Memoria histórica
Montse Fajardo Pérez: “As mulleres son as grandes esquecidas da represión franquista”

A transmisión familiar da represión, silenciada polo medo de posguerra, despertou o interese da escritora Montse Fajardo pola recuperación da memoria desde unha perspectiva feminista.
Montse Fajardo
A escritora Montse Fajardo Pérez. Foto cedida
12 may 2021 08:03

A escritora Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973) tomou conciencia da conexión entre represión franquista e impunidade escoitando as historias que lle contaba de nena a sua avoa materna, Pepita, sobre os tempos da guerra civil. Cando lle preguntaba que lles pasara aos homes que foran á casa da señora Luísa —como tantas outras— para matarlle ao fillo republicano que tiña agochado, a avoa Pepita respondía que non lles pasara nada porque eles eran os que mandaban. Esa transmisión familiar da represión, silenciada polo medo de posguerra, despertou o interese de Fajardo pola recuperación da memoria desde unha perspectiva feminista.

Desde hai anos compaxina o seu labor como investigadora no programa do Concello de Pontevedra A memoria das mulleres cunha obra narrativa de non ficción baseada no relato testemuñal da represión franquista e da violencia machista sobre as mulleres, na que figuran títulos como Matriarcas. Mulleres en pé de vida (Todogrove, 2013), Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (Autoedición, 2015) e Invisibles. Relatos do maltrato (Edicións Matriarcas, 2019). Con ela conversamos sobre a necesidade de recuperar a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero.


Como se investiga sobre memoria histórica para documentar a represión franquista que sufriron as mulleres?
É como facer un crebacabezas. Primeiro pos o marco e logo vas enchendo o espazo que está baleiro con pezas. En Pontevedra, o rigoroso traballo de documentación que fixera o historiador local Xosé Álvarez Castro serviume como marco de referencia para profundar sobre a represión franquista que sufriron as mulleres en Galicia a través da memoria oral. A pesar de ser unha metodoloxía cuestionada, eu declárome firme defensora da memoria oral no proceso de investigación histórica. Penso que serve para encher os baleiros que deixan os papeis. Ademais, cando se investiga con perspectiva de xénero, a memoria oral é incluso máis importante.

Que tipo de represión sufriron as mulleres despois do golpe de Estado de 1936?
As mulleres son as grandes esquecidas da represión franquista. É verdade que houbo máis homes asasinados e máis homes que entraron no cárcere, pero sobre as mulleres exercéronse torturas e vexacións particularmente sexistas, como agresións sexuais, tatuaxes na pel, rapas do cabelo e inxestións obrigadas de aceite de rícino. Ademais, esta represión non se dirixiu só contra as mulleres que se significaron política e sindicalmente ou que foron solidarias naquel tempo, senón tamén contra outras mulleres que estaban emparentadas con homes represaliados.

“Agás alguna excepción no ámbito local e provincial, en Galicia non hai políticas públicas de memoria. Isto explica que se empece a investigar polo máis evidente e que a represión franquista sobre as mulleres quede relegada a un segundo plano”

Houbo mulleres que chegaron a tolear a causa destas continuas vexacións, como as irmás Fandiño Ricart, as dúas Marías de Santiago, que viñan de familia anarquista e foron duramente violentadas. Malia que non aparecen nas listaxes de vítimas, eu considero que as viúvas e as crianzas que foron deixando os asasinatos e encarceramentos de homes tamén sufriron unha forte represión franquista porque quedaron na indixencia. Tampouco hai que esquecer a perda de dereitos. Neste sentido, todas as mulleres foron vítimas do golpe de Estado de 1936, incluso aquelas que defendían o bando golpista.

Por que está tan pouco investigada a represión franquista sobre as mulleres?
O tipo de represión que afecta máis aos homes, como os asasinatos e encarceramentos, queda rexistrado dalgún xeito. Un certificado de defunción no que se indica que a causa do falecemento foi unha hemorraxia interna xa nos dá pistas de que esa persoa puido ser asasinada. Respecto da represión que sufriron as mulleres, non temos documentos que recollan as agresións sexuais ou as rapas do cabelo. A dor dunha viúva que saca adiante as súas criaturas despois do asasinato do seu home tampouco aparece en ningún papel. Para min, estas mulleres igualmente foron vítimas da represión. Son as historias que máis interese teño en recuperar.

Dentro do movemento de recuperación da memoria histórica hai consenso respecto da necesidade de aplicar unha perspectiva de xénero na investigación?
Hoxe en día é impensable facer memoria sen ter en conta ás mulleres. Sen embargo, si hai unha tendencia a poñer o foco nos asasinatos e encarceramentos porque está todo por facer. Agás alguna excepción no ámbito local e provincial, en Galicia non hai políticas públicas de memoria. Isto explica que se empece a investigar polo máis evidente e que a represión franquista sobre as mulleres quede relegada a un segundo plano.
“Coa Lei de Amnistía de 1977, que foi unha lei de amnesia, apuntalouse o esquecemento sobre as vítimas”

En termos xerais, en que punto está este ámbito de investigación. Queda moito por esclarecer sobre este periodo da nosa historia?
Coñecemos a punta do iceberg. Acceder aos arquivos, paradoxalmente, é agora bastante máis difícil do que era na década de 1980. A regulación en materia de protección de datos persoais utilizouse interesadamente para atrancar o labor investigador. Pero o gran melón que hai que abrir sobre ese periodo histórico é, sen dúbida, a represión económica. Está demostrado que ese rexime non era tan austero como se nos vendeu no discurso oficial, senón que era un rexime corrupto, caciquil e ladrón. Hai xente que investigou, pero creo que hai que afondar no enriquecemento que tiveron certas empresas e institucións, como a Igrexa, a costa do traballo escravo ou da apropiación de bens. A nosa democracia ten unha débeda histórica coas persoas represaliadas, pois coa Lei de Amnistía de 1977, que foi unha lei de amnesia, apuntalouse o esquecemento sobre as vítimas.

E no referente á represión que sufriron as mulleres durante ese periodo?
En xeral, está máis recuperada a historia de represión social e política pegada a 1936 que a do tardofranquismo. No caso das mulleres, a represión de corte franquista incluso se estendeu até os anos oitenta, xa que a amnistía non aplicou sobre as máis de 300 presas que cumprían condena por delitos relacionados coa sexualidade, como a prostitución, o aborto ou o adulterio, e institucións tan sinistras como o Padroado de Protección á Muller seguiron funcionando con total impunidade. Esta historia está pouco estudada.
“No caso das mulleres, a represión de corte franquista incluso se estendeu até os anos oitenta, xa que a amnistía non aplicou sobre as máis de 300 presas que cumprían condena por delitos relacionados coa sexualidade, como a prostitución, o aborto ou o adulterio”

Que interese pode haber en silenciar esta represión de corte franquista exercida xa en democracia, mesmo entre os partidos tradicionais de esquerda?
Pasadas catro décadas aínda costa facer autocrítica do que se puido facer mellor durante a transición á democracia. Desde o PSOE reivindícase a memoria de 1936 porque naquel tempo houbo vítimas socialistas, pero non se entra a revisar o periodo de transición porque o partido foi parte do pacto de esquecemento. A mal chamada amnistía foi impunidade, xa que se perdoaron delitos de persoas do réxime que nin sequera foron xulgadas por eles e se mantiveron as sentenzas das persoas represaliadas.

En Invisibles, o último libro que lanzaches ao mercado editorial, tratas a violencia machista desde a perspectiva testimonial das mulleres que a sofren. Despois de ter investigado sobre represión franquista, atopas algunha conexión?
Violencia machista hai en todas as sociedades e todos os Estados, pero a visión patrialcal que se ten en España está relacionada coa educación social da Sección Feminina. Esas mensaxes de sumisión que recibiron as nosas nais e avoas continúan no subconsciente colectivo. A desigualdade que marcou o Franquismo entre homes e mulleres foi tremenda e agravou un problema que é global. Pasouse dunha escola laica a unha escola dirixida pola Igrexa que normalizou o seu relato misóxino, facendo unha distinción entre mulleres boas e mulleres malas que quedou moi arraigada na sociedade. Hai moitas persoas que superaron esa concepción sobre os roles de xénero, pero outras seguen ancoradas nas ideas que transmitiu a Sección Feminina. Habería violencia machista no Estado español se non existise o Franquismo? Habería, pero a concepción social sería distinta.
“A visión patrialcal que se ten en España está relacionada coa educación social da Sección Feminina”

Moito se ten falado sobre a oportunidade que perderon as mulleres en 1936 na súa loita pola igualdade. Pensas que o avance durante a II República está mitificado ou que realmente foi unha revolución social truncada?
Eu son unha gran defensora do tempo da II República, sobre todo polas reformas que se fixeron no ensino; pero si que é verdade que incluso nese tempo de conquista de dereitos sociais, as mulleres estaban en total desigualdade respecto dos homes. Esta situación hai que entendela naquel contexto. Pasaron case cen anos, pero eu estou convencida de que sen golpe e ditadura franquista seriamos un país máis maduro democraticamente.

Case corenta anos despois da morte de Franco, por que cres que os discursos de inspiración fascista teñen tanta acollida entre as distintas xeracións?
Precisamente pola falta de memoria. A maior parte da xente que apoia estes discursos, sobre todo as novas xeracións, descoñece o ideario fascista. Eu acudo a miúdo a centros escolares para dar charlas sobre memoria histórica e observo que hai nenos e nenas que non saben se Franco era un demócrata ou un ditador, xa que descoñecen totalmente esa etapa. Ademais, despois de tantos anos prevalece unha narrativa equidistante sobre a guerra civil. Explícase como un enfrontamento bélico de tres anos entre dous bandos que non pensaban igual, ignorando feitos como a existencia dun Goberno lexítimo ou que en Galicia non houbo guerra civil propiamente porque os golpistas triunfaron a finais de xullo de 1936 e a partir de entón non houbo dous bandos, senón xenocidio. Hai moita memoria que recuperar e faltan políticas públicas comprometidas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Entrevista La Poderío
La Poderío Celia de Molina: “Todo lo que se considera universal no tiene nada que ver con nosotras”
Celia de Molina, nacida en Linares y con el corazón en Málaga, es guionista y directora con mucho poderío. Su cine busca transformar el mundo, como demuestra su corto 'Cuarentena', nominado a los Goya. En su último proyecto, 'No soy universal', desafía el concepto de “universal” desde una visión feminista y personal.
Feminismos
Feminismo “Gatazka eta abusua ez dira gauza bera”, feminismoko eztabaidei heltzeko
Laura Macayaren liburua ekarri du euskarara Katakrakek. Amaia Astobizak itzuli du, feminismoaren baitako eztabaidak ireki eta beste begirada batzuetatik ekiteko helburuarekin.
#89847
12/5/2021 16:14

Encantoume este artigo 👍

0
0
Galicia
Galicia La UE cava hondo: litio gallego para el nuevo militarismo europeo
En pleno rearme ordenado desde Bruselas, Galicia entra en el tablero geopolítico como potencial proveedor de litio para la industria de defensa. Un enclave de alto valor ecológico en Doade (Ourense) se convertirá en cantera para baterías militares.
Comunidad de Madrid
Memoria histórica Contra la basura y el olvido: tras la pista de los cuerpos y de la memoria de los brigadistas internacionales
El Salto acompaña a un contingente internacional de políticos, políticas y activistas en una ruta en memoria de los brigadistas internacionales que acudieron a luchar a España contra el fascismo, en un ejercicio inspirador para el presente.
El Salto n.78
El Salto 78 Nueva revista, viejas injusticias: hablemos de Violencia Institucional
En el último número de la revista de El Salto dedicamos la portada y nuestro “Panorama” a una de las violencias que sufren las mujeres solo por el hecho de serlo, la que aún a día de hoy emana de un sistema irracional y patriarcal.
Camboya
Camboya 50 años del inicio del genocidio en Camboya
El régimen de Pol Pot acabó con la vida de más de dos millones de personas. Solo tres integrantes de los Jemeres Rojos han sido condenados por crímenes contra la humanidad.
Senegal
Senegal Una ‘Escuela de rehenes’ o cómo Francia usó la educación en África para transformar las mentes
La administración colonial francesa puso en marcha en 1855 un centro educativo que tenía el objetivo de formar a los hijos de los reyes locales mediante el borrado de su cultura.

Últimas

Eventos
Taller de podcast El Salto invita a estudiantes a explorar las posibilidades del formato audiovisual
Proponemos un taller de guion y producción de programas para estudiantes de comunicación y periodismo los días 24 de abril y 8 de mayo.
Palestina
Genocidio Israel sigue atacando hospitales, la ONU habla del peor momento en los 18 meses de asedio
No hay tregua en Gaza, donde Israel ha recrudecido las matanzas y sigue sin permitir el acceso de alimentos y productos de primera necesidad. La ONU denuncia asimismo el asesinato de más de 70 civiles en Líbano.
Opinión
Opinión La coherencia de las políticas de Trump
No se pueden entender los aranceles de Trump sin su lucha por el control de los recursos minerales, sin Groenlandia, Ucrania o la República Democrática de Congo.
València
València CGT denuncia graves incumplimientos del plan de inundaciones en la dana de València
Un informe incorporado a la causa judicial señala la falta de seguimiento de los propios protocolos autonómicos en el día de la tragedia y la víspera.

Recomendadas

República del Sudán
Sudán Cara a. Un Sudán en guerra
Se cumplen dos años de una guerra que ya deja más de 13 millones de personas desplazadas y más de ocho millones de sudaneses al borde de la inanición.
Crisis climática
Balance climático El Mediterráneo se consolida como zona especialmente vulnerable al cambio climático
Las víctimas de la dana suponen dos tercios de las muertes por fenómenos extremos en Europa en 2024, según un informe conjunto de Copernicus y la Organización Meteorológica Mundial que hace un balance climático del continente el pasado año.
Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.