We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Palestina
O muro da educación entre Israel e Palestina
Nos libros de texto israelís non se menciona a palabra Palestina e nos palestinos a meta principal é a construción dunha identidade nacional.
Amaia Galili naceu e medrou en Israel e agora está rodeada de libros que narran a historia de aldeas palestinas derruídas durante a Nakba. Entre pausas para recordar, conta que antes de comezar a universidade entrevistou a xente da súa vila para saber como era a vida no lugar antes e despois de 1948: “contáronme que o principio convivían cos palestinos e que máis tarde xa non estaban alí, dicíase que marcharan para o Líbano e Siria. No medio dos dous relatos só había un gran burato negro e a min nin sequera se me pasou pola cabeza preguntar que acontecerá en 1948”.
“A meta principal da educación palestina é a de construír unha identidade nacional sen presentar en profundidade o lado israelí nin falar do que realmente significa a ocupación.
“Nos libros de texto israelís non se menciona en absoluto a Nakba nin ningún outro feito da historia do outro bando. Nin sequera aparece a palabra Palestina, tan só se fala de minorías árabes”, asegura Nurid Peled-Elhanan, profesora da Universidade Hebrea de Xerusalén e escritora do libro Palestina nos libros de texto israelís. O lado de Nurid está Samira Alayan, docente da mesma universidade e palestina con DNI israelí especializada na educación en Cisxordania, Gaza e Xerusalén Este. “Do lado palestino hai un único libro de texto financiado polo Banco Mundial e a Unión Europea que está escrito cun control total sobre o coñecemento e con censura directa”, afirma Samira. Segundo ela, a meta principal da educación palestina é a de construír unha identidade nacional sen presentar en profundidade o lado israelí nin falar do que realmente significa a ocupación.
Omar Hmidar: “Na escola ninguén lles explica que a Nakba non é un día de celebración, deberían ser conscientes de por que ese día non hai clase e o que supuxo 1948 para os palestinos, pero ninguén llo conta.”
Amaia, a raíz da súa entrada na universidade, comezou a indagar máis sobre a historia Palestina e nese momento deuse conta de todo o que lle ocultaran durante os seus anos de instituto e asegura que foi “un choque moi grande”. Nurid concorda con ela: “para min este procedemento comezou cando me mudei ao estranxeiro, é moi duro darte conta de que levas vivindo nunha mentira toda a túa vida”. Esta profesora explica que en Israel os libros de texto fanos empresas privadas pero que antes da súa publicación teñen que pasar o filtro do Ministerio e, para iso, deben promover ideas sionistas. “No colexio fomentan a idea de que os árabes son primitivos, pobres e que viven en casas de lama. Cando me enterei de que fai décadas nunha aldea preto de Tiberíades os palestinos inventaran un sistema de división equitativa da auga entre eles quedei sorprendida, tiña a imaxe de que non sabían facer nada”, conta Amaia.
Nurid, despois de dous anos dedicados a investigación neste campo, afirma que en Israel non se ensina nada sobre a cultura palestina en particular nin sobre a árabe en xeral: “moitos israelís pensan que en Palestina non teñen nin coches, viven a dez minutos deles e o seu coñecemento sobre o lugar é nulo”. Segundo esta profesora, os árabes aparecen sempre representados nos libros de texto israelís a través de imaxes racistas, xeralmente homes con camelos ou mulleres totalmente cubertas. “Na educación israelí faise fincapé en que os palestinos son nómadas para fomentar a idea de que non teñen ningún tipo de conexión con esta terra, que están aquí de paso”, asegura Nurid. Tamén conta que ela, de vez en cando, invita a artistas árabes a dar charlas sobre música, cine ou pintura na universidade e que os seus alumnos se quedan asombrados porque nin se podían imaxinar que existirá arte palestino.
Nurid, profesora israelí: “Moitos israelís pensan que en Palestina non teñen nin coches, viven a dez minutos deles e o seu coñecemento sobre o lugar é nulo.”
Omar, desde o outro lado do muro, tamén cree que no seu sistema educativo non se lles ensina aos nenos nada sobre Israel nin os israelís: “non sabemos quen son, nin sequera estudamos hebreo, que eu considero fundamental”. Con respecto deste tema, Samira afirma que a educación se presenta de forma moi limitada nos libros de texto palestinos: “fálase do apartheid en Sudáfrica e na páxina seguinte aparece unha imaxe do muro de separación entre Cisxordania e Israel, pero en ningún momento se fai o vínculo directo entre ambas ideas”. As fotografías dos libros son un claro exemplo de control do coñecemento en ambos bandos. Samira tan só encontrou no seu estudo unha foto dun soldado israelí e Nurid unha dun checkpoint que, ademais, estaba baleiro.
“Os israelís viven nun estado de terror profundo, os nenos respiran holocausto dende os tres anos e o sistema mételles na cabeza que a única maneira de sobrevivir a outro exterminio é rematando nós primeiro cos árabes, que son a nosa principal ameaza no momento.”
Para Nurid, o que se pretende conseguir con este control é que os israelís deixen de ver aos palestinos como persoas e xustificar, deste xeito, os asasinatos e o colonialismo. Segundo ela, todo o que lles contan aos estudantes no colexio prepáraos para enfrontarse aos 18 anos de servizo militar obrigatorio. Amaia opina o mesmo: “é imposible ir ao exército sendo tan novo sen ter moitas razóns e crer profundamente que esta é a única maneira que temos os xudeus de sobrevivir”. En Israel, a educación do medo funciona como unha xustificación da ocupación. “Os israelís viven nun estado de terror profundo, os nenos respiran holocausto dende os tres anos e o sistema mételles na cabeza que a única maneira de sobrevivir a outro exterminio é rematando nós primeiro cos árabes, que son a nosa principal ameaza no momento”, explica Nurid.
Amaia cre que unha das mellores formas de combater esta censura na educación é a educación en si mesma. Actualmente traballa en Zochrot, —significa recordando en hebreo— unha organización israelí-palestina cuxa misión é a de facer chegar aos israelís a historia do outro lado. “As veces collemos as ferramentas que o sionismo utiliza para expandir as súas ideas e dámoslles a volta”, narra. Amaia explica que, por exemplo, unha das estratexias que ten o sionismo para xustificar que esta é a súa terra consiste en promover que a cidadanía israelí coñeza cada anaco do país a través de excursións. “Nós facemos o mesmo pero, en vez de dar a coñecer Israel, organizamos saídas as aldeas palestinas derruídas durante a Nakba e marcámolas co seu nome orixinal en árabe, hebreo e inglés. As veces imos aínda máis alá e escribimos nas paredes das casas a que familia palestina pertencía esa vivenda”, conta. En Zochrot tamén traballan con colexios israelís. De feito, escribiron un programa educativo desde cero explicando toda a historia palestina, pero son moi poucos os profesores que o aceptan e, os que o fan, non teñen tempo para impartilo porque se deben adaptar ao currículo oficial. Amaia conta a solución que encontraron para solucionar este problema: “cando nos demos conta desta dificultade, decidimos traballar con material escolar oficial e intentar buscar gretas a través das que encaixar parte da historia palestina”.
Unha das estratexias que ten o sionismo para xustificar que esta é a súa terra consiste en promover que a cidadanía israelí coñeza cada anaco do país a través de excursións.
Para Omar tamén é fundamental que exista información alternativa a que se promove nas escolas para os mozos palestinos: “a min a educación popular ensinoume todo o que sei. Cando saín do colexio tan só coñecía como partido político a Fatah, souben que había máis variedade polas pintadas nas paredes dos campos e polo que me contaron algunhas organización locais”. El é voluntario de Laylac, unha asociación do campo de refuxiados de Dheisheh que ten como finalidade o desenvolvemento da comunidade a través do traballo voluntario e a concienciación sobre a situación palestina. “A existencia de entidades como Laylac paréceme marabillosa e terrible á vez: por unha parte penso que o seu traballo é incrible, pero pola outra sei que existen porque teñen que cubrir o baleiro que deixa a educación formal e iso non debería ser así”, narra. Para el tamén foi duro o momento no que se dou conta realidade que o rodeaba: “racionalmente alégrome de ter descuberto a educación popular e involucrarme nela, sinto que existe unha responsabilidade política por parte dos palestinos cara o noso país. Sen embargo, emocionalmente destrozoume, as cosas complícanse moito cando es consciente do que supón vivir baixo un réxime colonial e é moito máis difícil ser feliz”.
Omar Hmidar: “A educación popular ensinoume todo o que sei. Cando saín do colexio tan só coñecía como partido político a Fatah, souben que había máis variedade polas pintadas nas paredes dos campos e polo que me contaron algunhas organización locais.”
Nurid Peled-Elhanan: “É importante que isto cambie, non só para os palestinos senón para os propios israelís, que están traumatizados e viven nunha mentira”
Para ela, o mellor que me pode acontecer é que a comunidade internacional deixe de financiar o sionismo. Aínda así, tamén está convencida de que un Estado como Israel, baseado no colonialismo e no racismo, vai acabar explotando: “a nivel internacional tan só se ve a cara boa de Israel, pero a realidade é que neste país hai moita fame e moito racismo non só cara os palestinos, senón tamén cara, por exemplo, a gran comunidade etíope que habita aquí”. Amaia opina que no futuro, nunha hipotética situación de paz, Israel tería que desaparecer porque a súa existencia baséase nun Estado só para xente xudía e que, segundo ela, nesta terra debería poder vivir quen quixera independentemente da súa etnia. Para Amaia é necesaria unha transición xusta a través da que os israelíes sexan conscientes dos abusos cometidos contra os palestinos e na que o dereito ao retorno das persoas refuxiadas sexa un punto fundamental. “Se falamos de democracia, os palestinos liderarán este país porque serán maioría e eu estou completamente ben con esta idea”, asegura.
Para Amaia é necesaria unha transición xusta a través da que os israelíes sexan conscientes dos abusos cometidos contra os palestinos e na que o dereito ao retorno das persoas refuxiadas sexa un punto fundamental.
Despois de setenta anos de ocupación, as posturas parecen encaiarse cada vez máis e a educación, que debería facer entender o contexto e acercar as partes, está moi lonxe de beneficiar o curso dos acontecementos. Amaia asegura estar preocupada porque cré que cada vez os estudantes israelís simpatizan máis coa extrema dereita e Omar di sentir desesperación cando non é capaz de manter debates políticos con outros mozos palestinos. Entre eles hai un muro de separación que probablemente impida que podan —polo menos algún día pronto— encontrarse, ter ese debate e alimentar a esperanza de que, aínda que sexa en ocasións moi contadas, hai xente a ambos lados da fronteira que defende os dereitos humanos.