We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Represión
Teto Fialhega sae de permiso tras 12 anos preso por pertenza a unha “banda terrorista” sen estrutura coñecida
Logo de 12 anos na cadea polo que a Audiencia Nacional e máis o Tribunal Supremo decidiron chamar pertenza a unha “banda terrorista” á que xamais se lle imputaron nin mortos nin feridos nin estrutura coñecida, Roberto 'Teto' Rodrigues Fialhega convértese, este venres, no primeiro preso independentista galego en saír de permiso do cárcere de Teixeiro (A Coruña). Teto Rodrigues é o primeiro dos reclusos do Colectivo de Presas Independentistas Galegas (CPIG) que consegue acceder a beneficios penitenciarios logo de mudar a estratexia colectiva do CPIG e tras varias solicitudes denegadas. Dende hoxe, terá seis días, apenas unha semana, para poder desfrutar dalgún tempo en liberdade.
Represión
Represión Resistência Galega, un concepto
Fontes achegadas a Fialhega explican ao Salto os pormenores de como, malia o cambio de estratexia do colectivo de presas, o Ministerio de Interior, non facilitou as primeiras solicitudes de permiso. Logo dunha primeira denegación, Fialhega viuse na obriga de argumentar, nun escrito de queixa, como a suposta organización terrorista, Resistência Galega, por cuxa integración se lle condenou xa non existe desde hai anos, segundo o propio testemuño das forzas e corpos de seguridade do Estado, os sucesivos informes do Ministerio Fiscal e as propias sentenzas da Audiencia Nacional: “En Galiza non existe ningún fenómeno de violencia independentista. A última acción da resistencia galega remóntase ao ano 2014”.
De feito, foi en 2013 cando a Audiencia Nacional estableceu como probada a existencia de Resistência Galega como organización terrorista. Foi precisamente durante o xuízo ao propio Teto Rodrigues Fialhega, Maria Osório, Eduardo Vigo Domínguez e Antom Santos. Unha sentenza que volveu ratificar o Tribunal Supremo un ano despois, non sen grandes críticas dende boa parte dos movementos sociais galegos e máis os partidos políticos á esquerda do PSOE. Co paso dos anos, o fío da análise xudicial dos poucos feitos probados segue a verse coma un exercicio de elocuencia xudicial certamente dramática para as presas.
Segundo a sentenza da Audiencia Nacional, o grupo terrorista tería xurdido en xullo de 2005 coa publicación anónima do Manifesto pola Resistência Galega, no cal se avogaba polo uso da violencia contra bens materiais. Posteriormente, levaron a cabo acciones contra sucursais bancarias ou sedes de partidos políticos, segundo o testemuño dun Segundo manifesto pola Resistência Galega publicado en 2011. En ningún dos manifestos se reivindicou a existencia dun grupo armado con ese nome. Como demostrou na súa tese de doutoramento, A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa, a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Helena Domínguez, a atribución deste nome a unha presunta estrutura terrorista considérase unha construción mediática e, dende logo, xudicial.
Teto Fialhega e máis Eduardo Vigo cumplen unha condena de trece anos e nove meses de cadea desde decembro de 2011, cando foron detidos nun control nunha estrada de Vigo (Pontevedra). A ningún dos dous se lles probou a comisión de ningún atentado nin ningún dano nin material nin persoal e, porén, como lembraba o xornal Galiza Livre estes días, “son os presos que mais estancia ininterrumpida teñen vivido en toda a historia do nacionalismo galego”.
En ámbalas dúas sentenzas, acredítase a tenenza dalgún explosivo de fabricación caseira, mais sobre todo documentación de índole política e manuais de resistencia civil que lle serviron á xudicatura para fiar a construción conceptual dunha suposta organización terrorista, a única ademais de ETA, recoñecida como tal naquela altura polo Estado español. Pero en ningunha das dúas sentenzas se acreditou estrutura organizativa nin humana algunha, algo que tanto os colectivos de presas como os movementos antirrepresivos galegos e as propias condenadas, ata hoxe, sempre defenderon.
Como se explicaba na escasa prensa prensa crítica da época, o xuízo contra estes catro independentistas marcou un antes e un despois en Galiza, xa que, por primeira vez, considerouse probada a existencia dunha banda armada terrorista. Xunto a ese consenso, o segundo vector do discurso do Estado foi o da criminalización das prácticas cotiás. Os comportamentos que se consideraban anómalos ou socialmente atípicos convertéronse en probas do delito. A estratexia da fiscalía foi aplicar o que se chama “dereito penal do inimigo”, é dicir, castígase non polas accións cometidas, senón polas que se poden chegar a cometer.