Memoria histórica
Memoria da loita medioambiental na Galiza da transición (I)

Nesta primera parte do artigo o autor recolle como na Galiza as mobilizacións na defensa do medio xogaron un importante papel democratizador na derradeira etapa do franquismo e durante a transición.
Cartaz Encrobas
Manifestación contra a política industrial no medio rural galego. Foto: Xosé Castro
18 mar 2023 12:30

Un dos elementos centrais do debate político da última década ten que ver coa necesidade de repensar os consensos sobre os que asenta a democracia española. Un debate sobre os fundamentos da democracia na actualidade que -con todo- toma como punto de referencia o Réxime do 78. A crítica ao statu quo une o presente coa transición do franquismo á democracia, que se erixe como a conxuntura clave na constitución do réxime político español, simbolizada na promulgación da Constitución de 1978.

De sorte que as demandas en favor dun cambio en sentido progresista denuncian á reorganización das elites franquistas tras a morte de Franco, ao tempo que rescatan as conquistas democráticas logradas daquela pola sociedade civil para esixir que sexan ampliadas. A monarquía, o poder xudicial ou as forzas de seguridade encarnan as cúpulas de poder, que no seu afán de preservar a orde social imperante tentaron frear o impulso emancipador da cidadanía, representada en figuras como os obreiros industriais, os estudantes ou os líderes veciñais.

As fábricas, as universidades ou os barrios son o reflexo dunha España urbana e industrial, na que emerxeron potentes focos de descontento coa ditadura, o que contrasta coa imaxe dun mundo rural alleo á conflitividade social do momento. Formúlase así a idea dun labrego politicamente inactivo, e as máis das veces ignorante, plasmada con acerto por Miguel Delibes nunha das súas principais obras literarias: El disputado voto del Sr. Cayo (Destino, 1978).

A trama versa sobre tres militantes do PSOE que durante a campaña das primeiras eleccións democráticas tras corenta anos de ditadura (1977) viaxan a varios pobos rurais para divulgar os ideais do partido. Unha historia a través da que contrapoñen a España urbana, adaíl da proclama de avances e liberdades, e a España rural, inmóbil e arcaica.

Transcende así un relato que sitúa o rural a remolque das cidades, reproducindo todo un conxunto de clixés, que teñen aínda máis caiba en territorios como o galego

Unha noción do campo e a cidade como ámbitos hermeticamente separados, da que emana unha narración do camiño á democracia na que os actores urbanos foron os encargados de exercer presión cara ao aparello do Estado franquista, mentres -como se dun xogo de suma cero se tratase - o mundo rural aínda vivía atrapado nun ideario político predemocrático.

Transcende así un relato que sitúa o rural a remolque das cidades, reproducindo todo un conxunto de clixés, que teñen aínda máis caiba en territorios como o galego. Ser ir máis lonxe, a miúdo as hipóteses sobre a hexemonía política da dereita galega fundaméntanse no carácter apático, conservador e caciquil dos seus feudos rurais.

Pero todos os relatos teñen un carácter selectivo e privilexian uns feitos sobre outros, o que precisamente advirte a necesidade de repensalos permanentemente. Ao igual que se deben reabrir debates sobre a xefatura de Estado ou o modelo territorial, convén revisar a historia dos movementos sociais e desafiar algúns dos seus axiomas.

Só así pode evitarse que a mobilización dos cidadáns do rural siga relegada a un segundo plano, quedando as súas batallas sumidas no esquecemento. Algunhas destas contendas antecederon importantes movementos sociais do noso presente, como é o caso da loita medioambiental.

O desarrollismo no rural

A literatura, o cine ou a música sobre a España dos anos sesenta e setenta recrean a transformación dun país maiormente agrario e illado nun territorio urbano, industrializado e cuxos estándares de consumo mudaron vertixinosamente. Pero mentres a vida se concentraba cada vez máis nas cidades, o mundo rural non permaneceu estático e viviu o seu propio proceso de cambio socioeconómico.

Dende que os tecnócratas do Opus Dei tomaran o mando da economía española, o modelo de agricultura tradicional fora quedando atrás en favor dunha produción industrial, integración nas regras do mercado global e con gran dependencia dos inputs agrarios, entre eles o gasóleo. Así pois, ao igual que o resto de industrias, a recesión provocada pola crise do petróleo de 1973 tamén se deixou sentir na agricultura.

Nesta tesitura, para reducir a dependencia do petróleo o Estado apostou por ampliar o aproveitamento dos recursos autóctonos: a explotación mineira, a intensificación da enerxía hidráulica e instalación das primeiras centrais nucleares. Baixo os seus principios autoritarios, o réxime franquista aprobou o Plan Energético Nacional de 1975, que pretendía paliar os efectos derivados do aumento dos curtos de produción, pero sen que os intereses económicos das elites se visen afectados.

O hermetismo dos espazos de toma de decisión permitía que políticos, burócratas e empresarios acordasen levar a cabo unha planificación industrial sen ter en conta a repercusión social, económica e medioambiental

O hermetismo dos espazos de toma de decisión permitía que políticos, burócratas e empresarios acordasen levar a cabo unha planificación industrial sen ter en conta a repercusión social, económica e medioambiental. As dificultades técnicas inherentes aos proxectos semellaban ser as únicas trabas para o desenvolvemento deste plan, mais a oposición social acabou por converterse nun impedimento ao que Estado e capital privado deberon facer fronte.

Moitas comunidades plantaron cara a un modelo industrialización pilotado dende arriba, e organizáronse en defensa da terra da que eran propietarios e do seu modelo de vida, que se vía marcadamente truncado polos efectos medioambientais nos seus entornos, a perda de espazos de referencia ou o abandono dos seus lugares de orixe, a maioría das veces cambiando o ámbito rural polas cidades.

A loita contra a expropiación de terras, que xa tiñan escasas compensacións, variaban por mor do status e da posición económica, e as denuncias do impacto causado na súa estrutura socioeconómica deron pé a diversos conflitos ao largo e ancho do territorio galego. Algúns alcanzaron maior calado ca outros, pero todos forman parte da historia do movemento medioambiental.

“Fóra Fenosa, esta terra é nosa”

Ao amparo do Plan Nacional de Abastecimientos de Materias Primas y Minerales (1973), o franquismo fixou en Galiza a explotacións duns doce xacementos e o aumento da produción doutros tantos, ocasionando discrepancias entre as comunidades afectadas, as empresas beneficiarias e a administración, pero un caso sobresaíu sobre o resto: a mina das Encrobas, parroquia do Concello de Cerceda.

Esta mina atopa os seus primeiros pasos no ano 1974, cando Fenosa (en concreto a súa filial, Lignitos de Meirama S.A) deu a coñecer o seu interese en explotar un xacemento de lignito, propósito avalado polo Estado, que valéndose do Concierto de la minería del Carbón (1974) decretou a mina das Encrobas como lugar de interese preferente, garantíndolle á empresa a expropiación das terras. Nada máis e nada menos que novecentas hectáreas de terreo, en termos máis humanos, unhas duascentas cincuenta familias.

A gran maioría dos veciños, lonxe de disentir, non aceptou as condicións de expropiación e decidiu organizarse creando unha plataforma, a Comisión veciñal, que postulou outras alternativas: maiores indemnizacións e desprazamento dos afectados. Fenosa non accedeu á negociación, e pese a contar co soporte do Estado tivo que facer fronte á oposición dos veciños, que empregando distintas fórmulas de protesta puxeron serias trabas ao proxecto.

Algúns destes mecanismos eran xa convencionais e habituais durante o franquismo, como o envío de cartas ás autoridades, a presentación de recursos ante o poder xudicial ou a recollida de firmas. Algúns veciños, ademais de acudir en varias ocasións á sede do Goberno Civil, viaxaron en repetidas ocasións a Madrid, demandándolle ao Consello de Ministros o desprazamento da poboación, e reuníronse co Arcebispo de Santiago para solicitarlle a súa mediación cos poderes políticos. Tamén, durante unha visita do Ministro de Agricultura, Virgilio Oñate, ao concello de Sada, algúns encobreses interromperon o acto para entregarlle unha carta protesta.

Un conxunto de cincuenta encrobesas acudiron á sede do gobernador civil, requiríndolle que detivese a explotación mineira. É que a pesar de que moitas veces as propias comunidades afectadas vían con malos ollos a participación das mulleres, un dos elementos característicos da conflitividade medioambiental foi a feminización da protesta.

GardaCivilEncrobas
Enfrontamentos entre a Garda Civil e as veciñas das Encrobas. Foto: Xosé Castro

A medida que o contexto político era máis proclive e o conflito ía gañando repercusión puxéronse en práctica outros métodos menos convencionais, como unha manifestación que tivo lugar na Coruña en agosto de 1976, á que acudiron unhas tres mil persoas, e que rematou cunha carga policial. Un repertorio de protesta que discorreu en paralelo á oposición física e directa dos veciños para evitar o avance das obras.

Estes conseguiron frear a expropiación en tres ocasións, ata que en febreiro de 1977, tras enfrontamentos coa Garda Civil, que se saldaron con algúns feridos e a detención de varios labregos, procedeuse á ocupación dos terreos. Dende ese momento o conflito enmarcouse en vías institucionais, que se estenderon ata xullo dese mesmo ano.

Finalmente, os veciños non conseguiron frear a construción da mina, pero si uns pagos pola expropiación dos terreos moitos máis elevados ca os iniciais, e sobre todo, poñer en cuestión a lexitimidade dos poderes públicos e privados para facer uso dun modelo de industria que non avaliaba os efectos medioambientais.

“Xove nuclear non”

O desenvolvemento da enerxía nuclear en España arrancou coa firma dos acordos de Defensa Mutua entre España e os Estados Unidos nos anos cincuenta, ao amparo dos que algúns técnicos comezaron a recibir formación sobre o uso de enerxía atómica. Dende entón, o Estado apostou polo desenvolvemento de proxectos nucleares autónomos, e entre 1959 e 1975 programou á construción de vinte cinco centrais e trinta e oito reactores nucleares, o que se acelerou tras a subida dos prezos do petróleo.

Un destes proxectos situábase en Galiza, na parroquia de Portocelo, en Xove, un concello da mariña lucense cuxa economía se baseaba na gandería, e sobre todo na pesca. Foi no 1973 cando se deu a coñecer a noticia de que Eléctrica del Viesgo, Hidroeléctrica del Cantábrico, e unha vez máis, Fenosa, planificaban a construción dunha central nuclear no municipio.

Como a minería, a enerxía nuclear formaba parte do que se veu a denominar industria porca, por tratarse de proxectos altamente contaminantes. Os danos económicos derivados da contaminación sobre a riqueza piscícola e marisqueira, os posible prexuízos na saúde da poboación e a problemática xestión dos residuos nucleares motivaron a oposición veciñal.

Os xovenses manifestaron o seu desacordo mediante fórmulas de protesta convencionais, como unha recollida de firmas presentada ante ós parlamentos locais de Xove, Cervo e Viveiro, solicitando unha prórroga de dez anos para a construción da central, pero como aconteceu nas Encrobas, tamén empregaron outras vías de protesta non institucionais.

Convén destacar dúas multitudinarias marchas, que percorreron a estrada dende Viveiro a Xove. A de maior alcance foi a segunda, en maio de 1979, á que acudiron entre sete mil e dez mil persoas. Finalmente, a diferenza doutras centrais nucleares que si se implantaron noutros territorio do Estado, a de Xove non saíu adiante.

Manifestación antinuclear en Xove
Imaxe de arquivo da manifestación antinuclear de Xove en maio de 1979.

En relación á contaminación derivada da enerxía nuclear, outro conflito de calado tivo lugar en Galiza cando aínda emerxía a democracia: a loita contra os vertidos nucleares na fosa Atlántica. Situada a uns setecentos km das costas galegas, era o lugar no que ata oito países depositaban os seus residuos nucleares xa dende finais dos cincuenta.

Outro conflito de calado tivo lugar en Galicia cando aínda emerxía a democracia: a loita contra os vertidos nucleares na fosa Atlántica

Unha das claves do movemento social contra este vertedoiro nuclear tivo que ver cunha iniciativa partidista. No ano 1981 representantes de Esquerda Galega, fotógrafos, xornalistas e ecoloxistas emprenderon rumbo á fosa Atlántica nun palangreiro coñecido como o “Xurelo”, documentando o vertido de bidóns radioactivos, a través do que conseguiron sensibilizar á opinión pública. Pouco tardaron outras organizacións en denunciar o vertedoiro marítimo, entre elas tería un papel moi activo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA).

“O Secretario xeral de ADEGA embarcouse nas zódiacs e atouse nas cadeas que soportaban dos bidóns radioactivos, polo que foi detido. Posteriormente a batalla deuse desde os tribunais internacionais. Un autobús de ADEGA foi até Londres, onde estaba a corte internacional. Alí as voluntarias de ADEGA atáronse con cadeas diante do Parlamento cando se discutía a posíbel prohibición de guindar residuos radioactivos no mar”, afirma Adela Figueroa Panisse, unha das fundadoras e actual vogal da organización.

A sociedade galega, sobre todo nas vilas mariñeiras, comezou a acompañar á mobilización contra o cemiterio nuclear atlántico. A labor de divulgación de ADEGA foi un dos piares da conciención con este problema.

“A sociedade civil galega tamén tivo seu papel importantísimo. Alcaldes de toda a costa galega apoiaron a loita. Durante todo o inverno daquel ano (1982) en ADEGA demos moitas palestras explicando o problema da contaminación radioactiva nos mares e a acumulación dos elementos químicos nas cadeas tróficas. Fíxose unha campaña de información axitación e loita legal conxunta”

Loita contra os vertidos nucleares na fosa atlántica
Recibimento do Xurelo na súa chegada ao porto de Ribeira no ano 1981.

O movemento antinuclear conseguiu que, só dous anos despois da partida o “Xurelo” a alta mar, a normativa europea recollese parte das súas demandas, prohibindo o vertido de residuos sen un informe previo. Dez anos despois, o Convenio de Londres prohibiu os vertidos contaminantes no mar. Por desgraza, as cento corenta mil toneladas de bidóns radioactivos aínda repousan no fondo do océano.

Queda inagurado este pantano

É ben sabido que a construción de presas foi unha constante nos corenta anos de ditadura. En Galiza erguéronse entre 1948 e 1975 un total de vinte encoro, política que se intensificou baixo o paraugas do Plan Energético Nacional de 1975. A oposición das comunidades que vían afectadas as súas terras e propiedades motivaría numerosos conflitos, se ben o máis soado quizais foi o de Castrelo de Miño, aínda na década dos sesenta, xustamente polo seu carácter pioneiro na loita contra os embalses.

Corría o ano 1960 cando Fenosa anunciou a construción dunha presa no val do Ribeiro

Corría o ano 1960 cando Fenosa anunciou a construción dunha presa no val do Ribeiro, nos concellos de Castrelo de Miño, Cenlle e Ribadavia. A mobilización popular contra o asolagamento dunhas terras de gran fertilidade iría gañando enteiros, e o conflito alcanzou unha gran intensidade. É que ademais do envío de cartas protesta, unha delas firmada por máis de mil cincocentas persoas, entre as que se atopaban catedráticos universitarios ou figuras galeguistas de renome, o repertorio de protesta desafiou ás autoridades con métodos nada convencionais en plena ditadura.

A distribución de propaganda ou a realización de pintadas elevaron o grao de tensión, pero o cénit da protesta ocorreu cando os labregos realizaron boicots ao capital de Fenosa. Empregando forza animal guindaron ao río Miño parte da maquinaria da empresa e queimaron un almacén de material.

Unha contenda contra unha empresa próxima ás orbitas de poder que non logrou frear a construción da presa, pois tras oito anos de litixio moitos veciños aceptaron a expropiación das súas terras. O embalse asolagou as terras do Ribeiro, pero Fenosa tivo que abonar uns pagos pola expropiación dos terreos moito maiores ca os ofertados nun principio, e máis alá diso, a loita contra a presa de Castrelo de Miño converteuse nun fito histórico da resistencia ao franquismo en Galicia.

Outras loitas medioambientais

Os plans de industrialización no medio rural non só respondían a usos enerxéticos nin se enmarcaban unicamente na última etapa do franquismo. Proxectos como explotación de areais ou a instalación de celulosas formaban parte da política de industrialización estatal.

Os primeiros respondían maiormente á extracción de materiais para un sector xa en auxe dende mediados dos cincuenta, o da construción. Un aproveitamento dos areais que causaba graves danos no ecosistema e restrinxía o seu uso público, impedindo a práctica de actividades, como o baño ou marisqueo. O agravio derivado do uso industrial de areais deu pé a diferentes conflitos, pero sen dúbida o máis destacado foi o da praia de Baldaio (Carballo), do que emanou unha das mobilizacións máis soadas da transición.

Proxectos como explotación de areais ou a instalación de celulosas formaban parte da política de industrialización estatal

A explotación desta marisma databa dende 1947, cando lle fora concedido o permiso a dous particulares para fins marisqueiros e pesqueiros, aínda que o verdadeiro interese era extracción de áridos. Trinta anos despois, durante o ano 1977, a reclamación do uso público da marisma contou cun movemento organizado. En marzo algúns veciños ocuparon o areal en símbolo de protesta, sendo desaloxados pola Garda Civil. Meses despois, en setembro, unhas quince veciñas pecháronse durante dez días na igrexa do concello, pero a acción máis destacada tivo lugar en maio, cando unhas cinco mil persoas se manifestaron nas rúas de Carballo, concentración que acabou -tamén- cunha carga da Garda Civil. Non sería ata 1991 cando o Tribunal Supremo decretou a súa utilidade pública.

Por outra banda, un mapa de Galicia repleto de fábricas de celulosa era tamén a idea que pretendían plasmar as elites políticas e económicas formadas á calor da ditadura. Os proxectos de celulosa Padrón, O Barco de Valdeorras, Brión, Muxía, Mondoñedo, Quiroga ou Ponteceso formaban parte dunha planificación estrutural, pero ningún deles acabou saíndo adiante. O movemento social que se formou contra a política das celulosas en Galicia tivo moito que ver neste desenlace dos feitos.

O movemento social que se formou contra a política das celulosas en Galicia tivo moito que ver neste desenlace dos feitos

Os efectos medioambientais deste tipo de industria xa eran coñecidos dende que no 1959 se instaurara unha planta na ría de Pontevedra, pese á férrea oposición civil coa que contou. As pescadoras e mariscadoras, que se atreveran a guindar á ría o tubo co que se pretendía realizar o dragado da mesma, non puideran evitar que se erguese a fábrica.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Medio ambiente
Opinión De los necios, los mastines y los lobos en los tiempos sombríos
Paseando con mastines, frente a la barbarie, una reivindicación del lobo y, con él, de la comunidad, de la fraternidad, de la esperanza y de la voluntad superviviente de la belleza.
Galicia
Galicia Un municipio gallego demanda a la Xunta por la contaminación del embalse de As Conchas
Los vecinos de la comarca de A Limia llevan a la Xunta ante el Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por la contaminación provocada debido a la cría intensiva de ganado porcino y avícola en esta zona de Ourense.
Minería
Mina de Cañaveral No a la mina de Cañaveral recurrirá ante la Comisión Europea su designación como proyecto estratégico
El estatus de proyecto estratégico europeo implica tramitación exprés de autorizaciones y exención de cumplir determinadas exigencias medioambientales, algo que, denuncian, estaba ocurriendo de facto en el Proyecto de Las Navas.
Asturias
Asturias Cinco muertos en la mina de Zarréu: demasiadas preguntas sin respuesta
El accidente más grave en la minería asturiana en casi tres décadas vuelve a poner en cuestión el sistema de permisos, controles y ayudas públicas para minas en proceso de reconversión.
Estados Unidos
Estados Unidos Estudiantes de Columbia luchan contra las amenazas de deportación
Los estudiantes de Columbia se unen mientras el ICE y el Departamento de Policía de Nueva York (NYPD) atacan el activismo palestino. “[Columbia] está dispuesta a concederle al gobierno de Trump todo lo que quiera”, declara un estudiante a Mondoweiss.
Aviación
Travel Smart Las multinacionales españolas, a la cola de la reducción de emisiones por vuelos de negocios
Un estudio publicado este martes por organizaciones ecologistas señala que las emisiones por vuelos de negocios a nivel global se han reducido un tercio, pero las empresas españolas van a la zaga y suspenden en transparencia u objetivos concretos.
Universidad
Educación El Gobierno anuncia el endurecimiento de la normativa para la creación de universidades privadas
El Consejo de Ministros aprueba la tramitación urgente de una modificación en la legislación que regula la creación de centros privados de enseñanzas universitarias.
Represión
Policía infiltrado La Directa destapa un nuevo caso de policía infiltrado, esta vez, en el activismo de Lleida
Bajo la identidad falsa de Joan Llobet García, un agente de la trigesimosegunda promoción de la Academia de Ávila, pasó dos años infiltrado en espacios independentistas, estudiantiles y ecologistas.
Madres protectoras
Madres protectoras Una madre, condenada a tres años y medio por secuestrar a su propia hija, solicita su indulto
La libertad de Jewel Lázaro depende de la respuesta del Ministerio de Justicia de España a su petición de indulto con el fin de no separarla de otro bebé de nueve meses.

Últimas

Maltrato animal
Maltrato animal Lidl denuncia a los animalistas que detectaron afecciones en la carne de pollo de la cadena
El Observatorio de Bienestar Animal asegura que el departamento legal de la cadena les pidió que eliminaran todas las publicaciones sobre ellos y creen que es una estrategia legal para silenciarles.
Israel
Guerra en Gaza Israel ordena evacuar Rafah ante la previsión de un ataque terrestre
En la mañana del 31 de marzo, las fuerzas militares de Israel han ordenado a la población evacuar gran parte de Rafah, en el sur de la Franja de Gaza.
Más noticias
Francia
Francia Marine Le Pen es condenada por malversación y no podrá concurrir a las elecciones de 2027
Un caso de corrupción con los asistentes del Parlamento europeo golpea a la ultraderecha francesa. Le Pen y su partido, Agrupación Nacional, son condenados por el Tribunal Penal de París.
Opinión
Opinión ¿Cómo acabar con el negocio de la vivienda?
Las reivindicaciones del 5A: bajada de alquileres, paralización de desahucios, desmantelamiento de las empresas de desokupación, ayudarían a acabar con la crisis de vivienda. Pero estas medidas son impensables en este sistema económico.

Recomendadas

Militarismo
Alejandro Pozo “El oportunismo de la industria militar española aprovechando lo que pasa en Gaza es grave”
Este investigador sobre paz, conflictos armados, desarme y acción humanitaria denuncia que el rearme ya está teniendo lugar y que el Ejecutivo escamotea información sobre las relaciones comerciales de la industria con Israel.
Galicia
Galicia Bimba y Lola se aleja de las fibras textiles de Altri con la salida del presidente de Greenalia de su consejo
El presidente de Greenalia y antiguo consejero delegado de Inditex, José María Castellano, abandona su puesto en la empresa cerrando una puerta más a la salida de la celulosa supuestamente creada para fibras textiles.
Redes sociales
El asesino de los CEO El fenómeno fan Luigi Mangione, ¿por qué tanta gente apoya a un asesino?
El caso del chico de clase alta que disparó sobre un CEO de una aseguradora médica ha desatado una ola cultural y de apoyo como no se había visto antes.