rural como algo de dereitas é que moitas loitas do ecoloxismo fronte ao modelo enerxético das renovables (macroproxectos de polígonos eólicos preto dos montes e aldeas) organízanse dende o rural. Que tamén hai unha galiza rural que di NON a esa galicia que funciona do PPdG