We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Sanidad
‘Alma Ata’: Testemuñas das doenzas da atención primaria galega
En 1978 celebrouse no Centro Lenin de Alma Ata (Kazhakhstán) a Conferencia Internacional sobre Coidados Primarios de Saúde. Nela definiuse por primeira vez o que entendemos hoxe como ‘atención primaria’: “A asistencia sanitaria esencial baseada en métodos e tecnoloxías prácticas, científicamente fundadas e socialmente aceptables, posta ao alcance de todos os individuos e familias da comunidade mediante a súa plena participación (…) Representa o primeiro nivel de contacto dos individuos, da familia e da comunidade co sistema nacional de saúde.”
O lema da conferencia foi: “Saúde para todos no ano 2000”. Pero nestas décadas, novos factores e modelos socioeconómicos foron desvirtuando a idea de coidado integral e promoción da saúde. Galiza non foi allea: desde 2009, os Orzamentos Xerais aumentaron en máis de oitocentos millóns a contía para atención hospitalaria. Na primaria aconteceu o contrario: o orzamento anual medio entre 2010 e 2021 foi 198 millóns menor que o de 2009 (1238,3 fronte 1436,8). Dito doutro xeito: lonxe de subir, deixáronse de investir case douscentos millóns de euros en cada un deses anos.
Este deterioro da primaria fíxose evidente durante a pandemia e revelou os problemas derivados desa falta de investimento e do modelo sanitario predominante: falta de persoal, peche de centros, precariedade, privatizacións, consultas-non presenciais ou o aumento nas listas de agarda.
Esta serie de vídeos recollerán historias de médicas de familia, enfermeiras e pacientes. Serán elas as que conten que foi pasando estes anos para albiscar posibles saídas. Por exemplo, Iria Fernández é unha médica de familia que chegou a ter 70 contratos nun ano. Agora, explica que o problema é outro: “Nunca se traballara tan mal. Con tanta sobrecarga, con tanta falta de recursos. Normalmente terías que estar vendo como máximo uns 30 ou 35 pacientes para facer as cousas con seguridade, e no último ano non baixamos de 50”.Abordaranse tamén as consecuencias deste colapso para os pacientes, desde a calidade da atención que reciben ata o aumento dos seguros privados. Disto falamos con Martiño Noriega, que nos explica os distintos xeitos cos que a sanidade privada está a aproveitarse do deterioro e da falta de políticas públicas a prol dunha atención primaria de calidade.
Tamén afondaremos noutros temas como a atención telefónica, as listaxes de agarda ou o peche de centros de saúde rurais, que rematan por masificar os centros de saúde e as urxencias e alimentando a sobrecarga das profesionais.
Moitos medios gaban as supostas doazóns filantrópicas de empresarios, o investimento en equipamento pioneiro, os proxectos para pedir fondos Next Generation, o feito de colocarnos nunha suposta vangarda. Estes vídeos buscan recuperar o espírito da atención integral da saúde. Entendela como un dereito con independencia dos recursos que cada quen. Lembrar que a primaria pode resolver a maior parte dos problemas de saúde. Concienciar da importancia dunha vida saudable, dun benestar físico, mental e social. Porque non só se trata de non estar enfermo.
Volver a Alma Ata, 1978.