We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Análisis
O BNG e a importancia da organización
Simpatizantes, detractores e militantes, moitos están de acordo en que o BNG de Ana Pontón protagonizou a mellor campaña. O BNG liderou ao bloque progresista e foi a forza do empurre moral, protagonizando o intento de asalto da atalaia autonómica do PPdeG. Durante unhas semanas, Ana Pontón transmitiu a ilusión de que o cambio era posible, disolvendo a crenza en que o PPdeG volvería gañar. Os resultados finais son os mellores da historia da organización: 31,6% de voto e 467.074 sufraxios. En que medida contribuíu a organización a este éxito?
Pódese gañar sen base social? Historia dun desencontro
Unha das ideas máis sonadas do primeiro Podemos foi a de que non era necesario ter unha ampla base social para acadar o goberno do estado. Había que constituír unha máquina de guerra electoral para transformar o país. Era posible, mediante un discurso nacional-popular e un liderado carismático, catalizar as demandas de millóns de desafectos coa política e acadar posicións de goberno para implantar políticas progresistas.
Aquela idea chocaba coas distintas culturas militantes das esquerdas. A idea podemita era considerada unha provocación adanista por todos aqueles que puxeran o seu empeño na construción dunha organización e un sinónimo de desprezo para aqueles que traballaron como formigas nos seus barrios e empresas. Xavier Vence, portavoz nacional do BNG alá polo 2015, chegaba a acusar á formación liderada por Pablo Iglesias de “colonizar“ o seu espazo político. Pero aquela discusión non comezara con Podemos.
A historia do desencontro remontábase a 2012. Naquel ano, a organización nacionalista pasou unha das súas maiores crises internas, reflectida nos debates da Asemblea de Amio. Tras aquela asemblea, o BNG sufriu as escisións do Encontro Irmandiño liderado por Xosé Manuel Beiras, posteriormente agrupado en torno a Anova Irmandade Nacionalista, e dos quintanistas (Máis Galiza) agrupados posteriormente en torno a Compromiso por Galicia.
Os principais críticos, Xosé Manuel Beiras e Carlos Aymerich, interpretaban que no clima de contestación social que se estaba a vivir era necesario que o BNG se abrise a novas fórmulas organizativas. Había que apostar por un novo proxecto común. Tratábase de ofrecer novos repertorios para unha ofensiva contra un réxime decadente, incapaz de producir consensos. Para aquel propósito era necesario repensar a política de alianzas coas esquerdas de ámbito estatal e aproximarse ao movementos dos indignados.
Boa parte do nacionalismo optaba por defender a súa posición simbólica no taboleiro político. Os críticos de Amio atopáronse coa resposta da “Alternativa pola Unidade” liderada pola UPG, que defendía un repregamento en base a apelacións á unidade e a reivindicación da identidade e os principios da organización.
A UPG, previo apoio da corrente Movemento Galego ao Socialismo, saía como opción gañadora da Asemblea de Amio. Impúñase un discurso autorreferencial no que o eixo central sería o dereito á autodeterminación e segundo o cal era imposible calquera acercamento ás forzas políticas que non fosen exclusivamente galegas. Ao finalizar a Asemblea, saían reforzados os principios da autodeterminación e autoorganización nacional: a liberación da nación galega pasaba por organizar as forzas que lle son propias e por negar as alianzas coas esquerdas sucursalistas de ámbito estatal.
Unha posición ríxida en momentos de cambio. Explícao Roi Pérez: “Como consecuencia das dificultades para metabolizar a potencialidade transformadora das multitudes que ocuparon as prazas, tornáronse nun partido identitario, namorado dos seus símbolos, preocupado por atopar traidores dentro e fóra, e, como non podía ser doutra forma, impotente politicamente”.
Uns meses despois, Beiras, nunha alianza con Yolanda Díaz (Esquerda Unida), conseguía máis votos que o BNG. Sen estrutura organizativa comparable nin arraigo territorial, Alternativa Galega de Esquerdas acumulaba máis apoios (200.828) no Parlamento galego que a candidatura nacionalista encabezada por Francisco Jorquera (146.027).
Aqueles resultados producíanse nun momento político excepcional. Baixo as mensaxes de “No somos antisistema, el sistema es anti-nosotros”, “Error 404: Democracia not found” ou “Mis sueños no caben en tus urnas”, os indignados dirixíanse a impugnar un réxime en crise. Pero o seu era un discurso contraditorio, multiforme e episódico, afastado dos idearios tradicionais dos partidos. O descontento popular evidenciaba unha crise de representación política.
O “non nos representan” manifestábase como unha crise de identificación coas posicións políticas preestablecidas, repartidas ao longo do sintagma dereita-esquerda. Nas pancartas dos indignados aparecían mensaxes esclarecedoras sobre este punto: “¿Dónde está la izquierda? al fondo, de la derecha”, “Esto no es una cuestión de izquierda contra derechas, es de los de abajo contra los de arriba”, “Ni cara A, ni cara B, queremos cambiar de disco”.
O sintagma esquerda-dereita correspondíanse na Galiza coas “tres grandes correntes de fondo”, en termos de Pérez Touriño: o conservadorismo, o nacionalismo e a socialdemocracia. O nacionalismo, en tanto gramática política existente, rexeitaba automaticamente a idea que non era necesaria unha extensa base social para gañar. O repregamento identitario era a posición lóxica daqueles que sentían ameazado o seu capital político.
Un exemplo axudará a ilustrar a posición reactiva do BNG co 15M. Pouco despois dos malos resultados de 2012 aparecía unha iniciativa militante (#PropónConnosco) que tiña como finalidade revitalizar o discurso nacionalista. Aquela iniciativa partía dun texto que declaraba: “Quizais nos falta flexibilidade e destreza para integrar as propostas doutros colectivos e persoas que traballan connosco (...) ou tardamos demais en admitir a súa presenza e virtualidade (p.e., caso do 15-M)”. Había unha percepción xeneralizada dentro do BNG de que aquilo era un movemento alleo a súa tradición militante, algo que se cristalizou no anecdotario do que fora o seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez que, achegado á asemblea da Acampada Obradoiro, marchou tras ser criticado por varios dos presentes por tratar de sacar rédito político. O BNG percibía á irrupción popular como unha ameaza ao seu traballo organizativo, e boa parte dos que irrompían nas prazas percibían no BNG un interese partidista máis.
Catro anos despois, na XV Asemblea Nacional o BNG volvía a insistir na mesma folla de ruta pero cun relevo: Ana Pontón pasaba a ser a nova candidata e Portavoz Nacional. Cadraba no tempo coas autonómicas de 2016, onde o BNG estivo a piques de ser unha forza extraparlamentaria (6 deputados e 8,33% dos votos) e En Marea (unha “trapallada”, segundo Francisco Rodríguez, dirixente histórico da UPG) quedaba como a segunda forza máis votada. Naquela Asemblea, o BNG decidía abrir o Proceso Adiante, unha refundación do proxecto destinada a producir unha tensión virtuosa entre a tradición e a modernización. No 2016 comezaba un proceso polo cal as posicións defensivas e repregadas da organización complementábanse cunha renovación da súa imaxe, discursos e estilos.
Había que producir verdades non só no interior da organización, senón cara fóra: “Debemos desenvolver unha estratexia de positivación do nacionalismo sobre a base de desmontar tópicos e prexuízos existentes, xerar empatía e fuxir de formas de comunicación que puideren ser percibidas como dogmáticas. Debemos contribuír a configuración dun novo espazo simbólico e político para o nacionalismo con acción claras e contundentes nas formas e no fondo”.
Ese proceso condensouse baixo a figura de Ana Pontón. Era a mellor figura para facelo: unha traxectoria impecable no seo das ramificacións da organización (Galiza Nova, UPG), un liderado orgánico (partícipe nos medios de difusión do pensamento A Nosa Terra, Terra e Tempo, Sermos Galiza ou Nós Diario) e un gran traballo parlamentario desde o 2004. Pero tamén unha figura de renovación afastada dos liderados masculinos, cun estilo de intervención distinto e habilidades comunicativas para encarnar unha idea de Galiza modernizante. Pontón salva os mobles no 2016, convértese na alternativa ao PPdeG no 2020 e consolídase como a mellor líder histórica do BNG en 2024.
A importancia da organización
O mesmo que condenou ao BNG a uns malos resultados en 2012 e 2016, serviu para que este se reordenase como unha forza de vocación hexemónica na Galiza en 2020 e 2024. Falamos da organización, unha das claves explicativas do éxito do BNG nestas eleccións.
A organización é clave na consecución dos éxitos electorais, non tanto porque os posibilite (pódese acadar bos resultados cunha organización feble) senón porque permite que as forzas políticas se recompoñan e tomen as decisións estratéxicas pertinentes. O reordenamento do BNG como forza hexemónica na Galiza parte do seu chan organizativo, decisivo en canto menos tres sentidos.
En primeiro lugar, a súa fórmula organizativa frontista foi capaz de albergar no seu interior ás distintas sensibilidades do nacionalismo democrático. Durante esta última campaña puidemos observar a “cicatrización das feridas” con Anova, selada no acordo presentado con Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, ou a presentación da unidade do nacionalismo galego no acto final de campaña, onde Pontón, Anxo Quintana, Beiras e Camilo Nogueira aparecían xuntos.
A unidade acadada entre a diversidade de correntes permitiu producir dous grandes tipos de argumentos. Por unha banda están aqueles que se dirixen ao interior da organización (soberanía nacional, autoorganización nacional, monolingüismo social, liberación nacional) e que son tradicionais para a súa militancia. E por outra están o conxunto de discursos (defensa da lingua galega, nacionalización de sectores produtivos, tarifa eléctrica galega) que se presentan como verosímiles cara o exterior.
Con esta combinación de argumentos o BNG conseguiu ser unha forza ben cimentada ideolóxicamente no seu interior, ao tempo que verosímil para aqueles que non son nacionalistas. Nestas eleccións, a verosimilitude exterior cristalizouse no apoio de perfiles que non proceden da esquerda nacionalista, como é o caso de Carmen Santos, exdirixente de Podemos Galicia, e o seu irmán Rogelio Santos, influencer mariñeiro e partícipe do efémero proxecto de Más País na Galiza.
En segundo lugar, esta fórmula organizativa permitiu un arraigo no territorio (hai unha agrupación local do BNG en case tódolos concellos da Galiza) e nas casamatas (sindicatos, asociación veciñais, xornais, centros cívicos, movementos sociais) da sociedade civil. Pensemos na CIG, aposta sindical do BNG, a cal é un dos organizacións máis combativas do estado e lidera a porcentaxe de delegados sindicais na Galiza; ou en Nós Diario, o medio de prensa no que se involucra a meirande parte da intelectualidade nacionalista. Ambos son exemplos de soportes necesarios para construír alternativas transformadoras, e ambas involucran a tensión comentada até o momento entre un interior irrenunciable (de principios ríxidos) e un exterior móbil (co que hai que relacionarse). Non hai núcleo irradiador sen organización.
Por último, unha organización cohesionada e estable permite a construción de liderados e cadros dirixentes respaldados pola militancia. Os representantes son o produto dunha xestación máis lenta, pero permiten un vínculo máis leal e menos dependente do momento político. É o caso dos tres rostros máis importantes da vida autonómica do BNG: Ana Pontón, Olalla Rodil e Noa Presas. As tres representan traxectorias de longo recorrido nas organizacións da mocidade (Galiza Nova, Isca) e o estudantado nacionalista (hoxe Erguer, onte os Comités), asi como nas principais correntes internas do Bloque (Unión do Povo Galego, Movemento Galego ao Socialismo e Movemento Arredista). Son liderados orgánicos que non se entenden sen a lealdade ás organizacións do espazo ou a participación nos seus espazos de diálogo e difusión de ideas.
O saber acumulado no BNG
O BNG sempre remou en contra da idea de que o éxito electoral non depende da base social. Dez anos despois, gran parte dos participantes no espazo do cambio concordan en que é necesaria unha organización estable que acompañe aos distintos procesos electorais. Porque si, podes obter bos resultados, pero sen organización quedas supeditado á excepcionalidade dos momentos.
Unha organización forte permite reafirmar os principios ideolóxicos e morais en cada unha das conxunturas. Produce un convencemento que sobrevive aos éxitos e fracasos electorais. E isto tanto pode ser tanto unha vantaxe como unha condena: cando nunha organización se produce a sensación de que as ideas son verdadeiras por si mesmas é máis difícil acabar derrotados; pero a mesma sensación de sentir como propias unhas ideas pode dificultar que estas encarnen o interese xeral.
A verdade organizativa non está exenta de riscos e contradicións: a mesma organización que estivo a piques de quedar fóra do Parlamento galego é a que hoxe lidera o bloque progresista na Galiza. A mesma organización que rexeitaba alianzas políticas coa esquerda estatal ten hoxe unha líder admirada por cidadáns que non son nacionalistas. A experiencia do BNG non só amosa que os procesos políticos son sempre reversibles, senón que as propias organizacións políticas, de querer triunfar, teñen que habitar necesariamente a tensión entre pecharse sobre si mesmas e abrirse á sociedade a que queren representar.