Opinión
Sumar en Galiza ou o penalti de Djukic

O filme deste instante podería ser ese no que un pobo enteiro se involucra no partido do século, o que decide un título inalcanzable. O equipo local ten a oportunidade que podería redimir unha inacabable historia de derrotas.
debate crtvg 2024 xunta
Isabel Faraldo (Podemos), Ana Pontón (BNG), Alfonso Rueda (Partido Popular), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) e Marta Lois (Sumar).

Hai algo diferente nestas eleccións e é que nunca viramos o PP tan desnortado. As campañas anteriores exhibían esa malignidade lúcida súa tan característica e producían un efecto de firmeza e solidez. Nesta ocasión, porén, trasladan a sensación contraria: de fraxilidade, de estar perdidos, de non enterarse de nada, coma un boxeador atordado que non acerta a saber de onde lle caen os golpes.

Di o refraneiro español que o pai a crea, o fillo a mantén e o neto a pecha, e a estatística demostra que apenas un 20% das empresas familiares resiste o paso á terceira xeración. A causa principal é a nugalla duns netos afeitos desde o seu nacemento á opulencia e que, chegado o momento da sucesión, se revelan como xestores incompetentes e alegres camanduleiros. O dilema sucesorio de Michael Corleone demostra que a regra incluso se cumpre nas estruturas mafiosas.

No lucrativo negociete familiar do PP galego, Rueda é o terceiro na liña sucesoria tras Fraga e Feijóo. E todo apunta a que resultou ser ese descendente folgazán que na súa vida deu un pau á auga e ao que a Presidencia da Xunta lle caeu do ceo.

Desde logo, non se pode dicir que pareza un abandeirado do esforzo e a previsión. Rueda convocou as eleccións para que coincidisen co entroido, sen dúbida para darlles un ambiente colorido e festivo; ordenou reducir as informacións políticas nos medios de comunicación que controla para non dar a lata e anunciou que só iría a un único debate, que máis cansa.

Como non ía haber campaña coa xente tan ocupada elixindo os disfraces, pois para que molestarse moito en preparala. Así que as mentes pensantes do PP se xuntaron un anaco nalgún dos antros que frecuentan e decidiron que con facer o de sempre e repetir de cando en vez a cantilena da amnistía, Cataluña, puchdemón e o sanchismo, pois todo solucionado. Se estes temas parece que interesan aos madrileños, por que non ían interesar tamén aos galegos? Acaso imos ser menos! E teñen a vantaxe de que xa llelos dan escritos desde Madrid e é menos traballo.

Como todos os folgazáns, Rueda imaxinou na súa cabeza o ben que lle ía saír o debate: enchería o plató de partidos de esquerda e estes empezarían a esfolarse entre si, pero as cousas non foron como agardaba

Só lles faltaba unha medida estrela para atouzar as masas. Algo relativo á transición verde? Non, home, diso nin palabra, que os galegos son xente práctica. Así que, con sonoro redobre de tambores, anunciaron ao mundo que ían reducir un pouquiño o imposto de sucesións aos primos. Cando o oín, saltábanseme as bágoas de emoción e berrei ao firmamento: “Señor, que fixen eu para merecer estes dons?”. E iso que nin teño primos.

O debate elixido sería o organizado pola CRTVG. Evidentemente, para manipulalo ao seu gusto, pero sobre todo, porque así non tiña que coller o coche e ata podes tomarlle algo por alí preto ao saír. Como todos os folgazáns, Rueda imaxinou na súa cabeza o fenomenal que lle ía saír todo: enchería o plató de partidos de esquerda e estes, como son tan pailarocos, empezarían a esfolarse entre si mentres el podería fumar un cigarriño ou pensar nas súas cousas mentres botaba unhas risadas vendo o show. Se por un casual a algún daqueles roxos lle dese por dicirlle algo a el, pois para iso xa tiña os moderadores, que se lanzarían veloces a pararlles os pés.

Por desgraza, as cousas non foron tan ben como agardaba. E resultou que xusto ese día, e xa é mala sorte, aos da esquerda non lles deu por pelexar. Ao contrario, non facían máis ca dicirlle: Señor Rueda isto, Señor Rueda o de acolá, botándolle en cara que se era un inútil, que se non facía ren. A cousa empezou a poñerse fea, a moderadora trataba de cambiarlle as quendas a Ana Pontón, non unha, nin dúas, senón ata tres veces, e poñelos como a ela lle daba a gana, pero nin así. E o pobre Rueda trataba de farfallar, cunha dicción bastante inintelixible e que me lembraba un pouco o chapurreo de cubatas, a súa zarapallada de amnistías, cataluñas, só si é si, bildus, puchdemóns, etas e o resto de temas que cre obxecto de preocupación na sociedade galega.

Por momentos parecía unha parodia cómica, sobre todo cando tentaba colocar a palabra Cataluña en calquera asunto, xa fose nas peaxes da autopista, o coidado do litoral ou o prezo dos grelos. Recordábame a aqueles humoristas que acudían ao Un, Dous, Tres e repetían sempre a mesma frase: ¿Cómo estaba la plazaaaa? Abarrotaaaá y veintidó, veintidó, veintidó. Rueda é da miña xeración, o home vira eses mesmos programas de cativo e iso marca. Quizais imaxinaba que o público ía escachar de risa co seu retrouso “Todo para Cataluña!” pero, ai!, o humor cambiou, Alfonso! Se xa non se poden facer chistes de nada!

Nunca viramos o PP exhibindo tan pobres prestacións e amosando tanto nerviosismo. Incluso os intentos de manipulación da TVG no debate e nos informativos seguintes

A traca final da súa memorable intervención deixouna para o seu abraiante último minuto que pasará á historia dos debates televisivos e no que chegou a repetir varias veces: “Non me votes, non me votes, non me votes...”, pois, segundo parece, no seu círculo leran aquilo do elefante.

Burlas aparte, nunca viramos o PP exhibindo tan pobres prestacións e amosando tanto nerviosismo. Incluso os intentos de manipulación da TVG no debate e nos informativos seguintes foron tan groseiramente ordinarios, amosan unha desesperación e unha urxencia tan evidentes, que, lonxe de contribuír aos seus obxectivos, non fixeron máis que acrecentar a sensación de pánico que se percibe nas súas filas. Isto é algo novidoso que chama moito a atención e parece suxerir que no PP teñen datos que nós non temos. Datos que lles infunden terror. Por primeira vez en quince anos saben que poden perder.

Así as cousas, esta vez cada voto cobra unha importancia capital e abre complicadas disxuntivas para os votantes de Podemos e Sumar cuxa presenza no Parlamento diría que é practicamente imposible.

Hai moitas e boas razóns para afirmas que as posibilidades de Sumar son case nulas: hai catro anos presentouse ás eleccións baixo a marca Galicia en Común canda Podemos e parte da esquerda nacionalista. Daquela quedaron fóra do Parlamento e as enquisas afirman que o 50% daqueles votantes apoiaría hoxe o BNG. Así, separados de Podemos e con Anova pedindo o voto para o BNG, pensar en obter representación antóllase pouco menos ca unha quimera. Que La Voz de Galicia e algunhas casas de enquisas moi vinculadas ao PP galego lle ofrecesen un hálito de demoscopia asistida non fala tanto das súas verdadeiras opcións coma do retorcido intento do ecosistema dos medios conservadores de tratar de restar votos a quen consideran o verdadeiro inimigo: Ana Pontón.

Creo que tamén hai outros factores intanxibles que din máis do que poidan vaticinar enquisas máis ou menos trampulleiras. Cando se convocaron as eleccións Sumar non tiña candidato e, peor aínda, fíxose público que varias persoas rexeitaron ese cometido. A elixida foi unha descoñecida para a cidadanía galega e a súa estrutura de partido —igualmente anónima— anunciárase uns días antes sen ningún tipo de referendo, entre outras cousas porque Sumar carece de militancia. Para máis penurias, o anuncio electoral coincidiu co máis agre da súa separación con Podemos sen que, por outra parte, a día de hoxe a súa campaña electoral sexa moi memorable, por dicilo suavemente. E témome que o debate electoral non vai contribuír precisamente a relanzala.

Pola súa banda o BNG, que é o partido que absorbe os seus votos, amosa unha imaxe antagónica. A súa candidata leva catro anos enfrontándose con éxito contra o PP e é a política máis coñecida e valorada de Galiza, por riba do candidato popular. O BNG ten o músculo dunha militancia excitada e con moral de vitoria que cre sinceramente que esta vez pode facer historia. E non só non amosou ningunha desunión nin diatriba interna senón que, ao contrario, coseu vellas feridas con Anova e Xosé Manuel Beiras, no que para moitos foi un emocionante acto de reconciliación. Para pechar o seu círculo virtuoso, a súa campaña está sendo radiante, e a exhibición que ofreceu Ana Pontón no debate, incontestable.

A miña sensación é que o ruído do mar de fondo a prol do BNG empeza a ser enxordecedor e que, segundo avance a campaña, a tentación do voto útil que este partido representa aumentará de forma irrefreable. Xa o está facendo.

O mellor resultado de Podemos sería o que os acercase ao cero absoluto, poderían aducir que, por sentido da responsabilidade, a súa militancia non quixo obstaculizar a posibilidade de cambio político

O caso de Podemos é un pouco distinto. Dunha forma estrañamente paradoxal, os case testemuñais resultados que lles auguran nas enquisas de algún modo libéranos de responsabilidade. A súa candidata tivo no debate un desempeño máis que meritorio e apuntouse un tanto respecto a Sumar, pero ata entón parecían estar ofrecendo un perfil de campaña tan baixo que podería incluso sospeitarse que o chamamento de Pablo Iglesias a votar o BNG, que no seu momento puido parecer unha excentricidade, fose aceptado por Podemos como unha estratexia de facto. Desde este punto de vista, curiosamente, o mellor resultado de Podemos sería o que os acercase ao cero absoluto, toda vez que poderían aducir que, por sentido da responsabilidade, a súa militancia non quixo obstaculizar a posibilidade de cambio político.

Pero Sumar, porén, atópase nunha encrucillada perversa porque eles si se presentan de verdade. E ademais teñen outros intereses como son vencer a Podemos na súa loita de dous pensando en eleccións futuras. Pero no actual estado de cousas, perdido o tren das súas posibilidades de representación, non me parece que esa posible vitoria pírrica teña valor algún. E intúo que a súa mellor opción pasaría tamén porque os seus votos rematen sendo irrelevantes, ora porque o PP gañe folgadamente, ora porque BNG e PSOE sumen igualmente. No primeiro caso, o fracaso sería de todos e ningún, deixando a competición das esquerdas para outro día. No segundo, os seus votantes quedarían un pouco coma ese colega gafe que decide non saír da casa xusto o día no que a esmorga é apoteótica. Eles perderíana, pero non romperían nada.

O problema é que a diabólica posibilidade que aumenta cada día é a de que unha temible vitoria polos pelos do PP poida pasarlles a eles a factura. E qué ocorrería se, como parece plausible, ao día seguinte das eleccións, con Rueda e Feijóo brindando entusiasmados e con sensación de alivio, empezasen a aparecer gráficas e cálculos da Lei d’Hondt que responsabilizasen desa vitoria aos “votos perdidos” de Sumar e, en menor medida, de Podemos? Como sería posible asumir esa catástrofe? Creo que ningunha hipotética vitoria dun sobre o outro repararía ese dano.

Que facer entón? Non ten lexitimamente dereito Sumar a tratar de implantarse en Galiza? E, pese a todas as súas improvisacións, non presentan ambos partidos dignas candidatas? E non estamos na esquerda acostumados a votar en conciencia polos nosos valores sen que nos importe perder?

O filme deste instante podería ser ese no que un pobo enteiro se involucra no partido do século, o que decide un título inalcanzable. O equipo local ten a oportunidade que podería redimir unha inacabable historia de derrotas

No universo dos medios progresistas atopamos ás veces enxeñosos símiles cinéfilos para retratar a realidade política. O filme deste instante podería ser ese no que un pobo enteiro se involucra no partido do século, o que decide un título inalcanzable. O encontro chega epicamente igualado e o equipo local ten a oportunidade que podería redimir unha inacabable historia de derrotas. O reloxo avanza na súa conta atrás, a imaxe conxélase nos rostros expectantes, chega o último segundo e... o infortunado protagonista erra o tiro. A partir de entón, a memoria do fracaso perseguirao a súa vida enteira.

En Galiza temos a nosa propia versión deste drama: o inesquecible penalti de Djukic. Entón, aquel único fallo, só ese e non todos os que protagonizaron os seus compañeiros ao longo das xornadas anteriores, deu nome á frustración colectiva, puxo fin ao sono dunha cidade pequena de vencer o rival poderoso e fundiu a súa biografía como un estigma indeleble. Poderían Sumar e Yolanda Díaz sobrepoñerse a algo así? A Djukic, 25 anos despois, aínda o recordamos.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Opinión
Laicismo Cementerios públicos, enterramientos y ritos religiosos
Que el Estado español se define constitucionalmente como aconfesional parece, más que una realidad, un objetivo que se antoja a muy largo plazo.
Opinión
Opinión Sindicalismo que gana: la clave no es la unidad, sino organizar a las mayorías
Mientras el anarcosindicalismo debate estructuras, las plantillas siguen desmovilizadas. La verdadera batalla es organizar a las mayorías. Sin victorias concretas, incluso el modelo más puro es papel mojado.
juabmz
21/2/2024 14:23

Á xuiña Yolanda Díaz non só será lembrada polo seu estrondoso fracaso nas eleccións na que di a súa terra, Galicia, tamén o será polo seu intento de despezar á esquerda no estado español. Agora mesmo soubemos que eso que din "Sumar" da por pechadas as conversas para compoñer unha candidatura unitaria con Podemos. Djukic só errou, é doado lembralo con tenrura. A ela non, por moi fracasada que deveña só será a súa responsabilidade, tanta cobiza e vaidade atesoira.

0
0
juabmz
21/2/2024 18:22

"..."Sumar" da por pechadas as conversas para compoñer unha candidatura unitaria con Podemos cara ás eleccións en Euskadi." (Diario Red, 21.02.24)

0
0
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.
Barcelona
Barcelona Activistas de los derechos humanos piden la retención de un barco dispuesto para armar a Israel
La naviera Maersk está transportando estos días componentes para los cazas F-35. El Estatuto de Roma sobre genocidio contempla acciones legales contra las empresas que favorecen las masacres.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.

Últimas

Eventos
Taller de podcast El Salto invita a estudiantes a explorar las posibilidades del formato audiovisual
Proponemos un taller de guion y producción de programas para estudiantes de comunicación y periodismo los días 24 de abril y 8 de mayo.
Comunidad de Madrid
Educación El Gobierno de Ayuso deberá pagar 1.000 euros a una profesora por el exceso de horas lectivas
Según CCOO, hasta 6.500 profesoras y profesoras se podrán acoger a esta sentencia que supone una penalización a la Comunidad de Madrid por el exceso de horas extras que realiza el profesorado.
Laboral
Laboral El sindicato ELA alerta sobre la salud mental de las trabajadoras en intervención social
“Somos un instrumento de contención porque tratamos con población muy dañada, estamos en mitad del sándwich”, explica la educadora social Vanesa Núñez Moran.
Ayuntamiento de Madrid
Huelga de basuras Huelga indefinida de basuras en Madrid desde el 21 de abril tras romperse las negociaciones
Los representantes sindicales fuerzan el paro para obligar a las empresas subcontratadas por el Ayuntamiento a escuchar sus propuestas. El Ayuntamiento fija servicios mínimos del 50 %.
República del Sudán
Sudán Cara a. Un Sudán en guerra
Se cumplen dos años de una guerra que ya deja más de 13 millones de personas desplazadas y más de ocho millones de sudaneses al borde de la inanición.
Palestina
Palestina La UE apoya a Palestina con 1.600 millones de euros más pero sin entrar en la situación de Gaza
Los ministros de Exteriores europeos, que se han reunido en la mañana del 14 de abril con la Autoridad Nacional Palestina en Luxemburgo, no aumentan las sanciones contra Israel.

Recomendadas

Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.
Andalucía
Memoria histórica La inanición de la memoria andaluza
Las políticas públicas de memoria en Andalucía se encuentran en un estado de paralización que pone en duda la voluntad de la Junta por la reparación efectiva.
Galicia
Galicia La TVG se gasta 839.772 euros en un programa de Miguel Lago y lo saca de parrilla tras hundirse en audiencia
El programa ‘O novo rei da comedia’ apenas llegó a los 36.000 espectadores de media en su estreno y cayó en picado en su hasta ahora última emisión al 3,4% de cuota de pantalla en una cadena que tuvo de cuota media en marzo un 8,1%.
Globalización
Crisis del multilateralismo El terremoto Trump sacude las instituciones del orden mundial y la “globalización feliz”
Muchas de las instituciones que marcaron la vida internacional desde la caída del Muro han entrado en crisis. ¿Todas? No, especialmente aquellas que intentan regular los derechos humanos, de los pueblos y de la naturaleza.