Violencia machista
O negocio tras a violencia machista

Moitos medios de comunicación ven nos feminicidios oportunidades para aumentar os seus ingresos, vulnerando os dereitos das vítimas e ignorando sistematicamente os códigos deontolóxicos. As presións e a misoxinia nos medios, a precariedade e a falta de especialización dificultan a boa praxe das e dos xornalistas.

O SALTO GALIZA
19 nov 2019 07:00

Xa non é cuestión de visibilizar os crimes machistas. As cartas están sobre a mesa: hai homes que matan a mulleres polo rol de xénero que a sociedade lles asigna. Dentro da categoría ‘muller’, existe o risco de ser asasinada. É algo que repiten unha e outra vez todas as fontes consultadas: o que mata é o machismo, o patriarcado, o xeito no que está organizada a nosa vida social.

Con todo, gran parte dos medios seguen sen sinalar nesa dirección: “Dan argumentos que acaban xustificando a violencia machista: foi un arrebato, un desengano, volveuse tolo... Non deixa claro que a única causa destes crimes é unha violencia estrutural e sistemática contra as mulleres”, explica unha voceira de Xornalistas Galegas, colectivo en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista, que prefire non dar o seu nome.

SANDRA, MARÍA ELENA E ALBA

Un dos últimos exemplos foi o triplo feminicidio de Valga, no que foron asasinadas Sandra, María Elena e Alba. Tan exemplar foi que o Colexio Profesional de Xornalistas, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Defende a Galega e Xornalistas Galegas se manifestaron en contra do tratamento informativo. Nos últimos días, este último colectivo criticaba tamén a información do xuízo polo asasinato de Diana Quer.

Ana María Rubines coordina o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), dependente do Colexio Oficial de Psicoloxía, que emitiu un comunicado “para evitar que os xornalistas foran tan invasivos”: “É unha situación moi delicada na que hai que preservar a intimidade e non engadir máis dor. Non é a primeira vez que un xornalista camufla un móbil no tanatorio para buscar unha imaxe máis impactante”.

Desde Xornalistas Galegas sinalan que foi un feito “moi espectacular” para os medios: “Tres asasinadas á vez, unha pistola do mercado negro... Ten todas as compoñentes das historias dramáticas e truculentas. Atopábaste con cousas espeluznantes: a nai do asasino dicindo ‘fóiselle a cabeza pero el é un santo’, xornalistas buscando a un fillo do primeiro matrimonio...”.

A espectacularización destes crimes é un dos recursos cos que se lucran os medios. Belén Puñal é xornalista, profesora e investigadora en Comunicación e Xénero. Nunha publicación de 2017, argumentaba: “O seu tratamento como suceso, desligado da raizame causal que a provoca, así como a permanencia de estereotipos que criminalizan á vítima e desculpan ao agresor, forma parte recorrente da literatura académica existente ao respecto, porque a espectacularización da información, o morbo e o recurso a estereotipos funcionan como gancho para atrapar de maneira fácil á audiencia”. Para Xornalistas Galegas, o xeito de presentar a información é moi importante, e critican sobre todo os matinais de Telecinco ou Antena 3: “Van ao morbo, recréanse no detalle, teñen rótulos para cebar a información e manterte pegado á pantalla; aínda que a información sexa real, non hai necesidade de facer literatura. Quítalle seriedade a este problema estrutural”.

Xornalistas Galegas: “Van ao morbo (...) Aínda que a información sexa real, non hai necesidade de facer literatura. Quítalle seriedade a este problema estrutural.”

Esa literatura e ese tratamento informativo bota man dun imaxinario patriarcal moi arraigado. Escribe Puñal: “A estereotipia de xénero obedece a intereses, non só ideolóxicos, senón tamén mercantís. A construción simplificada da realidade que os estereotipos ofrecen forma parte da bagaxe común de coñecementos da poboación. De aí que o seu uso proporcione aos medios unha estratexia eficaz de conexión rápida coa audiencia”.

Ademais dese gancho e da estereotipia que perpetúan, estas informacións poden infundir medo en lugar de buscar solucións ou chamar á acción. Nerea Barjola, autora de Microfísica sexista del poder, explicaba nunha entrevista a El Salto que “cando o definen como suceso é como se fose algo que pasa porque si; esa lectura déixanos inermes, posiciónanos no centro dun terror contra o que parece que non podemos facer nada”.

MERCANTILIZACIÓN DA INFORMACIÓN

É outra das patas do problema: a concepción da información como un ben co que xerar máis ingresos a través dos datos de audiencia. Esta lóxica afecta tamén á información relativa á violencia machista, de xeito que un crime machista ten que ser entretido: isto é, barra libre para facer literatura, usar imaxes morbosas e dar un carácter episódico que enganche. Máis share, máis cartos.

Puñal: “A estereotipia de xénero obedece a intereses, non só ideolóxicos, senón tamén mercantís. (...) De aí que o seu uso (dos estereotipos) proporcione aos medios unha estratexia eficaz de conexión rápida coa audiencia”.

Dúas citas ao respecto: o famoso Kapuściński criticaba en 2002 que baixo esta lóxica o importante na información era o espectáculo: “Unha vez que creamos a información-espectáculo, podemos vender esa información en calquera parte”. Ou en 2013, Catalina Gayá, autora de Infoentretenimiento. El formato imparable de la era del espectáculo: “O espectáculo, o drama e o conflito son as características que dominan os criterios de noticiabilidade dos medios”.

Este non é un problema recente, tampouco no relativo á violencia machista. En 2004, o Observatorio Galego dos Medios, creado no seo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, asinaba canda profesionais e colectivos a Declaración de Compostela, texto no que se fai constar un protocolo informativo “para a correcta cobertura e tratamento dos casos de violencia de xénero”.

AS VÍTIMAS QUE NON MORREN

Aínda así, quince anos despois, é precisa a crítica. Rubines, coordinadora do GIPCE, recorda que unha das maiores dificultades para as familiares que perden a un ser querido nestas circunstancias tan extremas é a de volver á rutina: “Para eles poñer un pé na rúa é anticipar que cada veciño co que te cruces vai preguntar polo suceso e vai remover á túa dor. Se os medios se fan eco do suceso deste xeito, xa non son só os veciños, se non que todo o mundo te coñece como a vítima desta situación”.

Explica Rubines tamén o risco de que as familiares se enteren dos feitos a través dos medios: “Esa primeira información que lle chega ás veces son fotos sensacionalistas ou informacións non contrastadas. Imaxina o que pasa pola cabeza do familiar; é unha sensación que se lle vai quedar gravada de por vida: do que me enterei e como me enterei”.

Rubines, psicóloga: “Para as familiares das vítimas poñer un pé na rúa é anticipar que cada veciño co que te cruces vai preguntar polo suceso e vai remover á túa dor.”
Pasoulle a María Abuín, irmá do home que asasinou a Diana Quer. Nunha entrevista en La Voz de Galicia, explica que se enterou ao ver a foto do seu irmán na televisión. Tamén recoñece que recibiu ameazas de morte e insultos “por ser a irmá dun asasino”. Cómpre deixar claro, aínda que sexa o de menos, que María amosou en todo momento o seu rexeitamento ao asasinato. Este caso é significativo de como a violencia machista vai máis alá da violencia física e afecta a un amplo entorno das persoas inmersas nun feminicidio por mor das coberturas mediáticas invasivas.

As vulneracións contra a intimidade, a banalización dos crimes e a súa espectacularización están normalizadas na praxe xornalística de moitos medios. Para máis inri, ignorando sistematicamente todas as guías, documentos e códigos deontolóxicos feitos durante os últimos vinte anos: a Declaración de Compostela, o Informa_DOR (feito entre xornalistas e psicólogas) ou numerosos textos de ámbitos diversos como a academia ou o activismo. Nin con esas.

Belén Regueira, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) explica que “é habitual que nos casos con moita atención mediática as informacións non se axusten aos consensos profesionais”. Rubines, psicóloga, considera “viable” un código deontolóxico específico para “non causar dor ás vítimas” e pide “máis ética”.

Xornalistas Galegas: “Dase a cifra de ‘x’ mulleres asasinadas no ano, pero non hai fontes expertas que expliquen as causas e consecuencias. Non hai un plantexamento sobre o sistema como feito central da información”.

Malia que se seguen sobrepasando todos os límites deontolóxicos, desde os colectivos de xornalistas tamén inciden en que o tratamento informativo é mellor que anos atrás. Regueira cre que “aínda hai casos de mala praxe”, pero recoñece que houbo “unha evolucion positiva”, reclamada pola sociedade: “Non hai tanto tempo que se deixou de falar de crimes pasionais”. Desde Xornalistas Galegas cren que agora se informa máis da violencia machista, mais non sempre mellor: “Dase a cifra de ‘x’ mulleres asasinadas no ano, pero non hai fontes expertas que expliquen as causas e consecuencias. Non hai un plantexamento sobre o sistema como feito central da información”.

No Colexio Profesional de Xornalistas explican que para os e as profesionais non é fácil formarse neste ámbito: “Queremos formarnos, facer mellores coberturas e levar este debate ás redaccións. Moitas veces non está da man do xornalista formarse e prepararse, e hai decisións que o sobrepasan.”

É SUFICIENTE A AUTORREGULACIÓN?

Nun artigo académico, a investigadora Belén Puñal citaba e poñía o foco na Lei Orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes: “As autoridades ás que corresponda velar por que os medios audiovisuais cumpran as súas obrigas adoptarán as medidas que procedan, de acordo coa súa regulación, para asegurar un tratamento das mulleres conforme cos principios e valores constitucionais”.

O CPXG non ten capacidade sancionadora nin hai organismos que a teñan, unha eiva que detectan desde o Colexio. “Tampouco confiaría só na cuestión sancionadora”, explica Regueira, que ten claro que “a autorregulación nalgúns casos se está revelando como algo insuficiente”. Ademais, lembra que no estado español non existen autoridades que poidan exercer esa función: “É unha posibilidade que existe legalmente pero non acaba de poñerse en marcha”.

Desde o Colexio de Xornalistas cren que hai casos no que a autorregulación se revelou como “algo insuficiente”, mais non confían só na cuestión coercitiva e sancionadora.

Sobre isto, en 2017, Puñal escribía: “Fronte á esixencia de compromiso coa igualdade e contra a discriminación, a estereotipia e a invisibilidade, os medios adoitan refuxiarse en dous argumentos. Un deles invoca á liberdade de expresión, que se ergue como bandeira fronte a calquera tipo de limitación ou regulación que se quixer estabelecer”. Por outra banda, a voceira de Xornalistas Galegas aboga pola autorregulación: “Todos sabemos facer o noso traballo, pero temos que loitar porque nos deixen facelo”.

CRISE, PRECARIEDADE E PRESIÓNS

Todas as fontes consultadas, especialmente o CPXG, consideran que hai factores estruturais que fomentan a mala praxe dos xornalistas, como a falta de especialización, a falta de reflexión nas redaccións ou a precariedade: “Todo isto afecta á calidade da información e aínda máis nos casos de violencia machista”. Para Xornalistas Galegas, “o sector está moi precarizado e a xente ten que pagar o piso a final de mes. Non hai mecanismos de defensa para dicir ‘eu isto non o podo facer’”. Pon como exemplo á reporteira Noemí Trujillo, que conta que chegou a facerse enferma para non ter que ir á casa dos familiares dunha muller asasinada: “Chega un punto no que non tes xeito de saír desa roda. Temos que ter liberdade para facer o noso traballo”.

Outra das causas é a misoxinia que impera desde o poder de moitas empresas de comunicación. Nesa visión, convén perpetuar unha visión patriarcal e curtopracista do problema, en lugar de que público e profesionais estean formados nun xornalismo con perspectiva de xénero. “Haberá que educar tamén aos xefes, e explicarlles ben cales son as consecuencias de usar certas imaxes”, razoa a psicóloga Ana María Rubines, que sinala tamén cara á protección do xornalista: “hai moitos xornalistas que nos din que despois de cubrir estas cousas sinten moita ansiedade, que teñen dificultades para durmir, que teñen nenos pequenos e se sinten fatal”. Desde o Colexio de Xornalistas recoñecen que no último que se pensa é no impacto que ten para o xornalista: “Esa especialización da que falabamos tería que cubrir iso”.

Con todo, as solucións milagrosas non existen: “Vai levar moito tempo”, afirma Regueira (CPXG). Desde Xornalistas Galegas cren que malia que depende de moitos factores, é certo que “hai medios novos que abordan a violencia machista doutro xeito”.

Por outra banda, tamén hoxe son posibles proxectos pola reparación das vítimas, coma o libro No camiño do vento en torno a Sesé Mateo, feminista e sindicalista de Chapela asasinada en 2017. Malia non arranxar o problema, dignifican a memoria das mulleres asasinadas por riba dos relatos misóxinos vendidos pola prensa.

Non hai solucións máxicas. Cómpre que profesionais e lectores reflexionemos cales son as boas e as malas prácticas. Comecemos por formarnos cada quen, e desde este lado, por organizarnos no colectivo esixindo unhas condicións dignas para facer xornalismo. Cada maldita cobertura dun crime de violencia machista é unha oportunidade para poñer o foco na necesidade de corrixir un sistema fallido e asasino. Aproveitémolas para que a última cobertura chegue canto antes. 


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

República del Sudán
Belkis Wille “En Sudán hay milicias practicando violaciones a gran escala contra mujeres y niñas”
Belkis Wille, investigadora de Human Rights Watch, denuncia los abusos de grupos armados como las Fuerzas de Apoyo Rápido en el conflicto sudanés, donde se registran crímenes tanto de esclavitud sexual como de sometimiento mediante violaciones.
Fronteras
Tijuana “Se viene una pesadilla”, así han vivido la victoria de Trump en los centros de migrantes de Tijuana
En el Espacio Migrante de Tijuana, a unos pocos kilómetros de la frontera, se reúnen personas en busca de esperanza. Algunas de ellas huyen de sus maltratadores, muchas ahogaron un grito desesperado cuando vieron que Trump ganaba las elecciones.
Momus Operandi
Momus Operandi La verdadera pregunta
¿Cómo vamos a darle sentido a la ausencia de aquellas personas que han muerto por decisiones políticas que les han deshumanizado a través de tal crueldad?
Palestina
Genocidio Israel sigue atacando hospitales, la ONU habla del peor momento en los 18 meses de asedio
No hay tregua en Gaza, donde Israel ha recrudecido las matanzas y sigue sin permitir el acceso de alimentos y productos de primera necesidad. La ONU denuncia asimismo el asesinato de más de 70 civiles en Líbano.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Comunidad de Madrid
Educación El Gobierno de Ayuso deberá pagar 1.000 euros a una profesora por el exceso de horas lectivas
Según CCOO, hasta 6.500 profesoras y profesoras se podrán acoger a esta sentencia que supone una penalización a la Comunidad de Madrid por el exceso de horas extras que realiza el profesorado.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Ayuntamiento de Madrid
Huelga de basuras Huelga indefinida de basuras en Madrid desde el 21 de abril tras romperse las negociaciones
Los representantes sindicales fuerzan el paro para obligar a las empresas subcontratadas por el Ayuntamiento a escuchar sus propuestas. El Ayuntamiento fija servicios mínimos del 50 %.

Recomendadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva.
Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.