We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Medio ambiente
Máis de 200 colectivos esixen transparencia sobre a mina Doade e piden a intervención do Parlamento Europeo

A plataforma galega SOS Suído-Seixo, xunto con outras 229 organizacións civís de nove países da Unión Europea, dirixiu unha carta aberta a Roberta Metsola, presidenta do Parlamento Europeo, para esixir acceso público á documentación que permitiu declarar o proxecto da mina Doade como estratéxico baixo a Lei Europea de Materias Primas Críticas.
O polémico proxecto mineiro, impulsado pola empresa RMG (grupo SAMCA) na localidade de Doade (Beariz, Ourense), foi duramente cuestionado por comunidades locais, asociacións medioambientais e culturais, que denuncian a falta de transparencia e a exclusión da cidadanía no proceso de toma de decisións.
Minería
Minaría Bruxelas cava fondo: litio galego para o novo militarismo europeo
A carta, enviada pola Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, inclúe a firma de 28 entidades directamente afectadas polo proxecto, como seis Comunidades de Montes Veciñais, ANPAs, asociacións de veciños e colectivos ambientais. Ademais, conta co respaldo de organizacións de referencia como Amigas da Terra, Enxeñería Sen Fronteiras, ADEGA ou o Sindicato Labrego Galego.
As organizacións critican que a designación como “proxecto estratéxico” outorga vantaxes administrativas e económicas ás empresas, como permisos exprés ou acceso prioritario a financiamento, ao tempo que impide unha participación cidadá efectiva e rigorosa.
“Queremos exercer o noso dereito a acceder á información pública e ambiental en procedementos que determinan a nosa permanencia ou non nos territorios que habitamos”, afirman desde SOS Suído-Seixo
A mina Doade, situada nunha zona de alto valor ecolóxico entre as serras do Suído e Cando, atópase nunha área pendente de ampliación da Rede Natura 2000. Para os colectivos asinantes, isto representa unha grave ameaza ambiental que ignora criterios de conservación e sustentabilidade.
A denuncia enmárcase nunha preocupación máis ampla: a implementación da Lei Europea de Materias Primas Críticas, considerada polos grupos asinantes como opaca, acelerada e favorecedora de prácticas extractivistas en territorios vulnerables.
“A sociedade civil europea non será minada nin silenciada”, proclama o manifesto
SOS Suído-Seixo advirte que continuará mobilizándose a nivel local, estatal e europeo, e anunciará proximamente unha nova campaña para esixir aos gobernos municipais que apoien ás comunidades afectadas.
“A auga é estratéxica, as nosas aldeas representan modelos reais de transición ecolóxica. As leis acabarán dándonos a razón, porque non se poden negar as evidencias”, conclúe o comunicado.