We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Coronavirus
Escola Unitaria: “Ata á propia policía lle deu certa vergoña vir a casa”
“Había que dicir nas proxeccións”, sinala Fernando Lema, creador das mensaxes xunto a María Von Touceda. Nos últimos días, tiveron polémica cun xornal local e incluso chegou unha visita das forzas de seguridade. “Se o que molesta é a mensaxe, é coma se enfurece que me tire un peido”, defende.
Escola Unitaria é un espazo adicado á formación en Santiago de Compostela. Coas súas tres opcións formativas —anual, trimestral e de fin de semana— adoitan ensinar desde ioga e pilates ata creacións audiovisuais, fotografía ou software. Durante as últimas semanas do confinamento provocado pola covid19, volvéronse virais a través das súas proxeccións nun edificio na rúa de Concheiros.
“Había cousas que dicir”, sinala Fernando Lema, gráfico creador das proxeccións xunto a María Von Touceda. Poderíase dicir que teñen unha visión contrahexemónica do discurso dos grandes medios, “sempre hai que poñer o contrapunto. Intentámolo facer de xeito de que cada un saca as propias conclusións”. “As frases facémolas entre os dous. Buscamos dar visibilidade aos colectivos, coma o trans ou aos nenos autistas”, subliña Lema.
As súas mensaxes cargadas de retranca tiveron moito éxito nas redes sociais e “a acollida no barrio foi fabulosa”, manifesta Fernando Lema. “Vemos que a xente está case pendente da proxección de cada día para botar unhas risas”, asegura.
Se o que molesta é a mensaxe, é coma se enfurece que me tire un peido”
Con todo, as proxeccións non estiveron exentas de polémica. El Correo Gallego, xornal local da cidade compostelana, publicou un artigo no que defendían que os veciños do barrio estaban “fartos dos soeces mensaxes dun ‘graciosillo’”.
Sobre isto, Fernando manifesta que non sabe que veciño pode ser, pero que “fago un chamamento a que se molesto coa luz das proxeccións, que mo diga e eu corríxoo sen problema. Se o que molesta é a mensaxe e coma se enfurece que me tire un peido”, explica.
Temos colegas xornalistas que traballaron alí e contan como El Correo Gallego non lles pagou durante varios meses”
Este xornal estivo envolto por problemáticas cos seus traballadores por non pagarlles os salarios. “Santiago é pequeno. Temos colegas xornalistas que traballaron alí e sempre nos contaban como non lles pagaron durante varios meses”, defende Lema. Ademais, “non hai denuncia, senón unha suposta queixa directa ao diario. Sorprende que ese tipo de noticias de opinión do correo as firma “redacción” e nin sequera contactaron connosco”.
A problemática chegou a tal punto que ata a policía foi ata a súa casa. “Abrín a porta e vexo ao policía coa pistola polo protocolo de «a ver se vai ser un violento» e eu ao velo trago saliba coa escena”, relata. Despois, “todos nos tranquilizamos e ata penso que a eles mesmos lles daba certa vergoña vir. Ata eles mesmos recoñeceron que lles chegaron as frases polas súas redes”. De todas formas, eles contestaron ao xornal a base de proxeccións.
“Esperemos que as redes solidarias que se tecen nestes días non se desfagan no futuro”
Sexa como for, a Escola Unitaria é unha mostra de solidariedade coa comunidade veciñal, no sentido de buscar unha distracción momentánea. “Son importantes todas as redes solidarias que se tecen nestes días. Esperemos que sexan difíciles de desfacer”, proclama Lema.
Unha das súas mensaxes máis difundidas foi unha referente ás doazóns de Amancio Ortega á sanidade pública. “Amancio Ortega me regaló un mechero, pero me robó los porros”, proxectaron. “A frase de María ilustra perfectamente o que quere facer este señor, que che dá algo, pero logo por detrás quítache máis. Hai un calculador co que ti podes ver, segundo o teu patrimonio, canto debes doar en comparación porcentual co que fai él”.
HOUBO PROXECCIÓNS A MODO DE SOLIDARIEDADE
Ante toda a polémica xurdida, apareceron mostras de solidariedade en Santiago de Compostela. No barrio de Galeras, houbo unha proxección co lema “Unitaria, estamos con vós”. “Fixémolo a modo de apoio polo chamamento que eles fixeran en redes”, sinala a veciña creadora desta proxección.“Volverémolo a facer se fai falta. As proxeccións non fan dano a ninguén”, asegura a mesma veciña e alega que nestes días é a forma que temos de crear comunidade e defendernos unhas ás outras. “O do Correo e a policía non nos sorprendeu demasiado. A liña editorial deste xornal tira moito deste tipo de noticias especulativas”, conclúe.