We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Partido Popular
Unha empresa dispara a súa facturación coa Xunta tras fichar ao marido da secretaria xeral do PP galego
O día 13 de marzo de 2020, unhas poucas horas antes de que o Goberno español decretase o estado de alarma e comezase oficialmente o primeiro confinamento da pandemia de coronavirus, nunha pequena empresa galega houbo un movemento estratéxico: o marido de Paula Prado, a actual secretaria xeral do Partido Popular de Galiza, pasaba a ser socio ao 50% de Allwork Vestuario Laboral afincada en Santiago de Compostela.
Até ese momento, esta sociedade apenas accedera a licitacións públicas con ningunha administración dependente da Xunta. Soamente unha vez en 2019, co ente público Augas de Galicia e cun contrato de apenas 182 euros, pero esa tendencia cambiou radicalmente ao entrar o marido de Prado como socio: nos tres anos que durou a pandemia, a empresa fíxose con 38 contratos menores, é dicir, realizados a dedo, por un valor total de 145.975,72 euros e dedicados, principalmente, á compra de equipos de protección individual (EPI).
Desastres ambientales
Desastre na costa A Xunta encarga a unha empresa de márketing vinculada ao PP parte da limpeza dos pellets
A información desvélaa en exclusiva O Salto grazas á análise exhaustiva de centos de miles de contratos das decenas de organismos públicos dependentes da Xunta de Galiza, malia a escasa accesibilidade que ofrece o Portal de Transparencia do Goberno galego. Neses datos, a empresa Allwork Vestuario Laboral aparece como adxudicataria de varias decenas de licitacións de até nove organismos públicos diferentes, todos eles xestionados polo Partido Popular: a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia Turismo de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería do Medio Rural, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA), o Ente Público Empresarial Augas de Galicia, a Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os obxectos dos contratos apenas varían e todos eles viran arredor da venda de equipos de protección individual e outro tipo de vestiario, incluído material de tipo médico sen especificar. Ademais hai 11 contratos por valor total de 23.480,98 euros con conceptos sen detallar e que se limitan a nomear como “outras prestacións por factura”. Unha opacidade que se repite en miles doutros contratos a dedo do Goberno galego que complexizan e case imposibilitan a súa fiscalización.
A empresa do marido de Paula Prado pasou de obter 66.277,30 euros en beneficios en 2019 a 229.227,18 euros en 2020 e dun a 38 contratos a dedo coa Xunta
En cambio, o Rexistro Mercantil é transparente: a empresa en cuestión pasou de obter 66.277,30 euros en beneficios en 2019 a 229.227,18 euros en 2020. É dicir, case os triplicou. De feito, o 2020, o primeiro ano de pandemia, foi un ano de bonanza para Allwork: aumentou case 170.000 euros o seu gasto en soldos, dietas e outras remuneracións malia ter só un traballador máis, presumiblemente, o marido de Prado e outra persoa a xornada parcial.
Os propietarios que están tras Allwork son, ao mesmo nivel de participación, José María Regueiro Frey e Francisco Antonio Otero Illodo, marido da actual secretaria xeral do Partido Popular. Padro ocupa ese cargo desde que Alberto Núñez Feijóo designouna para substituír ao actual portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado.
Esta redacción púxose en contacto coa secretaria xeral do Partido Popular de Galiza para tratar de esclarecer a súa visión sobre estes feitos e Paula Prado explicou que “en ningún caso” a súa posición “favoreceu estas contratacións” e engade: “Quero lamentar que se poña en dúbida a miña honestidade e a da miña familia co único obxectivo de facer dano (...) A empresa que menciona é provedora desde a súa creación de todo tipo de clientes: fundamentalmente de firmas privadas e, en menor medida, de administracións públicas de moi distinto signo político”. Ademais, Prado sostén que desde a entrada do seu marido en Allwork as licitacións públicas tamén creceron con gobernos locais doutros partidos con cifras similares.
En 2014, Paula Prado xa foi imputada pola xustiza por presuntos delitos de tráfico de influencias, suborno ou falsidade documental para beneficiar ao seu marido, pero foi absolta polo TSXG
Reminiscencias á operación Pokémon
Tanto o nome de Paula Prado como o do seu marido xa estiveron baixo o foco mediático e xudicial durante as primeiras fases de instrución da macrocausa denominada Pokémon. En 2014, Prado foi imputada pola xustiza por presuntos delito de tráfico de influencias, suborno ou falsidade documental para beneficiar ao seu marido. Finalmente, Prado sobreviviu a aquilo despois de que o xuíz e o fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non achasen indicios de ningún delito, a diferenza da opinión dos axentes de Aduanas que iniciaron aquela investigación.
A Operación Pokémon é unha investigación xudicial levada a cabo en Galicia -que arrincou en 2012 e que aínda hoxe segue en pé-, que se centra en presuntos casos de corrupción política, especialmente relacionados coa contratación pública e o urbanismo en varios municipios galegos e que afecta fundamentalmente ao Partido Socialista e ao Partido Popular.
Trata
Trata e impunidade policial no caso Carioca
A operación está a desenvolverse en tres fases, involucrando a numerosos políticos, empresarios e funcionarios públicos e investíganse presuntos delitos de suborno, tráfico de influencias, malversación de fondos públicos e branqueo de capitais. Entre os principais implicados atópanse algúns alcaldes, concelleiros, e empresarios vinculados á contratación pública e a concesión de licenzas urbanísticas. Xunto á Carioca, centrada nunha rede de prostitución, Pokémon foi un dos casos de corrupción que máis impacto tiveron na política galega.