Cuidados
SAF: coidadoras sen coidados

As usuarias e as traballadoras dos servizos de atención no fogar están fartas. A pasividade das administracións e a negativa da patronal a un convenio xusto provoca o colapso dun servizo sostido na precariedade laboral e no sufrimento das persoas dependentes.
saf redondela
Traballadoras do SAF de Redondela. Pablo Santiago

Míriam soprou as candeas do seu 33 aniversario ao remate dunha manifestación. Julia, compañeira, di dela en baixiño que é “moi traballadora”. As dúas son auxiliares do Servizo de Axuda ao Fogar, o nome que se lle puxo ao servizo público que, na práctica, inclúe atender a persoas dependentes, limpar a súa casa, atendelas psicoloxicamente,  conducir ou cociñar.

—Somos multitarea! —berra unha delas.
—Pero non deberiamos —interrompe outra, entre un barullo inintelixible de queixas.

Todas traballan en Redondela, aínda que parte das eivas que denuncian son semellantes aos doutros SAF, un servizo que financia maioritariamente a Xunta. Para a súa xestión, o goberno galego pasa a pelota aos concellos, que, case sempre, pasan a pelota á empresa privada que ofreza o servizo máis barato. Estas empresas xa non teñen a quen pasarlle a pelota e, en moitos casos, rematan incumprindo o servizo público que precisan preto de 27.000 persoas no país. 

Coidados ‘low cost’

As persoas con dependencia son aquelas que por idade, enfermidade ou discapacidade precisan de atención para realizar as actividades básicas, como erguerse da cama, asearse ou comer. Desde que a empresa OsVentos asumiu o SAF en Redondela en maio de 2022, os problemas foron a máis.

Verónica, auxiliar con 13 anos de experiencia, conta que as usuarias “están crispadas, non saben nin cando vai vir a traballadora nin quen vai ser, e moitas veces quedan sen atender”. Segundo a Central Unitaria de Traballadoras, convocante da manifestación do 24 de xaneiro en Redondela, cada fin de semana quedan sen servizo unhas vinte usuarias.

Para familiares como Eva, nai de Noemí, de 52 anos e dependente, non é unha situación sinxela: “Aparece unha descoñecida na túa casa e teslle que abrir porque pon OsVentos no uniforme, que se non, nin sabes quen é”.

SAF Redondela 1
Centos de persoas acudiron á manifestación polo SAF de Redondela. Pablo Santiago

As traballadoras insisten en que un dos maiores problemas é a repetida modificación dos horarios, que non deixan que o traballo se faga como debería.
—Eu acabo descontenta comigo mesma —recoñece resignada Verónica—, aínda que levo moito tempo traballando nisto e son boa no que fago.
—Psicoloxicamente saes fatal dos domicilios —engade Julia—. Sinto que non me deixan facer ben o meu traballo.

Case a metade do persoal está de baixa, algo que cren, é consecuencia directa do trato da empresa. Tamén denuncian atrasos e irregularidades nos pagos, o non incremento salarial en relación ao IPC ou o impago de quilometraxes e pluses. Desde a empresa OsVentos non hai solucións, nin para traballadoras nin tampouco para familiares e usuarias.
—Se chamas, contestan moi mal —explica Eva.
—Bastante é que respondan —ironizan ao unísono dúas netas doutra usuaria—. Un día non chegara a traballadora e tiña que ir traballar; chamei e dixeron que ‘para hoxe non o podemos solucionar porque Santiago non contrata a ninguén’. Estiveron unha semana sen vir e tivemos que pedir axuda ás veciñas— quéixase a neta maior, visiblemente cabreada.

Marina, familiar doutra usuaria, camiña cara o grupo das queixas.
—Quero que saques isto —pedindo en claro imperativo—. O outro día chamei á empresa porque non viñera ninguén en días e queixeime tamén polos cambios de horarios. Díxenlle que nós, como usuarias, estamos pagando por un servizo e respondéronme ‘a ver, que o que pagades é unha miseria’.

Julia, unha das auxiliares máis afectadas, conta que as queixas e escritos que envían á empresa non valen de nada.
—Din que isto o tes que facer si ou si.
—E como protestes un pouco ameazan con sancións e quítanche dos domicilios aos que vas sempre —dille Verónica, dándolle a razón.

“Non hai inspeccións, nin da Xunta nin dos concellos”

Rebeca Porto, presidenta do Comité do SAF de Redondela, conta que agora están metendo denuncias “por rexistro directamente na Xunta, para que se enteren do que pasa”. Puxéronse en contacto coa Inspección de Servizos Sociais, que contestaron non ter “nin idea” do que estaba a pasar. No manifesto da mobilización do SAF, Porto tamén recalcou que “o plan de inspección de servizos sociais de Galiza atribúe a Xunta a competencia sobre a supervisión e avaliación da calidade na prestación dos servizos”, entre outras competencias. Tamén que malia que a responsabilidade dun bo servizo recae no Concello de Redondela, a actual empresa (OsVentos) leva desde abril dando este servizo, e “ninguén da Xunta apareceu en 2022 para ver que pasaba por alí”.

Para a Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato con máis representación nos SAF do país, os mecanismos de control ás empresas non funcionan. “Non hai revisión, nin da Xunta nin dos propios concellos”, explica Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos. Ilustra este problema cun exemplo de acoso sexual, noutro concello, que non foi resolto pola empresa que xestionaba o SAF: “Un señor de 80 e pico anos, sen demencia nin nada semellante, acosaba sexualmente a unha traballadora tocándolle os peitos e a vaxina. Loxicamente, nós demos parte, e a propia empresa -non o concello- quixo solucionalo enviando a outra traballadora a ese mesmo domicilio. E isto denunciámolo nunha reunión coa Xunta”.

O novo convenio

En outubro de 2022, CCOO e UXT asinaban coa patronal un preacordo de convenio colectivo que incluía algunhas das demandas históricas das profesionais do sector, mais deixaban moitas outras no tinteiro. SAF Galicia, a plataforma de traballadoras creada polas traballadoras, rexeitaba taxativamente o preacordo canda os sindicatos de clase.

Semanas despois, a CIG convocaba unha folga -apoiada pola CUT- e mobilizacións en todo país, que remataron coa marcha atrás de CCOO e UXT á sinatura do convenio, que leva máis dunha década sen actualizarse. Cómpre lembrar que, segundo o convenio sectorial vixente e varias sentenzas, as traballadoras do SAF teñen dereito a unha actualización salarial en base á suba anual do IPC.

Malia os mecanismos de control previstos, na práctica ninguén se fai responsable da situación nos SAF. Tanto é así, que mesmo a alcaldesa de Redondela (PSOE) acudiu á manifestación convocada pola CUT, e na que se berrou e leu un manifesto contra a xestión do seu propio concello.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) leva anos esixindo un maior financiamento á Xunta e lembrando que, segundo a lexislación actual, o financiamento en dependencia correspóndenlle á Xunta e ao Goberno estatal. Aquí iría o posicionamento do Concello de Redondela, pero tras varias conversas non participaron na reportaxe. 

Desde o goberno galego, a Consellería de Política Social fala de “cifras récord” de investimento para e gábase de cumprir o acordo asinado coa Fegamp en 2021, no que acordaban unha suba progresiva pero claramente insuficiente para as traballadoras.

Se son negocio, non son coidados

En varios concellos, o Servizo de Axuda no Fogar está municipalizado, como ata hai pouco en Chantada. Alí externalizouse o servizo a Samaín, filial dunha empresa de Florentino Pérez que tanto se dedica á atención sociosanitaria como á limpeza de escaleiras mecánicas. Máis do mesmo con OsVentos: desde servizos culturais aos coidados, pasando pola hostalaría.

En Chantada, as traballadoras manifestáronse contra a privatización promovida polo goberno municipal do PP. Ángeles Poyán, traballadora durante once anos para o Concello e tres para a privada, foi despedida por Samaín por “baixo rendemento” durante un período no que estaba de baixa. “Fun das máis activas nas manifestacións, por iso me botaron”. Tras unha denuncia e un recurso da empresa, recoñecéronlle o despido como improcedente “e agora estou na ‘calle’, pero polo menos…”.

SAF Chantada
Mobilización en Chantada contra a privatización do SAF.

O proceso de privatización en Chantada foi motivado pola dificultade do Concello para cubrir as baixas laborais. Segundo o alcalde, Manuel Lorenzo (PP), a bolsa de traballo de 20 persoas era “insuficiente”, e ampliar a bolsa de traballo requiría de procesos dun mes de duración. Lorenzo fai balance e cre que o servizo mellorou e que funciona “máis ou menos ben”.

Sobre a diferencia entre traballar para o concello e para a privada, Ángeles Poyán di que “non ten nada que ver; o Concello lavou as mans e dixo ‘que se busque a vida a empresa’”. Conta que, traballando para o Concello, pagábase “bastante máis” o quilómetro, contábase como horario de traballo desde o primeiro quilómetro e que agora, non cumpren coa suba do IPC. O peor, con todo, é para as usuarias: “Cada día mándanlles unha auxiliar, e a xente maior non está para que lla cambies todos os días. O servizo non é o mesmo, é máis caro, moitas veces van menos tempo… Cando privatizaron, vendéronlle á xente que ía ser moito mellor, pero agora xa ven que non”.

Para Transi Fernández, da CIG, non hai dúbida. Os servizos teñen que ser públicos: “Na pandemia xa se viu a diferenza de mortalidade entre as residencias públicas e privadas”. Tamén se amosa crítica cos beneficios das empresas: “Os produtos de limpeza páganos as usuarias, o coche pono a traballadora… Isto é negocio moi rendible. Cres que ían prestar este servizo se non obtiveran beneficios?”. Desde a CUT critican tamén a lóxica coa que os concellos licitan o servizo: “En vez de procurar empresas que dean unha mellor calidade, parece que só interesan empresas low cost como OsVentos, que só teñen como obxectivo abaratar custes na procura dun maior rendemento económico”.

O alcalde de Chantada (PP) quéixase de que os concellos “pasámolas canutas” para dar o servizo: “É a ‘pescadilla’ que se morde a cola. Se o servizo custa 18-20€, a Xunta pon 12€ e os usuarios poñen ao redor de 2€, os concellos temos que poñer 5 ou 6€. Os números non dan. A Xunta e o Estado son quen ten que pagar o suficiente para cubrir o servizo, porque é responsabilidade súa”.

Aquí, de novo, iría unha valoración do Concello de Redondela e unha explicación de porque non optan por municipalizar o servizo, pero malia insistir durante dez días, aínda non participaron na reportaxe.

O prezo do que non ten prezo

Máis alá de incumprimentos laborais, porcentaxes e dereitos vulnerados, hai unha compoñente emocional que non se ten en conta en argumentarios e negociacións. Verónica, auxiliar, ten claro que o máis importante para as usuarias é “a cercanía” que teñen coas traballadoras. “Por iso protesta a xente”.

Andrea tamén se manifestou en Redondela e lamenta que se perda “a esencia” do seu traballo: “Que a usuaria che diga ‘ponme galletas’ e ti saibas cales son as que máis lle gustan”. Desde atrás, outra fala “dos seus velliños” e lembra indignada que, tras queixarse por un cambio de domicilio, a empresa contestoulle que “os usuarios non son teus”. Varias delas escoitan e abanean a cabeza, como berrando corpo cara adentro: “É que non entenden nada!”. Andrea estoupa coa rabia de quen se preocupa máis polos outros que por ela: “A unha usuaria limpáronlle o cu 15 traballadoras nun mes, e ninguén pensa en como se sinte unha persoa nesas situacións”.

Ángeles Poyán, ex traballadora de Chantada, resígnase. Cre que o seu traballo non está recoñecido socialmente: “Hai algúns familiares que valoran máis que limpes ben a casa que todo o humano que hai detrás do que facemos. Hai moita xente maior que necesita cariño, unha aperta, que lle collas a man… A min quitáronme o traballo, quitáronmo todo, pero o que sinte esa xente por min non mo van quitar”.

No plano institucional, Transi Fernández lembra cando, hai meses, a CIG promoveu unha Iniciativa Lexislativa Popular para crear un sistema público de atención: “Se escoitases o que nos dicían os deputados do PP ás persoas que estabamos vendo a sesión no Parlamento… Foi unha vergoña.”

Outro detalle, pero dos que importan. O nome do servizo —Servizo de Axuda no Fogar—. Axuda. Unha palabra que, para moitas traballadoras, non é acaída para todo o que realmente fan.

SAF Redondela 2

Ao mirar cara a arriba, as coidadoras non teñen quen as coide. Ao lado, hai traballadoras cheas de rabia e esperanza. Ángeles agarda que todas as traballadoras SAF do país unan esa forza para loitar entre todas. Polo de agora, a mani de Redondela rematou cun “cumpleaños feliz”, onde a metade cantaron “te deseamos, todos” e a outra metade “te deseamos, Míriam”. Porque é o que pasa sempre sempre sempre en calquera grupo de amigas.

Dependencia
O servizo de atención ao fogar, materia pendente

O Servizo de Atención ao Fogar dá cobertura ás persoas dependentes para mellorar a súa calidade de vida e retrasar a súa institucionalización. A falta de financiamento, de persoal e os baixos prezos impostos ás empresas que o prestan repercuten nas traballadoras e, especialmente, nas persoas usuarias.

Nota
As empresas mencionadas foron contactadas por correo e por teléfono pero non responderon ou non aceptaron a petición de entrevista.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Entrevista La Poderío
La Poderío Celia de Molina: “Todo lo que se considera universal no tiene nada que ver con nosotras”
Celia de Molina, nacida en Linares y con el corazón en Málaga, es guionista y directora con mucho poderío. Su cine busca transformar el mundo, como demuestra su corto 'Cuarentena', nominado a los Goya. En su último proyecto, 'No soy universal', desafía el concepto de “universal” desde una visión feminista y personal.
Feminismos
Feminismo “Gatazka eta abusua ez dira gauza bera”, feminismoko eztabaidei heltzeko
Laura Macayaren liburua ekarri du euskarara Katakrakek. Amaia Astobizak itzuli du, feminismoaren baitako eztabaidak ireki eta beste begirada batzuetatik ekiteko helburuarekin.
Palestina
Genocidio Israel sigue atacando hospitales, la ONU habla del peor momento en los 18 meses de asedio
No hay tregua en Gaza, donde Israel ha recrudecido las matanzas y sigue sin permitir el acceso de alimentos y productos de primera necesidad. La ONU denuncia asimismo el asesinato de más de 70 civiles en Líbano.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Comunidad de Madrid
Educación El Gobierno de Ayuso deberá pagar 1.000 euros a una profesora por el exceso de horas lectivas
Según CCOO, hasta 6.500 profesoras y profesoras se podrán acoger a esta sentencia que supone una penalización a la Comunidad de Madrid por el exceso de horas extras que realiza el profesorado.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Ayuntamiento de Madrid
Huelga de basuras Huelga indefinida de basuras en Madrid desde el 21 de abril tras romperse las negociaciones
Los representantes sindicales fuerzan el paro para obligar a las empresas subcontratadas por el Ayuntamiento a escuchar sus propuestas. El Ayuntamiento fija servicios mínimos del 50 %.

Recomendadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva.
Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.