We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Sanidad pública
Vigo sae á rúa en defensa dunha atención primaria de calidade
Perto de 37.000 persoas percorreron o xoves 27 de decembro as ruas do centro da cidade olívica. Piden máis persoal nos centros de saúde, unha sanidade pública de calidade e gratuita, así como a dimisión do actual conselleiro de sanidade da Xunta de Galiza.
Ás 20 horas do xoves 27 de decembro ao redor de 37.000 cidadáns de Vigo e arredores saíron ás rúas da cidade en defensa da sanidade pública. “Pola dignidade da atención primaria” destacaba a pancarta que encabezaba a manifestación, sostida polos xefes de servizo dos centros de saúde que dimitiron fai dúas semanas. Os manifestantes buscaban solución á falta de reposición de novos traballadores, á carencia de material novo, á sobrecarga nos traballadores e ás demoras nas consultas dos pacientes.
Sanidad pública
Peche de 24h para denunciar a situación nos PAC
O problema ven sendo coma unha bóla de neve. Os PAC son os encargados das urxencias máis leves, pero como non teñen persoal dabondo e están baixo mínimos, esas urxencias trasládanse ás hospitalarias, saturándoas. “Non podemos con todo, pedimos tempo para atender á xente como é debido” sinala Carlos Gavián, médico da PAC de Tui. Ademais, os médicos afectados aseguran que ao día tratan entre 40 e 50 pacientes, con apenas 5-10 minutos por persoa, o que dificulta moitísimo facer un tratamento eficaz. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo argumenta que non hai médicos suficientes no Estado español. Gavián explica que “isto se prevía fai dez anos. Os residentes que había acabáronse marchando fóra debido as condicións que temos aquí” e destaca que “a decadencia ven desde fai xa tempo”.
Os residentes, saen dos seus respectivos graos universitarios mentres fan a súa especialidade. “O problema é que se atopan unha chea de traballo do que apenas teñen idea cobrando o salario mínimo do residente” sinala Sara Seguín, estudante en prácticas de Medicina. Piden contratos dignos e estábeis no tempo porque, como sinala, “meteron moitísimos residentes para non facer mellores contratos”. “Persoalmente dame medo” conclúe a estudante.
O movemento xurdiu desde os profesionais, nada ten que ver cos partidos da oposición parlamentar
Na manifestación, entre luces de Nadal e panxoliñas, escoitáronse berros como “Conselleiro, dimisión” ou “Conselleiro, escoita, os PAC están en loita” en protesta polo que consideran unha “xestión nefasta da sanidade pública”. Tamén se berrou “goberne quen goberne a sanidade non se vende” e “non é política, é dignidade” en alusión ao que Feijóo dixo o mércores 26 cando afirmou que a reivindicación estaba impulsada pola oposición política e baseada en mentiras, xa que, segundo él, “a sanidade galega é referencia en España”. Este venres 28, recoñeceu que os contratos de días eran “impropios” e a Xunta os convertira en anuais. Aínda así, os organizadores e afectados aseguran que o movemento xurdiu desde os sectores profesionais a través das súas necesidades, nada ten que ver coa oposición política. En canto a grande acollida que tivo a manifestación, unha das médicas afectadas sinala que “en canto o paciente ten que esperar dez días por unha cita e unha hora de máis na consulta para ser atendido, sabe que a sanidade non funciona como debería”. Moitos valoran como “exitosa” a acollida da manifestación, mais esta médica subliña que “o éxito virá dependendo dos resultados”.