We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Laboral
Un xulgado condena en Vigo ao traballador dunha libraría por reclamar o que lle deben
A sentenza actual obrígao a indemnizar con 760 euros a Librouro e 400 en concepto de multa. Acúsano de supostos delitos leves de coaccións e de orixinar perdas económicas por manifestarse diante da porta da empresa mentres esixía os cartos que non lle pagaron.
Uns 1.800 euros acumulados en tres pagas extras entre o 2016 e 2017. Iso é o que lle debe a libraría Librouro a José Iglesias, “sen ningún tipo de explicación previa”. Desde o mes de abril de 2019, o traballador manifestouse fronte a empresa cun cartel onde a acusaba de non pagar aos traballadores. En maio dese mesmo ano, a Confederación General del Trabajo (CGT), apoiou as súas mobilizacións.
Tras isto, Xurxo Patiño, o xerente de Librouro, localizada no centro de Vigo, denunciou a Iglesias por coaccións e esixiu unha indemnización de 12.000 euros en concepto de supostas perdas en ventas orixinadas polas súas mobilizacións. O Xulgado de Instrucción nº2 de Vigo condenou a José Iglesias por delitos leves de coaccións e co pago de 760 euros a Librouro por indemnizacións e 400 en concepto de multa.
En caso de non aboar as cantidades impostas pola multa, “quedará suxeito a un réxime subsidiario dun día de privación de liberdade por cada dúas cuotas de multa non pagadas”, indica o documento ao que tivo acceso O Salto. É dicir, de non pagala, entraría á cadea ou en arresto domiciliario.
Segundo José Iglesias, estas protestas sempre foron pacíficas. “Alegan que non deixábamos entrar á xente á libraría cando é mentira. Situábamonos entre 5 e 10 metros do local”, e engade que “eles chamaban á policía, estes viñan, identificábannos e nós sempre fixemos caso ás súas recomendacións”. De feito, o traballador censura que “foron os de Librouro quen nos insultaron, tanto na rúa coma por redes sociais”.
As mobilizacións foron motivadas tras “presións laborais e humillacións a unha empregada”, segundo José Iglesias
De todos modos, estas mobilizacións foron motivadas tamén por motivos de solidariedade laboral. “Trátase dunha empresa familiar, había outra empregada á que machacaron laboralmente; presionándoa e humillándoa mentres traballaba para contratar á filla da xerente no seu posto”, explica Iglesias. Tras isto, “conseguiron que a antiga traballadora marchase cunha baixa voluntaria ao borde dunha depresión, sen paro nin indemnizacións”. “A partires do acontecido, eu seguía esperando polos cartos que se me prometeran e non se me pagaran, decidín comezar a loitar polo meu”, afirma.
Pola súa banda, a ex—traballadora de Librouro (quen prefire manter o seu anonimato), relata que “levaba 20 anos traballando la libraría, querían que me fose, pero voluntariamente”. “Fixérono con presións, coma cuestionar o meu traballo todo o tempo ou mostrar desconfianza conmigo, sempre cunhas formas que non eran as correctas” e puntúa que “estaba nun momento malo da miña vida e preferín pasar do tema”.
Respecto ás protestas na rúa levadas por José Iglesias, a antiga empregada da libraría defende que “as apoio, el está no seu libre dereito de manifestarse”, e confesa que “botando a vista atrás eu tamén podería ter loitado polos meus dereitos, pero animicamente non tiña forzas, agora xa pasei páxina e teño outro traballo”.
Este caso trátase dunha empresa familiar, polo que José clarifica que “levo case 30 anos traballando alí, podía chegar a entender certos retrasos nos pagos se as cousas non ían ben economicamente”. Segundo indican José Iglesias e a propia CGT o propio xerente de Librouro acabou recoñecendo no xuízo que non lle pagara ditas pagas extras, pero estas prescriben ao ano. Mais, “grazas ás mobilizacións, si que me pagou as correspondentes de 2018 e 2019, pero non as de 2016 e 2017”, asegura Iglesias.
Antes de facer a mobilizacións, “aviseinos e pedinlles os cartos, que rexeitaron pagar”. Tras as mesmas, Iglesias asegura que un asociado da empresa chegou a ofrecerlle 15.000 euros por deixar o traballo e as protestas, pero “nese caso, polos case 30 anos traballados corresponderíanme case 50.000 euros en indemnización”.
En canto a presións ou discriminacións por parte da empresa, José Iglesias é o único traballador dun plantel de 8 persoas que continúa en proceso de ERTE, “nun momento do ano onde comeza a aumentar moitísimo a carga de traballo”, defende. Ademais, critica que durante o tempo das mobilizacións retiráronlle do seu posto “pertenzas persoais coma fotos coa miña filla ou regalos seus”.
Pola parte de Librouro, O Salto achegouse á libraría a preguntar polo caso. O seu xerente, Xurxo Patiño, limitouse a entregarnos unha copia da sentenza —por recomendacións da súa avogada— e non dar máis declaracións que a cualificación da situación coma un “cruce de cables dun traballador que nunca dera problemas”. Patiño tamén asegura que pola súa parte non vai a recorrer a sentenza.
UN “ATENTADO XUDICIAL” AOS DEREITOS DOS TRABALLADORES
Desde a CGT, cualifican a sentenza xudicial coma “única e moi estrana”, xa que “polas medidas tomadas por mor da COVID—19 os testigos non declararon e debe haber unha aclaración da mesma”, indica Daniel Reina, o secretario de Comunicación da CGT en Vigo e engade que “vendo a sentenza parece que o traballador usa á CGT contra a libraría dun xeito que cualifican coma “conscente e deliberado”, cando fumos nós quen o asesoramos a el”.
“Non é tanto polos cartos, se eu non loito e demostro esta inxustiza, moitos outros traballadores poden verse tamén afectados”, argumenta Iglesias
De cumprirse unha sentenza deste tipo, “outras moitas empresas poderían aproveitarse aproveitarse e violar dereitos fundamentais para os traballadores, coma a liberdade sindical ou a liberdade de expresión e de libre organización”, indica o mesmo sindicalista. Ademais, “estamos pasando de que a empresa lle deba cartos a que el llos deba a ela por exercer o seu dereito á manifestación”, censura.
Desde a CGT e o propio José Iglesias aseguran que recorrerán a sentenza á Audiencia Provincial de Pontevedra e que loitarán ata o final. “Non é tanto polos cartos, se eu non loito e demostro esta inxustiza, moitos outros traballadores poden verse tamén afectados”, argumenta Iglesias. O sindicalista da CGT demanda que “a sentenza debe abolirse totalmente”.