We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Especulación urbanística
Un novo polígono industrial expulsará das súas casas a case un centenar de familias en Valadares
A construción financiada pola Zona Franca afecta a un millón de metros cadrados entre Vigo e Gondomar e a 160 familias. De forma indirecta, atinxe 1.500 persoas. O parque empresarial destrúe patrimonio histórico e cultural. A veciñanza sospeita dunha posíbel especulación co solo.
O poder empresarial volve ameazar a vivenda dos vigueses. No borrador do novo PXOM aparecen 250.000 m2 correspondentes a Garrida, na parroquia de Valadares en Vigo, que se verán afectados pola construcción dun novo parque industrial financiado pola Zona Franca. Ao construírse, case un centenar de familias serán expropiadas e botadas das súas casas.
Especulación urbanística
Un fondo voitre aniña no centro de Vigo respaldado polo Concello
O fondo norteamericano Autonomy Capital, do que é fundador o ex directivo de Lehman Brothers, Robert Gibbins, comprou a débeda do proxecto do Barrio do Cura en 2018. Agora, a veciñanza pide non ser abandoada ante a especulación urbanística e quere garantir o seu dereito á vivenda fronte unha posible expropiación do goberno local.
A maiores dos propietarios das vivendas, hai unhas 100 persoas afectadas por posuiren terreos. Tendo en conta os impactos medioambientais da construcción, esta afectará a 1.500 familias dunha forma indirecta. Na zona existen petroglifos e mámoas históricas, unha parte do camiño de Santiago, un túnel con augas comunais, un colexio e un campo de fútbol.
A reforma da Pasaxe —zona afectada— ía realizarse só na parte pertencente ao Concello de Gondomar, afectando a 750.000m2 entre este territorio e o do piñeiral. Porén, a veciñanza de Valadares —a parroquia fronteiriza, pertencente ao concello de Vigo— decatouse que no DOG o borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ía afectar tamén a 250.000 m2 do seu territorio. Deste modo, este novo Plan mudaría o de 2008, xa que na zona da Garrida seguían vixentes as aplicacións do de 1993.
“O ordeamento da Pasaxe parécenos ben, porque está desorganizada, desestructurada e hai empresas que non funcionan. O problema é que queren ampliar o polígono empresarial cara a Valadares e iso toca moitas vivendas”, explica Ana María Pérez, presidenta do Centro Cultural e Veciñal de Valadares, quen tamén foi das primeiras en se decatar deste mudamento do PXOM.
As empresas do parque industrial gozarían de vantaxes orzamentarias ao ser pagado pola Zona Franca
O Concello de Vigo, respalda esta obra co argumento de que ayudaría á creación de emprego na Galiza. Mais, “xa hai moitos parques empresariais da zona, algúns con naves industriais baleiras”, cuestiona Ana Pérez. A veciñanza aínda non ten información sobre o prezo das expropiacións, que serán pagadas pola Zona Franca. Ademais, as empresas dentro do terreo comprado gozarían de vantaxes orzamentarias. “Cremos que moitas das empresas xa instaladas, como as do parque empresarial da Costa, serían beneficiarias deste proxecto”, sinala a presidenta.
As familias afectadas crearon AGAPA, unha plataforma veciñal independente da Garrida contra o polígono industrial e contan xa con 200 adscritos. “O Concello non nos avisou, enterámonos dun día para outro”, lamenta Antonio Iglesias, presidente desta asociación quen engade que “somos moitos afectados e recollimos máis de 1000 firmas, imos loitar polo noso”.
En canto ao prezo da obra, o plan da Pasaxe estipúlao en 21 millóns de euros, mais o vicepresidente de AGAPA, Eduardo Díaz, sinala que “tendo en conta o prezo do solo, vai ser carísimo, estimámolo en 30 millóns de euros”. “Entendemos que Valadares é interesante para os empresarios, pero tememos a especulación no solo”, relata unha persoa que ve afectada a súa vivenda por esta obra.
O pasado Xoves 17, AGAPA e o Centro Cultural reuníronse coa concelleira de urbanismo, María José Caride. Segundo as mesmas fontes, aseguran que a concelleira explicou que a cidade de Vigo ten que medrar cara ao monte e que Valadares vai ter que ceder os terreos ás empresas. Non houbo contestación a por que non se usan as naves baleiras ou o que lle van pagar aos veciños, mais si que afirmou que o publicado “é só un borrador”, comenta Ana Pérez.
DESTRUCCIÓN DO PATRIMONIO HISTÓRICO E MEDIOAMBiental
A obra, destrúe 2 petroglifos catalogados pola Xunta e unha das tres mámoas de Valadares. O que permite que constrúan enriba destes xacementos de máis de 5.000 anos é que estean rexistrados, mais non protexidos. “Se fixesen unha cata arqueolóxica aquí, seguro que aparecían moitos máis, pero non lles interesa defender o noso patrimonio”, critica Eduardo Díaz.
Estes debuxos, propios da cultura castrexa, só teñen un equivalente nas representacións de Santa Tegra en toda Galiza. “Vivo a 100 metros destes restos históricos e, cando quixen facer a miña casa, tiven que firmar moitísimos papeis asegurando que non ía facer estruturas que perxudicasen os petroglifos. Non ten sentido que veña un conxunto de empresas e destrocen o noso patrimonio histórico”, relata Eduardo.
“Non imos consentir que nos quiten calidade de vida para lucrar o peto dos ricos”, censura Ana Pérez, presidenta do Centro Cultural e Veciñal de Valadares
O parque empresarial constrúese tamén sobre un túnel de augas comunais do río Zamáns. “Leva auga ao Casco Vello e ao Monte do Castro de Vigo” asegura Eduardo Díaz. Ademais, serve como unha reserva de auga para a cidade. A isto engádeselle o feito de ter unha fábrica pegada á casa, “o proxecto ten un claro impacto medioambental negativo”, asegura Ana Pérez. “Na zona xa hai empresas contaminantes, como unha de uralita desde hai 6 meses, non queremos máis”, denuncia o vicepresidente.
“Non é unha obra racional, e xa non só porque nos boten das nosas casas, estanse cargando a zona rural da cidade de Vigo”, afirma Eduardo Díaz. “É un horror que paixasística, cultural, social e humanamente fagan isto”, califica Díaz.
“Se fose algo ecoloxicamente sostíbel tería máis sentido facelo, hai que cuestionarse a quen beneficia realmente todo isto”, defende Ana Pérez. “Estamos nunha zona rural onde xa fixeron o hospital Álvaro Cunqueiro, temos un pésimo transporte e xa hai empresas baleiras, non imos consentir que nos quiten calidade de vida para lucrar o peto dos ricos”, censura a presidenta.