We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Amianto
Amianto, pó branco en buzo azul
Milleiros de traballadoras dos estaleiros de Ferrolterra estiveron expostas ao amianto, pero o dano vai mais alá. En vindeiras décadas seguirán aparecendo casos provocados por exposición medioambiental. Malia que soe a vello, o do amianto é un problema de saúde pública nin moito menos resolto.
Cada terra constrúe os seus símbolos dun xeito ben azaroso. Quen medrou preto de Ferrol nos 90 lembrará ese buzo azul que levaban os nosos veciños e avós, ou os cativos e cativas para xogar na herba sen se manchar. O símbolo vén de Astano, da Bazán, sustento de case todas as familias traballadoras ata que a reconversión mudase para sempre Ferrolterra, territorio que nin a AP-9 puido rescatar.
Pero afondando na memoria non é posible separar ese buzo azul de todo o que provocou o amianto. Incontables mortes, todas evitables, caladas até que non se podían agochar máis.
Unha ollada cara atrás
O tema vén de vello, como explica Rafael Pillado, histórico do sindicalismo galego, fundador de Comisións Obreiras e traballador na Bazán: “É antiquísimo, e ben se sabía que era canceríxeno, pero a empresa ocultouno e pagou a médicos e a quen fixo falta para que non se falase disto”. Desencantado co sindicalismo, hoxe Pillado é parte de Agavida, a Asociación Galega de Vítimas do Amianto.
Emilio Espiñeira é o seu vicepresidente e tamén traballou na Bazán de 1954 a 1999. Durante boa parte dese tempo papou o pó do amianto, o que lle provocou engrosamentos pleurais que o teñen, di, “bastante fastidiado”. “O amianto era importado e tiña que vir acompañado dunha pegatina que avisaba de que era canceríxeno, pero nada, chegaban á aduana e quitábanllas. Eu na vida vin eses adhesivos en Bazán”.
Primeira conclusión, evidente e coñecida: a empresa sabía o que provocaba. Máis coñecidos se fixeron os seus efectos en 1980, cando Steve McQueen morreu polo asbesto que inhalou limpando barcos. Mais non por sabido deixou de ser calado.
Conta Pillado unha conversa que tivo nos 90 cun dirixente de Bazán: “Expliqueille o que estaba pasando cos meus compañeiros e díxome ‘bah eres un exagerado’ polas cifras que lle daba, pero confirmoume que a empresa sabía que o amianto era canceríxeno, que mataba”. Pillado teno claro: “Eran uns asasinos en potencia”.
Emilio Espiñeira lembra as “barbaridades” que se facían, por exemplo, na limpeza semanal dos sábados: “Os engrasadores (limpadores) collían unha mangueira de aire para soltar o pó do amianto, de xeito que se facía unha nube de pó, e nese ambiente traballabamos. O amianto non só se respiraba, comíase”. El e os seus compañeiros tirábanse amianto “de brincadeira, por ignorancia”, e hoxe lamenta que “de sabelo non teríamos feito esas barbaridades e non habería tanta xente contaminada”.
Desde Agavida falan de entre 12.000 e 16.000 persoas afectadas. Nos anos 90, Comisións Obreiras faría unha primeira listaxe de afectadas, coa que traballaría a unidade específica de asbestose en Ferrol que as vítimas viñan reclamando e que conseguirían non sen moito loitar. Na consulta, aberta aínda en 2002, trataríanse os enfermos que inhalaran fibras de asbesto.
Explica a neumóloga asturiana Carmen Diego, coordinadora da unidade xa naquela altura, que “nesa primeira lista había 300 afectadas e a consulta realizábase uns poucos días; pero agora é unha consulta diaria”. A tardanza na diagnose e na apertura desta área en Ferrol afectou a milleiros de persoas, como Emilio, que foi diagnosticado polo médico da empresa: “Dixéronme que podía ir á Oviedo ao Instituto Nacional de Silicose, pero non fun, eu era un cativo”. Outras veces dicían que era cousa do tabaco, segundo Pillado, que lembra a situación resignado: “Os cargos sindicais comezamos a preocuparnos cando vimos que ían morrendo compañeiros un detrás doutro, e cando te das conta do que pasa xa é tarde”. Nun estudo de 2013 coordinado por Carmen Diego, estimábase que o redor do 70% por cento das traballadoras estaban afectadas e concluía que a exposición era un factor “potencialmente causante” de enfermidade pulmonar.
Explica a neumóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) que as patoloxías “aparecen moitos anos despois da exposición, a diferencia doutras enfermidades profesionais como a silicose, e en moitos casos aparece cando o traballador xa deixou de traballar e non o relaciona co seu traballo”. Emilio recorda que non se nota nada cando tragas amianto, que nin sequera é desagradable, como si pasa por exemplo, cando inhalas fume. Ademais nun principio é asintomático, malia que vai provocando o engrosamento da pleura ao tempo que comprime o pulmón. As patoloxías derivadas son moi diversas, sendo as máis graves a asbestose, o cancro de pulmón e outra que é fatal no longo prazo: o mesotelioma, “un cancro de pleura que afectou a moitas persoas da zona”, explica Carmen Diego.
Un problema de saúde pública
A exposición ao amianto non remataba nos estaleiros. Conta Diego que “moitos traballadores de Bazán e das auxiliares (máis de 17.000 nos seus mellores tempos) levaban a roupa de traballo a casa para que as esposas lla lavasen. “Temos moitos casos de mulleres con placas pleurais, engrosamentos de pleura e tamén de asbestose. Algunhas destas mulleres cobraban algo por lavarlle a roupa tamén aos compañeiros de traballo do seu home”.
No manifesto por unha lei integral do amianto lémbrase que en 2050 se podería chegar aos 130.000 falecidos polo uso industrial do amianto só no Estado español
A problemática é global. A uralita, feita con ata un 40% de amianto, foi unha marca e produto moi barato e polo tanto moi empregado na época de maior desenvolvemento urbanístico, e segue hoxe presente en moitas das construcións, edificios oficiais e vivendas. En 2020, traballadores do metro de Madrid seguen pedindo a súa retirada das vías, no vertedoiro de Zaldivar (Euskal Herría) onde hai aínda 16.000 toneladas de amianto, ou en trens de Renfe, cuxos responsables “deberían estar ante os tribunais”, critica Pillado. Desde Agavida veñen denunciando estas situacións, coma o amianto que había no aparcamento da praza do Concello de Ferrol (pola que a institución foi condenada) ou a uralita da Sociedade Galega de Historia Natural, da Xunta. Espiñeira resume así o papel das institucións ao respecto: “Pasan de todo”. Aínda hoxe, non hai un censo, reivindicación das asociacións desde hai moito e esixida polo Grupo da Lei Integral do Amianto, do que forma parte Carlos Piñeiro, médico que investiga a problemática en Ferrolterra xa desde os anos 80. Explica Piñeiro que a normativa europea aprobada en 2013 “daba a oportunidade de acabar de facer o censo de presencia de amianto nas cidades, pero en España pasouse olimpicamente deste tema. Non houbo interese.”
Tal é o pasotismo que esta exposición medioambiental do amianto fixo que co paso dos anos a ratio de afectadas por xénero se equilibrase na comarca de Ferrol, como conta Carmen Diego. Cómpre lembrar que na Bazán e Astano a inmensa maioría de traballadoras eran homes.
Os problemas derivados do amianto en 2020
O problema vén de vello, pero non por coñecido pode ser esquecido. Ao entrar na sede de Agavida, un luns de inverno ás nove da mañá, hai xa tres persoas afectadas e viúvas recibindo asesoramento. “Veñen facer reclamacións, que lles revisemos a pensións, esas cousas”, explica Rafael Pillado. O mesmo pasa coa consulta, que recibe entre 1.000 e 2.000 consultas anuais. E isto non vai mudar deixando pasar o tempo: no manifesto por unha lei integral do amianto lémbrase que en 2050 poderíase chegar aos 130.000 falecidos polo uso industrial do amianto só no Estado español.
Carmen Diego critica a pouca dureza da normativa actual: “A directiva europea insta, pero non obriga, a retirar o amianto”. Emilio Espiñeira coincide e é máis duro: “Para quitar a uralita non hai subvencións nin nada. En Ferrol só hai unha empresa que o faga, pero cobra máis que o que custa poñer un tellado novo, e claro, ninguén o fai. Pero isto hai que sacalo, non queda outra”.
Ás institucións non lles interesa o tema e fan o posible para que asociacións como Agavida desaparezan; buscan o xeito de dispersar as loitas, de dificultalas, de impedilas”
As mortes por enfermidades provocadas polo amianto seguen sucedéndose da man do desleixo das institucións: “Nos últimos anos foronse perdendo conquistas; ás institucións non lles interesa o tema e fan o posible para que asociacións como Agavida desaparezan; buscan o xeito de dispersar as loitas, de dificultalas, de impedilas” explica Pillado. Tanto el como Emilio teñen unha morea de argumentos que sinalan esta tese: “Hai non moito subiron o umbral para poder reclamar a enfermidade profesional: dunha TLC (capacidade pulmonar total) do 70% ao 80%. Agora hai milleiros de persoas que xa non poden reclamar. Non hai dereito, isto está todo corrompido”.
Apunta Emilio Espiñeira tamén cara á dispersión da loita da que falaba Pillado, unha estratexia que empregou a empresa para lavar as mans: “Eu penso que cando nos mandaron para casa no 99 o que querían era evitar problemas, porque se cando se descubre todo nós seguiramos na empresa, ían ter moitos problemas 'de dios', moitos. O que pasa é que ao botarnos dificultaron que nos organizásemos. Un foi para Valdoviño, outro para Pontedeume... e perdes o contacto”.
Responsabilidade penal?
As persoas afectadas que reclamaron, recibiron en diferente grao indemnizacións e pensións pola súa enfermidade profesional, un proceso longo. Cada quen tivo que buscarse a vida, sen ningunha axuda pública, máis alá da de Agavida. Emilio, por exemplo, ten recoñecida a enfermidade profesional, mais non se acolleu a ela: “Para sancionar á empresa por non ter as medidas axeitadas, pedimos un recargo dun 30 ao 50% na pensión, e déronme o mínimo, o 30%, que paga a empresa.”
E que hai das responsabilidades penais? Probas e vítimas hainas, pero non foi. Nun primeiro momento, segundo conta Espiñeira, foi Rafael Pillado quen organizou a primeira denuncia, a finais dos 90: “Pillado levounos a un avogado, seriamos uns 28 ou 30 compañeiros. O caso rematou con sentenza favorable, en contra da empresa, e marcando unha indemnización. Pero eles foron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o tribunal, moi simpático, dixo que prescribira. Nós cando denunciamos xa levabamos unha morea de anos co amianto no lombo, pero claro, como iamos denunciar algo que non sabes se tes ou deixas de ter? Isto non lles valía e para o TSXG, prescribira”.
Ao insistirlle na vía penal, lembra o vicepresidente de Agavida que daquela tamén falaron co Fiscal Xeral de Galicia, na Coruña: “El vía posibilidades na vía penal, pero ao remitirlle o tema ao fiscal de Ferrol, quedou en nada. Non debía compensarlle o tema políticamente, nin nos chamou. Tiñamos as sentenzas arquivadas e preparadas, pero nada, a tomar polo saco”. A empresa matou, a xustiza non actuou e a política non reparou, pero para Emilio, hai que seguir: “Nós seguimos loitando aínda que quede pouco tempo para loitar; vai morrendo xente, e moitísimas persoas morreron sen saber de que morrían, e para iso non hai volta de folla”.
Para entender ata onde chegou o desleixo: ata 2006 non chegou o Real Decreto que regulou as actuacións ante o amianto, e ata o 2008, a empresa Navantia (antiga Bazán) non lle deu a lista de traballadores afectados ao Servizo Galego de Saúde. En 2020, aínda non hai un censo dos lugares onde segue habendo amianto nin un fondo de compensación para vítimas.
“Hai que seguir andando”
Malia a inxustiza manifesta, cómpre lembrar algunhas das consecucións. Espiñeira quere lembrar a Paco Rodríguez, deputado do BNG a principios dos 2000: “Levou o problema ao Congreso e grazas a iso temos a unidade de asbestose”. Lembra tamén a esixencia de Agavida ao conselleiro da Xunta para que a encargada da unidade fose Carmen Diego, coa que están “encantados”: “Ela era moi nova, pero demostrou o seu bó traballo. Axudounos moitísimo; vai como perito médico aos xuízos sen cobrar un peso e nós estámoslle moi moi agradecidos... e en Nadal facémoslle un pequeno regalo para amosarllo (ri)”. Carmen Diego, facendo balance, ten claro que as condicións de traballo melloraron e que a situación, en xeral, é mellor.
Para Carlos Piñeiro, impulsor da investigación médica dos efectos do amianto en Ferrolterra nos anos 80, estamos tamén ante unha crise do modelo da saúde “comunitaria” que aposte pola promoción da saúde. Lamenta tamén que por mor da pandemia a lei que piden as asociacións de vítimas de todo o estado quedara parada: “Antes da pandemia xa había acordos para desenvolvela, e é bastante preocupante que o goberno actual non faga os esforzos precisos para botala andar”.
Rafael Pillado lembra que desde 1982, co que chama “despolitización dos sindicatos”, mesmo houbo “unha certa compra de cargos sindicais”, pero malia todo quere lembrar a todas as persoas que desde os 70 loitaron por facer ver o problema: “Había unha minoría preocupada polo que estaba pasando, pero non había unha conciencia plena, nin moito menos”. Algunhas desas persoas e afectadas seguen hoxe en Agavida, que segundo el, “fixo o que tiñan que facer os sindicatos.”
Emilio Espiñeira ten unha obstrución respiratoria forte e tamén padece leucemia: “Ando coa quimio, xuntáronseme a fame e as ganas de comer... E aínda por riba agora coa máscara, os do amianto, cos problemas de respiración que temos, fastídianos moito, moitísimo.”
Malia todo, Emilio remata a entrevista dun xeito moi galego que fai pensar que se cadra Ferrolterra non está tan illada do país: “Bueno, a cousa vai andando... porque non queda outra.”