We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Desastres ambientales
Traballadores da empresa de marketing encargada de xestionar os pélets: “Levamos unha semana sen contrato”
Mentres a Xunta de Galiza de Alfonso Rueda trata de manobrar para defender a “legalidade” de encargar a unha empresa de marketing afín ao Partido Popular e non especializada na formación do voluntariado para a recollida de pélets, as persoas contratadas para tal fin alzaron a voz para denunciar a vulneración dos seus dereitos laborais. Así o fixeron saber algúns deles cando esta redacción se puxo en contacto con eles e elas, aínda que prefiren preservar o anonimato para previr potenciais reprimendas: “Empezamos a traballar o sábado 13, hoxe é venres 19 e aínda non temos contrato”, denuncia unha das persoas que leva desde o comezo do operativo de “56 informadores en 28 concellos” anunciado pola Xunta. Ademais, aproveitan para afondar nos detalles do traballo encargado e do papel “de dubidosa solvencia” da empresa como intermediaria coa Consellería de Política Social.
Desastres ambientales
Desastre na costa A Xunta encarga a unha empresa de márketing vinculada ao PP parte da limpeza dos pellets
“Fundamentalmente, o que fixemos foi autoorganizarnos. Da empresa só recibimos información telemática. Non coñecemos a ninguén en persoa”, denuncia unha das persoas coas que puido contactar O Salto e que exerce aínda hoxe de formadora no litoral do norte de Galiza. Grazas á documentación á que accedeu esta redacción vinculada ás altas na Seguridade Social, púidose constatar de novo, pero por outras vías, que foi unha das empresas do entramado Noventia Corporación Empresarial SL, da familia Roca, quen finalmente se encargou da tramitación das contratacións: Gestugal SL, outro dos brazos empresariais vinculados á empresa de mercadotecnia e comunicación Silman ' 97 SL que inicialmente se puxo en contacto con eles e elas, pero que pertence ás mesmas persoas, como revelou este diario. Noventia Corporacion Empresarial SL é propietaria tanto de Silman ' 97, quen contactou cos traballadores e xestionou as súas supostas preparacións; como de Gestugal, quen finalmente foi a sociedade que lles deu de alta na Seguridade Social.
Segundo denuncian as mesmas fontes dadas de alta na Seguridade Social por Gestugal SL, pero contactadas e informadas por Silman ' 97, tras a publicación desta exclusiva, desde a empresa limitan a información que comparten con traballadoras e traballadores até o extremo: “De feito, cambiaron de estratexia e vannos facer asinar un acordo de confidencialidade”. Ás preguntas sobre a solvencia da devandita corporación de empresas para formar a quen logo preparará ás persoas voluntarias o denominador común é un pequeno riso: “Déronnos un tríptico idéntico ao que a propia Xunta colga nos contedores que están na entrada das praias. É bastante rechamante”, denuncia outra das persoas cunha relación laboral con Gestugal SL.
🔴EXCLUSIVA | La Xunta encarga a una empresa de marketing vinculada al PP parte de la limpieza de los pellets 👇https://t.co/d5CYkiErIj
— El Salto (@ElSaltoDiario) January 17, 2024
🔎Una investigación de El Salto en base al hallazgo de audios de la empresa, al histórico de contratos de la Xunta y al relato de testigos,… pic.twitter.com/tLkbIrZALF
Ás preguntas dos traballadores sobre os prazos para entregarlles os contratos que, denuncian, aínda non viron, a resposta é silencio e “escusas” sobre atrasos “inexplicables”. Case unha semana despois da posta en contacto do Salto coa Xunta de Galiza e coa empresa encargada da formación do voluntariado, nin uns nin outros responderon ás preguntas referidas á contía total do contrato, a pesar de que a licitación xa debería estar publicada no Portal de Transparencia; nin ás que abordan os criterios técnicos que levaron á consellería a facer esta contratación sen concurso previo; nin tampouco a experiencia previa que acredita á empresa para este traballo. Polo de agora, persiste o silencio.
Soamente foi quen de rompelo o presidente da Xunta de Galiza e candidato do Partido Popular ás eleccións galegas Alfonso Rueda para defender na tarde do xoves a solvencia do encargo do seu Goberno a unha empresa de marketing para formar aos centos de voluntarios. “Todas as contratacións a Xunta faias dentro da máis estrita legalidade”, dixo tras as preguntas dos xornalistas na rolda de prensa do Consello logo da información publicada este mércores.
O presidente galego, posto a dedo por Alberto Núñez Feijóo tras a súa marcha a Madrid, tratou de regatear as preguntas dos xornalistas con pouca fortuna tentando describir o traballo destes “informadores” que, segundo o seu testemuño, dedícanse “a orientar aos voluntarios”: “Eu pido un respecto. Xa sei o que están a dicir os partidos da oposición. Que levantan bulos e non lle piden ao Goberno que faga o seu traballo. Primeiro van contra o sector do mar e agora xa contra os traballadores”, denunciou.
A afinidade da empresa cos gobernos do PP
A historia de vinculación da empresa Noventia Corporación Empresarial (Silman ' 97 e Gestugal) conseguindo adxudicacións millonarias por parte de institucións gobernadas polo Partido Popular vén de longo. Aínda que varios indicios apuntan á existencia de lazos persoais desde tempos do primeiro presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular, é polo menos desde 2009, ano no que Alberto Núñez Feijóo gañou as súas primeiras eleccións, o momento no que se atopa o primeiro rexistro de libre acceso no portal de transparencia da Xunta de Galiza.
Desde entón, soamente esta parte da empresa matriz recibiu polo menos 13 millóns de euros en contratos con obxectos extremadamente heteroxéneos. Desde ofrecer servizos sociais e asistenciais no medio rural mediante unidades móbiles, até a xestión integral da Escola Infantil do Concello de Castro de Rei, gobernado tamén polo Partido Popular. Esas dúas licitacións, xuntas, rozan o dez millóns de euros e malia sacalas a concurso público, esta empresa, definida a si mesma como especializada en marketing, foi a única que se presentou e conseguiu ambas as adxudicacións, ademais doutra media ducia, esta vez si, centradas en campañas de comunicación de organismos públicos.