We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Medio ambiente
O PSdeG cambia de posición e chama á súa militancia para acudir á manifestación contra Altri na Pobra

Logo de meses de presión social e respostas ambiguas pola súa banda, o PSdeG-PSOE de José Ramón Gómez Besteiro pegou un cambio de rumbo na súa posición sobre a macrocelulosa que Altri, Greenalia e a Xunta queren instalar no centro xeográfico de Galiza. Nunha carta enviada por mail, o PSOE galego chama á súa militancia para acudir este sábado á manifestación contra a celulosa que foi convocada na Pobra do Caramiñal pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva.
“Como seguro xa sabedes, o pasado venres deuse a coñecer a Declaración de Impacto Ambiental positiva por parte da Xunta de Galicia ao proxecto de celulosa impulsado pola empresa Altri en Palas de Rei.”, comeza a carta. E segue: “Dende o PSdeG consideramos que este proxecto non encaixa nin dende o punto de vista medioambiental nin económico e tampouco como proxecto estratéxico para Galicia.”. Fontes do partido críticas coa posición da dirección, recoñecen en privado que “xa era hora de que o partido comezase a tomar posicións fortes”.
Con todo, a breve carta, non está exenta de contradicións: “As e os socialistas galegos fomos os primeiros en manifestar publicamente a nosa dúbida respecto a concesión de fondos públicos a esta iniciativa e expresamos claramente que non debería recibir axudas extraordinarias.”, presupón a carta, mentres que a hemeroteca desfai rapidamente esa afirmación.
“Este proxecto debe ser analizado non só dende o punto de vista medioambiental, senón tamén en termos económicos e sociais, avaliando o seu verdadeiro impacto na creación de emprego e na economía galega. Por todo isto, queremos animarvos a participar na mobilización convocada polas plataformas cidadás que se levará a cabo o vindeiro sábado na Pobra do Caramiñal”, remata a misiva dirixida ás súas bases.