Inteligencia artificial
Cando traducen as máquinas

Co aumento da tradución automática con Intelixencia Artificial, sobre todo na tradución audiovisual, profesionais defenden a súa profesión e a creatividade do que fan.
18 ago 2023 06:00

Unha sala escura, en silencio. Fronte a uns asentos, que están colocados en fila, e sobre unha pantalla branca, comezan a reproducirse imaxes. Unha muller de Tunes recolle figos mentres conversa con outra. Falan en árabe, pero podemos entendelas grazas a un texto escrito en letras brancas na pantalla. Estamos no cine Códex, de Lugo, e estamos vendo o filme “Entre as figueiras” subtitulado ao galego.

Hai un século, non todo o mundo podía prever que a tradución formaría parte das nosas vidas en tantos ámbitos —nos cinemas, nas librarías, nos aeroportos... — ata o punto de que sería case impensable vivir sen ela. Esta ferramenta poderosa achega culturas, noticias e historias que, doutro xeito, non terían forma de entenderse.

Nas últimas décadas, a aparición de tecnoloxías que permiten facer traducións automáticas facilitaron que calquera persoa poida entender a base dun texto escrito noutra lingua con tan só metelo nun procesador, pero as tradutoras defenden que traducir é moito máis que iso. Coa normalización da para algúns mal chamada Intelixencia Artificial, e a aparición da Tradución Automática (TA), a situación complícase, abrindo un debate no que se enfrontan profesionais da tradución —sobre todo da audiovisual —, empresas e institucións.

As máquinas, o único que poden facer, é tragar un montón de datos e contestar cousas por estatística, pero nunca pensar.

Tradución vs. posedición

Miguel González e tradutor e intérprete multidisciplinar. Traballou, ademais, con Intelixencia Artificial facendo modelos lingüísticos algo que, asegura, “non é particularmente novo”. Para Miguel, como para outras persoas tradutoras, “traducir é unha profesión eminentemente creativa que, en moitos casos, ten unha responsabilidade. “Tes que responder a un contexto e adecuarte ao tipo de texto”, comenta. “Pero, a máquina, o único que pode facer é tragar e tragar un montón de datos e contestar cousas por estatística máis ou menos aleatorias. Nunca pensar. Non ten conciencia do que fai”. “Por iso”, engade, “penso que non se pode usar a Intelixencia Artificial para a tradución”.

Non é o único. Profesionais do sector, sobre todo na rama do audiovisual —e como acontece coa recente folga de actores e actrices en Hollywood—, ven como arredor da súa profesión se fala cada vez máis de máquinas e de formas de substituír, acelerar e facer máis barato o seu traballo. Unha preocupación crecente que está poñendo en alerta ás traballadoras deste gremio e que, advirten, “vai baixar a calidade das traducións”.

No ano 2021, o experimento de Tradución Automática (TA) feito coa serie coreana El juego del calamar, xerou multitude de queixas no sector. “Nesta serie, cando as persoas dicían “oh my god”, por exemplo, a máquina sempre o traducía por “oh dios mío”, comenta Samuel Solleiro, un profesional da tradución audiovisual que leva máis dunha década dedicándose a esta rama do sector. “Isto fixo que foran subtítulos sen riqueza, que non transmitisen nada, xusto o contrario do que debería acontecer cando ves unha película ou unha serie”.

Traducir é unha profesión eminentemente creativa que, en moitos casos, ten unha responsabilidade

A plataforma Netflix —encargada dos subtítulos automáticos feitos para El juego del calamar— acabou optando por refacelos con traballo humano tras as críticas recibidas. Aínda así, como escriben Estibaliz Cabañes e Guillermo Parra na web La linterna del tradutor, este experimento “puxo no punto de mira o uso de TA poseditada —corrixida a posterior por unha persoa— para os produtos audiovisuais”. No seu artigo Mitos y realidades de la posedición en traducción audiovisual, estes expertos falan dos perigos da normalización deste tipo de tradución, que converterá ao tradutor “en un poseditor”, unha persoa que en vez de facer a “tradución desde cero” fará “unha revisión dunha tradución terminada, rebaixando as tarifas da tradución deste tipo de produtos”.

Samuel Solleiro ve un problema dobre na aparición da Tradución Automática e a figura do poseditor. “A nivel laboral, deixamos de ser dalgunha maneira necesarias as persoas que nos dedicamos á tradución audiovisual”, comenta. “Pero se fose só iso, que se conseguise o mesmo traballo con outras ferramentas, aínda o entendería. Pero é que, en paralelo, hai unha concepción diferente do que supón traducir, segundo a cal, é unha especie de guía para que poidas ir seguindo máis ou menos por onde vai unha trama, pero non se considera unha tradución real”. Solleiro recalca que a tradución automática “non ten en conta todas as implicacións do texto audiovisual: os rexistros, a entoación, se hai retranca... que son súper importantes e en galego, ademais, é algo moi pouco traballado. E, ademais, é imposible traducir ben unha película sen ver a imaxe”.

“A profesión vaise ver afectada, sen dúbida, se se produce unha xeneralización da posedición”. Magdalena Sánchez, tradutora audiovisual desde hai 15 anos, é outra das profesionais preocupadas pola aparición deste tipo de tecnoloxía no mundo da tradución audiovisual. “A calidade dos textos será menor. As máquinas non distinguen entoacións, matices, dobres sentidos, confúndense nas polisemias, etc. Todo iso levará a unha simplificación”. Magdalena ve un risco para a continuación da súa profesión. “Se consideran que a máquina pode facer todo mellor ca un humano, para que necesitaremos un revisor ou tradutor? A nosa profesión sería prescindible. E paréceme un erro confiar a comunicación ás máquinas”.

Eles din que a IA pode facer unhas cousas que non son certas.

“É un erro porque, para empezar, eles din que a IA pode facer unhas cousas que non son certas”, engade o tradutor Miguel González. “Pero hai xente moi interesada en vender que si. Por un lado para sacar contratos lucrativos, e, por outro, para meter medo, por exemplo nos profesionais, e dicir que a máquina nos vai a substituír. E este é discurso de clase. É mentira. É un discurso da alta burguesía para que nos asustemos e baixemos as nosas tarifas”, advirte González. “Claro, é que a máquina se equivoca moito porque, que eu saiba, aínda non hai tecnoloxía que interprete a imaxe”, engade Samuel Solleiro. “É ilexible? Non, pero si xera subtítulos moi malos”.

O mesmo parecen pensar tanto distribuidoras como exhibidoras de cinema. Atalante e Lost&Found, as distribuidoras máis importantes de filmes subtitulados ao galego, coinciden en pensar que a Intelixencia Artificial “nunca podería substituír o traballo dun tradutor”. “Nin se me pasa pola cabeza prescindir dunha persoa tradutora que ademais sexa experta en cinema”, explica Ramiro Ledo, fundador de L’Atalante Cinema. “No caso do subtitulado cinematográfico non abonda só con saber o idioma, hai outra serie de pautas: caracteres por liña, maneiras de traducir o sentido para intentar sintetizar información... Non se trata de reproducir exactamente o audio que se escoita no outro idioma, senón que hai que transmitir a información para manter o espírito do que se está a dicir”. Víctor Paz, de Lost&Found, tamén o ve así. “Hai que pagar a profesionais que comprendan, non só de tradución, senón tamén das esixencias técnicas dos subtítulos. Por iso, todo este tipo de ferramentas, IA e demais, poden estar moi ben pero van precisar a man detrás dalgunha persoa profesional que faga o traballo como é debido. Parécenme máis un apoio que unha ferramenta autónoma”. Nisto coincide tamén Xan Gómez, socio traballador da cooperativa Númax: “referido ao subtitulado, paréceme difícil que o factor humano, nalgunha fase do desenvolvemento polo menos, non estea sobrevoando o proceso”, comenta. “A tradución profesional é a vía que nos gustaría seguir, desde logo”.

No caso do subtitulado cinematográfico non abonda só con saber o idioma, hai outra serie de pautas.

Ademais do medo pola perda de traballos e de calidade, no caso das tradutoras ao galego engádese tamén preocupación pola perda da lingua. “É un problema que afecta a todas as linguas. Aínda así, no galego é especialmente sanguento porque, nos motores clásicos de internet, de Google, o galego o traducen do castelán. É dicir, pasan do inglés ao castelán, e do castelán ao galego”, advirte Samuel Solleiro. “O que pasará é que tomará máis calcos do inglés”, engade María Alonso Seisdedos, unha profesional que leva tempo sen dedicarse a tradución audiovisual pero estivo décadas no sector. “O problema non está nas palabras, o problema está na estrutura das linguas, no que fai que unha lingua se diferencie doutra. E iso non son só as palabras. Son as expresións, a estrutura sintáctica... hai moito máis detrás”, comenta Seisdedos. “Para que entendas a que me refiro. Se eu quero chamar a túa atención, dígoche: ‘ouviches?’ Ese ‘ouviches’ é algo moi característico do galego, en castelán ninguén di ‘oiste’ nin ‘has oído’. Esas cousiñas, que son características dunha lingua e non doutra, desaparecerán. “Eu acabo de escribir nun tradutor “Outra vaca no millo” e en español dáme “Otra vaca en el maíz”, engade Magdalena Sánchez. “É un exemplo de como a  máquina non recolle o sentido do refrán. Traduce literalmente. Ese é o problema das máquinas”.

Inteligencia artificial 4

“Un experto de Microsoft dixo o outro día que a tradución automática estaba aínda nunha fase de evolución no que o nivel de tradución era a frase”, engade Miguel González. “Isto está a anos luz do que di a investigación ata agora en tradución, que nós traballamos con textos e culturas, non con frases”.

Como se alimenta a IA?

A Intelixencia Artificial aprende dos datos que recolle de Internet. “Para empezar, eu —e moita xente— estamos en contra de que se lle chame IA porque cremos que isto non é intelixente. É un software, unha base de datos. Se ti lle das datos ben acoutados, vai aprender deles, e iso fai que sexa útil para usos pequenos, para algún ChatBot de axuda específica”, explica Miguel González. “Cunhas funcións limitadas, ti podes ensinarlle a unha máquina a que recoñeza comandos de voz, ou de texto —que recoñeza a linguaxe natural, que asigne valores semánticos, que entenda e que dea unha resposta—. Pero canto máis grande sexa o ámbito de actuación destas tecnoloxías, máis aumenta de forma exponencial o risco de erros. E hai grandes marxes de erro, porque estas máquinas só entenden do que adestran”.

Canto máis grande sexa o ámbito de actuación, máis aumenta de forma exponencial o risco de erros.

Este adestramento é outro dos grandes puntos de conflito dentro do ámbito da Tradución Automática xa que, como denuncian profesionais como María Alonso Seisdedos, a IA “haina que alimentar e de onde saen os datos cos que se alimenta?”. Miguel González ve aquí “outro punto importante do debate público, sobre todo no que se refire ás grandes empresas” que están detrás da tradución automática con Intelixencia Artificial. “As IA grandes rouban, necesariamente. Porque non poden ter os permisos legais de todo o que collen para adestrar”, afirma González. “Eu nas empresas nas que traballei facendo IA, tiñamos a propiedade legal de todos os nosos datos de adestramento. Pero estas grandes IA sáltanse ese paso. Pretenden roubar todo o que hai en Internet e, escondéndose en que hai moita xente que non sabe como funcionan, pasarse por riba todos os dereitos de autoría e a propiedade intelectual. Usan traballo sen permiso”.

Para González hai, ademais, unha terceira pata “da que case nunca se fala”. “Estas IA mantéñense co traballo de profesionais especializados, moitos deles en condicións precarias, que teñen que limpar as lameiras de datos —Data swamps— que entran sen control nas empresas porque os directivos pensan que, se entra todo, o seu produto ten máis valor”. González considera isto un erro. “O ideal sería controlar a entrada deses datos. O peor que che pode pasar, se estás traballando nun sistema destes, é que alguén tome a decisión de meter datos de merda que ninguén controlou, porque entón che cae a ti o marrón de solucionar os problemas que diso sae. E, en canto hai un problema deste tipo nunha IA, é extremadamente difícil de solucionar”, engade González.

Mentres o debate segue sobre a mesa, en Galiza acaba de nacer o Proxecto Nós —un proxecto da Xunta de Galicia e a USC—, que busca “xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL). ”Nós xeramos modelos de lingua, polo que necesitamos moitos corpos en galego”, di Pablo Gamallo, investigador adscrito ao CiTIUS e un dos desenvolvedores do Proxecto Nós. “Neste momento temos documentos con máis de 2000 millóns de palabras, pero só collemos da web ficheiros ou urls con licenzas libres”. Gamallo di que, a maiores, teñen “convenios con medios de comunicación que lles permiten usar os seus datos”. “A idea é levar o galego a modernidade”, defende Elvira Casal, da Secretaria Xeral de Política Lingüística. “ Que exista unha base de datos importante de voces en galego, para que despois, a través de sintetizadores, tradutores, etc., se poidan desenvolver diferentes produtos”. “Queremos minimizar a fenda que hai entre as tecnoloxías para o galego e outras linguas con máis recursos, sobre todo inglés e tamén o castelán”, comenta Gamallo. “Para elo, imos botar man dos recursos en portugués para aumentar o número de corpos sintéticos en galego que despois convertemos a galego normativo. Así, conseguimos moitos máis recursos que non teriamos sen o portugués como lingua de apoio”.

O Proxecto Nós ten como obxectivo “construír modelos para todo o sector produtivo que queira utilizalos”.

Gamallo defende que o Proxecto Nós ten como obxectivo “construír modelos para que todo o sector produtivo que queira utilizalos, os use como queira e os adapte. “Todo isto é libre”, engade Gamallo. “Esa é a diferencia con Google Translate no que ti non tes acceso ao modelo. É dicir, o que facemos é axudar ás empresas a que melloren as súas competencias para que haxa menos dependencia das grandes corporacións, en xeral dos EEUU —como Google, Microsot ou Amazon— que poden decidir dun día para outro aumentar prezos ou cortar servizos. Neste caso queremos que haxa menos dependencia nese sentido”, di Gamallo.

Desde o Proxecto Nós aseguran que a aparición desta tradución automática non vai influír nin eliminar o traballo das persoas tradutoras, sobre todo no ámbito máis creativo. “A tradución automática é de peor calidade que a humana, iso seguro. Mellorou moito nestes últimos tres anos polo tema das arquitecturas neuronais, pero aínda así non pode competir cun humano en calidade”, afirma Gamallo. Aínda así, este experto anima ás profesionais do sector “a utilizar o máximo posible as tecnoloxías para facer máis e mellores traducións”. “Os tradutores xa se están adaptando a este novo mundo no que se automatizan moitas tarefas”, comenta. “A tradución creativa é moi complicada, e é importante que o humano siga aí, que siga intervindo nese proceso e siga habendo moitas traducións humanas para que así tamén mellore a propia tradución automática, porque a IA segue adestrando da mesma forma, cos modelos aleatorios de hai 20 anos. Son súper especialistas na predición da próxima palabra”.

Desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización, Elvira Casal, asegura que, en ningún caso a aparición do Proxecto Nós “vai cambiar os convenios con entidades” que tiveron ata agora, “ou que isto teña que ver co mundo da tradución ou co traballo persoal dos tradutores”. Con todo, tanto Gamallo como Casal afirman que o Proxecto Nós ten entre os seus obxectivos “facer subtitulado”. “Queremos traballar con Númax, por exemplo, para que se faga subtitulado para películas en galego. E, en algún momento, ao mellor traballamos para que este subtitulado sexa con IA, porque os prototipos que van saír da IA van ser gratuítos, para todo o mundo”, remata Casal.

O futuro da tradución audiovisual?

“Polo pronto, eu como profesional o que fago é simplemente non aceptar traballos para alimentar IA”, comenta Samuel Solleiro. “Despois, está ben que se fale disto, que se saiba se o que estamos consumindo está traducido por unha máquina ou por unha persoa. Quen está normalizando o uso da IA nos subtítulos son as grandes empresas, que queren reducir custes e teñen poucos escrúpulos porque lles dá igual. Hai grandes empresas que xa fan todo con IA e despois teñen uns resultados desastrosos”, denuncia Solleiro.

Deben ofrecer calidade nos subtítulos e na dobraxe, non pasar o texto por unha máquina para aforrar uns pesos.

Magdalena Sánchez coincide “hai que rexeitar os subtítulos que se vexa claramente que son feitos por unha máquina. Se unha plataforma cobra aos usuarios polo seu uso, debe ofrecer calidade nos subtítulos e na dobraxe, non pasar o texto por unha máquina para aforrar uns pesos”.

Para Miguel González “a xente ten que tomar conciencia de para que serve e para que non [a IA]. Para cousas pequenas serve e é moi útil, pero para aquelas que pasen de nimias xa non”. González defende que “terían que chamalo como o que é: un modelo lingüístico ou ChatBot”. “Así o chamaban antes de que algún xenio de SilliconValley inventase a roda e lle chamase IA”. Para González “é unha pasada ata que punto o discurso público está controlado por luminarias que non fan máis que vender fume”. “É o fetichismo da mercadoría”, denuncia. “Presentan obxectos como se estiveran vivos, como se fosen persoas, e inténtase ocultar o traballo que hai detrás. É algo que pasa de toda a vida. Por exemplo, presentar un Iphone como unha cousa marabillosa e abstraído do traballo humano. Pois con estas ideas o mesmo, son produto do traballo humano —unha das condicións para que existan— e hai que ver en que condicións”, denuncia González.

En Europa, acaba de nacer Against Writoids por parte do Consello Europeo de Escritores e Escritoras. Esta iniciativa, formada por persoas escritoras e tradutoras, creou o concepto de writoid “para evitar a falsa impresión da Intelixencia Artificial Xenerativa como un oráculo sabio e misterioso”, e presentala como “un software simple, de alto risco e pouco de fiar”. Against Writoids busca “facer partícipe á sociedade” dos riscos que implican para estas profesións a normalización e uso destas ferramentas “que collen datos sen consentimento” e adestran con eles “para substituír” ás persoas traballadoras.

“Téñenme chegado peticións de clientes para que revise traducións que non saben de onde veñen. E, cando as miras, dígolles que é imposible que iso estea feito por unha persoa”, remata Samuel Solleiro. “De feito, hai veces que me chega algo e a miña resposta é que hai que refacelo, porque custaría igual facelo de novo que arranxalo. E na grande empresa é comprensible ata certo punto que fagan iso, pero que en Galiza as empresas pequenas sexan as que defenden que se faga de forma manual, e sexa a institución pública a que está financiando principalmente as IA paréceme sanguento. É unha desprotección absoluta. A sensación é esa, de desprotección”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cárceles
Carabanchel Tele Prisión, memoria audiovisual de una cárcel
Además de varias películas que se han acercado a la cárcel de Carabanchel, Tele Prisión fue un canal de televisión interno en el que participaron numerosos reclusos y algunos educadores de esa prisión madrileña. Emitió de 1985 a 1987.
Activismos
ACTIVISMOS Un cine al servicio de lo social y lo comunitario
Quinta entrega de Activismos, la serie de El Salto Radio sobre diferentes formas de hacer activismo
Gobierno de coalición
Gobierno de coalición Sumar pisa el acelerador y se anima al choque con Sánchez
En el grupo parlamentario están decididos a aprovechar la crisis de los “días de reflexión” para marcar perfil propio y recobrar iniciativa con medidas de agenda “social y democratizadora”.
Sanidad pública
Sanidad Pública Madrid ha aumentado un 140% el presupuesto dedicado a privatizaciones sanitarias en la última década
Catalunya lidera el porcentaje de gasto en conciertos, con un 22,6%, seguida de Madrid, con un 12,3%, mientras el nuevo proyecto de ley no blinda los contratos con entes privados.
Migración
Migración y Asilo La Europa Fortaleza ya está en marcha en Líbano
Líbano devuelve 200 refugiados a Siria en el primer retorno supuestamente voluntario desde que Von der Leyen anunciara el pacto anti-inmigración con Beirut.
Contigo empezó todo
El Salto libros El Salto lanza su propia línea editorial con un libro sobre la otra historia de España
El Salto Libros se estrena con el volumen ‘Contigo empezó todo’, del periodista Eduardo Pérez, otra visión de la historia de España a través de 30 episodios olvidados. Suscríbete y te lo enviamos gratis.
Entrevista La Poderío
Cristina Consuegra “La cultura es aquello que te posiciona contra la barbarie”
A Cristina Consuegra es difícil encajarla en una cosa. Consuegra es un torbellino de colores que lo lleva to' palante. Lo mismo organiza un festival de cine de índole nacional en los barrios, que la escuchas en la radio, por citar algo. Consuegra es mucha Cristina y Cristina es demasiada Consuegra.
Opinión
Geopolítica El efecto mariposa en la geopolítica de nuestro tiempo
El planeta se encuentra inmerso en cuatro encrucijadas, cada una de las cuales por sí misma, tiene la potencia para dislocar el mundo que conocimos.

Últimas

Cómic
Cómic ‘Grandville’, de ucronías antropomórficas y viñetas ‘steampunk’ victorianas
‘Grandville’, el cómic creado por Bryan Talbot, situó París en una realidad alternativa donde es la ciudad más grande de un mundo poblado por animales, y advirtió del riesgo de creer que los horrores pasados no se repetirán.
LGTBIfobia
Lesbicidio Cientos de personas en vigilia ante la embajada argentina: “Fue lesbicidio”
Una vigilia en el centro de Madrid señala la responsabilidad del gobierno de Milei en el asesinato de tres mujeres lesbianas en Buenos Aires que fueron quemadas vivas el pasado 6 de mayo: “Es el responsable”.
Palestina
Acampadas pro palestinas La acampada de la Universitat de València cambia de estrategia
La asamblea anuncia que levanta la ocupación permanente de un espacio del campus y que seguirán realizando acciones de protesta.
Movimientos sociales
Opinión Garanticemos la autonomía de los movimientos
Hay que establecer unas relaciones sanas de respeto mutuo y de no injerencia con los partidos y sindicatos que postulan un cambio social profundo
Formación El Salto
Formación El Salto Fotoperiodismo y movimientos sociales: una mirada a las luchas desde abajo a través de un objetivo
La Escuela de Periodismo Crítico de El Salto ofrece su primer curso presencial, en el que abordaremos, de la mano de nuestros fotógrafos, cómo plasmar a través de la imagen movilizaciones y resistencias.
Sidecar
Sidecar Fantasmas de 1968
Las universidades estadounidenses se han transformado paulatinamente en organizaciones policiales y carcelarias público-privadas, que responden ante los benefactores y los políticos, no ante los estudiantes ni el profesorado.
Neocolonialismo
Francia El níquel, la batería detrás del proyecto de recolonización de Macron en Nueva Caledonia
Las protestas de la población canaca se producen contra una reforma electoral que beneficiará aún más a los colonos asentados recientemente en la isla. De fondo están los beneficios de la minería de níquel, que la metrópolis quiere acaparar.
Literatura
Día das Letras Galegas As poetas queer ante Luísa Villalta: “A poesía é unha ferramenta para poder cambiar o espazo que habitamos”
Afra Torrado, Cinthia Romero e Lara Boubeta, tres poetas disidentes galegas, xúntanse para reflexionar sobre o seu vínculo coa poesía, a importancia de referentes na literatura e a implicación que ten o Día das Letras Galegas.

Recomendadas

LGTBIAQ+
Lesbofobia El triple lesbicidio en Argentina evidencia el impacto de los discursos de odio
La escasa repercusión mediática de un brutal feminicidio de tres mujeres lesbianas en una pensión de Buenos Aires alerta sobre la normalización de los discursos estigmatizantes.
Cuidados
Darcy Lockman “Antes de los niños no hay mucho que hacer y la desigualdad se tolera más fácilmente”
La psicóloga explica con datos en ‘Toda la rabia’ por qué la crianza intensifica la desigualdad en las parejas pese a todos los incentivos para que los hombres cuiden.
Instituciones culturales
Descolonizar el museo Colombia pide a España que devuelva el Tesoro de los Quimbayas
El Ministerio de Cultura de Colombia solicita formalmente el retorno de la colección Quimbaya que se encuentra en el Museo de América en Madrid.