We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A TVG, condenada a rectificar por difundir unha información falsa sobre o BNG

O Xulgado de Primeira Instancia Nº 5 de Santiago de Compostela ditaminou que o director da Corporación Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, deberá rectificar no Telexornal unha información incorrecta emitida en xaneiro. Nesa nova, afirmábase que o BNG non enviara representantes a un evento organizado pola Xunta e mais a Fundación Castelao para dar inicio ao 'Ano Castelao' o cal é falso.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
Medios públicos Exames en castelán na CRTVG: un retroceso histórico tras 40 anos de consenso
A resolución xudicial, asinada o martes 25 de febreiro e feita pública este xoves, dá a razón ao Bloque na súa demanda contra o ente público ao recoñecer o seu dereito a que a información sexa rectificada nos espazos informativos. O fallo considera insuficiente a mensaxe publicada nas redes sociais da TVG, onde se admitía o erro.
A sentenza obriga á CRTVG a emitir a rectificación no Telexornal Mediodía, o mesmo espazo no que se difundiu a noticia, nun prazo de tres días desde que o fallo sexa firme. Porén, a resolución aínda non é definitiva, xa que cabe a posibilidade de presentar un recurso de apelación.
A nova, situada entre a previsión meteorolóxica e a sección deportiva, comeza coa locución do presentador, quen asegura que o BNG “non estivo” na cerimonia celebrada o luns no Panteón dos Galegos Ilustres. Porén, a dito acto asistiron varios membros do partido, entre eles a súa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Tras a introdución do presentador no informativo da televisión pública galega, incluíronse declaracións do conselleiro de Cultura, José López Campos, nas que reprocha ao Bloque a organización dun “acto paralelo” en Pontevedra en homenaxe ao intelectual falecido no exilio en 1950.
A difusión desta información xerou a reacción do BNG, que enviou unha carta ao director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, esixindo unha rectificación “inmediata”, ao considerar que se trataba dun “bulo” e dunha “groseira manipulación” na que tamén sinalaban como “cómplice” ao conselleiro de Cultura.
Aproximadamente 20 minutos despois de que o BNG comunicara aos medios o envío da súa queixa oficial, a conta da CRTVG na rede social 'X' publicou unha mensaxe na que corrixía o contido emitido no Telexornal horas antes.
“A CRTVG fíxose eco hoxe da controversia pola existencia de dous actos polo 75º aniversario do falecemento de Castelao, celebrados o mesmo día. Na introdución desta noticia no noso Telexornal Mediodía, díxose que non asistiran representantes do BNG a un deses actos, o da Fundación Castelao”, sinala a mensaxe da entidade pública.
A continuación, admite que ese “dato” é “evidentemente un erro”, xa que “na propia información” emitida o 7 de xaneiro sobre a cobertura do acto en Santiago, a TVG “ofreceu varios planos” nos que aparecían Olalla Rodil e Goretti Sanmartín durante o evento.