ASalta
“Raxáronme sen avisar”: relatos de violencia obstétrica (I)

As prácticas inxustificadas ou non consentidas e o trato deshumanizado antes, durante e despois do parto segue sendo unha realidade para moitas mulleres que maternan en Galiza.
mujer embarazada
11 mar 2021 18:18

Antes de que ti chegues
e empece a poesía a poñerse en posición fetal
e os nutrientes dunha mazá formen a túa preciosa pleura
vou saír aí dentro proclamar a vitoria do instinto
e que o mundo vexa a hedra enroscárseme no cerebro
 e aqueles que nunca amaron choren a fío
ante os teus peíños que aprenden a andar sobre o aire.

Olga Novo (2019)

Os de Patricia Martínez e Patricia Álvarez son os relatos de cando as poesías que vivían no seu interior, no refuxio de paz do líquido amniótico, quixeron descubrir as rimas do mundo que as agardaba. Terían que ser as maiores experiencias do coidado, da delicadeza e do respecto para nais e fillas, mais bateron cunha realidade que fixo cambalear os seus ritmos naturais, que lles roubou intimidades e que as desposuíu do control sobre os seus propios corpos maternantes: a violencia obstétrica. Unha realidade esvaradía, que se aproveita do descoñecemento das nais e que adquire carices sutís ás veces ou se volve evidente e corporal noutras, pero que sempre coloca as mulleres no lugar dos suxeitos pasivos, desprovistos de capacidade de decisión.

A matriactivista Jesusa Ricoy (2013) define este tipo de violencia como “o descoñecemento das necesidades emocionais da nai e do bebé en calquera momento do embarazo, do parto e do puerperio inmediato, así como da autoridade e autonomía que a muller ten sobre a súa sexualidade, o seu corpo e os seus bebés”. Enténdese tamén como violencia obstétrica “o acto de ignorar a espontaneidade, as posturas, os ritmos e os tempos que require o parto para progresar con normalidade”. O trato deshumanizado que sofren as mulleres por parte dalgúns profesionais da saúde concrétase na patoloxización dos procesos naturais e na rutinización de certas prácticas ditadas sen consentimento informado e/ou sen xustificación —episiotomías, cesáreas programadas, partos inducidos, constantes tactos vaxinais, abuso de medicalización, manobras de Hamilton e Kristeller... Tamén se manifesta na súa forma psicolóxica, a través da infantilización das mulleres e das faltas de respecto en calquera momento da maternidade. Faíscas do patriarcado que prenden, unha vez máis, sobre o corpo das mulleres.

Un estudo de Maternidades Feministas sinala que un 86% das mulleres sufriu violencia obstétrica en Galiza

Segundo o recente Informe do Observatorio das Violencias Machistas na Maternidade da asociación galega Materfem, o 86% das mulleres participantes dixo ter vivido este tipo de violencias. Máis do 44% sufriuna bastantes veces e case outro tanto en contadas ocasións. Unha das prácticas que sorprendentemente aínda refiren o 4,3% das mulleres é o chamado “punto do marido”: un punto de sutura de máis á hora de coser a incisión da episiotomía que estreita a vaxina co único obxectivo de producirlle máis pracer ao home nas seguintes relacións sexuais. Outro estudo preliminar sobre o coñecemento da violencia obstétrica por parte das profesionais da atención ao parto, desta vez elaborado a nivel estatal pola matrona Lola Ruiz Berdún e a psiquiatra perinatal Ibone Olza no ano 2014, ofrece dous datos igualmente relevantes: o 94% das especialistas enquisadas foi testemuña de violencia obstétrica durante a súa formación e case un 80% sentiu presión para exercer este tipo de prácticas no paridoiro. Nas seguintes liñas, dúas mulleres póñenlle face aos datos a través das experiencias das súas maternidades.

O manexo dos tempos: en domingo non se dá a luz

A Patricia Martínez provocáronlle o seu primeiro parto na semana 38 de embarazo e sen previo aviso. Utilizaron a denominada manobra de Hamilton, un tacto vaxinal en movemento circular que se realiza para desprender as membranas amnióticas da parede do útero e que desencadea as contraccións en poucas horas. Segue sendo unha práctica xeneralizada a pesar de que provoca dores intensas e desequilibra o ritmo natural do embarazo nos casos nos que carece de xustificación, posto que o parto é un proceso fisiolóxico que o corpo inicia de forma espontánea. “Meteu os dedos na vaxina e fíxome moitísimo dano, moitísimo; é coma se che arrincaran algo de dentro. Non che avisan do que fan nin de que che vai doer de tal maneira”, relata Patricia, que sufriu esta práctica na última consulta de obstetricia en Betanzos antes de dar a luz do Hospital Materno da Coruña. “Cando tes a túa barriguiña, sentes o neno moverse e todo está ben, que alguén force de tal maneira, para min resulta denigrante”.

Á mañá seguinte, cando se levantou para ir traballar, viu que estaba sangrando. Marchou a urxencias e mandárona de volta para a casa outros dous días en que sufriu intensas contraccións derivadas dese tacto. Ao que puido ingresar, subírona a planta e, de novo sen previo aviso, pincháronlle un relaxante muscular na perna. “De seguido, quedei planchada. Incluso tiven alucinacións porque levaba dous días e medio con moita dor”. Era domingo, e ata o luns non deu a luz. A sospeita que ronda na cabeza de Patricia —“nunca o saberei a ciencia certa”— é que aquel pinchazo na perna non tiña outra intención ca retrasar unhas horas o parto: dun día festivo a un laboral. “Entendo que fixeron como lles conviña a eles; os tempos naturais”, —pensa—, “non foron respectados”.

Patricia Martínez
Patricia Martínez ilusionada pouco antes de saír de contas.

Unha vez preparada para o parto, xa en luns e logo de que a matrona lle explicara os procesos internos que ían ter lugar no seu corpo, Patricia só puido decidir se quería ou non a anestesia epidural. Non tardaron moito en practicarlle, sen facer uso do consentimento informado, outra das manobras máis conflitivas: a de Kristeller. Trátase dunha práctica que consiste en exercer presión cara ao fondo uterino para que o bebé saia máis rapidamente. Está prohibida en países como o Reino Unido polos riscos que pode implicar para as nais e os bebés e é contraindicada por autoridades como a OMS ou o Ministerio de Sanidade ante a falta de evidencia científica. Aínda hoxe, seis anos despois do parto, Patricia non lle puxera nome e apelidos a esta manobra, pero si lembra con nitidez como se posicionaron enriba dela e empuxaron cara abaixo. “A sensación que tes é de que es, simplemente, un animal”. A esta práctica sucedeulle logo o uso de fórceps —instrumento para facilitar a saída da cabeza do bebé— e a realización dunha episiotomía —incisión no perineo—, tampouco informadas. “Quedei moi desgarrada e perdín bastante sangue. Souben, xa a posteriori, o que eran os fórceps e o que significaba ese corte no perineo. Dalgún xeito, tiñan que xustificar todo o desgarro que me fixeran”, conta Patricia, naquel momento nai por primeira vez. “Eu non tiña experiencia e eles si, debían terme trasladado o que sabían. Ti estás abrindo toda a túa intimidade a un montón de persoas: xinecólogos, enfermeiras, matronas, auxiliares... O respecto, o coidado e o cariño teñen que estar presentes obrigatoriamente”. Se puidese volver atrás, gustaríalle ter tido un parto onde participar doutra maneira, sendo consciente do que e do porqué de cada paso dado.

Unha vez co seu neno en brazos, o plan de parto seguiu brillando pola súa ausencia. Non lles explicaban cando ían proceder ao seu primeiro lavado ou para onde o levaban cando marchaban con el. O trato deixou moito que desexar. “De feito, ao facer a súa primeira caca pedimos axuda e denegáronnola. Ata se riron de nós. Sentimos moi pouca sensibilidade. Daba a sensación de que facían o seu traballo de xeito mecánico e que nós molestabamos alí”, lembra. Ao ver a cariña do seu bebé, Patricia esqueceu todo o malo, pero agora, co tempo andado que permite lembrar en perspectiva, dáse conta, di, de que se puideron ter dado moitas “irregularidades”.

Maternar en pandemia: adeus as aulas preparto

Estoutro é un relato máis recente. Patricia Álvarez deu a luz antes de saír de contas, a comezos de decembro do pasado ano, no medio da pandemia da Covid. Na súa última revisión, a xinecóloga tamén intentou facerlle a manobra de Hamilton, pero cando comezou a sentir dor díxolle que parase inmediatamente. “Informárame antes por se acaso, porque sei que se non vas con coñecemento fan de ti o que queren”. Patricia foi unha desas case vinte mulleres do Couto, en Ourense, que quedaron sen o dereito a educación prenatal a raíz da pandemia. Unha “situación de abandono” por parte do Sergas que se prolongou durante os meses finais do 2020, xa coa pandemia avanzada e a meirande parte dos servizos adaptados ao novo contexto. “Eu quedei sen matrona cara ao final do parto, e cheguei ao hospital con medo do que me podería encontrar... Perdín bastantes clases e tiven que informarme pola miña conta”, fala Patricia.

O Sergas deixou a Patricia Álvarez sen matrona e sen aulas prenatais cando estaba a piques de dar a luz. Tirou de Internet para seguir informándose de cara ao seu parto.

Chegado o momento, todo aquilo que a matrona lle puido advertir mentres exerceu e todo aquilo que ela aprendeu esfumouse rapidamente. “Cando pisas a realidade ves que non cumpren nada do que deberían”. Estoutra nai ingresou nunha habitación compartida na que mesmo tiña que durmir coa máscara posta. As contraccións pasounas dentro do baño, “que non son máis que catro valdosas". “Apoiábame no lavamáns e chocaba co váter. Comodidade cero e atención cero”, denuncia. “Non che deixan saír da habitación nin tampouco ter contigo a pelota de dilatación para aliviar a dor. Póñenche pegas para todo: para darche unha máscara se a túa rompe, para traerche un coxín para poñer entre as pernas, para traer unha manta á túa parella...”. Nun momento dado, sen aviso previo, administráronlle medicación para acelerar as contraccións. “Cando te atopas nesa situación non ves outra alternativa ca ceder, por medo e porque che din que se non cha poñen o parto non vai para adiante”. Horas máis tarde tiveron que retirarlla porque “lle estaba provocando taquicardias á nena”.

Durante o parto utilizaron a ventosa obstétrica para sacar o bebé da canle de parto e realizáronlle un corte no perineo. Ningunha destas técnicas lle foi consultada. Patricia nin sequera sabía o que era unha ventosa no momento en que lla estaban colocando; pero molestoulle, sobre todo, a práctica da episiotomía sen aviso nin consentimento dado: “Raxáranme e non mo dixeron. Entereime por casualidade, cando vin que lle explicaban a un rapaz de prácticas como se cosía a incisión”, relata. O pel con pel coa súa nena foi, segundo explica, un “descontrol total”. “Collíanma constantemente, levábanma, traíanma, había mans por todos os lados; non se respectou nada”. A primeira frase que recibiu ao subir a planta foi: “Se non lle das o biberón ingrésocha en neonatos”. O abuso de poder dende o ámbito sanitario faise especialmente perceptible no relacionado coa lactancia materna. “Non me deixaron tempo nin calma” —critica— “para ver se a nena me collía o peito. O único que lles importaba é que non chorara e non molestara. Así foi que acabamos dándolle biberón. Antes de que cha leven, fas o que sexa”.

Durante o parto utilizaron a ventosa obstétrica para sacar o bebé da canle de parto e realizáronlle un corte no perineo. Ningunha destas técnicas lle foi consultada. Patricia nin sequera sabía o que era unha ventosa no momento en que lla estaban colocando.

A comodidade das mulleres que dan a luz queda supeditada, en moitas ocasións, á comodidade dos propios profesionais —o exemplo máis evidente témolo, sen ir máis lonxe, na posición habitual na que paren as mulleres—. A falta de recursos e medios nos hospitais galegos tamén dificulta unha atención humana ás mulleres que maternan. Patricia Álvarez, débil tras o parto e coa ferida da episiotomía aínda moi recente, lembra ter que baixar e subir de xeonllos da súa padiola medio rota. Case non puido nin sequera ocuparse da súa nena mentres estaba no berce da habitación do hospital. A violencia obstétrica cóase ata polas máis mínimas gretas, e as mulleres que pasaron por ela piden para as vindeiras partos humanos, respectados e dignos, onde quen leva a súa criatura dentro teña voz e sexa escoitada, física e psicoloxicamente.


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

ASalta
Fotogalería 11 mulleres, 11 historias
Mulleres diferentes contan en primeira persoa por que o feminismo é importante todos os días do ano.
ASalta
“Coñecer o ciclo é importante para ser máis comprensivas”
A menstruación continúa a ser un tabú e, en moitos países, afecta de xeito grave a que as nenas poidan acceder a unha educación de calidade.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.
Barcelona
Barcelona Activistas de los derechos humanos piden la retención de un barco dispuesto para armar a Israel
La naviera Maersk está transportando estos días componentes para los cazas F-35. El Estatuto de Roma sobre genocidio contempla acciones legales contra las empresas que favorecen las masacres.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Eventos
Taller de podcast El Salto invita a estudiantes a explorar las posibilidades del formato audiovisual
Proponemos un taller de guion y producción de programas para estudiantes de comunicación y periodismo los días 24 de abril y 8 de mayo.
Comunidad de Madrid
Educación El Gobierno de Ayuso deberá pagar 1.000 euros a una profesora por el exceso de horas lectivas
Según CCOO, hasta 6.500 profesoras y profesoras se podrán acoger a esta sentencia que supone una penalización a la Comunidad de Madrid por el exceso de horas extras que realiza el profesorado.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Ayuntamiento de Madrid
Huelga de basuras Huelga indefinida de basuras en Madrid desde el 21 de abril tras romperse las negociaciones
Los representantes sindicales fuerzan el paro para obligar a las empresas subcontratadas por el Ayuntamiento a escuchar sus propuestas. El Ayuntamiento fija servicios mínimos del 50 %.
República del Sudán
Sudán Cara a. Un Sudán en guerra
Se cumplen dos años de una guerra que ya deja más de 13 millones de personas desplazadas y más de ocho millones de sudaneses al borde de la inanición.
Palestina
Palestina La UE apoya a Palestina con 1.600 millones de euros más pero sin entrar en la situación de Gaza
Los ministros de Exteriores europeos, que se han reunido en la mañana del 14 de abril con la Autoridad Nacional Palestina en Luxemburgo, no aumentan las sanciones contra Israel.

Recomendadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva.
Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.