Palestina
"Contar a historia dunha familia como a Samuni era incluso máis importante que a propia guerra”

A última película de Stefano Savona, A Familia Samuni, é un canto ao dereito á vida das persoas palestinas a través do retrato dunha familia antes, durante e despois dos ataques israelís a Gaza do 2008.

samuni animación
Un fotograma da parte animada do documental “A Familia Samuni”.
24 abr 2020 09:00

Stefano Savona estivo por primeira vez en Gaza no ano 2008, durante a chamada Operación Plomo Fundido —coñecida tamén como Masacre de Gaza, pois tivo como resultado a morte de miles de persoas palestinas. Nun primeiro momento, este realizador gravou o que acontecía coa intención de amosar o que os medios convencionais ocultaban, pero pronto foi consciente de que precisaba falar máis intimamente das vidas que se viran afectadas polo ataque. Así naceu Samouni Road, traducida aquí como A Familia Samuni un documental sobre a celebración dunha voda nunha zona rural cerca de Gaza, pero que acaba sendo un canto ao dereito á vida dos e das palestinas. Unha película que xira entorno a unha nena, á súa familia e ás árbores que formaron parte da súa historia durante xeracións, e aos ataques que sufriron durante a masacre, e como conseguiron reconstruírse tras a traxedia. Un documental que, a pesar de todas as ganas de vivir que amosa, fainos sentir a dor dun pobo que leva anos sendo sistematicamente atacado, mentres o resto do mundo lle dás as costas.

A Familia Samuni foi presentada o pasado marzo en Númax, xusto antes da implantación do estado de alarma, pero Stefano Savona espera poder regresar nun futuro a presentala persoalmente.

Familia samuni cartel
Cartel da película de Stefano Savona en Númax. Elena Martín

Que te levou a facer este documental en Gaza? Por que decidiches centrarte na familia Samuni?
Estiven en Gaza durante o ataque israelí do 2008-2009. Fun capaz de ir alí nese período porque coñecía xente en Exipto que me atopou un xeito de entrar, e unha vez alí, decidín que quería gravar unha especie de diario do que estaba a acontecer en Gaza durante a guerra. E iso foi o que fixen nese momento. Despois, editei todo ese material nunha película que se chamou Piombo Fuso Castlead. Pero a idea desta primeira película era máis amosar unha contrainformación do que se dicía que pasaba alí, que facer un documental sobre a familia Samuni. Finalmente, cando a guerra rematou e estaba preparado para regresar, coñecín a esta familia. E nese intre descubrín algo que incluso durante os ataques non fora quen de ver: que a historia dunha familia como os Samuni era incluso máis importante que a propia guerra.

Durante a guerra, gravei algúns vídeos que eran como unha testemuña do que pasaba día a día. Pero sen entender moito o que acontecía realmente, porque durante a guerra non entendes o que está pasando. Mais, despois de coñecer á familia entendín o importante que era en realidade poder contar a historia dun único grupo, e facelo o máis pausado posible. A historia dunha única familia antes da guerra, durante a guerra e despois da guerra. A familia Samuni recibiran un dano terrible durante os ataques a Gaza. Ao coñecelos, aínda que non estaba planeado, sentín que se puidese contar a súa historia, esa era a película que me gustaría facer, aínda que me levase máis tempo de feito, ao final tardei 10 anos en poder rematala.   Así naceu A Familia Samuni.

No documental céntraste moito nos nenos e nenas e, e chama a atención a capacidade que teñen para sorrir a pesar de todo. Transmiten moita vida. Buscabas que se viran esas ganas de seguir adiante a pesar da traxedia?
Durante a miña vida, vin moitas películas sobre Gaza que se centran no drama. Nestes filmes, os espectadores ven cadáveres, mais iso non contribúe a que entendan o problema, non se lles informa do que aconteceu nin dos sentimentos das persoas afectadas. Pola contra, estar coas familias, coas nenas, os nenos e os adultos, permite ver a dor de fronte e poñerlle cara. Coñecer máis directamente á xente que sofre.  

Pero dito isto, é importante dicir que aínda que fan fronte á súa situación e loitan por seguir vivos, por dentro é fácil sentir que están cheos de dor. Por exemplo, os nenos e nenas están continuamente revelándose ante todo o que os rodea. Amal, a nena protagonista da película, pasaba a maior parte do tempo calada e era fácil ver que pasara por algo moi traumático e aterrador. Pero incluso aínda que iso é certo, nada máis coñecer a Amal sentín que ela necesitaba contar a súa historia. Saír dese buraco negro e amosar o que lle pasara para superar o trauma. E esta película foi o xeito que atopei de axudarlles a superar o que lles acontecera, de darlles un altofalante a través do cal desafogar.

Ao mesmo tempo, penso que é preciso que a sociedade, a opinión pública de fóra de Gaza, vexa de primeira man xente viva, e non morta. Porque ata agora vimos moita xente morta, tanta que xa parece que nos acostumamos e pensamos «Ok, iso é normal. Son palestinos, son vítimas. É simplemente outra guerra, é normal para eles». Pero se os amosas como xente viva, que intenta superar o día a día e sobrevivir, entón é moito máis doado sentir o seu drama e a súa traxedia. Deixas de sentir que sexan vítimas ‘profesionais’.

Eu levo toda a miña vida simpatizando coa loita palestina, e estou acostumado a que os ‘media’ amosen simplemente morte. A súa morte. Pero en Palestina senten que as súas mortes non contan tanto como debería para o resto do mundo. Por iso, tras darlle moitas voltas sobre se era necesaria realmente outra película sobre esta guerra cando xa hai tantas, decidín que facer outra película sobre isto só merecía a pena se a facía así, amosando o que normalmente non vemos cos nosos propios ollos. Foi unha cuestión de necesidade. Algunha xente chegou a dicirme que non amoso suficiente traxedia no documental, porén eu penso que é moito mellor así, se non amoso só traxedia entón aparece a historia, a vida, que debería ser unha dimensión fundamental.

“A familia Samuni recibiran un dano terrible durante os ataques a Gaza. Ao coñecelos, aínda que non estaba planeado, sentín que se puidese contar a súa historia, esa era a película que me gustaría facer, aínda que me levase máis tempo”.

Parte do documental o pasado da vila e os ataques israelís está feito a través da animación. Que levou a esta decisión?
Gravei en Gaza dúas veces, a segunda en 2010, e comprendín que non era suficiente, que era necesario realizar algún tipo de reconstrución para contar a historia da familia antes da guerra. Foi así como pensei na animación, pero ao non ter experiencia previa nese ámbito, foi moi complicado e levou máis tempo do esperado. Por iso, se tivese rematado o documental no 2009, tería sido unha historia completamente diferente. Aproveitei todos estes anos para xuntar a historia como quería que fose.

A animación fíxose realidade grazas a un grupo de trinta animadores. E tiven a sorte de coñecer a Simone Massi, que é experto na técnica de papel rasgado, e que se converteu no animador principal no documental. Ao ver esa técnica, namorei instantaneamente e sentín que ese era o estilo de animación que quería na película. Despois atopamos todos os demais animadores que sabían traballar con este estilo de animación e coordinamos.

Nun principio, pensamos que nos levaría un ou dous anos, pero ao final levou cinco. É unha técnica moi lenta. Un único animador pode facer como medio segundo por día de traballo. E hai 40 minutos na película, iso significa unha enorme cantidade de traballo e tempo. Pero mereceu a pena porque esta animación foi o xeito que atopei de ter algún material que amosase o pasado, que me permitise achegar esa parte da historia da familia ao público.

As árbores vense tamén nesa animación, e nótase que son un símbolo de resistencia para os palestinos. Como xurdiu esta idea? E como están esas árbores hoxe?
Si, efectivamente as árbores son símbolos para eles, pero non foi ocorrencia miña que aparecesen como tal no documental. Utilizar as árbores durante todo o documental foi idea dos protagonistas, é o seu propio xeito de contar a súa historia.

De feito, cando tiven por primeira vez a idea de centrar o documental na familia Samuni foi cando Farach me contou a historia das oliveiras e do sicómoro que despois se convertería no inicio da película. Mentres ma contaba, deume unha idea de como a podía contar eu. E pensei «ok, agora só hai que atopar un xeito de facela visual», isto é, para facer que a través das imaxes se puidese ver que as árbores efectivamente estiveran alí. E para iso fixemos a animación, utilizando debuxos que eles mesmos fixeron, deste xeito funciona aínda máis como un símbolo poderoso de resistencia.

Nun documental non podes inventar cousas, pero si que é posible usar técnicas ao teu alcance para expresar e verbalizar o que queres dicir, neste caso as árbores como ese poderoso símbolo de reconstrución. Creo que ata os israelitas foron conscientes deste símbolo, xa que despois dos ataques volveron para destruír as árbores tamén. Iso quere dicir que, de algún xeito, son conscientes do poder que teñen esas árbores e do poderoso símbolo que representaban.

Utilizar as árbores durante todo o documental foi idea dos protagonistas, é o seu propio xeito de contar a súa historia.

E como está a familia Samuni agora? Segues en contacto con eles?
Si, manteño o contacto coa familia desde que empecei o documental ata agora, dez anos despois. Desde entón, cambiaron moitas cousas. A nena protagonista, Amal, xa ten 21 anos, foi a universidade e casou o ano pasado. Tivo un neno hai uns meses e está moi contenta, porque sempre quixo ter unha familia e non sabía se podería ter fillos despois das feridas que sufriu pola bomba. A día de hoxe aínda sofre dores polos restos da metralla que lle quedaron na cabeza, pero ten unha vida normal. Pódese dicir que é unha milagre dalgún xeito. E o resto da familia tamén intentan saír adiante nunha situación tan complicada, porque Gaza é un lugar moi difícil para vivir. Pero eles o fan, son capaces, e iso é o máis importante.

Amal samuni
Amal nun dos fotogramas do documental.

Por desgraza, nos últimos tempos non puiden volver a Gaza porque non me conceden o permiso necesario. Por iso tampouco puiden estar coa familia despois de rematar a película. Mandeilles un enlace para que a viran e dixéronme que sentiron que o documental contaba a súa historia, e iso era o máis importante para min. Pero, aínda así, é moi triste non poder volver alí e compartir con eles ese momento porque me é imposible regresar a Gaza, desde hai anos que non se me permite. E témome que probablemente non sexa capaz de regresar nunca.

Fixeches este documental coa intención de que a xente de diferentes partes do mundo se acheguen un pouco máis á realidade palestina. Aínda así, cres que este tipo de filmes contribúen a que haxa máis presión internacional para que muden as cousas?
Iso sería o meu desexo, pero non creo que este tipo de películas sexan capaces de facer tanta presión como deberían. Con todo, non podemos dicir: «nada vai cambiar así que mellor deixamos de amosarlle ao mundo o que está a pasar en Palestina». Se fixéramos iso, automaticamente converteríamonos en cómplices dos que cometen atrocidades. Así que temos que manter a esperanza e crer que algo fan.

Todos os esforzos que facemos son necesarios, incluso aínda que quizais sexan inútiles. De feito, se parásemos de intentar amosar o que acontece, a situación sería incluso peor. Ata agora unhas 30000 persoas viron a película. É unha porcentaxe diminuta, en comparación coa poboación humana, pero é mellor que nada. Polo menos agora sei que esas persoas coñecen un pouco máis o que está a acontecer nesta zona do planeta.

“Non podemos dicir: «nada vai cambiar así que mellor deixamos de amosarlle ao mundo o que está a pasar en Palestina». Se fixéramos iso, automaticamente converteríamonos en cómplices dos que cometen atrocidades”

Ías presentar a película o pasado marzo en Númax, pero ao final non puideches vir por mor da situación de alarma provocada polo coronavirus.
Si, tiña moitas ganas de ir pero non foi posible. De tódolos xeitos, puxeron a película xusto antes de que fose oficial o estado de alarma, e penso que é unha boa película para ver nunha situación así porque a película fala de supervivencia, de como sobrevivir e seguir adiante nunha situación mala. Agora mesmo nós estamos nunha situación complicada, non tanto como a dos palestinos, pero ás veces ver como outra xente sigue adiante no medio de situacións tráxicas pode axudarnos a contextualizar os nosos malestar e dicir «de acordo, vou superar isto, hai xente que sobreviviu a situacións peores á que estou vivindo agora». Nestes días penso moito no que se vive en Gaza, ou noutras guerras, porque por moito que para nós as cousas se poñan mal en Europa, non ten nada que ver co que eles viven alí. E aínda así eles seguen loitando.  

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Palestina
Palestina La UE apoya a Palestina con 1.600 millones de euros más pero sin entrar en la situación de Gaza
Los ministros de Exteriores europeos, que se han reunido en la mañana del 14 de abril con la Autoridad Nacional Palestina en Luxemburgo, no aumentan las sanciones contra Israel.
Palestina
Palestina Israel ataca el hospital más importante de la ciudad de Gaza
El hospital Al Ahli ha sido bombardeado esta madrugada provocando daños severos y la evacuación de pacientes y personal.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.
Palestina
Palestina La UE apoya a Palestina con 1.600 millones de euros más pero sin entrar en la situación de Gaza
Los ministros de Exteriores europeos, que se han reunido en la mañana del 14 de abril con la Autoridad Nacional Palestina en Luxemburgo, no aumentan las sanciones contra Israel.
Comunidad de Madrid
Sanidad Pública Más de 760.000 personas no tienen médico de familia o pediatra en la Comunidad de Madrid
En los 267 centros de salud existentes en la región faltan 3.812 médicos y médicas y 983 pediatras. Hay 42 centros de salud caídos, esto es, con menos del 20% de la plantilla, mientras que el año pasado había 21 centros en esta situación.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Eventos
Taller de podcast El Salto invita a estudiantes a explorar las posibilidades del formato audiovisual
Proponemos un taller de guion y producción de programas para estudiantes de comunicación y periodismo los días 24 de abril y 8 de mayo.
Censura
Extremadura El Partido Popular censura “flores republicanas” en el cementerio de Santa Marta de los Barros (Badajoz)
Izquierda Unida denuncia que la alcaldesa popular ha ordenado que “durante su mandato únicamente se colocarán flores de color blanco”. Han convocado a la ciudadanía a una nueva entrega floral este lunes 14 de abril a las 17 horas.
Fronteras
Fronteras El Gobierno de Mauritania alerta de que ya son más de cien cadáveres hallados en sus costas en 2025
Desde 2023 Mauritania es el principal punto de salida de embarcaciones hacia las Islas Canarias. El Gobierno reconoce el hallazgo de cuerpos. Mali reclama un trato humanitario a las personas que permanecen varadas en el país vecino.
Cómic
Cómic Viajando por ‘Bone’, de Jeff Smith, la fantasía de aventuras definitiva
En 1991 Jeff Smith dio comienzo a ‘Bone’, un hito del cómic de aventuras, muchas veces recordado por ser una alternativa de alma ‘cartoon’ a ‘El señor de los anillos’.
Asturias
Educación Asturies impulsa la gratuidad del primer curso universitario
La medida, aprobada por el Gobierno de PSOE-IU Convocatoria por Asturies, llega en plena polémica por los proyectos de apertura de centros privados en la comunidad.
Más noticias
Rusia
Opinión ¿Es Rusia una amenaza para Europa? Lo que nos muestra la historia
¿Cuál es el motivo para tanto rearme y actitud belicista? Pues, según muchos en la UE, la causa es Rusia, que supuestamente está lista para invadir y anexionarse Europa en cuanto termine de derrotar a Ucrania. ¿Tiene base real esta amenaza?
Memoria histórica
Memoria republicana El capitán Sediles, un extremeño en la insurrección republicana de Jaca de 1930
Semblanza del cacereño Salvador Sediles, capitán republicano, intelectual, escritor y figura olvidada de la sublevación de Jaca del 12 de diciembre de 1930 contra la monarquía de Alfonso XIII.

Recomendadas

Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.
Salud mental
Cambio de paradigma De la deprescripción de psicofármacos al refuerzo de plantillas: claves del Plan Nacional de Salud Mental
El Ministerio de Sanidad ha logrado un consenso para aprobar una nueva estrategia en salud mental, poniendo de acuerdo de un lado a todas las comunidades autónomas y del otro a todas las asociaciones.
Lobo
Especies protegidas Organizaciones tratan de evitar la caza del lobo: “Volver a la receta de la gestión letal no funciona”
El lobo está desprotegido desde la entrada en vigor de la ley de desperdicio alimentario el pasado 2 de abril. Organizaciones ecologistas y Podemos están llevando a cabo denuncias, recursos y otras acciones para revertir la desprotección del cánido.