We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Elecciones
Ana Pontón: “Déixannos unha Galiza envelenada. Acabaremos co clientelismo e salvaremos os servizos públicos”
Nunca antes na historia, o soberanismo galego tivera unha base social tan ampla. Unha das maiores responsables é Ana Pontón (Sarria, Lugo, 1977), que non só salvou ao partido do que é voceira nacional de ser devorado polo auxe das mareas en 2016 obtendo apenas seis deputados, senón que foi quen de colocar ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) liderando a oposición e coas expectativas máis altas que xamais imaxinaran: o CIS prognostica que poderían optar ata 31 escanos no Parlamento de Galiza.
Aínda que Pontón explica que “non é momento” de falar de estruturas dun potencial Goberno que, se as cousas non mudan, sería polo menos en coalición co PSdeG, si que debulla a súa folla de ruta se chega a San Caetano: un plan de rescate para a Atención Primaria, ampliación de recursos para o ensino público, lexislar en materia de vivenda, modernizar o tecido produtivo e “devolverlle a Televisión de Galiza” a galegos e galegas.
O CIS vén de colocala como potencial presidenta. Cos poucos días que restan de campaña, hai posibilidades reais de que o BNG gañe as eleccións?
Creo que estamos nunhas eleccións nas que o resultado vai depender dunha presa de votos. Unha presa de votos poden facer que o Goberno da Xunta sexa dun presidente que se apelide Rueda ou dunha presidenta que se apelide Pontón. Polo tanto, a clave deste 18 de febreiro é que se mobilice o voto do cambio, que non se perda ningún voto e que se concentre na papeleta do BNG porque se concentramos todo o voto de cambio na papeleta do BNG, imos ser imparables e si, haberá unha presidenta.
Que diferenza a este BNG presidenciable de tódolos anteriores?
Eu nunca vexo en que nos diferenciamos. Sinxelamente, aprendimos. Chegamos ata aquí grazas ao traballo que se fixo antes, que foi unha aprendizaxe continua. Tamén é evidente que estamos nun momento moi diferente a tódolos anteriores. Por primeira vez, o BNG ten a posibilidade real de dirixir este país. Creo que isto é o resultado de que a sociedade galega é consciente de que se queremos ter resultados diferentes, precisamos facer algo distinto e que hai máis novidoso que unha muller e do BNG na presidencia. Nestes 43 anos tivemos seis presidentes e foron todos homes e todos de forzas estatais. É certo que maioritariamente con gobernos do Partido Popular, pero todos xa nos demostraron que non son quen de construír unha Galiza que aproveite todo o seu potencial. Hai esperanza depositada no BNG. Eu asegúroche que nunca vivira unha campaña con toda emoción que estamos sentindo. Vexo á xente con moitas ganas. Nos mítines hai tanta emoción que é desbordante, a verdade. Este é un movemento de cambio que vai ser imparable e o mellor síntoma de que é así é o nerviosismo do Partido Popular. Creo que, a estas alturas, xa só lles falta por dicir que eu, polas mañás, almorzo nenos e nenas.
Non sei se vostede tamén ten a sensación de que as expectativas de cambio de Goberno na Xunta multiplicáronse co comezo da campaña.
Malia que o PP fixo un debate a medida do seu desexo de campaña, foron pasando os días e a xente viu que non teñen nada que ofrecer, que non son quen de defender a súa xestión e que, ademais, en frente hai unha alternativa. Vimos a un candidato que estivo dúas horas debatendo sen presentar un balance, sen ser quen de poñer medidas sobre a mesa. E, ao frente, tiña unha candidata do BNG que o que deixou claro, o que tentei deixar claro, é cal era o balance do Partido Popular que ademais é irrefutable porque son os seus propios actos oficiais. Son 15 anos dunha Galiza que vai a menos, que vai a peor e que ademais nós temos un proxecto para poder levantar este país para defender a sanidade pública, a educación pública, para defender a igualdade das mulleres, para darlle futuro a xente moza, para apostar por un novo modelo de coidados, para poñer a enerxía ao servizo da sociedade e para acabar con este espolio eólico. Penso que aí se simplificou o que realmente o Partido Popular é: un proxecto esgotado, sen ideas, que non ten nada que ofrecerlle aos galegos e ás galegas. A estas alturas, imaxino que o PP xa ten activado o botón de pánico.
“Feijóo concibiu as eleccións galegas como unha especie de premio de consolación polo seu fracaso na Moncloa. Galiza non pode ser o premio de consolación de ninguén”
Nun potencial Goberno bipartito mudarían as posicións coas que o formaron en 2005. Que cousas mudarían ademais da distribución das forzas?
Creo que temos que cambiar a gobernanza deste país. Galiza necesita un goberno que se poña a traballar desde o primeiro minuto para darlle un futuro mellor ás persoas. Un goberno que teña impulso, que queira defender a sanidade pública e, por iso, entre as primeiras medidas, vai estar o plan de rescate a Atención Primaria. Para que poñamos as bases que nos permitan acabar coas listas de espera, coa falta de pediatras e con esa sensación que teñen moitas persoas de que na sanidade pública non teñen a atención que necesitan. A segunda prioridade vai ser levantar a economía do país. Necesitamos ir a un novo modelo que sexa un modelo sostible, produtivo, onde apostemos pola ciencia e pola innovación e tamén reforzar todas as políticas que teñen que ver con darlle oportunidades á xente moza, por exemplo, facendo política de vivenda. Imos ter moito traballo porque é certo que o Partido Popular déixanos unha herdanza envelenada, pero nós tamén temos a ilusión e a confianza suficiente en Galiza como para saber que as cousas van ir a mellor se nós temos a oportunidade de gobernar.
Como explicaría a unha persoa de fóra de Galiza que unha persoa que votou a Alberto Núñez Feijóo no 2020 poda votar o domingo a Ana Pontón como din as enquisas?
Quizais nesta campaña e nestes últimos dous anos, o que moita xente viu é que o PP usa Galiza ao servizo dos seus intereses partidistas. Isto non lle gusta moita xente. De feito, nesta campaña creo que Feijóo concibiu as eleccións galegas como unha especie de premio de consolación polo seu fracaso na Moncloa. Galiza non pode ser o premio de consolación de ninguén. Moitos galegos e galegas, ademais teñen un sentimento de pertenza moi importante. Máis alá do que voten en cada elección, séntense galegos, queren defender este país, queren unha forza que o represente desde o orgullo no que somos. É certo que aí o Partido Popular ten votos e creo que moita desa xente vai coller a papeleta do BNG. Hai moitas formas de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para o cambio. Dá igual o que votaras noutras ocasións, toda a xente que quere unha Galiza mellor ten na do BNG a súa papeleta.
“O PP fala de Cataluña para non ter que falar das listas en Atención Primaria, de como triplicaron a débeda ou da emigración de 200.000 mozos e mozas”
Xusto nesa liña, logo do que se viu no debate e no resto da estratexia do PP durante as últimas semanas, cre que lle está a saír ben a españolización da campaña?
O Partido Popular quere falar de Cataluña porque así non falamos das listas de espera en Atención Primaria. Quere falar de ETA para que non falemos de como é posible que triplicaran a débeda pública mentres recortaban en sanidade e educación. Quere falar de Cataluña porque así non ten que responder ante a emigración de 200.000 mozos e mozas. No fondo o que están a trasladar é que a súa xestión é un desastre e por iso queren falar de calquera cousa menos de Galiza e estas eleccións van da vida dos galegos e galegas.
Que principais diferenzas teñen en comparación cos últimos 15 anos do Partido Popular a nivel estrutural? Cales son as prioridades?
Hai que pasar de estar no Goberno a ser Goberno. Galiza necesita un Goberno que faga algo máis que administrar recursos. Ten que ter un proxecto de país, ten que ter impulso, ten que ter capacidade. Un segundo gran cambio é ter un Goberno que trate a todo o mundo con equidade, onde se acaden os favoritismos, os sectarismos. Acabar con esa división das persoas entre as que che apoian e as que non. En terceiro lugar, outra outra das claves é que haxa un impulso desde o primeiro momento a acción do goberno, porque o país vai necesitar romper a inacción destes quince anos e por iso nós queremos superar esa visión de compartimentos estancos e como funciona a Xunta. Queremos apostar por crear dúas grandes áreas de coordinación que, por un lado, sexa o impulso a toda actividade económica, a creación de emprego, a modernización do noso tecido produtivo e o coidado do medio ambiente e, doutro, que coide os servizos públicos e o benestar das persoas.
“Hai que darlle transparencia á relación da Xunta coa financiación dos medios privados. Hai que obxectivizar os criterios de reparto e tratar por igual a todo o mundo”
Hai outra derivada nesas redes clientelares das que fala que son os medios de comunicación e o seu financiamento. Vai acabar o BNG co reparto arbitrario de diñeiro público a medios en base a intereses políticos?
Unha das cousas que nos xogamos o 18 de febreiro é a rexeneración da democracia. Vemos como a Xunta púxose ao servizo dos intereses dun partido dunha forma escandalosa. Tamén vemos como se está manipulando os medios públicos dun xeito nunca visto. Para min xa non existe a CRTVG, convertiuse en TelePP. É un secuestro dos medios públicos que ademais levan denunciando os seus traballadores e traballadoras nestos últimos cinco anos. Creo que este pode ser o último venres negro dos traballadores e das traballadoras porque nós vamos a devolverlle á televisión aos seus lexítimos propietarios que son galegos e as galegas.
Medios de comunicación
Medios de comunicación A Xunta do PP repartiu dous millóns a dedo a medios amigos unha semana despois de convocar eleccións
Iso cos públicos, pero eu faláballe dos privados.
Creo que tamén hai que darlle transparencia á relación cos medios privados. Hai que obxectivizar os criterios de reparto e tratar por igual a todo o mundo.
“Temos que desenvolver políticas que nos permitan que o galego gañe espazos dos que está excluído. Só o 1% das sentenzas está escrita en galego e un de cada tres estudantes non o domina”
Hai certas reminiscencias a 2009 por parte do PP coa conflitividade coa lingua galega. Cal é a folla de ruta do BNG para frear a perda de falantes e dereitos lingüísticos que constatan todos os indicadores?
É moi triste que teñamos a un presidente en contra do galego. Primeiro tivemos a Feijóo, que nos prohibiu as matemáticas e a física en galego, que tratou o galego como unha lingua de segunda e agora temos a Rueda, que ten unha foto que retrata á perfección cal é o seu trato para o idioma, cos sectores máis ultras en contra do galego e que, hai moi poucos meses, votaba en contra de que o galego se puidera empregar no Congreso. Isto é unha vergonza. Nós defendemos que gañemos igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de elección. Hoxe o cen por cen dos nenos e nenas que acaba o sistema educativo dominan o castelán. Porén, un de cada tres din que non dominan o galego, a nosa lingua propia. Temos que cambiar o modelo educativo para garantir esa igualdade no coñecemento e tamén temos que desenvolver políticas que nos permitan que o galego gañe espazos dos que agora mesmo está excluído. Só se emprega no 1% das sentenzas e temos un software que non permite o uso do galego na Administración de Xustiza. Temos unha discriminación evidente nos medios de comunicación e no mundo audiovisual no que temos que potenciar que o galego gañe espazos dos que foi excluído precisamente para traballar pola igualdade.
Aínda que xa comezou na campaña do 23 de xullo, como está a vivir a reconciliación con Anova e con Xosé Manuel Beiras?
Somos moitas as persoas que estamos contentas e pensamos que este é o momento de multiplicar. Deixar de lado o que pasou hai moito tempo e mirar cara ao futuro. Eu agradezo moito o que fixo Anova e as persoas que a dirixen. Sei que tiveron un papel moi importante tanto Xosé Manuel Beiras coma Martiño Noriega. Foi unha imaxe e un momento que a moita xente lle deu moita esperanza porque é outra forma de facer política. Non falamos de nomes nunha lista. Falamos de poñer por diante os intereses da xente. Iso a min paréceme que tamén ten un efecto mobilizador e multiplicador moi importante.
Partidos políticos
Política BNG e Anova escenifican o reencontro do nacionalismo galego para concentrar o voto nas eleccións á Xunta
Martiño Noriega explicaba durante aquel primeiro día onde se soubo publicamente da reconciliación que isto era o comezo dun camiño. Vai traballar o BNG para seguir agrupando esas forzas e ensanchar o espazo de base?
Se ves a traxectoria dos últimos oito anos e, se me permites, case é un empeño personal meu, vimos dicindo que un dos grandes retos que temos é ensanchar o BNG. Temos que chegar a máis xente. Temos que chegar a máis sectores e temos que aglutinar no BNG a todas as persoas que teñen a Galiza na cabeza e no corazón. Nese camiño imos seguir coa man tendida a todas as persoas que realmente queiran participar con nós desa estratexia que é a de poñer os intereses de Galiza por diante e defender, desde aquí, un futuro mellor para as maiorías sociais.
Cal cre que é a ferida máis grande que lle queda ao país logo destes 15 anos de gobernos de dereitas?
Deixan a ferida dunha crise demográfica que cada vez é maior. No pasado ano tivemos a cifra máis baixa de nacementos en Galiza desde que hai rexistros. Déixannos unha Galiza que ten os servizos públicos tocados cunha peor sanidade e un ensino público que sufriu moitos recortes. Déixannos unha ferida no noso corazón produtivo que temos que ser capaces de reverter.
Que Galiza imaxina despois do 18F?
Imaxino que o 18 de febreiro podemos facer historia e que imos facer historia. Imos facer historia todas as persoas que defendemos a sanidade pública, os servizos públicos fortes, unha vellez tranquila, o futuro para xente moza, o medio ambiente, a defensa do feminismo. Imos facer historia tamén para que o 18 de febreiro poidan entrar fora pola porta da Presidencia todas as mulleres deste país. Todas as que loitaron antes para que nós esteamos aquí, todas as que seguiremos loitando para ter unha Galiza de mulleres libres iguais e todas as que van vir despois. Estou segura.