We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Educación
A EMAO de Vigo perde prazas ao repetir o curso 19/20 en bloque
Ante a “pouca eficacia” das clases telemáticas durante o confinamento da que viñan queixándose os estudantes, a Escola Municipal de Artes e Oficios optou por repetir o curso. O centro tampouco responde á demanda da provincia de Pontevedra de ofertar unha escola oficial e pública de arte e deseño.
A Escola Municipal de Artes e Oficios, naceu no 1885 co obxectivo de facilitar a educación a mulleres e obreiros co difícil acceso á educación elemental. Agora, é un servizo de educación municipal non regrada xestionado polo Concello de Vigo. É dicir, ao cursalo, os seus alumnos non obteñen un título oficial. O próximo curso, ao redor de 700 alumnos da EMAO repetirán o ano 19/20 enteiro polos efectos da COVID-19.
O pasado curso 19/20 empezara con retraso, iniciándose no mes de xaneiro. Unha vez chegada a pandemia e os seus efectos, rematáronse as clases presenciais no mes de marzo. O alumno de moda e confección e serigrafía, David Amoedo, lamenta que “durante o confinamento a teledocencia baseouse en mirar un blogue da escola. Se as clases teñen deficiencias, foron moito a peor”.
Amoedo critica a xestión do profesorado, ben porque non se substitúen as baixas ou pola súa pasividade. “Só hai un docente por modalidade. A profesora de Moda colleu unha baixa por maternidade e ninguén a remplazou, dando por finalizado o curso. En outras materias houbo profesores que non fixeron nin unha entrada ao blogue”.
Ante a “pouca eficacia” da organización da Escola, o alumnado organizouse e recolleu firmas expoñendo as demandas sobre a docencia. Houbo alumnos que pediron a repetición do curso, con garantías. A EMAO optou por iso. Pero, en lugar de ofertar ao redor de 300 -que é o habitual na escola- convocaron 59 dos que rexeitaron repetir o curso. “A noticia debería ser que reducen prazas, se eles non presumiran eu non me queixaba”, lamenta Ana Alleres, quen pretendía comezar o seu curso de cerámica este mes de setembro. “As prazas xa van por sorteo, pensaba que este ano ía entrar e tampouco”.
“As prazas baixaron en todas as disciplinas para o seguinte curso”, sinala Alleres. Por decisión do Concello de Vigo, eliminouse tamén nos últimos anos a Lutería antiga, sendo o único centro galego onde se impartía. “Xubilouse o profesor e se parou de dar clase. É unha pena perder a nosa cultura por falta de investimento”, censura Amoedo.
Desde Marea de Vigo, Oriana Méndez falou de “desmantelamento” da EMAO. Aínda que o gabinete de prensa do Concello de Vigo non respondeu ás preguntas do Salto, Rafael Ojea, xestor do centro, argumenta na súa propia conta de Twitter que “Por primeira vez en 130 anos están a piques de consolidarse os postos de traballo do profesorado que conforma unha equipa moi profesional e implicada”. O profesorado pasou un proceso selectivo de emprego público desde o 2017, o que quere dicir que mentres non haxa oposición pública para a súa praza están coma indefinidos e non cesarán temporalmente.
Na provincia de Pontevedra existe unha clara demanda da existencia dunha unha escola oficial e pública de arte e deseño. É a única provincia galega que non a ten. O alumnado demanda a homologación da EMAO cara unha Escola Oficial e pública. Mais o Concello de Vigo non ten competencias de regulación do ensino ou de crear convenios -só do mantemento da escola- . Esa tarefa atañe á Xunta de Galicia.
É a Xunta de Galicia quen ten a competencia de crear unha formación regrada de Arte e Deseño na Provincia de Pontevedra
Rafael Ojea argumenta tamén no fío da rede social sobre a EMAO “Que hai e houbo problemas?... ¡Claro!: os propios dun Centro que ao longo da súa historia, e especialmente a partir dos anos 70, non daba atopado o seu carácter. Agora si o ten e así está recollido e aprobado no Plan PEMAO 2015”.
Nese mesmo plan, a EMAO defínese coma “un Centro municipal dependente do Concello de Vigo, de carácter educativo e socio-cultural, que ten como ocupación principal a formación non regrada de persoas adultas en materia de Artes e Oficios artísticos”. Así coma “unha escola que quere acadar a Excelencia Técnica: o rigor, a boa execución técnica, os bos acabados, a correcta elección de materiais” e a finalidade de “que os estudantes da EMAO poidan seguir crecendo e desenvolvéndose como artesáns/artistas, unha vez rematados o seus estudos na escola”.
“O Concello de Vigo podía loitar por ter unha insignia de ensinanza cultural e non de luces de nadal”, sinala o alumno David Amoedo
O alumno David Amoedo critica tamén a “falta de seriedade” nas probas da selección da EMAO. “Tendo a infraestructura e a Escola se poderían homologar unha serie de títulos, coma cerámica ou modelismo”, indica Amoedo e lamenta que “semella que non hai interese de promocionar a cultura e o arte dunha forma oficial nunha cidade coma Vigo, onde non temos o apoio dos organismos público”. Sinala que non é tanto un “desmantelamento” coma critica a política de En Marea senón que “O Concello podía loitar por ter unha insignia de ensinanza cultural e non de luces de Nadal”.