We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Consumo
“As comunidades enerxéticas falan de cooperación, xustiza e humanidade”
As temperaturas non deixan de subir a nivel global en todo o planeta Terra, os fenómenos meteorolóxicos extremos veñen para quedar, miles de especies están en perigo de extinción, os recursos naturais imprescindibles para a vida como a auga son cada vez máis escasos en moitas zonas, e cada mes é máis complicado pagar a factura da luz. Segundo datos recollidos por Greenpeace España, as principais compañías enerxéticas do Estado español acadaron “un beneficio conxunto neto de 10.466 millóns de euros o pasado ano, a pesar de saber dende hai décadas que a súa actividade é a principal causa do cambio climático”.
Fronte á necesidade moderna de acceso constante á enerxía, semella complicado mudar a situación. Arousa en Transición, a comunidade de montes de Tameiga ou Buchabade son tres proxectos de autoconsumo comunitario que dende hai anos demostran na Galiza que, unidas, pode transformarse o modelo enerxético para a xestión e beneficio colectivos.
A enerxía en mans da xente como ferramenta de transformación
“O 90% da enerxía está en mans de cinco grandes empresas. Hai que mudar isto para que a transición enerxética sexa realmente xusta e democrática, introducindo novos actores”, afirma Raquel Fernández, socia de Amigas da Terra. Dende hai uns anos, a normativa da Unión Europea permite a existencia das chamadas Comunidades Enerxéticas, unha iniciativa, aínda en desenvolvemento, que fai posible a figura das ‘prosumidoras’. “Trátase dunha xestión comunal dos recursos, outro xeito de consumir, producir e mesmo de relacionarse fóra do sistema capitalista”, continúa Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
A Asociación Arousa en Transición é unha das iniciativas máis avanzadas en Galiza. O seu proxecto piloto ‘Mar e Luz’ conta con paneis de autoconsumo compartido, unha estación de carga para vehículos eléctricos e o uso da big data para optimizar os usos da enerxía, xa que a alfabetización enerxética mellora a eficiencia no seu consumo. Grazas ao apoio do concello de Arousa e das familias que forman a propia asociación, así como a asociación de mariscadoras, tras un longo proceso de catro meses, “dende febreiro as prosumidoras puideron comezar a dispoñer dos quilowatts de autoconsumo compartido”, explica Ana Millán, Presidenta de Arousa en Transición. “As comunidades enerxéticas non somos empresas, somos persoas co obxectivo de democratizar o mercado e que todas poidamos ser axentes participativos. Son ferramentas de transformación”, reivindica.
O concepto ‘enerxía comunitaria’ é moi amplo. Abrangue dende a mobilidade, pasando polo reparto da leña dos montes entre a veciñanza, ata a instalación de paneis solares ou aeroxeradores comunais. Porén, “a normativa europea non contempla todas as arestas e só recolle como enerxía o uso de renovables, deixando fóra as máis de 2.000 comunidades de montes que existen no país”, apunta Manoel Santos, voceiro de Greenpeace en Galiza.
É o caso da comunidade de montes de Tameiga que, como a maior parte das comunidades de montes, é unha entidade asemblearia que busca o beneficio ambiental, social e económico. Tal e como establece a normativa europea de comunidades enerxéticas. “Concretamente en Tameiga levamos xa máis de 20 anos repartindo biomasa, polo que de por si xa somos unha comunidade enerxética dende hai máis de dúas décadas”, explica Bruno Dutto, enxeñeiro na comunidade de Tameiga. “É un modelo que funciona e nós coñecémolo”.
Nesta parroquia de Mos están a conseguir cambios entre a veciñanza, transformando o seu xeito de consumir enerxía. “Moita xente cambiou a súa caldeira de gasóleo ou butano e estamos tendo uns 150 pedidos de leña de 3 m3 ao ano. Isto axuda un montón nesta crise enerxética”, explica o técnico. Este cambio na tendencia no uso de combustibles fósiles na parroquia diminuíu a pegada de carbono da poboación local. Co obxectivo de seguir aproveitando todos os recursos enerxéticos que existen no seu territorio, sol e vento, as comuneiras de Tameiga informáronse e descubriron a existencia das Comunidades Enerxéticas, algo que lles axudaría a acadar a soberanía enerxética. “Sobre todo con enerxía fotovoltaica, porque entre todas as renovables, actualmente é a máis accesible. Todas temos tellado”, explica Bruno Dutto.
“As comunidades enerxéticas parécense ás comunidades de montes pero as comunidades de montes non podemos ser comunidades enerxéticas, polo momento”, sinala Bruno Dutto
No Estado español contémplanse dous tipos de propiedade: a pública e a privada. As comunidades de montes, unha figura que existe dende hai décadas en Galiza, son de propiedade veciñal. Unha mestura que escapa das normativas estatais e, neste caso, tamén das europeas. “En Tameiga estivemos dous anos, entre o 2021 e o 2023, loitando para converter as comunidades de montes en enerxéticas, conversando co INEGA e o IDAE e explicándolles a casuística porque non temos acceso ás axudas por carecer de personalidade xurídica”, explica o enxeñeiro Bruno Dutto. “Temos que pagar impostos como as empresas, pero déixannos fóra das axudas”, denuncia.
Un ano despois da última alegación á normativa, en Tameiga seguen sen resposta por parte das administracións. Foi grazas a coñecer unha cooperativa, ECOOO, que decidiron optar por outra estratexia e poder avanzar no seu proxecto de soberanía enerxética veciñal. “A solución que atopamos polo momento é facer autoconsumo colectivo, é dicir, o puro reparto da enerxía dende a instalación ata as casas”, explica o técnico da comunidade de Tameiga. No 2016 recuperaron con sentenza firme 40 hectáreas que eran un monte comunal, hoxe convertido en polígono industrial. “Estamos a reutilizar 20 naves para cubrilas con paneis e repartir esa enerxía entre os comuneiros. Nuns meses agardamos ter conectada a primeira instalación á rede”, conclúe.
A comunidade enerxética de Buchabade nace tamén dunha comunidade de montes que, para evitar a instalación dunha macroeólica nos seus montes, asistiu a unha formación e descubriu a existencia das comunidades enerxéticas. A diferenza do caso anterior, deciden crear unha cooperativa para, deste xeito, poder ser consideradas comunidade enerxética e recibir as axudas. “Pensamos que sería unha vía máis posibilista, práctica e funcional que as compañeiras de Tameiga”, afirma Fernando Malvar, presidente da comunidade enerxética de Buchabade. Dous anos despois nin o Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) nin o Instituto para a diversificación e aforro da enerxía (IDAE) consideraron este proxecto entre os beneficiarios das subvencións. “É decepcionante. Cumprimos todos os requisitos e aínda así non conseguimos ningunha axuda”, denuncia.
Actualmente, grazas aos fondos dos 76 comuneiros, están xa no proceso de licitación da obra de instalación dos paneis solares no propio monte comunal do lugar. “Temos que facer o que podemos co que temos e tirar para diante”, conclúe Malvar.
A Plataforma pola Defensa do Monte, coa axuda do CISPAC e dos grupos de investigación Histagra e Uxafores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e Fundacións como Montescola ou RIA está impulsando un proxecto que nos próximos meses terá como resultado a creación dunha nova comunidade enerxética en Rianxo. “Polo momento estamos a facer unha avaliación da sustentabilidade do proxecto, traballando coas comunidades de montes. O obxectivo final é axudar á comunidade de montes de Rianxo a crear a súa propia comunidade enerxética e que dentro de ano e medio poidan desenvolvela eles”, explica David Fontán, investigador do Histagra.
“En Galiza cómpre animar e subliñar o papel que deberían ter as comunidades de montes. Temos as condicións perfectas para ser referentes nas comunidades enerxéticas, e ademais xa hai unha tradición de autoconsumo no noso rural. A Xunta debería promover isto, pero aínda non cren nestes proxectos”, conclúe Fernando Malvar.
“A Xunta de Galicia non aporta axudas suficientes”, conclúe Raquel Fernández
Dende Amigas da Terra advirten da falta de apoio por parte da administración galega aos pequenos proxectos que comezan a xurdir ao longo do país galego. “As axudas do INEGA dependen da industria e os fondos case sempre van aos polígonos. En xeral todas estas subvencións son pequenas e enredadas: inútiles”, denuncia Raquel Fernández, socia desta organización medioambiental. “E a isto hai que sumarlle as trabas das distribuidoras e as dificultades económicas que ten sempre comezar de cero un proxecto”, engade.
No caso da Asociación Arousa en Transición, se o proxecto foi adiante foi grazas ás estruturas da economía social, como cooperativas e banca ética. “Ao final é a veciñanza a que fai tecido social e comunitario e crea proxectos coma este, fronte aos procesos lentos por parte da administración”, afirma a presidenta da asociación. Na mesma liña, dende a comunidade de Buchabade Fernando Malvar califica de greenwashing á política europea: “Na UE queren quedar ben pero se de verdade queren impulsar este tipo de proxectos fan falta máis fondos. E máis accesibles”.
“Canto máis pequena é a iniciativa, máis problemas atopan a nivel financeiro”, asegura Raquel López dende Amigas da Terra. E é que, ao non estar aínda pechada a definición das comunidades enerxéticas por parte da Unión Europea nin, polo tanto, na normativa do Estado español, as propias empresas que forman o oligopolio enerxético poden acceder ás axudas e crear as súas propias ‘comunidades enerxéticas’. Deste xeito, empresas coma Repsol ou Naturgy, principalmente, manteñen a súa soberanía no mercado da enerxía, afastándose da razón de ser da figura das comunidades enerxéticas.
“Estamos nun momento no que hai que dicir as cousas claras. O cambio climático xa está aquí. Pero seguimos vendo moito greenwashing e poucos proxectos reais. É unha vergoña, estanse a lucrar á nosa costa”, denuncia a presidenta de Arousa en Transición. “Cada vez somos máis as que tiramos para diante con estes proxectos. As institucións teñen que poñerse á nosa altura”, engade. “Temos as ferramentas, agora queda impulsar estes proxectos”, concorda Manoel Santos, voceiro de Greenpeace en Galiza.
Porén, o difícil acceso ás axudas non é o único problema ao que deben facer fronte as veciñas que se unen para crear comunidades enerxéticas. As organizacións medioambientais Greenpeace, Amigas da Terra e Ecoloxistas en Acción denuncian as malas prácticas das grandes empresas do oligopolio enerxético, quen intenta facer as normas para seguir aumentando os seus beneficios. “As eléctricas, especialmente Naturgy, poden permitirse o luxo de retrasar anos o envorcado á rede da enerxía comunal, poñer mil trabas, ou esixir o seu uso coma almacenamento pagando unha quinta parte e dificultando moito a rendibilidade dos paneis solares comunitarios”, denuncia Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción. Un tira e afrouxa constante que, en palabras do enxeñeiro da comunidade de Tameiga, “non é un xogo nada divertido”.
Energía solar
Comunidades enerxéticas O potencial imperfecto das comunidades enerxéticas
Dende a comunidade de Tameiga reclaman unha maior transparencia por parte das empresas que, coma Fenosa, non comparten información esencial á hora de facer unha instalación. “Ninguén che explica como facelo, pero pasados 15 días responden que o fixeches mal ou que precisan máis información e, se en 20 días non o resolves, tes que comezar de novo toda a solicitude”, explica o técnico. Unha dilatación dos tempos que estas comunidades sofren en cada etapa do proceso cando toca falar coas distribuidoras, coma Fenosa, ou comercializadoras, coma Naturgy.
“A cooperativa ECOOO axudounos moito a dar luz, xa que tiñan experiencia nestas trabas das grandes empresas. As distribuidoras son o gran cu de botella que hai realmente. Piden cousas que non teñen xeito como que subas ao tellado quitar fotos dos números de serie que elas mesmas instalaron”, engade. Bruno Dutto tamén recalca a importancia de denunciar esta situación, e facer que chegue aos despachos nos que se toman as decisións. “Por sorte tanto a propia Ministra Teresa Ribera, coma todo o seu grupo, escoitaron as nosas peticións, e agora as empresas do oligopolio teñen a obriga por lei de responder nun máximo de tres meses, e non nos dez que tardaran connosco”, agradece.
Pese a que esta relación coas distribuidoras de enerxía adoita ser complicada, non sempre acontece. Neste sentido, na comunidade de Buchabade séntense agradecidas. “É unha sorte contar cunha pequena distribuidora local en Ponte Caldelas. Apoiáronnos en todo momento e déronnos moitas facilidades á hora de conectarnos á rede”, asegura o presidente da comunidade, Fernando Malvar.
O novo modelo desmasculiniza a enerxía
As Comunidades Enerxéticas son moito máis que unha forma de xerar ou distribuír enerxía. Todas elas levan a cabo labores de alfabetización para diminuír o consumo e facer partícipe ás veciñas das decisións que lles afectan. “O mundo da enerxía dá medo, ninguén entende. Por iso é tan importante esta labor por parte das propias comunidades”, asegura Raquel Fernández dende Amigas da Terra, unha organización medioambiental que leva a cabo varios proxectos tanto a nivel estatal coma galego para axudar nesta tarefa de divulgación. “Estas comunidades son un novo xeito de entender a enerxía. Un modelo que pon no centro a alfabetización, a participación cidadá e a inclusión”, engade. “Queremos reducir o risco de vulnerabilidade á pobreza enerxética. As comunidades enerxéticas falan de cooperación, xustiza e humanidade”, corrobora Ana Millán dende Arousa en Transición.
Dende Amigas da Terra aseguran que as comunidades enerxéticas permiten tamén tratar o xénero e as desigualdades, xa que, agás as asociacións de mulleres rurais, estes espazos dedicados á enerxía son predominantemente masculinos. “E moitos homes realmente non saben máis que as mulleres sobre mercado eléctrico, simplemente están máis empoderados dende sempre e non lles dá tanto medo falar e tomar decisións”, afirma a socia Raquel López. Nas xornadas formativas impulsadas por esta organización son moitas as mulleres que se anotan, ao ser un espazo seguro e cómodo no que realmente aprenden a aportar. “Hai proxectos impulsados por mulleres con outras miradas que desembocan en comunidades enerxéticas. A pobreza enerxética afecta máis as mulleres e é importante que se formen nesta xestión da enerxía. Isto favorece tamén a súa inclusión na comunidade”, engade.
Exemplo destas comunidades é a xunta directiva da Asociación Arousa en Transición, onde dun total de sete persoas, cinco son mulleres. Ana Millán, a presidenta, destaca a participación das mulleres na asociación pero, aínda así, afirma que “cando damos charlas si son maioría homes. É un mundo moi masculinizado. Existe un nesgo de xénero, pero os tempos van mudando e cada vez entramos máis para transformalo todo. É de xustiza!”