We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Contaminación
A Xunta ocultou a información da vertedura de microplásticos durante días a institucións e o sector pesqueiro
A Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, ocultou durante días e nalgúns casos durante semanas, toda a información que tiña sobre a vertedura de millóns de microplásticos fronte á costa portuguesa e a súa potencial afección ao litoral galego nas Rías Baixas. Foi a propia Consellería do Mar quen involuntariamente recoñeceu todo nun conciso comunicado onde recoñece que o Ministerio de Transportes facilitoulle a información de que un buque, o Toconao, con bandeira de Liberia e proveniente de Alxeciras (Cádiz) perdera parte da súa carga fronte á costa de Viana de Castelo, na costa de Portugal o día 8 de decembro. Con todo, alcaldes e alcaldesas do litoral afectado nas rías de Muros e Noia e Arousa non tiveron ningunha información oficial polo menos até o 13 de decembro. E iso no mellor dos casos.
Contaminación
Contaminación A vertedura dun barco no Atlántico enche a ría de Muros e Noia con millóns de microplásticos
Hai a quen aínda non lle chegou nin unha carta en máis dun mes. É o caso da alcaldesa de Muros (A Coruña), María Lago Lestón, un dos concellos máis afectados, que explica ao Salto que aínda durante a mañá deste venres non recibira “nin unha comunicación oficial” por parte de ningunha das administracións responsables. Tampouco do Ministerio do ramo do Goberno de España: “Recibimos unha chamada estes días desde Costas para dicirnos que había constancia dun deses sacos de pellets e unha das nosas praias e que nos correspondía proceder á súa limpeza. Nada máis”, denuncia a alcaldesa do BNG, que critica que a Xunta “di estar a coordinar a situación, pero non fixeron nada en absoluto” que eles e elas visen.
Desde a Consellería do Mar, dirixida por Alfonso Villares, din estar a traballar na detección e seguimento da aparición destes materiais “para a súa posterior retirada ou limpeza por parte das administracións competentes”. Nesa liña, Gardacostas de Galiza tamén di manter a vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materiais. Con todo, recoñecen que até o momento “non foron notificados avistamentos destes materiais no mar posto que, polas súas características non se atopan na superficie polo que non é posible a súa retirada por medios marítimos tendo que realizarse unha vez que estes plásticos chegan á costa”.
📺El vertido de un barco en el Atlántico inunda una ría gallega con millones de microplásticos
— El Salto (@ElSaltoDiario) January 4, 2024
Por @javierhrguez para @OSaltogz
👇https://t.co/DquVTz0gaV pic.twitter.com/lLqhztHG0h
“Que está a coordinar a limpeza é simplemente unha mentira”, denuncia Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, en cuxo termo municipal se atopa o Parque Natural de Corrubedo, unha das xoias ecosistémicas das costas galegas, zona afectada excesivamente polo afundimento do Prestige e en cuxos areais xa se reportaron a presenza destes microplásticos de non máis de cinco milímetros de diámetro utilizados en procesos industriais para a fabricación de todo tipo de útiles de usos profesionais e cotiáns. “Nós si recibimos unha carta, concisa, o día 13 avisándonos de que houbera esa perda de carga, pero nada máis. Nin do potencial dano ambiental que carrexaba nin nada. Simplemente que nos correspondía a nós limpalo e que pasásemos a factura para imputarlla ao seguro da naviera responsable”, lamenta. “Nin unha reunión entre os alcaldes da comarca sequera”, engade.
Salvando as distancias, non só o dano ambiental lembra á catástrofe do Prestige de hai agora 21 anos, o que máis se parece, explica o propio Barral é a vontade de “ocultación” por parte da Administración que hoxe dirixe Alfonso Rueda, presidente non electo que Alberto Núñez Feijóo colocou a dedo tras a súa marcha á política estatal. De feito, explica o alcalde de Ribeira, teñen a sensación “de que estaban esperan a ver que era o que pasaba e como de grave podería ser o tema”. De feito, nas escasas comunicacións que emitiu a Xunta -tras dous días de mails e chamadas non responderon nin unha soa das preguntas desta redacción- céntranse en sinalar as responsabilidades á hora da limpeza: “Trasladouse xa aos municipios das zonas afectadas a máxima colaboración, facilitando o protocolo co que actuar e recoller toda a información dos traballos e custos asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa”, algo que os alcaldes consultados polo Salto negan rotundamente.
E hai máis varridas cara fóra e a intención de non danar a reputación da naviera, presuntamente Maersk, nin da empresa Bedeko Europe, fabricante deses pellets: “Nese sentido convén sinalar que Lei de Responsabilidade Ambiental sinala o deber do responsable dunha vertedura de facerse cargo das medidas de prevención, evitación e reparación. Desde a empresa xa foi trasladada a súa vontade de colaborar coas administracións con medios técnicos e económicos para atallar a situación”.
Pescadores e mariscadoras tampouco recibiron comunicación algunha
O impacto na vida mariña e nos ecosistemas do litoral fixo saltar as alarmas non só nos colectivos ecoloxistas galegos, senón en todas as confrarías de pesca que faenan nas rías afectadas, xa que estes diminutos fragmentos son facilmente confundidos pola fauna mariña con alimentos, o que pode resultar en danos internos e a acumulación de toxinas nos seus sistemas. Ademais, a contaminación da cadea alimentaria xorde como unha consecuencia directa da inxestión destes microplásticos por parte da vida mariña. Este fenómeno expón un risco potencial para a saúde humana, especialmente cando os produtos mariños contaminados son consumidos, especialmente en zonas marisqueiras como a ría de Muros e Noia. “E ao final acabarémonolos comendo nós se non fan nada”, denuncia Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.
“Temos as verteduras da mina de San Finx, os baleirados dos encoros do Tambre e agora isto. Se a Xunta non toma cartas no asunto, vannos a deixar sen futuro”, denuncia o patrón maior de Noia, máximo representante de pescadores e mariscadoras da zona máis afectada. Ás preguntas do Salto, Cruz recoñece que, tras un mes desde o coñecemento por parte do Estado español e a Xunta de Galiza da vertedura e as súas potenciais afeccións ao litoral galega, a día de hoxe non recibiron “nin unha carta nin unha chamada nin nada” por parte das Administracións. É, de feito, a tónica xeral. Foron as veciñas e os veciños os que, desde un primeiro momento, estiveron traballando para limpar as praias e mesmo facer un mapeo das principais aparicións, canalizadas estes días a través da plataforma Noia Limpa.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), unha das principais organizacións ambientalistas do país, instou este mesmo xoves á Xunta e á demarcación de Costas de Galiza a activar urxentemente o Plan de Continxencia por contaminación mariña accidental pola aparición de millóns destes microplásticos. A pesar de que a primeira alerta pública sobre a aparición destes residuos no litoral galego produciuse o pasado 13 de decembro, “até o momento nin a Xunta nin Costas están a facer nada para controlar o impacto desta vertedura, detectar os puntos de contaminación ou proceder á eliminación de microplásticos”, denuncian. “Estes residuos, de non ser retirados das praias, poderían acabar pasando a formar parte da nosa cadea trófica ou alimentaria, inxeridos pola fauna mariña, ademais de supor un novo ataque contaminante ao noso litoral e a toda a biodiversidade costeira. Lonxe de solucionar o problema, con cada marea, seguen chegando máis microplásticos ás nosas costas e xa hai avisos da súa chegada a praias de Lugo e mesmo de Asturias e Cantabria”, denuncian desde Adega.