We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Activismo
Os nove detidos na protesta en apoio a Palestina de Compostela esixen a retirada de tódolos seus cargos
![Militantes propalestinos Santiago de Compostela](/uploads/fotos/r2000/e6f30146/IMG-20250212-WA0003.jpg?v=63906661610)
O colectivo “9 detencións, 0 explicacións” celebrou unha rolda de prensa no Centro Social A Gentalha do Pichel para esixir a absolución das nove persoas detidas o pasado 6 de outubro nunha protesta en apoio ao pobo palestino. Arredor de corenta persoas reuníronse para apoiar a causa e denunciar a represión sufrida. Ademais, o grupo convocou unha concentración de apoio o mércores 19 de febreiro, data na que as cinco persoas detidas na mañá do 6 de outubro deberán comparecer ante a xuíza instrutora. A protesta terá lugar ás 11:00 horas fronte aos xulgados de Compostela, en Fontiñas, co obxectivo de esixir a absolución de todas as persoas encausadas.
Durante a rolda de prensa, presentouse un comunicado no que se detallaron os feitos ocorridos tras a multitudinaria manifestación en defensa de Palestina. Ao rematar a marcha, realizouse un acto de boicot fronte a un establecemento de Burger King na rúa da Senra, convocado por BDS Galiza e a Rede Galega pola Palestina. Esta acción non violenta foi reprimida polas forzas de seguridade do Estado, que interviñeron, segundo explicaron, “con violencia e detiveron a cinco manifestantes”, aínda que tamén se puido observar nos rexistros gráficos da protesta.
Posteriormente, ao trasladar ás persoas detidas á comisaría da Policía Nacional, organizouse unha concentración de urxencia para esixir a súa liberación. Neste novo acto de protesta, a intervención policial repetiuse co mesmo nivel de violencia, resultando na detención doutras catro persoas. A xornada concluíu con “nove detencións, pero ningunha explicación”.
O colectivo denunciou no seu comunicado os mecanismos represivos do Estado contra os movementos populares organizados e reafirmou a súa defensa da loita internacionalista solidaria, a autodeterminación e a autoorganización dos pobos fronte a calquera axente autoritario.