AGANTRO
Ficcións reais: adatad@s, inadatados, inap(data)dos

O interese cotiá na política de partidos e nunha visibilidade producida pola televisión e as redes sociais volveuse obsesiva. É unha parálise xornalística que coincide coa maior crise das democracias representativas nas terras de sol esmorecente.
31 ago 2023 06:01

No ano 2009, o grupo portugués de música electrónica, Buraka Som Sistema, sacou á luz a canción Kalemba, cuxo efémero éxito fíxoa soar por un tempo nas discotecas de medio mundo. Álex e Sebastián non soportaban aquela canción nin o seu estilo, coñecido como kuduro, pero lembraban moi ben tela oído naqueles anos. Sebastián comezara entón a súa investigación de doutoramento en Antropoloxía Cultural e Álex escribira o seu primeiro e derradeiro libro de relatos, Amo la vida, pero os odio a vosotros.

O meu caso era distinto, pois aínda que tampouco me gustaba a canción, facíame lembrar a Catarina, unha muller de orixe angolana que coñecera en Lisboa, e que bailaba acotío aquela canción mentres eu escribía arredor do pracer de vela moverse. Sebastián demorou en acabar a súa tese. Álex caeu nun silencio literario que dura ata hoxe e eu vin como a fugaz paixón por Catarina remataba moito antes de que puidese aceptar que nunca escribiría unha tese sobre o kuduro nin tampouco publicaría un libro cheo de carraxe e xenio acerca da miña xeración. Conformaríame con seguir sendo un xornalista que traballaba precariamente e escribía ás veces sobre cousas como o baile de Catarina e o seu fascinante corpo, ese corpo que acabou doéndome por todas partes (a miña influencia de Borges é evidente).

Hai poucos días, Sebastián, Álex e máis eu conversabamos nun café madrileño cando, de súpeto, empezou a soar aquela canción tras catorce anos de silencio. O meu olfacto volveu a ulir o fantasma de Catarina mentres Sebastián e Álex comentaban o crecente cretinismo da xente e a efémera esperanza que supuxera a indignación do ano 2011. Álex mencionou un artigo recente do escritor mexicano Juan Villoro, Humanos con caducidad, e logo queixouse de que non lle responderan nada pola invectiva que enviara a un dixital español disque de esquerdas, na que arremetía contra esa idiotización do contexto social e político, tras os comicios municipais e autonómicos que acababan de pasar. É que un escritor non merece nin un monosílabo da prensa? Para animalo, Sebastián contoulle a historia dun texto que tamén el enviara hai anos a outro dixital, e do que tampouco obtivo nunca resposta. Tres anos despois, coincidira coa súa subdirectora na presentación dun libro sobre a guerra en Ucrania e, tras presentarse, pediulle unha entrevista. “Douche o meu número –respondeulle ela–, pero só porque nunca respondo as mensaxes por WhatsApp”.

Para Álex, unha resposta tan absurda resultaba perfecta para explicar o significado dun maguffin, ese detalle que permite que unha trama se desenvolva, aínda que non signifique case nada nela. O escritor Enrique Vila-Matas escribira sobre iso en Kassel no invita a la lógica, e o meu amigo estaba seguro de que o autor catalán tería amosado o seu interese pola asneira daquela subdirectora. “Máis que na presentación dun libro sobre a guerra, aquela muller é a que debería facer unha performance en Kassel”, dixo. Narcisismo dunha xornalista maguffin ou a psicodelia de crerse importante, sería o título. Cando Álex soubo despois que a muller deixara de traballar naquel dixital, preguntouse se non estaría xa facendo realidade a súa idea. Trala historia, pregunteille a Álex se podía ler o seu texto. Accedeu e inmediatamente sacou da súa bolsa de coiro azul uns papeis dobrados pola metade. “Lévalo encima?”, díxenlle sorprendido. Pero entón foi el quen me mirou con estrañeza: “E ti, seica non levas as túas palabras contigo?”.

Recordo ter lido o libro clásico de Cristopher Lash acerca da cultura do narcisismo. Ao follear o artigo de Álex, percibín a súa crítica ao uso instrumental da cultura, pero, como xornalista, advertín axiña unha frase que, tal como estaban as cousas, seguramente incomodara ao xornal. Álex escribira que “a la cultura de la violación mentada por cierta ministra, se añadía ahora una cultura de la envidia, aducida por esta amiga [referíase a Ayuso] de Nacho Cano y su malinchismo de Pocahontas”. Fíxenlle ver o conflito que supoñía mesturar nunha frase a unha política de esquerdas cunha ultraliberal de pasado falanxista. Aquilo non debeu de gustar na redacción dun diario progresista, e dende logo o meu comentario non lle gustou a Álex, que me respondeu que o importante era o debate honesto de ideas, non os egos, e que a traxedia da época era a dun pensamento en ruínas, destruído polos tópicos. Por exemplo, por que falar de redaccións progresistas e seguir mantendo a idea de progreso, cando era tamén a que usaba o capitalismo para lexitimarse por medio do seu avance tecnolóxico? No cabo, engadiu: “Non me publican porque só se fixan no meu nome. Como non é unha marca, non lles di nada, e como non lles di nada, conclúen que non son ninguén. Ese é o macabro siloxismo deste tempo. Para eles, xente coma min, non é ninguén.”

Quixen disuadilo daquela lapidaria sentenza, pero cando o tentei, deime conta de que as súas palabras xa me fulminaran, pois tamén eu me sentín concernido por aquel desprezo do que falaba. Ademais, como rebatelo se eu mesmo vira rexeitar moitos artigos só porque os xefes consideraron un “descoñecido” e “un friki” ao seu autor? Hai pouco, cualificaran de “transfóbico” a un que, por certo, tamén mencionaba a Cristopher Lash no seu texto. A súa falta fora escribir que “aun cuando las tesis de Butler [en alusión á filósofa Judith Butler] vayan en una dirección opuesta, ¿en verdad es impensable que pueda surgir, si no lo ha hecho ya, un individuo que se defina como “trans” al mismo tiempo que defiende su deseo de ser famoso, conducir un coche de alta gama, vivir en una gigantesca mansión o poseer una marca de ropa que deslocalice mano de obra y cotice en bolsa?”. Tomaron aquelas palabras como unha provocación reaccionaria, sen reparar nestoutras: “En su diálogo con Cornelius Castoriadis en 1986, Cristopher Lash señaló la incapacidad de los nuevos movimientos sociales para universalizar sus formulaciones e interpelar a todo el mundo, y no apenas a un pequeño sector que, según él, sólo exigía su porción de pastel y su derecho para beneficiarse del Estado-providencia”. Podíanse discutir moitas cousas do artigo, pero para min estaba moi claro que o seu autor non era ningún transfóbico. Era só o autor dunha reflexión seria que deberiamos ter publicado e non destruído sen máis.

Tamén vira compañeiros que criticaban un texto porque, segundo eles, carecía de datos. “Hoxe o que se leva é o xornalismo de datos”, escoitara unha vez dicir a un profesional norteamericano. En España, a cousa seguía o mesmo pulo e non son poucos os artigos en prensa que hoxe realizan as súas propias sondaxes ou publican infografías da súa propia colleita, engadindo unha pequena ficha técnica coas características do estudo. Tales textos adquiren de súpeto unha aparencia máis próxima ao artigo académico que á reportaxe, pero ninguén explica por que é tan importante o recurso do dato e, menos aínda, por que adoitan asocialo exclusivamente co número.

O dato aparece como capaz de explicalo todo agás a súa presenza. Unha paradoxal situación que o afasta da reflexión, entendida como ese rebote luminoso co que a luz ilumina as cousas e a si mesma, e simplemente achega estos artigos ao esteticismo cientista. Hoxe o resumo de todo é unha cifra. Do xornalismo á política parece que ninguén sinte que falou ata que dá unha porcentaxe. Un artigo de prensa parece máis serio cando os seus lectores poden canto antes acudir aos números, obviando as súas teses e argumentos. Pero á mesma hora en que ese lector de datos busca o seu opio, cunha sensación de estar ben “adatado” ao novo mundo, a xeolocalización das súas redes delátao. Aparece, ipso dato, como o cidadán X, no lugar E e no intre Z.

“Dataísmo! Velaí un dos alicerces do cretinismo actual!”, exclamou Sebastián aquela tarde no café. Logo lembrou un artigo do filósofo coreano Byung-Chul Han que lera en El País, no que falaba diso. “Unha palabra horrenda!”, recoñeceu. De certo érao, mais cun son que lembraba á palabra dadaísmo, observou Álex, mesmo se podía dicirse que as súas implicacións eran moi diferentes. Mentres que o dadaísmo nacera dunha vangarda artística que sospeitaba da suposta seriedade racionalista, o dataísmo entrégao todo aos algoritmos e, con eles, a un sistema cibernético que nos desposúe de interioridade e importancia. Unha comunidade imposible de individuos que non importan realmente para a comunicación.

Á liberación das metáforas dadaístas (“No teu cabelo hai cascas de laranxa, no desexo manada de cabalos”, escribiu Tristán Tzara), correspondíalle agora a nosa reclusión nun código fonte, fonte sen auga e cun postpoema inhumano no seu sitio (<script type=“text/javascript” src=“/static/js/analytics.js” >script> <link type=“text/css” rel=“stylesheet” href=“/static/css/banner-styles.css”/>). “Os cabalos teñen ás veces desexos de beber a súa sede ata morrer sobre os secos teclados do mundo”, anotou Álex nun caderno, deixándose levar polo seu propio arrebato dadaísta. Despois pensou en todos os seus cadernos escritos, nos textos que non atoparan editor, e lembrou de novo con tristura o último artigo que tentara publicar na prensa. “A esquerda española non ve case nada cando se trata de tecnociencia”, dixera Sebastián aquela tarde. “Cégana as aplicacións do neopositivismo. Ten arrepíos de quedarse atrás, inadaptada”. “Inadaptada? Inadatada, mais ben, ou seica inapdatada”, engadiu Álex, xogando coas palabras.

***

Madrid, 2 de xuño de 2023

A conversa cos meus amigos fíxome pensar. De certo, vivimos inmersos en profundas contradicións culturais. Unha delas destila unha amarga ironía, ao mostrar como o que se ten hoxe por comunicación avanzada depende como nunca antes de formas de vida social que estimulan a mediocridade. No seu libro Mediocracia (Turner, 2019), Alain Deneault analizou, de feito, o que sucede no xornalismo, a política, a economía e a arte, e como se impuxeron neses eidos automatismos repetitivos que acaban producindo sociedades da resignación, a censura e o desánimo. O caso español non é excepcional e hoxe percibimos nel a mesma deterioración na forma integradora que ten a comunicación para fusionar ao xornalista co político, ao político co experto en comunicación, a este co especialista en marketing e a todos eles co enxeñeiro en intelixencia artificial.  

Mentres se discute –e con razón– sobre a ameaza da ultradereita no mundo, baixo formas diversas de populismo nacionalista, o perigo dun totalitarismo acazapado, escuro pacto do neoliberalismo coa tecnociencia, pasa moito máis inadvertido e, por iso mesmo, non deixa de crecer. Dirase, por exemplo, que Giorgia Meloni detivo o intento do goberno chinés de exercer un control maior sobre Pirelli, pero non se salientará que a viraxe se produza nun tempo de guerra, de novas alianzas xeopolíticas e de ofertas económicas para a futura reconstrución dun país destruído. Desta maneira, tales medios inducen a crer que os nacionalismos estatais teñen na idea de nación algo máis que un pretexto para ocultar o lixo baixo a bandeira. Aínda que isto non sexa representativo de toda a profesión, ilustra ben como a política esconde cuestións ás que os xornais prestan pouca atención.

Pola contra, o interese cotiá na política de partidos e nunha visibilidade producida pola televisión e as redes sociais volveuse obsesiva. Trátase dunha parálise xornalística que coincide coa maior crise das democracias representativas nas terras de sol esmorecente. No canto de inquietarse perante a polaridade social inducida polas redes dixitais, moitos medios o único que fan é avivala co sectarismo dalgunhas cabeceiras, cando non, como ocorre cos tabloides da ultradereita, con trolas. Os artigos que se elixen ou rexeitan, sen apenas tempo para lelos ben, amosan o ritmo vertixinoso gañado e imposto ás TICs pola carreira tecnolóxica. Xa no ano 44, un novo Albert Camus escribiu que o xornalismo estaba máis preocupado por informar rápido que por informar ben, e custa entender que oitenta anos non foran dabondo para atopar un mellor rumbo ao fundamental traballo dos xornalistas, senón máis ben para facer desa carreira un erro oitenta veces máis veloz.  

Son síntomas de deterioración que, alén da política, a economía e a arte, observamos tamén na universidade, como analiza Deneault na súa obra. É notorio, por exemplo, que as únicas oportunidades do mercado académico dependan hoxe dunha hiperproducción de papers editados por un número moi limitado de grandes empresas editoras e filtrados por medio da camuflaxe da revisión de pares, sendo os mesmos pares garantes de certa neutralidade nominal (non saber de entrada quen escribe que), mais tamén da aplicación dogmática e ortodoxa dunha confección formal para os artigos. Eses pares, partícipes na mesma coacción que impón a devandita forma, son incapaces de dicir que ela é o que debería ser un motivo de discusión, e non o derradeiro crierio de calidade académica.

Con todo, as cousas seguen este curso, e a industria “científica” asegúrase de dar os seus froitos: individuos competitivos, ambiciosos e tecnicamente competentes. Cantas persoas vocacionais, creativas e intelectualmente valiosas poidan quedar no camiño é o de menos. Sempre poderemos adicarlles unha nova e póstuma homenaxe e ouvear “I’ve seen again the best minds of my generation”, e todo o que segue. Hoxe os desvelos para coñecer e pensar son substituidos pola ansiedade para adaptarse aos criterios dun produto chamado formación superior. Só compre escapar aos castigos que agardan aos inadaptados, eses “inadatados” e “inaptadtos” dos que fala o meu amigo. A mercantilización universitaria, vista por Max Weber en 1917, ve intensificada deste xeito a reprodución dos educandos e os educados, que hoxe mellor que onte son capaces de responder á pregunta formulada por Marshall McLuhan hai algo máis de 70 anos, e que non pode soar máis axeitada no presente: “para que formar homes se tan só hai un mercado que demanda robots?”.    

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Lugo
Lugo Os sindicatos esixen a Traballo que tome medidas no “peche patronal” de Sargadelos
O dono, Segismundo García, permitiu a entrada de case todo o persoal tras catro días do que cualifican de “chantaxe”. Desde CCOO e CIG denuncian que este mércores “ignorouse a 12 traballadores”.
Lugo
Lugo As traballadoras de Sargadelos esixen a reapertura da fábrica e rexeitan a “irresponsabilidade” do dono
Os sindicatos apuntan a que a reacción do propietario é “inxustificada” pola multa de Inspección e apuntan a que usa ao persoal para chegar a un acordo coa Xunta de Galiza.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
Barcelona
Barcelona Activistas de los derechos humanos piden la retención de un barco dispuesto para armar a Israel
La naviera Maersk está transportando estos días componentes para los cazas F-35. El Estatuto de Roma sobre genocidio contempla acciones legales contra las empresas que favorecen las masacres.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva
República del Sudán
Sudán Cara a. Un Sudán en guerra
Se cumplen dos años de una guerra que ya deja más de 13 millones de personas desplazadas y más de ocho millones de sudaneses al borde de la inanición.

Últimas

Más noticias
València
València La Generalitat supo del primer desaparecido el día de la dana ocho horas antes de enviar los SMS
La delegada del Gobierno, Pilar Bernabé, testifica delante de la jueza que avisó a la consellera Salomé Pradas de una primera desaparición en torno a las 12.30h de esa mañana.
Comunidad de Madrid
Sanidad Pública Más de 760.000 personas no tienen médico de familia o pediatra en la Comunidad de Madrid
En los 267 centros de salud existentes en la región faltan 3.812 médicos y médicas y 983 pediatras. Hay 43 centros de salud caídos, esto es, con menos del 20% de la plantilla, mientras que el año pasado había 21 centros en esta situación.
Censura
Extremadura El Partido Popular censura “flores republicanas” en el cementerio de Santa Marta de los Barros (Badajoz)
Izquierda Unida denuncia que la alcaldesa popular ha ordenado que “durante su mandato únicamente se colocarán flores de color blanco”. Han convocado a la ciudadanía a una nueva entrega floral este lunes 14 de abril a las 17 horas.

Recomendadas

Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.
Salud mental
Cambio de paradigma De la deprescripción de psicofármacos al refuerzo de plantillas: claves del Plan Nacional de Salud Mental
El Ministerio de Sanidad ha logrado un consenso para aprobar una nueva estrategia en salud mental, poniendo de acuerdo de un lado a todas las comunidades autónomas y del otro a todas las asociaciones.
Lobo
Especies protegidas Organizaciones tratan de evitar la caza del lobo: “Volver a la receta de la gestión letal no funciona”
El lobo está desprotegido desde la entrada en vigor de la ley de desperdicio alimentario el pasado 2 de abril. Organizaciones ecologistas y Podemos están llevando a cabo denuncias, recursos y otras acciones para revertir la desprotección del cánido.