ASalta
“De muller a ‘útero con patas’”: relatos de violencia obstétrica (II)

Vanessa e Laura relatan as súas experiencias persoais ao toparse de fronte con esta cara oculta do patriarcado.
Parto
Unha xinecóloga asiste un parto.
16 mar 2021 19:40

Antes de que chegues
deberán relucir os alambiques onde se destila o sangue
e o verde e o marrón deberán botar a sortes os teus ollos
e que o mundo poida ver a través do teu grandioso iris
prenatal

Olga Novo (2019)

A violencia de xénero, a mala praxe médica e a mirada androcéntrica da medicina están detrás da violencia obstétrica. Cando falamos dela referímonos en realidade a un universo de palabras estrañas (episiotomías, manobras de Kristeller e Hamilton, fórceps, oxitocina, buscapina…) que adoitan ser pronunciadas por profesionais de bata branca nas consultas de obstetricia ou salas de paridoiro sen que as mulleres que se ven sometidas a elas saiban de que se tratan. A atención deshumanizada mestúrase coa patoloxización dos procesos naturais da maternidade e coa infantilización das mulleres e faltas de respecto cara a elas. Na primeira entrega desta reportaxe xa se falou da definición de violencia obstétrica

Maternidad
Iria Pinheiro: “Eu non parín, a min paríronme"

"Anatomía dunha serea" é unha obra de teatro que fala, en primeira persoa, da dura experiencia de violencia obstétrica que sufriu a actriz Iria Pinheiro.

Na padiola do hospital e a piques de parir, as mulleres que sofren violencia obstétrica son reducidas a suxeitos pasivos sen control sobre os seus corpos ante a autoridade incuestionable dos profesionais, que rutinizan partos instrumentalizados e prácticas ditadas sen consentimento informado e/ou sen xustificación. A violencia obstétrica, na súa forma física e psicolóxica, configura unha realidade aínda moi asentada nos hospitais galegos: segundo o recente Informe do Observatorio das Violencias Machistas na Maternidade da asociación galega Materfem, o 86% das mulleres participantes dixo ter vivido este tipo de violencias. Máis do 44% sufriuna bastantes veces e case outro tanto en contadas ocasións. Velaquí a historia de Vanessa e Laura, dúas nais e enfermeiras que relatan o seu embarazo, parto e posparto no Hospital de Cee e no Hospital de Ourense.

De cesáreas programadas e depresións postparto

“Un útero con patas”. Son as catro palabras que atopa Vanessa Viquendi para describir como se sentiu a partir do quinto mes do seu embarazo. A esa altura, nunha consulta rutinaria no hospital Virxe da Xunqueira de Cee —onde deu a luz hai cinco anos— , indicoulle á matrona que a súa nai sufrira diabetes xestacional. “A partir dese momento sentín que me catalogaran a min tamén. Anuláronme e desprazáronme das decisións”. Someteuse a un Test de O’Sullivan e a unha ‘curva longa’ de glucosa que, segundo ela explica, non determinaron con claridade se ela tamén sufría este tipo de diabetes, posto que a segunda das probas se produciu xusto despois de cinco días de ingreso que con moita probabilidade puideron alterar os resultados. Con todo, cos datos “collidos con pinzas”, obrigárona a pincharse tres veces ao día para controlar a glucosa. “Ameazáronme con que se me negaba, chegaría un momento en que me tería que pinchar insulina”, relata. “Chorei de rabia!”.

Dende ese momento, “tratada coma unha enferma” máis ca coma futura nai con capacidade de decisión, o embarazo foise trabando nunha cadea de nervios e estrés que tocaron un dos seus puntos máis álxidos na consulta na que lle comunicaron que a súa nena viña de nalgas. Sabía, por compañeiras que deran a luz nese mesmo hospital, que esa noticia desembocaba nunha práctica que non quería asumir: a programación do parto a través de cesárea. Ao principio negouse a firmar a autorización. “O problema meu, máis ben para eles, foi ter coñecemento”, di Vanessa. “Non quería que me quitasen o bebé antes de tempo: quen me aseguraba que tería madurez pulmonar e non ía arrastrar problemas respiratorios? Non había riscos vitais en esperar o meu parto de xeito natural”, conta. Finalmente decidiu non presentarse á cita. “Botei ese día e esa noite chorando. Ninguén me chamara para explicarme como se ía desenvolver e, ademais, non había motivo para programala. Só a comodidade deles”.


Vanessa viquendi
Vanessa Viquendi pouco antes de dar a luz

Opoñerse a esa decisión custoulle a negativa do hospital a seguila atendendo: “Dixéronme que non volvera, que non me ían dar máis citas para o seguimento do embarazo”. Chegou a valorar mesmo a posilibidade de interpoñer unha denuncia, posto que non lle quedaba outra que entrar por urxencias se quería exercer o seu dereito a ser atendida. O nivel de estrés que lle provocaron estes contratempos alongaron a chegada da súa nena ata a semana 41 máis catro, día no que  finalmente accedeu á cesárea. Pincháronlle ata sete veces a epidural mentres lle recriminaban que tiña “as vértebras moi xuntas”. Unha vez nada a súa nena, non deixaron que fisexe o pel con pel ata unha hora despois de rematar de coser a cesárea, a pesar de que a meirande parte dos profesionais falan do caracter esencial desta técnica tralo parto, que consiste en deixar o bebé no ventre materno durante ao menos dúas horas. “Que pasa? Eu quero a miña nena xa!”, desesperaba Vanessa.

A vivencia dun embarazo ou dun parto traumático pode provocar ás nais depresións posparto e outro tipo de complicacións, físicas e psicolóxicas, que se alongan no tempo.

A nena acabou absorvendo todo o estrés que Vanessa sufriu durante o embarazo, parto e posparto. O seu marido, tras os quince días de permiso de paternidade por aquel entón, tivo que marchar traballar fóra de Galiza. “Quedei soa, nun terceiro sen ascensor, cunha cesárea, e cun bebé que non paraba de chorar. Mil veces temín facerlle dano á miña filla”, recoñece. Despois da “peripecia” do embarazo, Vanessa enfrontouse a unha depresión posparto e a un vaxinismo —unha contracción involuntaria dos músculos que están ao redor da vaxina e que orixina dor nas relacións sexuais—. “Custoume moito falar de todo isto. Nin sequera era capaz de escribir unha soa palabra no diario da miña nena máis alá da súa data de nacemento. Estaba completamente desquiciada”. Hoxe, mirándoo coa perspectiva que dan os anos, denuncia o “endiosamento” dalgúns xinecólogos: “Só miran estatísticas, nin sequera te miran a ti. Trátante de parva e séntense moito máis cómodos cando dan cunha persoa que non sabe, pero eu quedei coa safistacción de que loitei ata o final”. “Un embarazo non é unha enfermidade!”, sentenza.


ASalta
“Raxáronme sen avisar”: relatos de violencia obstétrica (I)
As prácticas inxustificadas ou non consentidas e o trato deshumanizado antes, durante e despois do parto segue sendo unha realidade para moitas mulleres que maternan en Galiza.

“Broncas” por coller o seu fillo recén nacido no colo

“Porque o meu neno foi un touriño, se non non sei que tería pasado”, conta Laura, tamén enfermeira, sobre o seu embarazo. A estoutra nai practicáronlle a manobra de Hamilton sen avisar días antes de ingresar. Trátase dun tacto vaxinal en movemento circular que se realiza para desprender as membranas amnióticas da parede do útero e que desencadea as contraccións en poucas horas. “Estás moi verde. Necesitas unha axuda”, dixéronlle. Lembra levantarse da padiola coa dor que lle causaron aqueles tactos. O seu parto, no Hospital Universitario de Ourense, eternizouse durante tres días e aínda hoxe non coñece con certeza que pasou durante o nacemento do seu neno e que fármacos lle administraron a ela. “De repente, mandáronme tumbar e empezou a vir máis e máis xente. Comezaron a poñerme medicación, non sei o que. Todos tiñan que meterme alí a man, parecía que cun só tacto non valía”, explícase Laura. “Dous xinecólogos, tres matronas, e o meu marido fóra. Non entendía anda”. Tras horas con contraccións a cada minuto, decidiron deterlle o parto. Só cando ela preguntou o porqué, unha vez en planta, os profesionais informárona de que o seu neno “viña afogado”.

O día seguinte comezou con aplicacións de oxitocina para acelerar o parto e ata tres rescates de epidural. O tempo pasou con lentitude ata que na seguinte madrugada, logo de facer febres superiores a 38º, empezaron a “meterme as palas”, di referíndose aos fórceps - instrumento para facilitar a saída da cabeza do bebé -. Nese intre, “sedáronme sen avisarme”, explica. “De feito dixéronme que era osíxeno o que me ían administrar, pero eu sabía que non porque aquilo tiña cheiro”. Ao momento quedou durmida, e cando espertou, viu todo cheo de sangue: a súa barriga, as súas pernas, as mans e a cara do xinecólogo... “Pero que pasou aquí?”. “Foi un parto con fórceps. Perdiches moito sangue”, foi a única resposta que recibiu. “Na primeira consulta coa matrona despois de parir preguntáronme se retiña a caca e o pis. Pero que me estaba contando? Ninguén me explicara que un dos posibles efectos secundarios dos fórceps era a incontinencia”. Tampouco ninguén lle explicou se o bebé sufrira algún tipo de consecuencia nin como transcorrera en realidade o parto. “Vin o meu neno cheo de marquiñas. Puxéronmo cinco minutos no peito e leváronmo para neonatos”, conta Laura.

“A lactancia materna é unha decisión das mulleres que non se nos pode coartar en función das comodidades de ningún profesional”

E alí veu o peor, “alí si que o pasei mal”. O seu neno quedou durante sete xornadas na unidade de neonatos (non UCI) do hospital de Ourense, un lugar que “non está adaptado” para unha nai que acaba de parir e que ten a súa vaxina ferida e todo o seu corpo dorido. Máis alá desta unidade, “ningunha instalación na miña planta está adaptada para unha episiotomía”, refire Laura. Agás algún profesional, esta nai só se atopou con berros e con constantes xuízos ao redor da lactación e crianza en neonatos. Botábanlle a “bronca” mesmo por coller o seu neno en brazos: “Que vas facer? Acabo de bañalo e de darlle o biberón, se o colles vasmo espertar, e logo vas marchar e deixarmo chorando”, tenlle reprendido algunha enfermeira. “Sempre estaban meténdome medo. Véndenche a historia de que é unha sala 24 horas aberta para as nais e prolactancia, pero diso nada”. A pouca sensiblidade e calma por parte da maioría de profesionais durante aqueles días impediu que Laura puidese sentir aquel como un espazo seguro para ela e o seu neno. Nin sequera respectaron os tempos precisos para que lle tomase o peito. “Non me permitían telo comigo para estimular ou dicíanme que o deixara só cinco minutos en cada teta. Cando saímos do hospital busqueime a vida e tortureime bastante con isto, pero xa era tarde”, laméntase. Perder esa posibilidade aínda lle pesa hoxe, deixoulle marca. “A lactancia materna é unha decisión das mulleres que non se nos pode coartar en función das comodidades de ningún profesional”.

Ás veces de xeito moi sutil e outras de maneira máis evidente, a violencia obstétrica afoga calquera posibilidade de embarazo, parto e posparto digno, participativo e respectuoso. Lexitima a pasividade das mulleres e perpetúase da man dun sistema patriarcal e unha sanidade falta de recursos. Contra todo isto, cómpre alzar a voz, claman Vanessa e Laura, para que ningunha outra muller sexa sometida durante o seu proceso de maternar. Para que ningún outro parto lle sexa roubado a quen lle pertence.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

ASalta
Fotogalería 11 mulleres, 11 historias
Mulleres diferentes contan en primeira persoa por que o feminismo é importante todos os días do ano.
ASalta
“Coñecer o ciclo é importante para ser máis comprensivas”
A menstruación continúa a ser un tabú e, en moitos países, afecta de xeito grave a que as nenas poidan acceder a unha educación de calidade.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.
Barcelona
Barcelona Activistas de los derechos humanos piden la retención de un barco dispuesto para armar a Israel
La naviera Maersk está transportando estos días componentes para los cazas F-35. El Estatuto de Roma sobre genocidio contempla acciones legales contra las empresas que favorecen las masacres.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Eventos
Taller de podcast El Salto invita a estudiantes a explorar las posibilidades del formato audiovisual
Proponemos un taller de guion y producción de programas para estudiantes de comunicación y periodismo los días 24 de abril y 8 de mayo.
Comunidad de Madrid
Educación El Gobierno de Ayuso deberá pagar 1.000 euros a una profesora por el exceso de horas lectivas
Según CCOO, hasta 6.500 profesoras y profesoras se podrán acoger a esta sentencia que supone una penalización a la Comunidad de Madrid por el exceso de horas extras que realiza el profesorado.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Ayuntamiento de Madrid
Huelga de basuras Huelga indefinida de basuras en Madrid desde el 21 de abril tras romperse las negociaciones
Los representantes sindicales fuerzan el paro para obligar a las empresas subcontratadas por el Ayuntamiento a escuchar sus propuestas. El Ayuntamiento fija servicios mínimos del 50 %.
República del Sudán
Sudán Cara a. Un Sudán en guerra
Se cumplen dos años de una guerra que ya deja más de 13 millones de personas desplazadas y más de ocho millones de sudaneses al borde de la inanición.
Palestina
Palestina La UE apoya a Palestina con 1.600 millones de euros más pero sin entrar en la situación de Gaza
Los ministros de Exteriores europeos, que se han reunido en la mañana del 14 de abril con la Autoridad Nacional Palestina en Luxemburgo, no aumentan las sanciones contra Israel.

Recomendadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva.
Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.