We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Arte urbano
Entre o graffiti e a 'street art'
A street art está collendo gran forza sobre as fachadas dos edificios das rúas de Vigo. A cidade sempre estivo chea de grafiteiras e grafiteiros mais cunha concepción do mural que se movía, e aínda se move, entre o vandálico e o artístico.
Hai quen defende que ambas as dúas concepcións do muralismo ou da pintada son o mesmo, que a street art é unha evolución do graffiti ou que son incomparables. O caso é que actualmente, na cidade de Vigo, a arte de rúa e a ampla cantidade de murais subvencionados polo Concello xeran un intenso debate entre os practicantes de ambas as especialidades.
O graffiti nace a finais dos anos sesenta coma un movemento de protesta e vandalismo social. Posúe un amplo contido cultural, tanto na súa carga política —nas orixes— coma nos procesos sociais que conduciron á creación dos colectivos e das pandillas. A día de hoxe perdeu parte dese compromiso coa protesta social e percíbese como unha práctica máis enfocada cara ao individualismo e o crecemento do ego do graffiteiro: pintan pezas nas que o elemento máis importante é o seu alcume ou sinatura nos diferentes spots das cidades para “marcar” a zona. O sector considerado como máis “conservador” sostén que o graffiti non pode ser institucionalizado, xa que ten que ser vandálico per se e non debe ser imprescindiblemente artístico. Están totalmente en contra das obras subvencionadas polo Concello e consideran que, mentres o Concello “lávase a cara” financiando murais nas fachadas dos edificios, os e as graffiteiras sofren grandes multas que consideradan excesivas por pintar na rúa.
A adrenalina como impulso para pintar
Hai diferentes estudos sociolóxicos e psicolóxicos que tentan explicar as razóns polas que a xente se reúne para pintar. Nós falamos cos alias vigueses Lupita Hard, Ofen e Royer e todos sosteñen que o impulso que os leva a pintar é a busca da adrenalina do momento. Ofen, que tamén ten pezas por Barcelona, sinala que “ese momento pintando un muro ou un tren no medio da noite, atento a que ninguén te vexa, de que non te pille a policía, deixando una ‘pegada’ túa é algo ‘especial’”.Para construír a filosofía que fundamenta o contido das diferentes pezas, existen diferentes motivacións. Lupita Hard, graffiteira comprometida co movemento feminista pinta “todo aquilo relacionado cos tabús da sexualidade feminina”, a ela resúltalle “interesante o feito de descontextualizar algo tan íntimo e facelo público na rúa”. “Coma unha cona”, exemplifica. A isto engádese que "guste ou non, vai chocar".
Royer, integrante do mesmo colectivo de graffiteiros que Lupita, sinala que o que o leva a coller os sprais é “foderlle o spot guapo ao graffiteiro de turno e que as pezas sexan vacilonas”. En canto ao seu colectivo, Lupita apunta que, cando saen a rúa, “ás veces realizamos bosquexos previos onde abundan a abstracción e as gamas de cores reducidas e, outras veces, simplemente fan o que xorde nese momento”. Ofen, máis espontáneo, asegura que a filosofía que o empuxa a pintar é “o que che pida o corpo, o que che saia, tanto un debuxo ou unha peza son algo feito por ti ao 100% e ese muro ou tren son un folio en branco”. De todos os xeitos, os tres —aínda que entenden a postura conservadora— teñen unha mentalidade aberta coa street art. “Imaxínaste traballando e gañando cartos con algo que che encanta facer? O graffiti tal e como o coñecín é pintar a morte por onde unha vaia. Que hai mellor que o recoñecemento e a satisfacción persoal?”, sinala Ofen. Lupita destaca que “todos temos que comer, pagar un alugueiro e sobrevivir. Eu intento non perder a esencia”. Royer, o máis crítico, replica aos conservadores: “Deixa de coller rabietas por alguén que se busca as fabas e céntrate en que as túas pezas deixen de ser unha merda”. Consideran coma “boa” a iniciativa do Concello, mais piden un maior recoñecemento aos artistas da cidade, e que conten con estes para os murais. “Hai moito potencial en Vigo que non se ten en conta”, sinala Ofen.
Desde a banda da 'street art'
Considérase en liñas xerais que a street art ten unha finalidade máis estética que o graffiti, e que usa máis técnicas que este. Nesta modalidade atopamos o mural, o esténcil ou o cartel. Para termos en conta a posición dos que participan da elaboración de murais financiados polo Concello na cidade de Vigo, falamos co artista alicantino Antonyo Marest —Antonio Martínez Estevan—. A súa é unha temática abstracta e tropical, considerado como abstracción pop con influencias desde a Art Deco ata a estética da década dos oitenta. En Vigo salienta a súa obra dos pelícanos no Castro. Ten tamén murais en Madrid, Barcelona, Marrocos ou Romanía. “Desfruto de non ter un xefe nin unhas obrigas diarias cara a alguén, senón cara a min mesmo”, subliña sobre o seu traballo e engade: “Amo o que fago”. No que se refire á súa motivación para realizar os murais destaca coma chave “facelos coma se fosen para colgalos na miña casa, sentir o detalle e desfrutar da limpeza dos mesmos”. Polo que ten que ver coa iniciativa do Concello –no seu caso– considéraa boa pola remuneración, a incorporación de artistas internacionais e a calidade dos materiais que brindan. Os temas das obras de Vigo non deben envolver a atmosfera e a estética da cidade, senón que, como indica Antonyo, neste caso “é o artista o que manda”.Unha reflexión sobre o graffiti
En canto escoitamos a opinión que ten a xente allea do graffiti sobre este, non faltan as críticas que ten a xente allea do graffiti sobre este, sempre escoitamos criticas contra o vandalismo ligado a esta forma de expresión. Moitas destas acusacións débense aos “taqueos” que algúns fan en propiedades privadas ou no mobiliario urbano. Sobre isto Royer comenta que “o graffiti sempre foi, é e será vandálico por natureza”. Iso si, matiza que “persoalmente, dentro disto, intento pintar sempre superficies que supoñan a menor faltada”. Ofen apunta unha posible solución ao problema e comenta as medidas doutros países nos que os municipios “deixan muros libres para que a xente pinte sen ningún problema”. Desde o outro lado Antonyo subliña que “lle chaman graffiti a calquera cousa”. Por outra banda, Lupita Hard comenta que ela prefire “ver unha parede chea de firmas que de carteis de publicidade” e engade: “Esteticamente, gústame ver todo rebentado”. En canto ao suposto narcisismo que se achaca á figura do graffiteiro ela sostén que “realmente non deixa de ser un ‘eu existo’. Véxoo coma unha postura errónea”.Posiciónase tamén na cuestión de xénero. En canto á que o graffiteiro sexa percibido sempre coma home, sostén que debería haber máis presenza feminina, mais que, ao mesmo tempo entende o posible medo entre as rapazas e argumenta: “Un dos motivos polos que se pode dar isto é polo feito de ir pintar a altas horas da noite, saír ti soa…”. Ela mesma engade que “algunha vez tiven medo, incluso cheguei a pensar: prefiro que me pille a policía pintando a que un tipo me siga, me grite cousas ou que se baixe do coche para achegarse a min”.
Relacionadas
Arte urbano
Comunidad de Madrid Borran parte de un mural de apoyo a Palestina en Collado Villalba
Grafiti
Muralismo Arte urbano no rural: os muros da Ribeira Sacra que falan sobre aqueles cos que non podemos falar
Activismos
ACTIVISMOS Muralismo: la apropiación artística del espacio público
Gran graffiteira a Lupita, gosto dos seus tremendos piezons Wild style
Interesante, obrigado pola achega. Só unha cousa, este parágrafo non se entende: "En canto ao suposto narcisismo que se achaca á figura do graffiteiro ela sostén que “realmente non deixa de ser un ‘eu existo’. Véxoo coma unha postura errónea”." Quere dicir que si é narcisista? Que é errado ver tal coma narcisismo ou que o taqueo é narcisismo e, de tal forma, un erro?. Tampouco entendo que Lupita Hard (e mais) insistan no falso dilema de "ou taqueo porcallán e infantiloide (e si, narcisista) ou publicidade obscena". Pois non: muralismo onde gostemos, paredes limpas onde queiramos, non?