Enaltecimiento del terrorismo
Rap e censura? O caso de La Insurgencia
O pasado 4 de decembro de 2017 a Audiencia Nacional condenou, por enaltecemento do terrorismo, a 12 integrantes do colectivo musical La Insurgencia a dous anos e un día de prisión, 4800 euros de multa e oito anos e un día de inhabilitación.

Vén sendo habitual ler na prensa escrita, nese xénero xornalístico tan de aquí como é a columna de opinión, queixas sobre unha suposta ditadura do politicamente correcto que, de xeito fundamental, estaría a afectar ao mundo da cultura. Non é estraño ouvir falar dun suposto lobby LGTBI ou feminista sempre disposto a exercer o boicot contra multitude de obras literarias, musicais ou cinematográficas. No momento no que algún colectivo ou movemento social decide amosar publicamente a súa discrepancia contra “obras” que consideran que agriden minorías ou identidades non hexemónicas, xorde o debate sobre a censura. Aparece entón unha lexión de tertulianos e columnistas que nos advirten da chegada dun novo tipo de comité de censura feminista, gai ou antirracista, dependendo do caso, que sempre é quen de lle atopar tres pés ao gato.
DITADURA DO POLITICAMENTE CORRECTO?
Curioso este debate no Estado español, cando poucas probas existen de que a tal ditadura do “politicamente correcto” exista. Abonde citar só algúns exemplos para que a memoria de cadaquén vaia reconstruíndo cara a atrás a historia da persecución política realmente existente do “delinquir con palabras” por parte do poder establecido. Algúns dos casos que podemos citar: Valtonyc, rapeiro condenado pola Audiencia Nacional a tres anos e medio de cárcere por “inxurias á coroa e enaltecemento do terrorismo”; César Strawberry, condenado a un ano de cárcere polo Tribunal Supremo tamén por “enaltecemento do terrorismo”; os rapeiros Ayax e Prok, procesados por inxurias á Policía; Pablo Hasel, outro rapeiro, condenado a dous anos de prisión pola Audiencia Nacional por “enaltecemento do terrorismo” nas súas letras e con máis causas abertas polo mesmo tema; o procesamento de Títeres desde Abajo polo mesmo delito; a querela presentada por unha asociación de avogados católicos contra o artista Abel Azcona por “profanación” ou mesmo a denuncia, inicialmente tramitada, contra o concelleiro de cultura da Coruña por un suposto delito contra “os sentimentos relixiosos” por un cartaz do entroido. Estes exemplos son só unha mostra de que sector ideolóxico ou político está a soportar nos últimos anos unha “persecución cultural” na súa contra. Non se trata de boicots, senón de procesos xudiciais. E ante isto a lexión de tertulianos e columnistas, na súa inmensa maioría, fica calada.MASIVIDADE DA ESTRUTURA ANTITERRORISTA
“Nada do que está a pasar neste sentido no Estado español é homologábel ou se asemella ao que pasa en calquer outro país da Unión Europea, entre outras cousas pola masividade con que opera aquí a estrutura antiterrorista”, comenta José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal na Universidade da Coruña. “A persecución do delinquir con palabras é algo que vén do réxime franquista e que non foi revisado unha vez que este rematou”, continúa.
Uns dos últimos obxectivos da “masividade” do operativo antiterrorista do Estado parecen ser os rapeiros. “O rap é un xénero musical que favorece o faino ti mesmo. No noso caso somos rapaces aos que a actual situación social —recortes en sanidade e educación, por exemplo— nos empuxou a facer cousas e a denunciar esta situación”. Quen así fala é Paco —‘Komu’ cando mistura—, estudante de Formación Profesional de 22 anos, vigués, e un dos doce integrantes de La Insurgencia xulgados no mes de Novembro de 2017 na Audiencia Nacional. Finalmente cada un deles foi condenado a dous anos e un día de prisión, oito anos e un día de inhabilitación para exercer cargo público e 4.800 euros de multa. Falamos con el cando ainda estaba á espera de sentenza “con ánimos porque eu e os demais sabemos que isto non é máis que un ataque á liberdade de expresión”.
José Ángel Brandariz contesta ao teléfono desde Chile, onde, no momento que se realizou esta reportaxe, asistía a un congreso académico. “Existe unha anomalía no Estado español en como se están a entender os delitos de odio. Estes tipos delitivos están pensados para defender de agresións ou actitudes inxuriosas a sectores minorizados, ou grupos non hexemónicos que precisan especial protección. En ningún outro país da Unión Europea está a haber condenas por este motivo contra persoas por atacar verbalmente ou insultar a institucións ou representantes do Estado, como si é o caso en España”.
Abonde lembrar dúas denuncias recentes por supostos delitos de odio contra, ollo, as forzas de seguridade do Estado: unha contra a revista satírica El Jueves por un chiste sobre as reservas de cocaína en Catalunya e a presenza policial e outra, impulsada pola Fiscalía Xeral do Estado, contra quen se manifestou fronte aos hoteis nos que se aloxaba a Policía e a Garda Civil en Calella e Pineda del Mar.
“Nestes momentos estanse a tramitar máis de 1.000 delitos relacionados co terrorismo, moitos máis que noutros países do noso círculo, cando este non é un problema que nos afecte máis a nós nestes momentos”, afirma Brandariz.
A denuncia da Fiscalía contra os doce membros de La Insurgencia por enaltecemento do terrorismo entende que son delito determinados versos das súas cancións. “Están a perseguir un tipo de pensamento, o que non queren é que digamos certas cousas”, comenta Paco. “En La Insurgencia non todos facemos o mesmo, axudámonos os uns aos outros, uns rapeaban, outros facían os vídeoclips… No meu caso eu facía as misturas porque son técnico de son”, continúa. “Está claro que non se perseguen do mesmo xeito as mensaxes machistas, por exemplo. É obvio que para unha parte da sociedade —esa que non está de acordo co actual estado das cousas e que quere o cambio social— non existe liberdade de expresión neste momento. Non só pasa no rap, tamén se percibe o mesmo no control das redes sociais ou na represión a determinadas mobilizacións sociais”, conclúe.
Segundo a información recollida na edición dixital deste medio, a Fiscalía da Audiencia Nacional chegou a comparar aos membros deste colectivo con xihadistas afirmando que “os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira na que a explotación dos oprimidos merece unha loita armada contra determinados colectivos”.
A XUSTIZA COMO FÁBRICA
“No caso da Audiencia Nacional non acredito en teorías da conspiración senón que penso que estamos ante unha inercia administrativa”, argumenta Brandariz, quen lembra que “o Estado español construíu a maior maquinaria antiterrorista de Europa”. Neste sentido, afirma que nestes momentos “podemos falar dun modelo produtivista de xustiza, case de fabricación ou de traballo en serie, relativamente sinxelo —barato e produtivo— de funcionar. Só son necesarias unidades policiais que se adican á persecución do delito pola internet —e nin sequera falamos de cuestión complexa neste ámbito como a rede profunda ou outro determinado tipo de delitos— que consiste no seguimento de determinadas contas de twitter, youtube ou outras redes sociais públicas. E todo isto faise aplicando a lóxica do todo vale contra o terrorismo”. Ante toda esta maquinaria, este profesor de Dereito Penal, afirma que temos unha sociedade que “se foi acostumando” e, como as penas que se piden nalgúns casos non supoñen un ingreso inmediato en prisión, non existe unha alerta social suficiente.Pese a esta certa apatía social, Paco si que agradece as distintas mostras de solidariedade que recibiron “desde o barrio de Coia, da Oficina de Dereitos Sociais, até da xente que os acolleu en Madrid, non me quero esquecer de ninguén e por iso non cito a todo o mundo. Estamos contentos coas mostras de apoio que recibimos.”
O PROBLEMA NON É O RAP
Paco, integrante de La insurgencia, ten claro que neste caso o “problema non é que sexa rap ou non, perseguen as mensaxes que non lles interesan. Ainda que obviamente lles importe a capacidade de influencia que se teña, o número de visitas en youtube por exemplo”.“Como sociedade temos que ter un debate de se nos podemos realmente permitir ter toda esta maquinaria funcionando adicada a perseguir estes tipos de delitos relacionados coa expresión de determinadas ideas” conclúe Brandariz. “É un debate pendente que temos desde o final do franquismo”. E, para rematar, apunta que “no Estado español sempre foi delito defender ou amparar publicamente calquera tipo de actividade delitiva. Pese a isto non sempre se actuou como se está a actuar agora. A insubmisión ao servizo militar era un delito, mais nesa época non se procesou a ninguén por defendela publicamente con palabras”.
Relacionadas
Cristóbal Montoro
Corrupción
Varios ayuntamientos perdieron más de diez millones de euros en impuestos locales por el Caso Montoro
Gobierno de coalición
El Gobierno aprueba un proyecto de ley de secretos oficiales con plazos de clasificación de hasta 60 años
Granada
Giro inesperado en el caso Juana Rivas: Daniel se queda con su madre hasta el viernes
Murcia
Murcia muestra su rechazo a las cacerías racistas en Torre Pacheco con una gran manifestación
Opinión
Puertas giratorias, saqueo del Estado y la culpabilización cínica al ciudadano
Catalunya
Catalunya
‘Esas Latinas’, la defensa del catalán y de las personas migrantes
València
Excluyen a una activista de la amnistía porque su caso sucedió en València
Madrid
Interrumpen el Pleno del Ayuntamiento de Madrid para denunciar acoso inmobiliario
Energía
Podemos deja en manos del PP la aprobación del ‘decreto antiapagones’ del Gobierno
Últimas
El Salto n.79
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
Comunidad El Salto
El Salto estrena nueva página: una web como una casa
Palestina
Genocidio
Israel secuestra al doctor Marwan Al-Hams, responsable de los hospitales de campaña de Gaza
Crisis climática
¿Es posible el bienestar humano en un planeta finito? Sí, pero con “cambios extraordinarios”
Extremadura
¿Qué está pasando con el hidrógeno verde en Extremadura?
València
La presión vecinal frena 24 bajos turísticos ilegales en Patraix (València)
Racismo
Miles de personas por todo el Estado se concentran contra la ola racista de Torre Pacheco
Opinión
Entre neonazis y el momento posfascista
Galicia
Las embarazadas de Ourense exigen dar a luz con seguridad mientras la Xunta maniobra para trasladar el paritorio
Recomendadas
Sevilla
Salvar el Guadalquivir: Ecologistas y población se rebelan para evitar los vertidos de las minas de Sevilla
Museos
Pablo Martínez
“No se puede descolonizar los museos de uno en uno, hay que hacerlo en conjunto”
Crisis climática
Friederike Otto
“La industria fósil tiene un lobby; los trabajadores que mueren bajo el sol no”
Memoria histórica
Tantos muertos que nos faltan
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!