Incendios
Novos datos da vaga de incendios de 2017 en Galiza: máis de 87.000 persoas estiveron expostas aos lumes

Científicos calculan por primeira vez o número de persoas que estiveron en risco polos lumes de mediados de outubro de hai tres anos. Tamén estiman que houbo unhas 80.000 vivendas e estruturas non residenciais expostas aos incendios.

Incendios de 2017 en Galiza
Lumes do outubro de 2017 en Galiza Miguel Núñez
20 may 2020 13:15

Case tres anos despois da vaga de incendios que arrasou decenas de miles de hectáreas en Galiza e cobrou catro vidas a mediados de outubro de 2017, sabemos agora que a magnitude da catástrofe humana e económica puido ser moito maior. Investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Zaragoza e York (Reino Unido) achegan novos datos que agrandan aínda máis a dimensión daquela traxedia: uns 80.000 edificios (vivendas e estruturas non residenciais) e máis de 87.000 persoas estiveron en risco, expostos aos lumes.

María Luisa Chas Amil, Eduardo García Martínez e Julia Touza son os autores deste novo estudo, que se publica na revista científica International Journal of Disaster Risk Reduction.

“Ata onde nós sabemos, non existe información publicada ata o momento en relación á poboación e edificacións expostas aos incendios forestais en Galiza”, destaca a este medio Chas Amil, profesora no Departamento de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago e coordinadora do grupo de investigación Economía ecolóxica e dos recursos naturais.

Para a obtención destes resultados, os investigadores identificaron as zonas queimadas mediante imaxes de satélite, método que “está amplamente contrastado e validado”, explica Chas Amil.

“Mídese o comportamento da vexetación en distintas franxas do espectro electromagnético. Este comportamento normal trúncase cun incendio, e a comparación dunha imaxe previa e unha posterior ao episodio permítenos determinar onde houbo un incendio e delimitalo. Para iso empregamos un neocanal denominado  dNBR (delta Normalized Burn Ratio). Este neocanal está implantado como un procedemento estándar para identificar incendios”, detalla a investigadora.

A novidade metodolóxica, apunta, “é o uso de imaxes de Sentinel-2 que aínda non foron usadas ao mesmo nivel que as de Landsat” (a misión europea Copernicus Sentinel-2 de vixilancia ambiental baséase nunha constelación de dous satélites idénticos na mesma órbita, separados por 180 graos, para lograr unha cobertura e unha descarga de datos óptimos, cubrindo todas as superficies terrestres, grandes illas e augas costeiras, proporcionando información útil para as prácticas agrícolas e forestais, e para xestionar a seguridade alimentaria; os Landsat son unha serie de satélites construídos e postos en órbita polos Estados Unidos para a observación en alta resolución da superficie terrestre).

“A delimitación das áreas queimadas, en combinación coa interface urbano-forestal, permitiunos contabilizar as edificacións e poboación localizadas dentro dos perímetros e ata mil metros de distancia dos mesmos”, continúa  Chas Amil, quen recorda que “a delimitación da interface urbano-forestal avanza un traballo anterior” que publicaron en 2013.

OS DATOS

Os seus resultados mostran que, en total, 841 persoas residentes en 51 asentamentos humanos e 2.124 edificios estaban dentro dos perímetros dos incendios forestais. Máis aló desta área, a 100, 500 e 1.000 metros deses perímetros, achábanse aproximadamente 11.600, 30.600 e 44.400 persoas, respectivamente.

Cun estudo dunha “estimación conservadora”, os incendios estiveron en contacto co 3,2% da poboación total de Galicia e co 5,7 % do número total de edificios da comunidade”

Os investigadores calculan que, en total, aqueles incendios forestais puxeron en risco 873 asentamentos, 87.425 persoas e 80.251 edificios, xa que estaban dentro dos perímetros dos lumes ou a menos dun quilómetro deles. “Isto representa o 4,5% da poboación e o 7,4% dos edificios de todos os distritos forestais afectados, o 3,2% da poboación total de Galiza e o 5,7% do número total de edificios da comunidade”, detallan os autores do estudo.

Con todo, estes datos poderían estar por baixo do impacto real daqueles incendios. Os investigadores calcularon que a área total queimada dos incendios forestais de mediados de outubro de 2017 foi de 42.314 hectáreas, un 88% concentrada nas provincias de Pontevedra e Ourense. Esta cifra “representa case o 1,5 %” do territorio galego e “o 70 % da área total queimada en todo 2017” en Galiza, e é “once veces maior que a proporción media de área queimada no mesmo mes (outubro) nos últimos 25 anos, un 6 %, só comparable a outubro de 2011, cando os incendios afectaron o 68 % da área queimada en todo o ano, aínda que nesta ocasión a área queimada foi máis pequena (29.244 hectáreas)”, expoñen.

O total de hectáreas queimadas calculadas neste estudo está por baixo das 48.862 que oficialmente informou a Xunta de Galiza. Pero isto ten unha explicación: “Isto débese a que a nosa análise só toma incendios maiores dunha hectárea e a algunhas limitacións na identificación das áreas queimadas”, recoñece Chas Amil.

Por tanto, estamos ante un estudo cunha “estimación conservadora” e “calquera modificación nos perímetros de incendios levaríanos a estimacións diferentes, polo que cabe esperar que, se as áreas queimadas fosen superiores, tamén poderían selo a poboación e edificacións expostas aos incendios”, comenta a profesora da Universidade de Santiago.

DISTRITOS FORESTAIS MÁIS AFECTADOS

O estudo achega datos desagregados por distritos forestais afectados; en total, 19 (os distritos forestais son as unidades administrativas en Galicia para organizar a loita contra incendios e a xestión forestal). Destes, os máis afectados foron os de Vigo-Baixo Miño, con 8.020,2 hectáreas queimadas; O Ribeiro-Arenteiro, con 7.292,2, e O Condado-A Paradanta, con 5.812,7. Entre os tres, 21.125,1 hectáreas calcinadas, a metade de toda a superficie ardida en Galicia naquela vaga de incendios.

Estes tres distritos concentraron “máis das tres cuartas partes dos edificios e da poboación exposta aos incendios forestais”, subliñan os expertos.

Só no de Vigo-Baixo Miño, “case 54.000 persoas” estiveron expostas aos lumes, “vivindo a menos dun quilómetro dos incendios”. Isto supón “un 11,5 % da poboación total” deste distrito forestal, salientan os científicos. No caso do Condado-A Paradanta, estiveron en risco “case 15.000 persoas”, é dicir, “o 28 % da súa poboación”. E no distrito do Ribeiro-Arenteiro foron “case 3.500 persoas (8 % da súa poboación)”.

Entre as zonas máis afectadas, destacan o municipio das Neves —no distrito do Condado-A Paradanta—. Alí, “queimouse o 48 % da súa área, o 25 % da súa interface urbano-forestal viuse afectada, 451 persoas residían dentro dos perímetros dos incendios e practicamente toda a súa poboación (98%) vivía a menos dun quilómetro dos lumes”, detallan os autores do estudo.

Pero o das Neves non foi o único concello cunha alta incidencia. Destacan municipios do distrito do Ribeiro-Arenteiro como o de Carballeda de Avia, “cun 94 % da poboación exposta” e “un 60 % da súa área total queimada”; ou o de Melón, “cun 72 % da poboación exposta e un 37 % da súa área calcinada”, achegan os investigadores.

Os concellos de Caballeda de Avia, As Neves e Pazos de Borbén suman a metade ou máis da súa área municipal total queimada

A nivel municipal, dos 313 concellos galegos, “só trece, con máis de 1.000 hectáreas queimadas en cada un deles, rexistraron o 58% da área total queimada” en Galiza. E destes 13 concellos, tres suman a metade ou máis da súa área municipal total queimada: Carballeda de Avia, As Neves e Pazos de Borbén.

Os investigadores destacan tamén o caso do distrito da Fonsagrada—Os Ancares, onde “se rexistrou a maior severidade”, con 2.729 hectáreas calcinadas na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses do total de 3.632 hectáreas ardidas nese distrito, se ben isto “supuxo un risco pequeno para a poboación en termos de área queimada na interface urbana—forestal”, apuntan.

Táboa áreas afectadas incendios galiza
Área total queimada, área total calcinada en interface urbano—forestal e IUF por distrito forestal Fonte:Iberian Peninsula October 2017 wildfires: Burned area and population exposure in Galicia Alberto Quian

A INTERFACE URBANO-FORESTAL

Precisamente, unha das novidades deste estudo é a identificación das áreas ameazadas por aqueles incendios no que se denomina interface urbano-forestal (onde entran en contacto as zonas forestais e urbanas). “Os nosos resultados indican que os incendios de outubro de 2017 afectaron máis a zonas periurbanas cunha grande incidencia nestas zonas en relación aos datos dos que dispoñemos de períodos anteriores”, explica Chas Amil.

En Galiza, a área total de superficie definida como interface urbano-forestal é de 385.177 hectáreas, o que representa o 13% do territorio. Os distritos do Condado-A Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés —os máis afectados por aqueles incendios— son os que “teñen a maior proporción de interface urbano-forestal, representando entre o 19 % e o 30 % do seu territorio”, detallan os autores da investigación.

En Galicia, a interface urbano—forestal é de 385.177 hectáreas, o que representa o 13% do territorio

“Curiosamente, estes distritos e o do Ribeiro—Arenteiro foron onde a interface urbano-forestal foi máis gravemente afectada, con entre o 3 % e o 8 % da área queimada nestes distritos afectando á mesma, que corresponde a entre 136 e 485 hectáreas”, explican os expertos.

Comparando a incidencia dos incendios cos de anos anteriores nas áreas onde entran en contacto zonas forestais e urbanas, obsérvase unha “excepcionalidade”, resaltan os científicos, que precisan: “No período 2010 a 2015, a media anual da área queimada na interface urbano-forestal é do 1 %, mentres que é do 3,4 % no período estudado”, outubro de 2017.

“Un patrón similar ocorreu a nivel de distrito; por exemplo, os do Condado-A Paradanta e Vigo-Baixo Miño rexistraron, respectivamente, medias anuais do 2,1 % e o 3,7 % da área queimada na interface urbano-forestal durante o período 2010 a 2015, en comparación co 8,4 % e o 5,5 % en outubro de 2017”, describen.

Os resultados, destacan, “mostran que os incendios forestais se propagan principalmente a través de áreas residenciais periurbanas dispersas, cunha maior incidencia dentro da interface urbano-forestal en comparación coa evidencia rexistrada en incendios anuais en anos anteriores”.

Os investigadores centran a súa atención na gran cantidade de superficie urbano-forestal que existe no distrito de Vigo-Baixo Miño, onde se observa un “patrón recorrente”, coa “maior proporción de área queimada nesa interface en cada un dos anos entre 2010 e 2015”, o cal “pode estar relacionado coa alta proporción desa interface urbano-forestal” dunha “cidade altamente poboada como Vigo e os seus arredores”.

Os municipios deste distrito, en xeral, “teñen características periurbanas onde se mesturan edificios e bosques” e “atópanse entre os que teñen a maior proporción de áreas de contacto entre zonas urbanas e forestais en Galicia”. Poñen como exemplos Nigrán (54%), Redondela (44%) e Vigo (43%).

“Foi precisamente neste distrito onde se rexistraron tres mortes, dúas en Nigrán no incendio forestal de Chandebrito e outra en Vigo. Con todo, o municipio próximo de Pazos de Borbén foi o máis danado, co 48 % da súa área queimada, afectando o 11,5 % da súa área de interface urbano-forestal”, lembran. Alí, non houbo mortos (a cuarta vítima mortal naqueles incendios produciuse en Ourense, no municipio de Carballeda de Avia).

En total, calculan que naquela gran vaga de incendios queimáronse 1.500 hectáreas na interface urbano-forestal en toda Galicia.

Este dato mostra que “se queimou menos superficie da esperada nas áreas de interface urbano-forestal”, se se ten en conta o total deste tipo de zonas en Galicia. Isto explicaríase por “factores naturais, como a carga e a continuidade do combustible, as características topográficas e o nivel de manexo forestal ou, de feito, a falta deste debido ao abandono rural”, argüen.

Mais tamén puido influír un factor humano: os labores de extinción. Segundo os expertos, as áreas queimadas están “altamente determinadas polo esforzo de extinción de incendios, que cabe esperar que difiran dentro e fóra da interface urbano-forestal”, xa que en situacións de vagas de incendios como a vivida en 2017, “espérase que a extinción de incendios priorice as áreas poboadas, onde as casas, as infraestruturas, os edificios e as vidas humanas poden estar en perigo”. Por tanto, expoñen, esta menor incidencia da esperada nestas zonas “pode estar relacionada en certa medida coas actuacións dos equipos de extinción de incendios (e voluntarios) na interface urbano-forestal”.

Mapa incendios en Galiza
Mapa das zonas afectadas polos incendios de outubro de 2017 e da exposición das persoas a eses incendios. Fonte: M—L Chas Amil, et al. (2020).). Alberto Quian

TIPO DE SUPERFICIE E VEXETACIÓN ARDIDAS

Para avaliar o impacto dos incendios forestais por tipo de cuberta terrestre, os científicos agruparon os datos en área forestal, bosque arborizado, matogueiras, áreas agrícolas e de pasteiros, e superficies artificiais, como áreas industriais e urbanas. En canto ao tipo de vexetación, clasificárona en latifoliadas, eucaliptos e bosques mixtos (principalmente de coníferas e eucaliptos).

“No noso traballo combinamos o mapeo dos perímetros de incendio coa información de coberturas que proporciona o Mapa Forestal e calculamos un índice de selectividade para analizar a área queimada das distintas coberturas en relación coa súa presenza no territorio. Estes resultados suxiren que en outubro de 2017, en todo o territorio, as matogueiras/monte baixo arden máis do esperado en base á súa presenza no territorio; fóra da interface-urbano forestal, as especies  caducifolias arden menos do esperado e os eucaliptos e os bosques mixtos (compostos principalmente de  coníferas e eucaliptos) arden máis do esperado, e dentro da interface-urbano forestal, todas as coberturas forestais arden máis do esperado”, resume Chas Amil

Os datos indican que o bosque foi o ecosistema máis afectado polos incendios, con 40.509 hectáreas danadas (95% da área total ardida calculada), e supón o 65,4% da área forestal total queimada durante todo 2017 en Galicia, 61.902 hectáreas.

Da superficie forestal queimada, atoparon que a metade era terreo arborado (20.038 hectáreas) e a outra metade, de matogueiras.

En relación coas especies forestais, a superficie de bosque mixto calcinada foi máis alta nas zonas de interface urbano-forestal, mentres a de coníferas foi máis alta fóra destas áreas. Tamén destacan que, aínda que “só o 3,7% das áreas agrícolas estaban dentro dos perímetros dos incendios forestais, o 26 % das terras agrícolas queimadas estaban na interface urbano—forestal”.

Sobre as zonas arborizadas, destacan que “todas arderon máis do esperado”, aínda que as máis afectadas foron aquelas onde domina o eucalipto, seguidas polos bosques mixtos e de coníferas”.

“Fóra da interface urbano—forestal, demostrouse que os bosques latifoliados arden menos do esperado dada a súa presenza no territorio”, apuntan. Doutra banda, as áreas agrícolas foron as menos danadas polo lume tanto na interface urbano-forestal como fóra desta.

Con todo, Chas Amil recoñece que a metodoloxía utilizada “non permite facer afirmacións sobre se unha determinada especie forestal propicia ou non a propagación de incendios, pois non é posible discernir entre o feito de que haxa menores ignicións nunha determinada cobertura forestal ou que esta teña unha resistencia maior ao lume”.

A investigadora asume, ademais, que “a metodoloxía tamén ignora factores claves que poden explicar os resultados, como o esforzo dos servizos de incendios, a posición da fronte do lume, etc”.

APRENDER DAQUELES INCENDIOS E DO COÑECEMENTO ACUMULADO

O estudo asinado por María Luisa  Chas Amil, Eduardo García Martínez e Julia Touza, e a metodoloxía aplicada, son un avance máis nunha serie de investigacións que estiveron realizando nos últimos anos.

No seu haber teñen xa varias publicacións científicas sobre os incendios forestais en Galicia. Entre estas destaca a que publicaron en 2019, con investigadores do Servizo Forestal de Estados Unidos —do Departamento de Agricultura daquel país (equivalente a un ministerio)— sobre o impacto dos arrestos na incidencia dos lumes intencionados en Galicia, atopando “a existencia dunha dimensión política na ocorrencia dos incendios”. En 2017, publicaron outra investigación na que observaron “interaccións significativas” entre a interface urbano-forestal, o tipo de vexetación e a topografía. Un ano antes, noutro traballo, revelaron que existe un “maior risco de ignición pero menor risco de propagación na interface urbano-forestal”. En 2015, alertaron de que “o risco de incendios forestais é maior cando hai poboacións humanas e presión de desenvolvemento/urbanización, así como en áreas forestais desatendidas debido tanto ao éxodo rural como a unha estrutura de propiedade forestal fragmentada que complica a rendibilidade das prácticas forestais”. E anteriormente, en 2012, cos seus colaboradores do Servizo Forestal estadounidense, publicaron outro traballo no que presentaron modelos de series temporais de datos diarios para prognosticar incendios forestais intencionais en Galiza e predicir o efecto dos arrestos na súa ocorrencia.

Os resultados que obtiveron “poñen de manifesto” tamén “a necesidade de desenvolver políticas de comunicación que melloren a preparación da poboación fronte ao risco de incendios forestais”

Todo este coñecemento acumulado serviralles agora para continuar con novas investigacións. “A análise da exposición de poboación e edificacións para outros períodos que poidan ser de interese ou a nivel histórico é un traballo que se enmarca na nosa investigación futura”, confesa Chas Amil.

Entre outras cousas, as futuras investigacións poderían permitir comparar datos dos incendios de mediados de outubro de 2017 con outros anteriores e posteriores. Neste sentido, a investigadora explica: “Non realizamos aínda a análise da poboación exposta a incendios para outros períodos e, por tanto, non é posible responder nestes momentos a estas cuestións. Esperamos contar cunha conclusión sobre esta temática a medida que avance a nosa investigación”.

“En España aínda non hai políticas que coordinen a planificación do uso do chan e a prevención de incendios forestais”

Pero co que xa se sabe, as administracións públicas poden ir desenvolvendo estratexias para protexer a poboación: “Consideramos de gran importancia desenvolver políticas que minimicen a exposición aos incendios forestais de persoas e propiedades mediante o correcto deseño das infraestruturas e os seus arredores, e integrando a xestión de incendios forestais na ordenación do territorio”, expoñen estes investigadores, que lamentan que mentres en California e algunhas rexións de Australia existen exemplos disto, “en España aínda non hai políticas que coordinen a planificación do uso do chan e a prevención de incendios forestais”.

Na súa opinión, os resultados que obtiveron “poñen de manifesto” tamén “a necesidade de desenvolver políticas de comunicación que melloren a preparación da poboación fronte ao risco de incendios forestais”. Para iso, consideran “necesaria a participación directa das comunidades locais e outras partes interesadas, facéndolles partícipes das medidas de mitigación de incendios forestais co fin de mellorar a súa capacidade de resposta”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

El Salto Radio
El Salto Radio Humedales necesarios
Damos un paseo radiofónico por algunos de los humedales de Andalucía, espacios fronterizos entre el mar y la tierra, tan necesarios para nuestra supervivencia. Lo hacemos con Juan Martín Bermúdez, de SALARTE y algunos oyentes.
La vida y ya
La vida y ya Superpoderes
Para Kimmerer el lenguaje marca cómo nos relacionamos con la naturaleza. Cuando decimos que un árbol no es un quién sino un qué, convertimos al árbol en un objeto y abrimos las puertas al abuso.
Galicia
Galicia El logo de la Xunta se cuela en una invitación para conocer Altri enviada por la patronal turística de Pontevedra
La Federación de Empresarios se ha visto obligada a rectificar afirmando que ni ellos ni el Gobierno gallego tienen nada que ver con la visita en la que pagaban comidas, hoteles y un paseo en barco para todos los asistentes.
Galicia
Galicia La Xunta entorpece el acceso a más de 8.500 contratos que suman 57 millones de gasto
La Axencia de Doazón de Órganos e Sangue indexa miles de pagos sin concepto e imposibilita su fiscalización. La Xunta de Alfonso Rueda aduce que la opacidad es causada por “un fallo de codificación”. Sin embargo, esa práctica se repite desde 2018.
Islamofobia
Religión El aumento de vetos al hiyab en escuelas reaviva el debate sobre la islamofobia en España
Cada vez son más los centros educativos que están vetando estas prendas propias de la cultura musulmana a través de disposiciones en sus protocolos internos.
Opinión
Opinión Vox y la paradoja del soberanismo subordinado
Mientras denuncian el 'globalismo' abrazan sin fisuras el patrocinio del mayor supermillonario planetario, que no parece tener más patria que el aumento de los dividendos de sus empresas

Últimas

Grecia
Grecia La tragedia griega de Tempi: dos años de dolor y lucha por la rendición de cuentas
El 28 de febrero de 2023, un tren de pasajeros colisionó frontalmente con un convoy de mercancías cerca de Tempi. El impacto dejó 57 muertos, en su mayoría jóvenes estudiantes que regresaban del carnaval.
Análisis
Análisis De geografías viables o de cómo habitar el territorio
La destrucción que trajo la barrancada es directamente proporcional a la ocupación del territorio y a los metros cuadrados de asfalto que nos dejaron los sucesivos booms inmobiliarios.
Caribe
Opinión Granada: ecos de una revolución abortada
Granada fue durante algunos años símbolo de una América alternativa. Esta isla caribeña sirve de recuerdo fehaciente de las lecciones de Fanon, Malcom X y todos aquellos que se han atrevido y se atreven a cuestionar la estructura imperial
Análisis
Análisis ReArm Europe, el triunfo del capitalismo verde militar
El plan que acaba de presentar la presidenta de la Comisión Europea vuelve a utilizar la mágica cifra de los 800.000 millones, ahora con el objetivo declarado de transformar el modelo de defensa europeo.
Más noticias
Comunidad de Madrid
Sanidad privada Denuncian ante Inspección a un hospital de Quirón por poner en riesgo a una trabajadora embarazada
El sindicato CCOO ha denunciado al Hospital La Luz por forzar a enfermeras embarazadas a trabajar sin una adaptación a sus puestos, realizando tareas asociadas a riesgos como la exposición a químicos o radiaciones.
La vida y ya
La vida y ya Reparadoras de grietas
Piensa, sobre todo, en quién se fijará en los vínculos que rompieron las bombas. Quién se dará cuenta de todo lo que se quebró.

Recomendadas

Fronteras
Fronteras Sombras en el acuerdo de cesión de competencias pactado por el PSOE y Junts
El acuerdo sobre transferencia de las competencias en materia de migración entre PSOE y Junts encuentra el 'no' de Podemos y de organizaciones de migrantes y el 'sí' con matices de la izquierda independentista y de Sumar.
República del Sudán
Belkis Wille “En Sudán hay milicias practicando violaciones a gran escala contra mujeres y niñas”
Belkis Wille, investigadora de Human Rights Watch, denuncia los abusos de grupos armados como las Fuerzas de Apoyo Rápido en el conflicto sudanés, donde se registran crímenes tanto de esclavitud sexual como de sometimiento mediante violaciones.
Sevilla
Komando G “Sin las mujeres, el barrio se pararía”
El Komando G es una red feminista ubicada en el Polígono Sur de Sevilla en la que participan vecinas y mujeres representantes de entidades sociales que busca ser un espacio de cuidados y reivindicación para todas las mujeres del barrio.
Ocupación israelí
Ocupación israelí Trump y Netanyahu imponen a Hamás un rediseño de la tregua en Gaza
La vigencia del alto el fuego iniciado en enero pende de un hilo mientras Tel Aviv mantiene el bloqueo de ayuda humanitaria a las puertas del enclave palestino y la Casa Blanca negocia directamente con Hamás.