A guerra do vento

Medio ambiente
A guerra do vento

Fracturas sociais e fendas medioambientais na implantación descontrolada da enerxía eólica en Galiza.

Dende o cuarto de Isabel escóitase un zunido constante. Nin sequera a dobre fiestra que instalou hai uns anos consegue frealo. Vén de fóra. Escóitase dende a cama, dende o baño, dende a cociña e dende a sala de estar. Escóitao cando vai sacar o gando da corte e tamén cando o vai recoller. O ruído fano as pas de seis enormes aeroxeradores de máis de 150 metros de altura que ten instalados a pouco máis de 500 metros da súa casa. “Cando máis molesta é cando hai vento forte e aquí hai vento forte case sempre”, ironiza esta veciña da parroquia de Andreade, en Paradela (Lugo). Van catro anos dende que a empresa Paravento, promovida e participada por Endesa ou Enel Green Power, instalou esa media ducia de muíños máis seis centros de transformación, unha torre meteorolóxica e centos de metros de liñas de alta tensión subterráneas que o conectan todo. Os beneficios socioeconómicos dos que falaba a empresa e que a Xunta fixo seus cando se admitiu a trámite o proxecto, quince anos atrás, quedaron en papel mollado: “Eu pago cada vez máis de luz e eles enriquécense sen complexos. Aquí non queda nada”.

O que transmite esta veciña é o sentir xeral dunha pequena comunidade lucense de menos de cen habitantes que, sen apenas marxe de manobra, viu como a súa vida no campo e a súa contorna mudaba substancialmente. Explican que ninguén lles falou das afeccións reais que sufrirían cando comezaron as primeiras visitas dos servizos técnicos. “Deixamos cortar carballeiras a cambio de esmolas e desvalorizaron as nosas vivendas sen ningunha indemnización nin contrapartida digna”, engade Isabel. “Estragáronse camiños e terras que nunca volverán ser o que foron”, di O Naranxo, outro dos veciños que máis preto vive dos aeroxeradores. O mito da creación de riqueza local. A rexouba do asentamento de poboación en zonas rurais que a patronal eólica en Galiza pasea por tódolos espazos que a prensa hexemónica lle brinda. Todo iso esváese nun paseo por calquera das vilas onde as aspas dos muíños fican xirando: “Todo o contrario. Isto é outro motivo máis para que a xente queira marchar”, lamentan.

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 5
Isabel Rodríguez é unha das veciñas afectadas de Andreade. Elena Martín

A 130 quilómetros de alí, lonxe do interior de Lugo e máis preto das Rías Baixas, un fío une esta historia cun colectivo de veciñas e veciños que ven no caso de Andreade o seu futuro máis inmediato. O enclave é singular. Localízase entre os concellos de Moraña, Pontevedra, Barro e Campo Lameiro, a capital galega da arte rupestre e un dos lugares con maior concentración de petróglifos de toda Europa. Un espazo onde hai uns meses comezaron as obras do parque eólico do Monte Acibal e onde se xuntan tres proxectos de polígonos eólicos que, xuntos, suman 18 aeroxeradores de máis de 200 metros cada un. Na actualidade, probablemente este sexa o caso máis paradigmático do que está a acontecer en Galiza coa implantación acelerada e ás présas das enerxías renovables. Un dos tres proxectos xa está en obras e os outros tres en plena tramitación.

Como se decatou a veciñanza do que acontecía nos seus montes é, con matices, unha sorte de déjà vu recorrente en tódolos concellos galegos onde se proxectan parque eólicos sen dialogar coas comunidades locais. “Decatámonos disto tarde, xusto ao comezo da construción do parque, así que só levamos cinco meses loitando e contra o reloxo”, explica Patricia Gamallo, unha das persoas que máis está loitando para que a implantación destes polígonos eólicos sexa respectuosa co patrimonio natural e cultural e adecuada á lei. Dende a plataforma Amil sen Eólicos, Gamallo e as súas veciñas e veciños fan o traballo que, semella, nin a Xunta de Galiza nin a empresa promotora Norvento fan. Levan a cabo andainas periódicas ata os lugares onde hai xa afeccións polas obras de construción e así conseguen peitear os montes na procura de flora ou fauna en risco de conservación ou outros bens de valor patrimonial: “E a única forma que temos de defendernos e tratar de frear esta desfeita. Atopar algo co que non podan arramplar”. “Nas primeiras olladas, xa atopamos varios petróglifos que a construtora non comunicou nin á Secretaría Xeral de Patrimonio nin á Consellería de Industria, o cal é moi grave. Fomos os veciños e veciñas os que enviamos documentación á administración e solicitamos a paralización das obras”, relata Gamallo, quen critica unha desidia premeditada da empresa e máis do Goberno galego.

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 7
Petróglifos danados durante as obras nos montes de Amil. Elena Martín

As pistas que precisan abrirse nos montes para poder acceder coa maquinaria pesada necesaria para a construción destas infraestruturas transforman a paisaxe e desfán por completo quilómetros de solo cun prexuízo evidente para os ecosistemas das montañas galegas. Con chamadas recorrentes ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) e grazas ao coñecemento arqueolóxico dun dos integrantes da plataforma, conseguiron chegar a paralizar momentaneamente a construción. Atoparon varios petróglifos nas pistas e mesmo na base dun dos piares dun aeroxerador. Durou pouco o oasis: “A empresa seguiu traballando e mesmo rascan e voltean as grandes pedras [onde se adoitan atopar eses tipo de sinais rupestres] con pas de grandes dimensións para evitar que se produzan novos achados de petróglifos”. Nunha ollada, pódense albiscar fendas profundas realizadas pola maquinaria nas pedras dos máis de vinte petróglifos que este grupo de veciñas atopou en apenas medio ano e sen formación profesional nesta materia.

No Monte Acibal, hai restos de dinamita no chan. Bulldozers. Camións con toneladas de pedras voadas e terras removidas. Hai envases, cabichas, lixo. Hai restos de árbores e arbustos cortados. As Declaracións de Impacto Ambiental que a Xunta emite obrigan a tódalas promotoras a levar un control arqueolóxico e medioambiental durante o proceso de construción. Podería aparecer unha especie en perigo de extinción, unha mina de auga ou dúas ducias de indicios de estar traballando sobre un grande xacemento arqueolóxico. Mais foron as veciñas e veciños organizados e nos seus ratos libres quen se viron na obriga de suplir esa responsabilidade social desatendida. No comezo desta asociación, foron quen de colocar as súas demandas en primeira plana dos dous medios de comunicación con máis influencia en Galiza: a televisión pública e La Voz de Galicia. Hoxe, explican, a súa voz xa está vetada. A Televisión de Galicia vive baixo un control férreo do Partido Popular dende que, en 2009, Alberto Núñez Feijóo accedeu ao Goberno galego. La Voz de Galicia, como diario de dereitas e hexemónico do país, adoita seguir abertamente a mesma liña editorial. “O feito de que Norvento sexa unha empresa galega e que levemos seis meses sen atopar unha empresa de arqueoloxía que nos queiran facer, pagando, informe algún, lévanos a pensar que hai algo máis detrás”, denuncian dende a plataforma veciñal.

A especulación tamén pode ser ‘verde’

A historia repítese en case tódolos concellos de Galiza, agás nos máis poboados onde, malia existir potencial eólico, a fractura social e a oposición son previsibles. Segundo os datos da Asociación Eólica de Galicia, a patronal do sector, antes de 2025 haberá construídos 271 parque eólicos no país. Son 84 máis dos que hai hoxe funcionando e, en total, serán máis de 4.500 os aeroxeradores plantados nos montes galegos. Hai unha pregunta fundamental sobre esta implantación acelerada e que apenas está presente na opinión publicada: existe a capacidade tecnolóxica e industrial no Estado español para instalar eses 84 polígonos eólicos cos seus máis de 400 aeroxeradores novos de aquí a 2025?

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 6

Unha das primeiras e poucas voces que vén de poñer esta derivada do debate sobre a mesa é Fernando de Abel, profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela (USC): “A especulación en España no último século foi cara ao ladrillo e agora parece que pode ir cara aos parques eólicos. Non están a vender algo tanxible é especulación pura e dura”. Xa hai probas de que estas ideas que propón de Abel non son cábalas. A enerxética francesa Engie adquiriu a comezos de xuño unha carteira de proxectos renovables de 182 megawatts (MW) á empresa galega Greenalia en Galicia e Andalucía, en cuxo consello de administración traballa Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do Goberno de Feijóo logo de pasar pola porta xiratoria da Xunta. Son 182 MW que xa están en tramitación. Esta operación, xustifican, permite acelerar a súa presenza en España “no mercado das enerxías verdes”.

Aínda que dende o poder económico se suxira, nin unha soa das organizacións ambientalistas oponse á implantación da enerxía eólica

Fernando de Abel tamén é vogal e asesor xurídico da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), a organización ecoloxista de cabeceira no país e unha das poucas que xa conseguiu paralizacións cautelares de proxectos e incluso tombar pola Xustiza algúns xa construídos grazas á súa rede de colaboracións territoriais. Dende Adega, ademais de tratar de minimizar a afección medioambiental, dubidan da capacidade de poder executar en tan pouco tempo tantos proxectos eólicos como aprobou a Xunta. O Goberno galego sacou adiante en pouco máis de dous meses tantos proxectos como nos seis anos anteriores xuntos: “Dubidamos da capacidade económica e técnica para fabricar todos ese aeroxeradores para o mar e para a terra”. O certo é que no Estado español non abondan os transportes especiais necesarios para trasladar esas xigantes pezas de 200 metros nin tampouco os guindastres que se precisan para colocalas sobre o terreo.

Os patróns de expansión capitalista replícanse

Coa pátina do ‘verde’ e usando adxectivos deturpados no debate público como “sostible” ou “xusta”, a práctica totalidade das organizacións ecoloxistas de Galiza denuncian publicamente a fractura medioambiental e social que virá se o descontrol das administracións galega e española neste sector segue o camiño andado. E é que os modelos do mercado perpetúanse: “Resulta que en Galiza vamos ser os novos xeques da electricidade, pero sen que quede riqueza algunha no territorio. O imposto de sociedades, en Madrid ou en Milán. O canon eólico é regresivo, canto máis produces menos pagan. E a factura da luz non baixa. Que gañamos con todo isto?”, denuncian dende Adega. Quizais pola complexidade de crear un relato que convenza a cidadanía galega, altos mandos do Goberno español como a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, ou o seu secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, estean a facer serios esforzos por tratar de instalar o marco ideolóxico da “solidariedade entre territorios”. Incluso chegaron a ridiculizar o omnipresente slogan Eólica si, pero non así deslizando que se sostiña nunha sorte de estratexia electoral de intereses espurios e individualistas.

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 1
As estradas, un dos maiores destrozos medioambientais que se producen nestas construcións.s. Elena Martín

Pero contra ese relato, poden máis os datos de entidades historicamente non aliñadas coas organizacións da sociedade civil como o Banco de España, que publicou un demoledor informe socioeconómico a comezos de ano, chamado As enerxías renovables crean empregos locais? no que constatou que os proxectos eólicos nin xeran riqueza local nin tampouco empregos. Algo que, na experiencia sobre o terreo, as organizacións veciñais e ambientalistas veñen denunciando dende hai décadas. Salvando as distancias, o esquema do neocolonialismo do Norte sobre o Sur global reprodúcese, en escala, entre os territorios máis enriquecidos do Estado español e da Unión Europea sobre as periferias.

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 7

Polas páxinas do Salto, xa teñen pasado referentes no control das manobras das transnacionais para espoliar recursos de pobos en vías de desenvolvemento como as profesionais do Observatorio de Multinacionais en América Latina (OMAL). “Todo isto o que fai é controlar o territorio e privatizalo en mans de grandes empresas transnacionais. Claro que é necesario ampliar a produción de enerxías renovables, pero non a través deses macroproxectos, que producen fortes impactos e a privatización dos territorios. Tería que planificarse de modo que estea noutras mans, que non estea en man nin de Iberdrola, nin de Endesa, nin de Gamesa, nin de fondos de investimento”, argumentaba en base á experiencia latinoamericana da expansión das multinacionais Erika González especialista en violacións de dereitos humanos e ambientais de OMAL.

Eólica si, pero onde?

Non hai ningunha soa das organizacións ambientalistas ou plataformas veciñais que se opoña á implantación da enerxía eólica. Todo o contrario. Malia que dende a elite empresarial e política do bipartidismo de Galiza e do Estado español se estea a tratar de crear un marco de debate electoralista contra as forzas soberanistas e do espazo da esquerda transformadora. As alternativas de localización existen. O certo é que os organismos científicos de máis alto nivel do Estado español xa se teñen pronunciado ao respecto. Nun documento incisivo, a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/Birdlife) e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), artellaron unha posición conxunta e atendendo fundamentalmente a unha idea de raíz: as enerxías renovables só poden considerarse responsables se o seu despregamento é compatible coa conservación do noso capital natural. “Partindo desta base, é imprescindible que o despregamento exposto para os próximos anos conte coas máximas garantías ambientais dispoñibles en todas as fases do proceso, incluíndo o seu futuro desmantelamento”, lembran os organismos.

A comezos de xuño, o TSXG dictou unha sentenza que marca un fito sen precedentes na loita ecoloxista

E isto en que se traduce? En que a Administración fiscalice as empresas (privadas) para conseguir un mínimo impacto ambiental,  o máximo beneficio social e económico para o territorio durante o seu período de funcionamento e a óptima restauración dos valores naturais ao remate da súa vida útil. “Tanto no desenvolvemento da eólica mariña como na terrestre estase a poñer como prioridade a maximización da produción de electricidade e o beneficio empresarial e desatendendo as repercusións medioambientais e socioeconómicas”, denuncia Nicolás López Jiménez, doutor en Bioloxía, autor principal do Libro Vermello das Aves de España e punta de lanza de SEO/BirdLife nos procesos de alegación contra os polígonos eólicos máis lesivos contra a natureza. “O que pode acontecer se os plans para instalar a eólica mariña no norte da península seguen como están é unha auténtica carnicería nun dos corredores migratorios de aves máis importantes do planeta”, advirte López Jiménez. Quizais non sobre dicir que o lugar onde máis sopra o vento é o lugar por onde máis aves migran.

Por iso, entendendo que estes solos van ter un tipo de ocupación industrial para a xeración de enerxía, as zonas prioritarias que a comunidade científica considera como prioritarias son os emprazamentos no medio urbano, sobre chans industriais, chans urbanos consolidados e chans urbanizables. No medio rural, tamén consideran compatibles aquelas localizacións en zonas xa degradadas ou antropizadas nas que se constate que non hai presenza de flora, fauna ou hábitats de alto valor ecolóxico. Por exemplo: canteiras, minas, vertedoiros, aparcadoiros, instalacións turísticas e deportivas, estradas ou liñas de ferrocarril. E, por suposto, nunca en espazos naturais protexidos como xa está acontecendo a día de hoxe en Galiza, poñendo por caso a implantación de turbinas na Serra do Xistral, un lugar con hábitats prioritarios vencellados ás turbeiras. Ou vinte dos novos parques eólicos que o Goberno galego vén de autorizar e que se atopan de xeito parcial ou total en Reservas da Biosfera: nas Mariñas Coureñas, nas Terras do Mandeo, na Ribeira Sacra ou nas serras do Oribio e do Courel.

Trimestral 71 Repor Eolica Galiza - 2

Unha sentenza pioneira pode mudar o rumbo

A comezos de xuño deste 2023, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) emitiu unha sentenza que marca un fito sen precedentes na loita ecoloxista durante o desenvolvemento eólico. É a primeira dos tres recursos contencioso-administrativos interpostos pola Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza e pola Plataforma para a defensa da Cordilleira Cantábrica contra as resolucións do Consello da Xunta polas que se autorizaron tres proxectos eólicos promovidos, de novo, pola empresa onde traballa a exconselleira de Feijóo. É a primeira vez que conseguen que unha resolución xudicial anule as autorizacións dun proxecto eólico sen que se teña producido unha agresión ao medio ambiente, como aconteceu no caso da serra do Oribio onde, hoxe, pódense ver as montañas furadas e abandonadas.

Unha das chaves da sentenza é que o alto tribunal galego concordou que Greenalia empregou o ilícito da fragmentación artificial dun macroproxecto en tres máis pequenos para que as súas tramitacións ambientais fosen máis sinxelas de superar, máis o TSXG constata que isto impediu a correcta avaliación ambiental dos efectos conxuntos dos tres parques eólicos, que comparten infraestruturas como estacións de servizo ou estradas e fican extremadamente preto uns dos outros. Ademais, o TSXG admitiu os argumentos dos ecoloxistas relativos á vulneración dos dereitos de participación da cidadanía no procedemento de avaliación ambiental, tanto pola redución do prazo de información pública a 15 días, como pola non posta a dispor da cidadanía dos informes sectoriais no contexto do trámite. Ámbalas dúas situacións vulneran a directiva da Unión Europea ao respecto.

Como en tódalas sentenzas que golpearon nunha medida ou noutra ao sector eólico, a gran prexudicada sempre acaba por ser a cidadanía e o erario público. Cando se anula unha licenza, estea no estado que estea a obra, a promotora que solicitou esa autorización está no dereito de pedirlle a responsabilidade patrimonial á administración que lla concedeu. É dicir, as empresas poden reclamarlle á Xunta unha indemnización por todos os gastos nos que incorreu. Aínda que non se movera unha soa pedra, os gastos previos de investigación máis o custe do lucro cesante de cada empresa será sufragado en calidade de indemnización pola Administración. “Unha conclusión clara é que estamos en mans de inconscientes políticos”, remata o profesor de Dereito da USC e vogal de Adega.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Medio rural
Enerxías renovables A empresa eólica que explota o monte Acibal segue traballando malia a paralización decretada polo TSXG
A plataforma Amil sen Eólicos e a organización ecoloxista Adega demandan ao Tribunal Superior que dispoña forzas de seguridade pública na zona para verificar que tipo de tarefas están a realizarse e se cumpren co auto de paralización.
Energías renovables
Renovables La empresa eólica que explota el monte Acibal sigue trabajando pese a la paralización decretada por el TSXG
La plataforma Amil sen Eólicos y la organización ecologista Adega demandan al Tribunal Superior que disponga fuerzas de seguridad pública en la zona para verificar qué tipo de tareas se están realizando y si cumplen con el auto de paralización.
Especulación inmobiliaria
Especulación inmobiliaria El PSOE retira la Ley del Suelo ante la oposición de sus socios y del PP
La falta de acuerdo con el PP y el voto contrario de Sumar, Podemos, Junts y ERC lleva al gobierno a retirar una reforma que facilita los pelotazos urbanísticos, según las críticas de sus aliados parlamentarios.
Catalunya
Catalunya PSC, Junts, PP y Vox tumban la regulación de los alquileres de temporada en el Parlament catalán
El decreto que regulaba los precios de alquiler de temporada y habitaciones ha estado en vigor menos de un mes. Ha sido la primera votación tras las elecciones del 12 de mayo en Catalunya.
Derecho a la vivienda
Derecho a la vivienda Instituciones, fondos buitre e inmobiliarias se dan cita en Madrid en plena crisis de vivienda
Decenas de organizaciones sociales suman sus fuerzas contra la feria inmobiliaria SIMA, un evento que reúne desde el martes a fondos de inversión e instituciones públicas para promocionar el uso de la vivienda como activo financiero.
Contigo empezó todo
El Salto libros El Salto lanza su propia línea editorial con un libro sobre la otra historia de España
El Salto Libros se estrena con el volumen ‘Contigo empezó todo’, del periodista Eduardo Pérez, otra visión de la historia de España a través de 30 episodios olvidados. Suscríbete y te lo enviamos gratis.
Recortes
Educación Huelga educativa contra los recortes, el distrito único y el retroceso del valenciano
La Plataforma en defensa de la enseñanza pública, que agrupa a los principales sindicatos de docentes y tejido educativo, desarrolla hoy la primera huelga de la era PP-Vox.

Últimas

Análisis
Análisis AI Act: un reglamento nuevo para afianzar el orden racial y colonial de siempre
La nueva normativa de Inteligencia Artificial establece una “regulación paralela” en función de quienes son las personas afectadas, algo observable en los usos que se prevén en contextos fronterizos y policiales.
Salud
PRECARIEDAD ALIMENTARIA El Gobierno Vasco adjudica medio millón a una empresa sancionada por servir alimentos en mal estado
La empresa sevillana Plataforma Fermar acumula cinco multas por ofrecer comida en mal estado en residencias para mayores y en centros para menores de edad en Madrid, ha recibido tres millones del Gobierno Vasco para las cárceles.
Cine
Obituario Roger Corman, rey de la serie B, administrador de la cultura ‘freak’ (y sus sesgos)
El autor de ‘El péndulo de la muerte’ dirigió un buen número de películas reivindicables y produjo algunas joyas peculiares dentro de sus pequeños imperios del cine ‘low cost’.
Más noticias
Análisis
Análisis Ventajas e inconvenientes de coger la motosierra
Hagamos un ejercicio de imaginación y cojamos esa motosierra y veamos lo que pasa con la economía.
Derecho a la vivienda
Derecho a la vivienda Una demanda colectiva contra CaixaBank intenta anular 16 cláusulas abusivas en contratos de alquiler
El Sindicat de Llogaters lleva a la justicia a esta entidad financiera, a la que acusa de abusos sistemáticos en pisos de protección oficial levantados con subvenciones públicas por la Obra Social de la Caixa.
Palestina
El 28 de mayo España, Irlanda y Noruega anuncian el reconocimiento oficial de Palestina como Estado
El 28 de mayo, Palestina será oficialmente un Estado para España, Noruega e Irlanda. Los tres países han anunciado esa fecha como la del reconocimiento oficial de Palestina como Estado.
Fake news
Investigación Así se financia la desinformación en Murcia: ‘OkDiario’ y ‘EsDiario’, los favoritos de López Miras
El Gobierno murciano ha repartido más de 240.000 euros a medios de desinformación en los dos últimos años. De ellos, Eduardo Inda se ha embolsado casi la mitad y EsDiario 54.355 euros.

Recomendadas

Cine
Cine y vivienda ¿Dónde están los desahucios en las películas españolas?
Con excepciones señaladas como ‘En los márgenes’ o ‘Antidisturbios’, el conflicto de la vivienda sigue ausente de las ficciones que aspiran a retratar nuestro presente.
Genocidio
Genocidio Karim Khan: el tipo duro que ha puesto contra las cuerdas a Netanyahu y de los nervios a Biden
La decisión de la Fiscalía del Tribunal Penal Internacional de solicitar órdenes de detención contra los jerarcas israelíes responsables de la masacre de Gaza genera división entre los países europeos e indigna al gobierno de Estados Unidos.
Alemania
Extrema derecha “Es imposible confiar en el Estado alemán y su policía en la lucha contra los neonazis”
En Alemania, el movimiento antifascista se enfrenta a una oleada de represión, mientras que las elecciones de septiembre auguran la victoria del partido de extremaderecha Alternativa para Alemania en diferentes estados.